Chamado á unidade comunista en torno a un programa revolucionario para a conquista do Estado Socialista.


1º Congreso do Partido Comunista do Pobo de Cataluña. 

Fortalecer o Partido Comunista, conquistar o Estado Socialista.

Barcelona, 20 e 21 de abril de 2013.

Inicio do periodo precongresual.

Ao conxunto de comunistas de Cataluña, con militancia e sen militancia, ao conxunto da clase obreira, aos cadros sindicais, á mocidade obreira.

O Partido Comunista do Pobo de Cataluña inicia o período de debate e discusión previo ao seu Primeiro Congreso chamando á unidade dos e das comunistas en torno ao Partido Comunista, que non pode ser outro que un partido de novo tipo, marxista-leninista e rexido polo centralismo democrático.

Non é unha chamada retórica, é unha oferta sincera, seria pero intransixente. Os e as comunistas cataláns temos unha rica historia, da que o PSUC de Joan Comorera é o máximo expoñente, un partido firme, armado ideoloxicamente e que exerceu a vangarda do proletariado catalán. Un Partido Comunista na primeira liña da loita contra o nazifascismo, en Cataluña, no Estado e na Europa ocupada polo nazismo, un Partido de poder e tamén un Partido de resistencia á clandestinidade.

O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá.


Os días 15 e 16 de decembro de 2012, en Moscova, levouse a cabo un seminario organizado polo Partido Comunista da Federación Rusa baixo o título: “O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá”. Neste seminario tomaron parte: o PC de Vietnam, o PC de Brasil, o PC de Grecia, o PC de India (marxista), o PC de China, o PC de Cuba, o PC Sudafricano, o PC de Ucraína, o PC Portugués, o PC da Federación Rusa, o PC de Bohemia e Moravia.

O KKE foi representado por Elisseos  Vagenas, membro do CC e responsábel da Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE, en cuxa intervención destacou o seguinte:

Non ha chegar só cunha FOLGA XERAL.



Por fin, tras dunha demora inescusábel, as direccións da centrais sindicais maioritarias convocaron a folga xeral, tan demandada pola clase obreira en todas as mobilizacións desenvolvidas desde hai meses en Galiza e no resto do estado español. A coincidencia cunha xornada de mobilización a nivel europeo e convocatorias de folga xeral en diversos países como Grecia, Italia ou Portugal e a propia e insostíbel situación económica e social no estado español, con despedimentos masivos e o incremento exponencial do desemprego ata cotas nunca habidas por efecto da reforma laboral, xunto a expansión xeneralizada da miseria e o agravamento das condicións de vida da poboación traballadora (rapina contra os salarios e falta de ingresos, escalada inflacionaria polo incremento do IVE, tarifas e prezos, supresión ou repagos de servizos sociais básicos, represión e conculcación de dereitos, desafiuzamentos, etc...), facía absolutamente ineludíbel a convocatoria.

Temos o pleno convencemento con anticipación do éxito asegurado desta folga xeral. Mais tamén entendemos que non ha chegar para vencer a determinación do goberno da dereita reaccionaria, que é a determinación da oligarquía española, o verdadeiro poder tras deste. Non ha chegar mentres a esta folga non lle sucedan outras, xerais e sectoriais, pero todas confluentes e continuadas no tempo. Mentres a folga xeral non teña un alcance político que vaia mais aló de pretender deter medidas antiobreiras e antipopulares, senón que hai que facer imposíbel o seu goberno, mentres non se plantexe o derrocamento polo medio da mobilización na rúa do goberno que leva adiante este programa contra o pobo traballador no nome do gran capital baixo as directrices da Unión Europea.

Programa electoral de COMUNISTAS DA GALIZA.


Obreiros e obreiras, traballadores e traballadoras, desempregados e desempregadas, comerciantes, estudantes, mulleres, inmigrantes:

Hai que combater a política criminal e bárbara do capital.

Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de destrución masiva dos dereitos básicos e condicións de vida do Pobo Galego Traballador. Condicións que aínda se verán agravadas pola máis que posíbel intervención da troika a través dun novo rescate que traerá aparellado novos e brutais recortes e que empobrecerán aínda máis ao pobo e privarán de dereitos á Clase Obreira e ás clases traballadoras.

Con preto de 300 mil parados e paradas en Galiza, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas por parte da banca e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao borde da indixencia a milleiros de galegos e galegas que aínda onte se chamaban a si mesmos “clase media”, privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos nosos maiores e dependentes a unha situación de desprotección absoluta e dramática que se “resolve” recruando a dobre explotación da muller traballadora nos ámbitos laboral e doméstico.

Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de reducir a Clase Obreira  a unhas condicións propias do século pasado e avanzar cara á escravitude pura e dura con xornadas laborais de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e pobreza. Ese é o futuro que promete o capitalismo.
 
Fronte a esta orde de cousas e ante a grave situación que estamos a padecer, as e os comunistas reafirmamos una vez máis que só mediante a loita e a organización será quen a Clase Obreira de responder á ofensiva desatada polas forzas do capital. Non existen alternativas de tipo electoral capaces de dar solucións inmediatas aos problemas que sofre o pobo traballador. Só a acción organizada, resolta e unitaria da propia Clase Obreira será quen de enfrontar as políticas bárbaras e criminais do capital e cuestionar a propia orde capitalista. O pobo coa Clase Obreira á fronte debe organizar a resistencia  a cumprir os ditados da oligarquía nas fábricas, nos centros de traballo e nas rúas; promover folgas parciais en cada empresa e sector; unificar todas as loitas baixo un programa transformador e revolucionario nunha Fronte única, preparar a Folga Xeral e organizar a presión e a mobilización xeral, continuada e sostida, para derrocar á oligarquía, o seu goberno e o seu poder. Este é o camiño polo que apostamos os comunistas e no cal, a loita electoral, é unha importante batalla pero non é a batalla única, nin a decisiva.

