Chamado á unidade comunista en torno a un programa revolucionario para a conquista do Estado Socialista.


1º Congreso do Partido Comunista do Pobo de Cataluña. 

Fortalecer o Partido Comunista, conquistar o Estado Socialista.

Barcelona, 20 e 21 de abril de 2013.

Inicio do periodo precongresual.

Ao conxunto de comunistas de Cataluña, con militancia e sen militancia, ao conxunto da clase obreira, aos cadros sindicais, á mocidade obreira.

O Partido Comunista do Pobo de Cataluña inicia o período de debate e discusión previo ao seu Primeiro Congreso chamando á unidade dos e das comunistas en torno ao Partido Comunista, que non pode ser outro que un partido de novo tipo, marxista-leninista e rexido polo centralismo democrático.

Non é unha chamada retórica, é unha oferta sincera, seria pero intransixente. Os e as comunistas cataláns temos unha rica historia, da que o PSUC de Joan Comorera é o máximo expoñente, un partido firme, armado ideoloxicamente e que exerceu a vangarda do proletariado catalán. Un Partido Comunista na primeira liña da loita contra o nazifascismo, en Cataluña, no Estado e na Europa ocupada polo nazismo, un Partido de poder e tamén un Partido de resistencia á clandestinidade.
Mais do mesmo xeito que o comunismo catalán ten unha historia heroica, nos últimos 40 anos son a historia da traizón, a renuncia, o posibilismo e o oportunismo. Son 40 anos de dereitización, conciliación, fragmentación e liquidación, tanto na organicidade como na ideoloxía. Xa nos anos 70, nos últimos anos da ditadura, no PSUC comezan as manobras liquidacionistas, que, coa complicidade do PCE de Carrillo, acaba expulsando aos leninistas, que nun primeiro momento derrotaron as teses eurocomunistas no famoso V Congreso, e que fundaron o PCC en 1981.

Finalmente o PSUC de Joan Comorera foi liquidado en 1987 por Rafael Ribó, actual Síndic de Greuges, e fundouse a formación anticomunista Iniciativa per Catalunya Verds.

O fío vermello do comunismo séguelle o PCC de Pere Ardiaca, Juan Ramos, Quim Boix, Miguel Guerreiro e Marià Pere, entre outros moitos destacados cadros comunistas que é imposíbel nomear. O PCC foi un dos fundadores do PCPE en 1984. Novamente, con todo, fortes resistencias ao avance revolucionario, á construción do Partido revolucionario, fai que no ano 1994, coa complicidade do PCE de Anguita e Paco Frutos, o PCC rompa co PCPE e inicie novamente a converxencia coas teses posibilistas e de conciliación de clase co eurocomunismo, formando parte de EUiA e entrando en coalición con ICV, apoiando e formando parte, ata, do tripartito catalán do PSC, ERC e ICV-EUiA.

A contrarrevolución na URSS e o desarme ideolóxico que representou, foi un golpe moi duro para o movemento comunista catalán. Pero a continuidade do comunismo catalán, do marxismo-leninismo e da construción do Partido da clase obreira que fará a revolución socialista, estaba garantida. En 1994, varios grupos de militantes comunistas son expulsados ou abandonan o PCC, fundouse o primeiro PCPC, outros grupos organízanse nos Col·lectius Comunistes de Catalunya. Son tempos difíciles, a contrarrevolución en Europa do Leste deu paso a unha gran ofensiva ideolóxica do imperialismo, eran os tempos en que a historia terminara, onde se impoñía o discurso da superioridade do capitalismo sobre o socialismo-comunismo.

Un puñado de camaradas, con todo, aguantan a bandeira do marxismo-leninismo, da revolución proletaria, entre eles Miguel Guerrero, actual Secretario Xeral do PCPC, Quim Boix, Rafael Parra, Mora, Rodrigo Moreno, Moles, Ventura, Sisco, José Juan Fornós ou en Salvador Guinot, por mencionar algúns destes históricos cadros. Entre todos, unhas poucas decenas de históricos comunistas, que no ano 2001 conflúen nunha conferencia de unidade no actual PCPC e constitúense, cun reducido grupo de mozos encabezados pola camarada Glòria Marrugat, os JCPC como organización xuvenil do PCPC.

11 anos despois, logo de catro conferencias nacionais e dun proceso de fortalecemento orgánico e ideolóxico, o Partido dos e das marxistas-leninistas cataláns, o PCPC, está listo para o seu Primeiro Congreso.

É neste marco no que chamamos ao conxunto de comunistas de Cataluña a confluír no seu Partido, baixo as bases do marxismo-leninismo e o centralismo democrático, chamamos a construír entre todos e todas a ferramenta da liberación da clase obreira catalá.
Os e as comunistas do PCPC chamamos a organizarse no Partido independente da clase obreira porque:

1. Consideramos que a democracia burguesa é en realidade unha ditadura da minoría hexemónica, e xa que logo, o Estado non é neutral. Por iso os e as comunistas loitamos pola conquista do Estado por parte da clase obreira, instaurando a democracia obreira, a ditadura do proletariado e o socialismo. Por iso opoñémonos a calquera tentativa de lexitimar o Estado burgués como unha entidade neutral, sen carácter de clase, que pode ser reformado e que, mediante a reforma continua, permite ir acadando etapas que nos aproximen ao socialismo, eixo central do discurso reformista para xustificar os pactos e a participación, por exemplo, o goberno tripartito.

