A realidade montada

Usos e verdades da imaxe editada
A montaxe é unha das fases do proceso de creación audiovisual máis importantes. A través desta conséguese dotar de sentido ó material bruto gravado. É o punto crucial onde se enfían todos os elementos do guión, fase esta tamén dominada polos principios da montaxe pero neste caso tendo como obxecto de edición as ideas.


As imaxes poden nacer a través de mil e unha motivacións, dende a función explicativa até a puramente ornamental e todas elas están relacionadas á súa vez con moitas outras imaxes, a montaxe nace entón para articular de mellor xeito posible a capacidade narrativa das mesmas.


Esta labor é un auténtico reto para a maior parte dos realizadores, realizadores que se empeñan en facer virguerías que deseñen unha plataforma de sentidos que cada filme desenvolve. Pero o debate en realidade non está nin moito menos na capacidade estética dos planos. Dous destes planos poden encaixar perfectamente sen que teñan correspondencia necesaria coa realidade. Ó plano dun rapaz mirando por unha ventá non lle ten porque seguir necesariamente o plano do que está vendo senón que calquera exterior podería ser válido con só que este se adaptara a condicións básicas do entorno no que transcorre a historia. Se isto é posible, e diriamos que cada vez é máis necesario, debemos estar atentos diante do que vemos. Este uso da linguaxe audiovisual é de todo lícito xa que a verdade é que a aparencia do real é tan válida como a realidade en si mesma. Sobre este tema non existiría maior complicación se só o tratásemos en clave de ficción, o problema ven cando a montaxe se aplica ó campo informativo ou obxectivo.


Para entender mellor o que vamos tratar hai que ser conscientes de que a montaxe non consiste única e exclusivamente na correlación de planos, a montaxe tamén relaciona elementos de diferente natureza como o son e a propia imaxe. As imaxes están delimitadas polo valor que as palabras lles outorgan. Unha voz superposta pode modificar por completo o significado dunha toma. Pénsese no vídeo dunha manifestación onde a acción que relate a voz do locutor se centre única e exclusivamente en incidentes illados e resuma todo que vemos en pantalla á queima de contedores ou á rotura de cristais. Neste caso estamos a asistir a unha montaxe totalmente confusa. Pola contra se collemos estas mesmas imaxes e as contextualizamos explicando a demanda sobre a que discorre a manifestación, situando ós protagonistas e ós antagonistas do conflito estaremos na disposición de dicir que se produciron uns ou outros incidentes, incidentes de ambos bandos e en clave descritiva, verdadeira natureza destas imaxes.


Este é un exemplo diario, vivido en todas as canles onde as mensaxes nacen e se modifican baixo unha forma realista pero saltándose totalmente os índices da lóxica. Isto ven a ser unha chamada de alerta para todos, para que sexamos nós mesmos quen nos impoñamos unhas medidas á hora de entender a montaxe e en definitiva a lóxica narrativa dos acontecementos.


Somos conscientes de que cada peza audiovisual non é máis que un pequenísimo extracto dunha idea. Retomando o exemplo anterior para concluír. Unha manifestación en cuestión non é máis que unha das realizacións físicas dunha idea. Detrás desta hai asembleas, debates, conflitos, sentimentos… Así que a vista da militancia na rúa é unha mínima parte de todo o proceso.


Con todo isto queremos retocar o sentido do cinema con respecto á realidade. Un filme será verdade sempre que respecte a esta. Non ten necesidade de ser a súa substituta senón que ten que axudar a comprendela.