O capitalismo non se pode humanizar.

FORXA! presente nas eleccións galegas 2012.



O Colectivo Comunista Galego FORXA! vén de promover, xunto aos nosos camaradas da organización galega do PCPE, as candidaturas que polas circunscricións electorais de A Coruña e Pontevedra, concorren baixo a denominación unitaria de COMUNISTAS DA GALIZA.

Nestas candidaturas participan ducias de obreiros e obreiras, empregados e empregadas, traballadores e traballadoras de todos os sectores produtivos e dos servizos, do sector público e do privado, das cidades, vilas e o rural. Constitúen unha verdadeira candidatura obreira e popular, sen presenza de persoeiros, patróns e calquera caste de elementos alleos ao pobo traballador do noso País.

O programa, como resume o lema xeral de campaña,  “CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS! VOTA CLASE OBREIRA, VOTA COMUNISTA” é o que corresponde coa situación de crise xeral estrutural dun sistema capitalista en fase histórica terminal, e singularmente do bloque imperialista europeo e no seus elos do Estado Español e Galiza, e o que responde aos intereses inmediatos e xerais do proletariado e clases populares. As reivindicacións obreiras en materia de emprego, salarios, sanidade, educación, cultura, vivenda, etc., están vinculadas nun todo aos obxectivos estratéxicos da loita pola Revolución Socialista e o Poder Obreiro.

O sistema capitalista segue inmerso nunha crise de superprodución, incapaz de inverter a queda da taxa de ganancia, reactivar a actividade produtiva, e saír do círculo parasitario da especulación, hoxe centrada na débeda pública e na socialización da débeda privada do sector financeiro e non financeiro. Para reiniciar o proceso de acumulación e permitirse novos investimentos produtivos que lle procure a extracción de nova e suficiente plusvalía en relación ao capital investido, a burguesía monopolista precisa do pauperismo e a domesticación escravista da clase obreira, dunha brutal quita salarial, sexa directa, diferida ou indirecta (nóminas, pensións e servizos sociais, respectivamente), da liquidación de dereitos laborais, civís e mesmo políticos, da privatización do sector público entendida como feira de novos nichos de negocio para o gran capital privado, e a perspectiva do rearme e da guerra imperialista permanente como medio de destrución a gran escala de forzas produtivas e a saca e control de recursos e rexións xeográficas enteiras.

Do "eurocomunismo" ao oportunismo dos nosos días.

A MODO DE INTRODUCIÓN.

A reorganización teórica e ideolóxica do movemento comunista internacional, sobre unha base marxista-leninista sólida, esixe continuar profundando no estudo da construción socialista durante o século XX e analizar cientificamente as causas do triunfo da contrarrevolución capitalista na URSS e no resto de países socialistas europeos.

A restauración capitalista tivo causas internas e externas. Con todo, á hora de abordar estas últimas, as análises adoitan centrarse no estudo das diversas liñas de ataque ao socialismo postas en marcha polas potencias imperialistas no campo político, militar, económico, ideolóxico e psicolóxico.

Os factores externos foron determinantes e confirmaron que o enfrontamento entre o campo imperialista e o campo socialista era a expresión xenuína da loita de clases a escala internacional1. Con todo, débese profundar no estudo de tendencias como a eurocomunista que contribuíron a debilitar o poder socialista, actuando no seo do movemento obreiro e do movemento comunista internacional, e interactuaron moitas veces coas políticas oportunistas de partidos comunistas e obreiros que se atopaban no poder.

Os centros ideolóxicos imperialistas prestaron asistencia e difundiron amplamente as posicións eurocomunistas, fronte á liña que denominaban despectivamente <<ortodoxa>> ou <<prosoviética>>. O eurocomunismo, representado principalmente polos partidos de Italia, Francia e España, debe o seu nome ás axencias de prensa capitalistas que, con tal denominación, facían referencia ás organizacións que compartían a defensa dunha serie de puntos de vista:

  • A oposición á existencia dun movemento comunista internacional organizado, defendendo a tese do chamado <<policentrismo>> fronte á experiencia da Internacional Comunista (Komintern) e da Oficina de Información dos Partidos Comunistas e Obreiros (Kominform).
  • A negación da ditadura do proletariado, fronte á que defendían a <<pluralidade de vías cara ao socialismo>> e, especialmente, a vía parlamentaria, en colaboración coas forzas socialdemócratas e cristiás, asumindo o pluripartidismo e o marco democrático-burgués.
  • A substitución do internacionalismo proletario, que identificaban coa defensa incondicional da Unión Soviética e da liña política do PCUS, pola de solidariedade <<internacionalista>> ou <<novo internacionalismo>>.
  • A aceptación do marco da por entón Comunidade Económica Europea, baixo o chamamento a defender no seu seo os dereitos sociais e a participación dos traballadores no seu deseño.
  • A crítica constante e aberta á URSS e aos países socialistas, desde o ángulo dos dereitos humanos e as liberdades individuais na súa concepción burguesa.
  • A revisión e destrución do <<partido de novo tipo>> acuñado por Lenin, pois ao negar nun ou outro grado as tarefas revolucionarias de todo partido comunista foron negados igualmente os principios revolucionarios no relativo á súa organización e funcionamento.

25 DE XULLO, DÍA DA PATRIA GALEGA

O bloque imperialista europeo, inmerso de cheo na crise do sistema capitalista mundial, está a bater con virulencia atroz contra dos pobos traballadores do continente, nunha tentativa de reverter o colapso do baseamento da súa estrutura económica e resetear o proceso de acumulación de capitais. A soberanía dos chamados “estados nacionais” fica ilusoria fronte ao poder real do capital monopolista e a súa inxerencia directa na política interna, coa imposición de memorandos, reformas constitucionais intervencionistas e mesmo nomeando gobernos de xestión tecnocrática.