2. Consideramos que a Unión Europea é unha estrutura económica, política e militar creada pola burguesía e que, do mesmo xeito que o estado burgués, serve aos intereses do capitalismo, é unha estrutura imperialista, e xa que logo non é neutral. Por iso os e as comunistas loitamos contra a UE, e suscitamos á clase obreira a necesidade de saír da UE. Por iso opoñémonos a calquera tentativa de enganar á clase obreira afirmando que a UE é reformábel e que se pode lograr unha UE de carácter social, eixo central do discurso reformista para xustificar o seu sometemento ao bloque dominado de poder, á burguesía monopolista.

3. Consideramos que a OTAN é unha estrutura militar xenocida ao servizo da clase dominante. Por iso os e as comunistas suscitamos á clase obreira que hai que saír inmediatamente da OTAN, e que non hai guerras humanitarias nin que a OTAN se pode disolver, debemos rachala, debemos confrontala.

4. Consideramos que o problema non é o neoliberalismo, nin que a crise é financeira ou de débeda. Os e as comunistas consideramos que a crise é do capitalismo e o problema é o capitalismo, a clase obreira só poderá emanciparse dentro do socialismo, cunha economía planificada dirixida pola clase obreira e destinada a satisfacer as necesidades da clase obreira. Por iso opoñémonos a calquera tentativa de enganar á clase obreira afirmando que hai un capitalismo bo, reivindicando o estado do benestar ou formulacións descontextualizadas como o socialismo do século XXI, que só serven para perpetuar o capitalismo como sistema de dominación, e son utilizadas polo reformismo para manter unhas formas e discursos máis ou menos radicais sen alterar nin confrontar o estado burgués.

5. Consideramos que o Partido da clase obreira debe estar á fronte das súas loitas, que a súa estratexia debe ser a da mobilización permanente e sostida, dirixida á organización da clase para confrontar á burguesía no marco da loita de clases, co obxectivo final da toma do poder. Por iso os e as comunistas definimos que a nosa loita ten un carácter revolucionario. Por iso opoñémonos ás posicións que tentan enganar e desorientar á clase obreira erixíndose como intermediarios entre o poder e o pobo, sendo os interlocutores do pobo nas institucións, eixo central do reformismo para xustificar o seu papel de conciliador das contradicións de clase.

6. Consideramos que a clase obreira debe construír un movemento sindical unitario, de clase e combativo. Por iso os e as comunistas chamamos a organizar Comités de Unidade Obreira, que superen a división sindical e unan á clase no combate polos nosos dereitos, os CUO deben ser asemblearios e con perspectiva socialista. Por iso opoñémonos ao modelo sindical pactista e de servizos, conciliador e entendido como medio para liberar membros do Partido, sindicalismo apoiado e promovido polo reformismo, que pacto tras pacto ten depauperado á clase obreira.

7. Consideramos que a revolución socialista será feita pola clase obreira, co seu Partido de vangarda na primeira liña de combate. Por iso os e as comunistas organizámonos nun Partido de novo tipo, disciplinado, que practica o centralismo democrático, que teoriza e loita, onde os seus militantes traballan constantemente no seu perfeccionamento porque deben ser exemplo para o conxunto da clase. Por iso opoñémonos ao asemblearismo e o burocratismo, opoñémonos ao esquerdismo e o intelectualismo, opoñémonos ao espontaneísmo e o institucionalismo, o reformismo sempre quixo eliminar o centralismo democrático porque era o principal obstáculo para implantar ideoloxías e prácticas alleas á clase obreira.

Esta é a proposta do Partido Comunista do Pobo de Cataluña ao conxunto de comunistas de Cataluña. Propoñemos a unidade na loita pola revolución e a conquista do poder por parte da clase obreira, e propoñemos a unidade en torno ao Partido de novo tipo como única ferramenta da clase obreira capaz de exercer a tarefa histórica de organizar, orientar e dirixir a revolución. Calquera outra formulación é unha ilusión.

A crise do capitalismo e a brutal ofensiva contra a clase obreira catalá obríganos á responsabilidade. Non podemos volver caer nos erros do pasado, temos que rachar coas dinámicas dos últimos 40 anos que só teñen desarmado á clase obreira, non podemos volver caer en operacións que reinventan o reformismo, espirais que nos levan novamente a posicións de conciliación, de pacto e de entrega.

Hoxe os e as comunistas debemos elixir entre a unidade en torno a un programa reformista ou a unidade en torno a un Partido cun programa revolucionario. Non hai camiños intermedios. Os últimos 40 anos hannos servir, temos que facer memoria, 40 anos de concesións, de retrocesos, de traizóns, de pactos e de fracasos son suficientes.

O Primeiro Congreso do Partido Comunista do Pobo de Cataluña marca o punto de inflexión, ofrecemos unidade para loitar non para pactar, para construír o socialismo non para humanizar o capitalismo. Ofrecemos un partido pequeno aínda, mais firme e cohexionado, intransixente co fraccionalismo, ofrecemos un partido marxista-leninista que loita na rúa e nos centros de traballo.

Comunistas de Cataluña, chamámosvos a unirvos ao Partido da clase obreira!

TODO para a Clase Obreira!
Adiante co 1º Congreso!
Fortalecer o Partido Comunista, conquistar o Estado Socialista!

Barcelona, 14 de decembro de 2012
Comitè Executiu do PCPC

[Fonte: PCPC]
-Traducido por FORXA!-