Alén de tanto texto vale máis deixar un exemplo práctico de cómo a manipulación na montaxe pode provocar atracos á liberdade de expresión que aquí vemos explicados. O fragmento correspóndese ó filme: “La revolución non será televisada” documental dirixido por Kim Bartley e Donnacha O’Brian onde se narra de primeira man o que sucedeu durante o Golpe de estado acaecido en Venezuela o 11 de abril de 2002. Golpe executado contra o goberno legalmente electo e constituído de Hugo Chavez. Este filme serve para demostrar as múltiples relacións que a cámara pode establecer coa realidade, un filme tremendamente recomendable para entender máis sobre como funcionan a lóxica narrativa actual:


Poñede especial atención ó que pasa despois do MIN.3
O filme enteiro está á vosa disposición en Youtube:

Discurso do representante do KKE no Encontro Internacional


XIIº Encontro Internacional dos Partidos Comunistas e Obreiros
Do 3 ao 5 de decembro de 2010
Xohanesburgo (Suráfrica)


Discurso de G. Marinos, do Comité Central do Partido Comunista de Grecia



Queremos agradecer o Partido Comunista de Suráfrica a celebración do Encontro Internacional e a hospitalidade que nos ofrece.

Estendemos un saúdo militante aos e ás comunistas de África, aos movementos antiimperialistas, aos pobos destes continente que experimentan a barbarie capitalista. Saudamos a celebración do Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros que se celebra por vez primeira no continente africano.

Damos a benvida ás delegacións dos partidos obreiros e comunistas e agradecemos a súa solidariedade coa loita do KKE, da PAME e da clase obreira do noso país.

Os acontecementos elevaron o nivel de esixencia e os procedementos do Encontro Internacional de Partidos Comunistas deben estar imbuídos da grande responsabilidade dos comunistas diante da clase obreira, os pobos que experimentan o brutal ataque do capital e dos seus representantes políticos; un ataque que en condicións de crise capitalista se fai aínda máis intensa e perigoso.

Non somos calquera tipo de partido, somos Partidos Comunistas e temos unha misión concreta. Temos de organizar a loita da clase obreira, a loita de clases polo derrocamento do sistema explotador en cada país e a construción da nova sociedade, a sociedade socialista-comunista.

Por tanto, temos a obriga de elaborarmos a experiencia da loita de maneira colectiva e a utilizarmos para dar un paso adiante canto á estratexia e a táctica do movemento comunista, para que corresponda coas necesidades da loita de clases.

O cinema como documento social

Sobre o feito de recoller a historia
A primeira achega que faremos sobre este mundo amplo que formula esta sección multimedia sitúase sobre o xénero documental. A partires desta forma alcanzamos o coñecemento da realidade que nos percorre. Consideramos este dispositivo narrativo coma un instrumento capaz de mesturar entretemento e crítica aludindo ó espectador, facéndoo partícipe dunha realidade determinada. Isto non se consegue mediante a obxectividade, quen considere esta como unha condición fundamental do documental está pensando de modo erróneo. A verdadeira esencia do documento é ser interpretado, e o documental analiza o mundo coma un suxeito axitado polos cambios e cada un destes pode chegar a rexistrarse coma un documento concreto.


Así mesmo a súa consideración xenérica pode ser unha frase mal feita, posto que moitas veces diante do que nos atopamos é cine documental e xa que logo somos conscientes de que este toma formas da cinematografía para facerse máis vivo. O que si non é discutible é a súa necesidade por traballar sobre a realidade, non coma un mero reflexo senón coma unha porta aberta á reflexión. Dentro da forma documental cabe destacar o documental social.


O documental social é capaz de reflectir os acontecementos históricos sen que estes queden como unha mera pegada, como unha cifra máis. Loita fronte a subxectividade que de modo sobrenatural prioriza a industria cinematográfica. Esta última non é a característica natural do audiovisual, non é máis que a materialización efectista e consumista de algo tan natural como é este campo. Non debemos esquecer que os inventores do cinematógrafo eran persoas interesadas por documentar algún fenómeno ou acción. Usaban a realidade a modo de experimento pero sempre cinguíndose ó que cámara rexistraba.