As aspiracións de liberación das nacións oprimidas sen estado tórnanse incautas nesta Europa capitalista, como verifica o proceso irlandés, se estas non están vinculadas á loita xeral anticapitalista do proletariado de cada país no conxunto continental. Mentres subsista a dominación do centro imperialista da gran oligarquía financeira, que non é senón a da suma e interacción das burguesías monopolistas e fraccións nacionais de cada estado, toda tentativa de emancipación real é, ou un resultado de manobras dunha o outra potencia, ou/e a satisfacción dos intereses de clase das burguesías ou pequenas burguesías locais.

Os comunistas defendemos a liberación nacional desde o punto de vista e os intereses xerais do proletariado, hoxe a clase hexemónica e maioritaria en todos e cada unha das nacións e da totalidade da poboación europea. Consideramos que son a clase obreira e as súas aliadas clases traballadoras explotadas os suxeitos da autodeterminación, sen que competa á burguesía ou á pequena burguesía, tarefa revolucionaria democrática ou nacional algunha. Os intereses xerais do proletariado os representa o socialismo, e este obxectivo determina tamén a táctica e o programa nacional dos comunistas nesta conxuntura histórica, que no caso do estado español nos obriga ao proletariado das nacións integrantes e aos seus destacamentos de vangarda a dispor dunha estratexia en común, tendo como obxectivos o derrocamento da monarquía oligárquica e a revolución socialista na vaga xeral revolucionaria en Europa.

Os comunistas facemos valer a autodeterminación como punto de partida para a extinción da opresión nacional, como medio para o exercicio da soberanía, e compoñente e condición fundamental dun proceso constituínte do futuro poder obreiro e socialista en cada nación, que garanta a unidade, solidariedade e desenvolvemento dos pobos nun novo marco político supranacional que supere a estrutura caduca do estado opresor español.

CONTRA A EUROPA IMPERIALISTA,
SOCIALISMO PARA A LIBERACIÓN DOS POBOS!

POLA UNIÓN DE REPUBLICAS SOCIALISTAS,
ADIANTE A UNIDADE OBREIRA E POPULAR!


FORXA! COLECTIVO MARXISTA-LENINISTA

A por eles! Folga Xeral ata tumbalos!

O novo paquete de recortes tradúcese nunha máis que evidente agresión contra unha determinada clase social que é a que está a sufrir as consecuencias da crise en toda a súa dimensión. Son, á vez, unha declaración de guerra das clases dominantes contra o pobo e contra a clase obreira. Con razón a deputada Andrea Fabra, nun acto de honestidade política,  berraba dende o seu escano a tan célebre e aclaratoria “que se jodan”. Non podería existir mellor exemplo para definir as posicións políticas dun goberno reaccionario que non oculta o seu odio de clase contra os traballadores e traballadoras, un goberno que suprime dereitos básicos aos máis débiles mentres recompensa a banqueiros e contenta a empresarios e especuladores.

Non hai saída á crise dentro do marco podre e decrépito do capitalismo; a loita non pode actualmente ser enfocada só na dirección da recuperación de dereitos hoxe perdidos, eliminados e cercenados pola política criminal e antiobreira das forzas do capital.

Nese sentido, tanto ten a cor da forza política que goberne; as reformas apuntan na mesma dirección e son aplicadas cega e fielmente por unha partidocracia que permanece ancorada na corrupción, na demagoxia e no oportunismo político e se nutre, á súa vez, dunha oligarquía económica reaccionaria e explotadora que fai do conxunto da miseria e da pobreza das clases traballadoras materia de negocio e obtención de riqueza. Non existen vías intermedias para saír da crise. O dilema non radica entre o axuste ou investimento, como plantexan os sociademócratas e os reformistas, senón entre unha saída da crise favorábel ao pobo ou ao gran capital. Ou eles, ou nós, así de sinxelo. O poder do capital monopolista aplica a lóxica do máximo beneficio e pretende dar solución á enfermidade que padece facendo retroceder séculos á clase obreira, abaratando todo o posíbel os custos de produción para así poder reiniciar o ciclo de acumulación capitalista.

Hoxe a loita e a mobilización por obxectivos de carácter económico teñen que superar o marco da mera resistencia para pasar ao ataque, a pelexa por obxectivos políticos, polo derrocamento das políticas do capital e dos gobernos que as executan, pola nacionalización dos monopolios capitalistas como a única saída á crise favorábel ao pobo.

A loita da minería evidencia unha vez máis que a clase obreira é capaz de arrastrar na súa loita ao conxunto das clases populares; os exemplos de solidariedade, o apoio popular e a masiva mobilización teñen dado boa mostra disto. Agora cómpre tomar o seu exemplo e facer que todas as loitas conflúan na convocatoria dunha grande folga xeral de 48h que teña como obxectivo máximo a dimisión do goberno de Mariano Rajoy.

É momento de dar pasos, non podemos ficar parados. Os capitalistas esmagan ao pobo e lle arrebatan os seus dereitos, e este debe responder con contundencia, valentía e decisión. Non existe outro camiño, a por eles xa!

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

O KKE continuará a loita polo derrocamento da barbarie capitalista, aínda con maior decisión.

Artigo de Giorgos Marinos

Membro do Buró Político do Comité Central do KKE

[Traducido ao galego por FORXA!]

O KKE estende os seus saúdos camaraderís aos Partidos Comunistas, as e os comunistas, e a un gran número de loitadores de todo o mundo que expresaron o seu apoio e solidariedade sincero co noso Partido, porque apreciaron as duras loitas clasistas que o partido levou a cabo durante un longo período de tempo, antes e durante a crise capitalista.

O noso Partido seguirá sendo digno da súa confianza e intensificará a loita polos intereses da clase obreira e dos sectores populares, polo derrocamento da barbarie capitalista, polo socialismo. Porque isto é o que esixe o obxectivo da abolición da explotación do home polo home, este principio fundamental dos partidos comunistas.

Os acontecementos en Grecia, e en particular as dúas últimas batallas electorais, provocaron moitas discusións sobre o KKE e a “esquerda”, o papel dos “gobernos de esquerda”, a postura dos comunistas.

Sobre a Unidade de Clase

As e os comunistas de Galiza temos unha teima permanente na nosa acción política, e é a cuestión da UNIDADE. Non é a unidade coma a entenden os dirixentes pactistas, só interesados en fornecerse dun decorado de mobilizacións conxunturais que lles permita xustificar a súa inacción inocua, cómplice e venal fronte ao poder, e traizoeira e desleal contra a Clase Obreira. Non é tampouco a que conciben outros, confiados en que só coa iniciativa unilateral e diferenciada, por moi loábel que sexa, resulte un reforzo por deserción da competencia política ou sindical.

O proletariado precisa da UNIDADE DE CLASE, desde as fábricas e centros de traballo, vinculando as loitas concretas e particulares de cada empresa ou sector, laborais e económicas, coa loita xeral política de toda a Clase e de todo o pobo traballador. Neste momento histórico cada loita de resistencia que xorde, sector naval, minería, sector público, empresas con EREs, etc., só poderá obter unha vitoria, mesmo parcial, se a LOITA POLÍTICA XERAL do conxunto dos traballadores e traballadoras é quen de pararlle os pés ao capital e os seus gobernos. Isto é hoxe unha verdade máis inapelábel que nunca. E para avanzar e gañar nesta loita, que son tódalas loitas, a arma fundamental é a unidade de clase e popular.

A unidade forxase primeiramente rexeitando a vía do pacto social, por ser esta a que nos conduciu xunto á crise sistémica do capitalismo á situación de precariedade, pauperismo e quebra de dereitos xeral que estamos a sufrir. A unidade constrúese fuxindo do sectarismo e das miras postas en rendibilidades electoralistas, pois as reivindicacións e demandas inmediatas obreiras e populares non agardan por este tipo de cálculos políticos. E artéllase desde abaixo, desde as asembleas aos comités, pulando pola coordinación, ampliación e xeralización, que como no caso dos traballadores das auxiliares do naval, con millóns de horas de traballo nos estaleiros, teñen gañado sobradamente o seu posto de combate  sen subordinarse a tácticas sindicais incapaces de conducir a loita de clase máis aló dos marcos e canles instituídos.

Este é o modelo de unidade que os e as comunistas procuramos, e para iso queremos desenvolver os Comités de Unidade Obreira (C.U.O.), como núcleos de intervención militante unitaria e antipactista con traballadores e traballadoras de toda procedencia sindical de clase, e co obxectivo de contribuír á unidade de acción do movemento sindical e con isto á unidade de clase do movemento obreiro.

A unidade de clase é unha ferramenta imprescindíbel da nosa loita. Mais é tamén unha condición para a vitoria sobre a oligarquía capitalista. A unidade e o medre e desenvolvemento da conciencia revolucionaria de clase son os factores obxectivos fundamentais para transformar a presente loita económica e social do proletariado na decisiva loita polo poder político para a clase obreira e o socialismo.

FORXA! colectivo Marxista-Leninista

Conclusións Xerais do 21° Seminario Comunista Internacional

A relación entre as tarefas inmediatas dos comunistas e a súa loita polo Socialismo
21° Seminario Comunista Internacional Bruxelas, 18-20 de maio  de 2012
Conclusións Xerais (20 de maio  de 2012)

 



A crise xeneralizada do capitalismo abre a vía ao Socialismo.

1. A principal tarefa dos comunistas en todo o mundo é aclarar a natureza da crise que golpea ao conxunto do sistema capitalista mundial desde hai catro anos. Promover a análise marxista da crise é unha tarefa ideolóxica primordial. Significa axudar aos traballadores e aos pobos a entender as causas do cataclismo económico mundial. Trátase de vincular os diversos ataques a que se ven sometidos e a bárbara natureza do propio sistema. Supón chegar á raíz de problemas parciais como a crise alimentaria ou medioambiental, as guerras imperialistas, a polarización da riqueza e da pobreza e a crise do sistema parlamentario e da ideoloxía burguesa.

2. Esta tarefa  implica a loita contra calquera tese que negue o carácter da crise como unha crise do sistema capitalista. Enfrontámonos a unha crise de sobreprodución e sobreacumulación relativas. As chamadas "burbullas financeiras" son o reflexo desta crise na esfera da circulación. Tras o seu estoupido, a contradición entre o poder adquisitivo real das masas empobrecidas e as capacidades de produción  superdesenvolvidas fíxose máis evidente. Isto contradí a tese de que a crise non é máis que un funcionamento financeiro defectuoso ou unha "crise da débeda". Como demostrou Marx, a causa fundamental de cada crise atópase na contradición entre o carácter social da produción e a apropiación privada das ganancias.