O exemplo práctico que hoxe imos deixar é un dos primeiros rexistros cinematográficos que se conservan. Este é a “Saída dos obreiros da fábrica en Lyon Monplaisir”, dirixida polos Irmáns Lumière, que dura 45 segundos e que amosa a preto de cen obreiros saíndo da fábrica de artigos fotográficos de Lyon-Montplaisir. O título explicita o contido desta breve peza onde se amosa á clase obreira da época deixando atrás os seus postos de traballo. Traballos mecanizados e monótonos que fan mella no comportamento destas xentes que deambulan a través do espazo que enmarca a cámara. Obreiros que curiosamente son na súa maior parte mulleres, condición que observamos bastante ben na centena de persoas que pasan diante do obxectivo da cámara. O que podemos ver é un ritual repetido até a extenuación que será unha excelente forma de rexistrar os ritmos da vida diaria daquel tempo. Tamén é un modo de contemplar á clase obreira conformada como grupo perfectamente diferenciado algo que sen dúbida se contemplará nos tempos dos que data o filme: 1895.


A primeira parte é a que se corresponde co fragmento comentado as outras correspóndense a fragmentos da mesma natureza pero rexistrados noutros anos onde vemos a evolución da filmación e porque non dicilo das actitudes da masa proletaria que cada vez procura con máis ansia a saída do traballo. Curiosos son os comentarios da locutora do vídeo sobre todo sobre o último onde valora o tamaño da empresa para dar pan a tanta xente, quizais deberiamos pensar máis nos bolos que estaría comendo o xerente da empresa mentres os obreiros se reparten as faragullas que estes non queren. Fora de xuízos prácticos pasemos ó visionado dos documentos.



E para non pensar que todo o cine primitivo era puro documento atopamos tamén as primeiras mostras de montaxe e humor gravado. Gags coma estes continúan a reproducirse nas filmacións actuais así que non debemos exercer desprezo polo antigo cando sabemos que gran parte do presente se basea neste rico patrimonio:




Toda esta explicación serviranos para ilustrar mellor os exemplos que poremos en sucesivas entradas. Coñecer a vontade do cinema é coñecer a esencia dos documentais e reportaxes actuais onde se preserva o verdadeiro sentido desta arte.

Por unha arte revolucionaria!


Intencións

A memoria é un dos instrumentos máis útiles que posuímos para articular a nosa loita. A través desta articúlanse os recordos, onde atopamos as chaves dos nosos erros e vitorias. Actualmente a memoria ten traspasado os límites da oralidade e tense trasladado ó mundo das imaxes e dos sons, en definitiva o noso patrimonio material e inmaterial está residindo cada vez de xeito máis forte no audiovisual.
A través deste moitas das loitas que encabeza o internacionalismo proletario chegan a nós en forma de sucesos e crónicas que nos valen para aprender e sobre todo para compartir. Os novos xeitos de informar son algo que debemos aproveitar para valorar a nosa posición no mundo.


Este espazo pretende sinalar aqueles puntos clave do panorama musical, audiovisual e artístico en xeral, sempre en clave de clase, sendo conscientes de que todos estes campos poden afianzar a mensaxe e o desenvolvemento da loita central que constitúe a loita de clases. Así mesmo persigue recompilar un abano suficientemente amplo e actualizado que sexa quen de satisfacer a enorme demanda cultural que require unha clase formada en valores e inquedanzas que merecen dedicación continuada. 


Filmes, música, poesía, fotografía, pintura… Son moitas as formas que a nosa conciencia pode ter e ningunha é menos que a outra. Críticas, exemplos e recomendacións pasarán polo fío desta sección. Sección que acepta suxestións e preguntas, sección que pretende ser un espazo aberto de colaboración en conxunto de todos aqueles que consideramos a arte como un manto que recubre un enorme número de soños que recubre até convertelos en promesas.


Xa para rematar só cabe comprometermos en actualizar do xeito máis dinámico e entretido posible para chegar a facer deste recuncho un mural de compromiso non só para os clásicos senón para as novas voces que cada día espertan.