3. Temos que loitar contra calquera ilusión sobre a existencia de "saídas á crise" no marco do sistema. As medidas aplicadas pola burguesía teñen como obxectivo restablecer a súa taxa de ganancias e salvarse a expensas dos seus competidores e dos traballadores. A socialdemocracia demostrou ser, unha vez máis, unha leal administradora do capitalismo en crise e unha protagonista dos ataques contra o pobo. A creba destas políticas crea un caldo de cultivo para o nacionalismo, a xenofobia e o fundamentalismo relixioso e para as ideas e forzas neofascistas. A burguesía promove e utiliza estas tendencias reaccionarias, así como os conflitos étnicos e relixiosos, para agochar os antagonismos de clase, mentres que o imperialismo os utiliza para ampliar o seu ámbito de control. A década de 1930 xa nos mostrou cara a onde nos pode levar este camiño. Os Partidos Comunistas e Obreiros únense en torno a unha convicción común: co fin de liberar aos traballadores e os pobos da explotación e a miseria. Hai que instaurar o Socialismo, tendo en conta todas as leccións das experiencias anteriores. A tendencia reformista de esquerdas que defende que unha política keynesiana pode abrir o camiño cara unha economía de mercado sen crise e explotación, engana ás masas.

4. A economía planificada baseada na propiedade colectiva dos medios de produción é a única saída para crear unha economía ao servizo das necesidades do ser humano e unha xestión sostíbel da natureza e da produción. A derrota do imperialismo e a vitoria do Socialismo é unha condición imprescindíbel para unha paz duradeira entre os pobos e para construír relacións internacionais de axuda mutua, sen dominación nin explotación. Que esta crise do capitalismo abra novas perspectivas para o Socialismo dependerá do papel de vangarda nas loitas dos Partidos Comunistas e Obreiros, da súa capacidade de persuasión e do seu traballo organizativo.

OS COMUNISTAS COS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO NAVAL EN LOITA

 
Pálpase indignación, pero indignación de clase, indignación obreira. Ese é o estado de ánimo do proletariado da bisbarra, nomeadamente dos operarios do sector naval, manifestada na crítica, denuncia e rexeitamento da pasividade das direccións sindicais pactistas, fronte á xestión comercial inoperante da SEPI e a negativa do goberno e da maioría parlamentaria do PP á infraestrutura do dique flotante e da súa indiferenza indolente e paternalista ante a sorte dos traballadores das empresas auxiliares, que veñen padecendo a lacra da subcontratación, da precariedade e da temporalidade, froito da política de pacto social e de entreguismo sindical levado a cabo durante as últimas décadas.

Unha indignación que se fai extensiva aos intentos de concertación sindical e de repetición das estratexias de pacto social, pola súa inutilidade e o seu papel desmobilizador fronte aos ataques antiobreiros, liquidadores e privatizadores deste goberno da oligarquía.
Hoxe as traballadoras e traballadores das auxiliares son as primeiras vítimas da falta de carga de traballo, situación que tarde ou cedo acabará por afectar tamén aos traballadores da principal. Por iso cómpre respostar con unidade de clase e non con division e pasividade. Hai que respostar ás politicas antiobreiras do mesmo xeito que o están a facer os mineiros e os traballadores do trasporte en folga indefinida polos seus dereitos. A resposta ten que ser a FOLGA XERAL, a RESISTENCIA CONTINUADA e o CONTRAATAQUE.
A inocente ou máis ben necia intención do reformismo político e tamén sindical de tratar de endereitar a crise do sistema, dentro do corrompido marco político e institucional que padecemos, xa non se sostén. Para o caduco sistema capitalista non hai outra saída que non pase pola superexplotación xeneralizada, pola negación dos dereitos políticos e sociais para as masas traballadoras, incluíndo tamén a represión, a guerra ou o fascismo, chegado o caso.

A coherencia na loita revolucionaria e a relación entre táctica e estratexia

Achega do PCPE ao 21º Seminario Comunista Internacional de Bruxelas, celebrado entre o 18 e 20 de maio.
 "A coherencia na loita revolucionaria e a relación entre táctica e estratexia”
A irrenunciable meta final de construír  o Socialismo marca, polo menos sobre o papel, unha referencia para a totalidade dos Partidos Comunistas e Obreiros.

Agora ben, a historia demostra que o simple feito de marcar o obxectivo  non implica necesariamente que se estea na liña de traballo  correcto para a súa consecución. É máis, desde os primeiros momentos nos que xa se puido falar de Socialismo Científico, son múltiples os exemplos de organizacións  e correntes organizativas e/ou ideolóxicas que, ou ben pola súa colaboración de clase coa burguesía, ou polo seu sectarismo esquerdista, non só non contribuíron ao avance do Socialismo, senón que se erixiron en serios obstáculos para o avance cara a unha  sociedade libre de explotación dun ser humano por  outro.

Táctica, estratexia, programa, ideoloxía, organización, crise, masas, clases sociais, nivel de conciencia, acumulación de forzas, experiencia… son conceptos e elementos que un Partido Comunista deber ter permanentemente en conta  para definir en cada momento a liña política máis acertada: aquela que lle permita atraer as súas propostas e postulados ao maior número de traballadores /as e elementos máis avanzados do pobo.

Por todo iso, o debate sobre a táctica e estratexia - enmarcado na vella, pero moi presente, dicotomía entre reforma ou revolución-, sempre estivo presente nas organizacións obreiras, conformando o seu devir histórico a actual fotografía de fragmentación do movemento obreiro.


22 de Maio: FOLGA no Ensino Público contra os recortes do capital.


A escala privatizadora e reformista que ten asumido o actual executivo estatal dá mostras de seguir máis viva que nunca. No seu punto de mira, o capitalismo depredador, sitúa agora  a un dos piares fundamentais para a formación dunha sociedade plena en consciencia e valores: a educación. 


Comprende a esta altura que a maquinaria económica de explotación ten que manterse sen necesidade de asumir ningún investimento público, a época post-industrial na que ten caído o sistema non pensa soster nada que non lle reporte beneficio. Baixo a bandeira do capital redúndase nunha distribución en prol das grandes institucións financeiras e catalóganse como puros servizos asistenciais aqueles que outrora se erixían como piares do seu mal chamado Estado de Benestar. Falamos dun sistema educativo no que se ten imposto unha rutina de castes, onde a clase traballadora formará ós seus fillos dende a segunda fila, mentres que a educación privada se abrirá paso a través da terra queimada á que nos aboca o antisocial ministro Wert e mailo seu séquito. 


É por iso, que como moitos outros días en diante, temos a obriga moral e persoal de saírmos á rúa. O 22 de Maio é unha data na que se xoga o futuro xa non só das próximas xeracións, senón do propio funcionamento da escola tal e como a coñecemos. Pouco queda xa da ensinanza libre e en beneficio de todos, mais o que está claro é que o proceso mercantil no que se ve inmersa aféctalle a todos os niveis. Vimos de asumir unha brutal suba das taxas universitarias, razón que priva do estudo superior en condicións de plena competencia, a capacidade investigadora e innovadora que outrora se lle adxudicara ós centros universitarios queda reducida á plena anécdota curricular. Denunciar tamén o paulatino aumento do espazo que Bancos e Institucións Empresariais ocupan no eido universitario, dende onde se redirixen como entes de captación dunha mocidade que sufre un auténtico masacre laboral, predisposta entón a aceptar condicións que outrora se amosaban impensábeis. Afirmar o absoluto fracaso da estratexia mercantilizadora do Plan Bolonia, que obriga a pagar créditos lectivos que nin sequera se imparten, multiplica as dificultades para acadar un título e reduce notablemente a consideración deste a posteriori. Redúcense os espazos de estudo e as prácticas nas diferentes titulacións lévanse a cabo en condicións cada vez máis precarias, obrigando incluso a parte do estudantado a traer material propio. A isto engádeselle unha negación dos dereitos básicos a todo o persoal que se encadra dentro do perfil de bolseiro, esa categoría pretoriana que dura máis do permitido, un suposto tempo de formación no que se exceden as horas convidas e no que incluso se chega a negar o dereito á folga.


Resolución da Conferencia Política do PCM

A nosa elección é polo poder obreiro e popular, polo socialismo-comunismo.

Resolución da Conferencia Política do PCM, reunida os días 28 e 29 de Abril do 2012

I.- En México o poder político é o poder dos monopolios, a ditadura de clase da burguesía.

Ademais das condicións obxectivas, o detonante da Revolución democrático-burguesa que estalou en 1910, foi a fraude electoral na sucesión presidencial dese ano e o reclamo de democracia. Hai que aclarar que nin antes nin despois da Revolución de 1910 houbo democracia en México, que o problema da democracia só será resolto coa democracia proletaria. En todo caso, trala derrota dos exércitos populares e o asentamento  do goberno posterior á revolución, a ditadura de clase do capitalismo, hoxe con graos elevados de concentración e centralización, adoptou unha fachada democrática para asegurar a súa dominación e a resolución de contradicións entre os grupos da clase dominante.

Neste  México do século XXI, cun desenvolvemento capitalista inserido con relacións de interdependencia na fase imperialista e ocupando unha posición intermedia na pirámide imperialista, a democracia expresa abertamente o poder dos monopolios, o poder da plutocracia, a oligarquía financeira e industrial que configura un sistema político en función estrita dos seus intereses, para asegurar a explotación da clase obreira e de todos os proletarios, de todos os traballadores da cidade e o campo, para desposuír aos pobos indios e as súas comunidades da terra e o territorio, para espoliar e devastar a natureza e os ricos recursos petroleiros, minerais, madereiros, pesqueiros, agrícolas, acuíferos, a biodiversidade; sen importar que o custo sexa a extinción de especies da flora e a fauna, algunhas delas endémicas, a destrución de selvas e espazos vitais, sen importar a contaminación de ríos, mares, lagos, lagoas, terra e ar.

CAMBIO DO CARÁCTER DA PRODUCIÓN NO PROCESO DE CONSTRUCIÓN E DESENVOLVEMENTO DO SOCIALISMO.

MIKHAIL V. POPOV

Catedrático de economía e dereito, Presidente da Fundación da Academia Obreira, representante da revista do Partido Comunista Obreiro Ruso “Sovietsky Soyuz”

[Texto tirado da Revista Comunista Internacional nº 2, traducido por FORXA!]



Como é sabido, a produción é un proceso de apropiación dos obxectos de natureza dentro do marco dunha forma determinada da sociedade e mediante ela. A teoría e historia recoñecen os seguintes modos de produción sucesivos: comunismo primitivo, escravitude, produción feudal, capitalista e comunista. A produción mercantil xorde xa coa descomposición do comunismo primitivo, pero só o capitalismo pode ser caracterizado como economía xeral mercantil, como economía mercantil na etapa do seu desenvolvemento cando a mesma man de obra convértese nunha mercancía. Capitalismo é unha economía que polo seu propio carácter é mercantil.

Todo modo de produción ten como condición as necesidades e o seu resultado final – o consumo. Mais o obxectivo directo da produción mercantil non é o valor de uso, senón o valor,  xa que calquera mercancía é un produto fabricado exclusivamente para ser cambiado. O obxectivo directo da produción mercantil capitalista é a plusvalía. O feito de que a produción capitalista teña un carácter social desenvolvido xera unha contradición entre o carácter social da produción e o carácter privadoda apropiación capitalista. As relacións de cambio contradín ao carácter social da produción e, como resultado dunha revolución socialista, no transcurso do período de transición  do capitalismo ao comunismo morren e substitúense directamente polas relacións directamente sociais. Na produción comunista, o carácter social do traballo non se manifesta mediado polo cambio, senón directamente; e a mesma produción comunista caracterízase como directamente social e o é tanto na súa fase superior como na inferior –durante o socialismo.

Nin un só paso atrás! A por outra folga xeral

A folga do pasado dia 29 de marzo só pode ser cualificada como un éxito rotundo, como unha pequena-gran vitoria de todas e todos os que a secundamos activamente, tanto nos piquetes coma nas mobilizacións que en Galiza acadaron cifras históricas de participación. Sabemos ben que a folga xeral non é un acto finalista, e efectivamente non serviu para variar os plans da oligarquía, mais si para deixarlles ben claro que unha inmensa maioría do pobo e da clase obreira oponse á reforma laboral e ás políticas antiobreiras, e deixa ás claras que hai unha gran disposición para levar esta oposición ás fábricas e á rúa en forma de loita e de mobilización cada vez máis consciente e continuada.

O goberno resposta cumprindo rigorosamente coas “recomendacións” impostas polos poderes económicos, polos monopolios capitalistas e a oligarquía financeira que goberna a Unión Europea, e esixe sacrificios constantes que se ven plasmados en máis e máis reformas estruturais e novos recortes que afectan drasticamente á maioría do pobo, mentres as fortunas do capital se acrecentan sen parar.

Prepáranse reformas e novas leis co claro obxectivo de esmagar a resistencia da clase obreira e das clases populares, e optan abertamente por recortar aínda máis as liberdades democráticas e acentuar o carácter represivo dun estado que só serve aos intereses da oligarquía e do gran capital.

O goberno do Partido Popular vén de aprobar uns orzamentos do estado que supoñen un ataque directo á liña de flotación do “estado do benestar” e que se verán plasmados en recortes en sanidade e educación, e xa anuncian futuras reformas para este ano incluída unha nova lei do dereito de folga que xa se está a cociñar.
As demandas do movemento obreiro son xa claramente innegociábeis e deben ser plasmadas na propia loita, desterrando toda liña pactista e claudicadora, e apostando decididamente por un novo modelo sindical unitario, clasista e combativo, orientado non cara á sostenibilidade do sistema capitalista, senón cara ó seu derrocamento na perspectiva do Poder Obreiro e Popular.

Os propios feitos e a realidade histórica presente confirman que este é o único camiño posíbel. Hai que responder con máis loita, con máis mobilización, con máis unidade obreira, no camiño da total derrogación da reforma laboral e de todas as políticas contrarias aos intereses obreiros e populares.

Nesa dirección, os comunistas de Forxa! consideramos que compre facer do vindeiro 1º de Maio una xornada de loita, de mobilización e combate, na perspectiva dunha nova convocatoria de Folga Xeral.

Galiza, 12 de abril de 2012
Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

Descargar folla

29M FOLGA XERAL!


A reforma laboral e o resto da batería de medidas do goberno do PP teñen non só un alcance económico e social cos obxectivos primordiais de desmantelar o propio marco xurídico burgués de relacións laborais e prover a autocracia patronal e a precariedade laboral xeral, xunto ao saqueo depredador das rendas salariais e superexplotación da forza de traballo que lle permita investir a queda da taxa de ganancias no centro capitalista europeo e reiniciar a acumulación de capital, imposible pola recesión do propio sistema.

Estes plans teñen un compoñente político, non só pola condición dos seus artífices, senón polo que supón de liquidación de dereitos e liberdades, supostamente fundamentais. Dun xeito calculado, a dereita reaccionaria, quere destruír as conquistas democráticas do movemento obreiro nos eidos laborais e sindicais, e con elo a capacidade de defensa e resistencia deste, pola vía do mercantilismo e individualización da relación laboral, e a limitación legal efectiva da acción sindical nas empresas e sectores. A oligarquía española sabe que o futuro da democracia burguesa pasa por espila de fachendas formais aínda mantendo febles aparencias, ao servizo directo dos seus requirimentos, e como tributaria á súa orixe e condición de clase.
 
É por isto que o proletariado e tódolos/as traballadores e traballadoras temos que facer desta folga do 29 de Marzo unha vitoria rotunda e contundente, batendo con toda a forza da nosa unidade contra estas políticas e os seus autores, o goberno electo e fraudulento dun réxime monárquico corrupto, que como o seu antecesor social-liberal, é xestor conxuntural do gran capital financeiro español, baixo tutela do eixo imperialista xermano-francés.

Este combate ha ser o primeiro dunha xeira doutros que virán en resposta a novos ofensivas que se han dar contra o pobo traballador, que só poden rematar nunha contraofensiva xeral da Clase Obreira e de todo o pobo na forma dunha FOLGA XERAL POLITICA para derroca-lo goberno reaccionario de Rajoy, e con el, levar á crise política a esta monarquía capitalista.

As políticas capitalistas so poderán ser freadas e retiradas mediante o ascenso e a continuidade da mobilización obreira e popular, baixo parámetros de orientación clasista que rachen coa tradición sindical pactista e de colaboración co sistema iniciada a raíz da chamada transición e dos sucesivos pactos que só serviron para desarmar a clase obreira.
 
Non abonda con opoñerse a políticas capitalistas criminais emprendidas pola oligarquía senón que estas deben ser derrotadas e demolidas. Se o inimigo pretende arrebatarnos todo, a resposta debe ir na dirección non xa de recuperar dereitos senón de amplialos, cómpre pasar da defensa ao ataque, da resistencia a ofensiva pois os obxectivos máximos deben ser os de gañar a guerra que a patronal e os seus gobernos nos teñen declarado.

Hoxe  a tarefa fundamental da clase obreira é a de loitar na dirección de disputarlle o poder as clases dominantes e ir reforzando e acumulando forzas en torno ás demandas e reivindicacións obreiras inmediatas, que só poderán ser plenamente satisfeitas dentro dun novo marco político e económico que responda aos intereses obreiros e populares e non aos das elites capitalistas.

O pai do socialismo científico, Karl Marx, escribiu no Manifesto Comunista as seguintes verbas: Treman, se queren, as clases gobernantes, ante a perspectiva dunha revolución comunista. Os proletarios, con ela, non teñen nada que perder, como non sexa as súas cadeas. Teñen, en cambio, un mundo enteiro que gañar. Hoxe, estas palabras están máis presentes que nunca nas mentes dos comunistas, dos homes e das mulleres honestos que en todo o mundo sostemos en alto a alternativa do socialismo e do comunismo, único camiño para o pobo e para a clase obreira, pois o capitalismo en descomposición só ofrece explotación, dominación, represión, terror e guerra.


Non máis explotación e miseria!
Dereitos para os traballadores e traballadoras!
Abaixo a ditadura dos patróns!
Todo o poder para a clase obreira!

10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

A saída á crise capitalista só pode vir dada polo triunfo da clase obreira e da súa revolución.
O 10 de Marzo de 1972, a clase obreira librou unha batalla histórica contra as forzas do capital e da oligarquía, unha batalla que formaba parte da loita contra o réxime fascista, froito da cal foron arrincadas importantísimas conquistas obreiras e democráticas que hoxe a oligarquía pretende arrebatarnos. Este 10 de Marzo debe ser visto como un símbolo da nosa resistencia e da nosa determinación. As conquistas adquiridas mediante a loita e polo sangue dos nosos mártires non poden perderse, deben ser mantidas e tamén ampliadas.

A xustificación constante do goberno do Partido Popular con respecto á reforma laboral foi afirmar, de xeito hipócrita e vomitivo, que esta se fixera pensando nos cinco millóns de parados e paradas, tal é a catadura moral destes fieis e obedientes lacaios da oligarquía que como única arma política dispoñen da mentira e a manipulación, e para os cales os 6 millóns de parados, os estudantes e os obreiros organizados "son o inimigo" contra o cal só queda recorrer á represión para impedir a "helenización de España".

O pobo non pode ser enganado e debe entender que a natureza destas reformas e ataques antiobreiros responden a uns plans previamente trazados polos monopolios capitalistas, que gobernan as institucións da Unión Europea, así como pola propia natureza do capitalismo que se ve empuxado a destruír as súas propias forzas produtivas para remontar a súa crise.

As forzas reformistas pretenden capear o temporal e abrir un camiño de conciliación co sistema, sempre e cando este “suavice” as súas reformas. Os comunistas afirmamos que ese camiño é un suicidio político para a clase obreira que só conducirá a unha intensificación da ofensiva antiobreira e á continuidade dos plans capitalistas que levan ao pobo á miseria.

Vídeo do KKE sobre a Soberanía Popular con subtítulos en galego

KKE


(Prema en CC para elixir a lingua dos subtítulos)


Soberanía “nacional” ou popular?
Un dos argumentos utilizados por varias forzas burguesas e oportunistas en Grecia para anubrar as causas da crise capitalista –cuxa raíz está na contradición fundamental que caracteriza a sociedade capitalista, a contradición entre capital e traballo- é o argumento da “perda da soberanía nacional”.

Así, dependendo de quen invoque ese argumento, aparecen diferentes variantes argumentativas do tipo “o goberno non negocia”, ou “o goberno executa ordes dos estranxeiros”, ou, tamén,  que “serven ós alemáns”, “somos gobernados por estranxeiros”, “estamos baixo ocupación”, “Grecia converteuse nun protectorado”, “perdemos a soberanía nacional”, etc. Nalgún momento, este último argumento foi utilizado polo líder do partido socialdemócrata e da Internacional Socialista, o ex-primeiro ministro, G. Papandreu, quen dixo que debido á crise perdemos a nosa soberanía nacional e os traballadores teñen que soportar duras medidas para recuperar a economía e a “soberanía nacional”…

O KKE oponse a eses puntos de vista que enganan ó pobo na medida en que ocultan a realidade e propoñen solucións anticuadas no marco do capitalismo. Ademais, as relacións de dependencia e interdependencia que existen no marco do imperialismo e no seo das unións imperialistas (como a Unión Europea) preséntanse sen ningunha base científica, como consecuencia da perda da “soberanía nacional”, cando, na realidade, son a consecuencia do desenvolvemento desigual dos países capitalistas. A burguesía de cada país participa nesas unións non porque actúe, supostamente como “traidora” ou “antipatriótica” senón para servir ós intereses da clase. Para fortalecer a súa posición no interior de cada país contra a clase obreira, utiliza os mecanismos e medios de represión desas unións. Incorpórase nesas unións para participar, con mellor posicionamento, no antagonismo mundial, cos monopolios norteamericanos, xaponeses, chineses, rusos, etc. e aumentar os seus ingresos. No marco deses obxectivos, a burguesía cede os dereitos de soberanía ás institucións supranacionais. Esas relacións de dependencia e interdependencia non serán abolidas coa humanización das “unións imperialistas”, por exemplo, con máis “democracia” nas institucións da Unión Europea, como sosteñen os oportunistas, senón, ó contrario, por medio da retirada dos países daquelas unións imperialistas a través da disolución desas unións, do establecemento do poder popular e obreiro, coa socialización dos medios básicos de producción, coa planificación central e o control obreiro da economía, ou sexa, o socialismo.

Neste sentido, a Sección de Propaganda do KKE, realizou este vídeo curto e que vai dirixido ó pobo grego. Consideramos de utilidade ter os subtítulos (en inglés, árabe, español, ruso) e presentámolo hoxe.

http://www.youtube-nocookie.com/embed/M15sWa-2CXA

Secretaría de Relacións Internacionais do KKE