Programa electoral de COMUNISTAS DA GALIZA.


Obreiros e obreiras, traballadores e traballadoras, desempregados e desempregadas, comerciantes, estudantes, mulleres, inmigrantes:

Hai que combater a política criminal e bárbara do capital.

Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de destrución masiva dos dereitos básicos e condicións de vida do Pobo Galego Traballador. Condicións que aínda se verán agravadas pola máis que posíbel intervención da troika a través dun novo rescate que traerá aparellado novos e brutais recortes e que empobrecerán aínda máis ao pobo e privarán de dereitos á Clase Obreira e ás clases traballadoras.

Con preto de 300 mil parados e paradas en Galiza, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas por parte da banca e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao borde da indixencia a milleiros de galegos e galegas que aínda onte se chamaban a si mesmos “clase media”, privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos nosos maiores e dependentes a unha situación de desprotección absoluta e dramática que se “resolve” recruando a dobre explotación da muller traballadora nos ámbitos laboral e doméstico.

Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de reducir a Clase Obreira  a unhas condicións propias do século pasado e avanzar cara á escravitude pura e dura con xornadas laborais de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e pobreza. Ese é o futuro que promete o capitalismo.
 
Fronte a esta orde de cousas e ante a grave situación que estamos a padecer, as e os comunistas reafirmamos una vez máis que só mediante a loita e a organización será quen a Clase Obreira de responder á ofensiva desatada polas forzas do capital. Non existen alternativas de tipo electoral capaces de dar solucións inmediatas aos problemas que sofre o pobo traballador. Só a acción organizada, resolta e unitaria da propia Clase Obreira será quen de enfrontar as políticas bárbaras e criminais do capital e cuestionar a propia orde capitalista. O pobo coa Clase Obreira á fronte debe organizar a resistencia  a cumprir os ditados da oligarquía nas fábricas, nos centros de traballo e nas rúas; promover folgas parciais en cada empresa e sector; unificar todas as loitas baixo un programa transformador e revolucionario nunha Fronte única, preparar a Folga Xeral e organizar a presión e a mobilización xeral, continuada e sostida, para derrocar á oligarquía, o seu goberno e o seu poder. Este é o camiño polo que apostamos os comunistas e no cal, a loita electoral, é unha importante batalla pero non é a batalla única, nin a decisiva.

O capitalismo non se pode humanizar.

FORXA! presente nas eleccións galegas 2012.



O Colectivo Comunista Galego FORXA! vén de promover, xunto aos nosos camaradas da organización galega do PCPE, as candidaturas que polas circunscricións electorais de A Coruña e Pontevedra, concorren baixo a denominación unitaria de COMUNISTAS DA GALIZA.

Nestas candidaturas participan ducias de obreiros e obreiras, empregados e empregadas, traballadores e traballadoras de todos os sectores produtivos e dos servizos, do sector público e do privado, das cidades, vilas e o rural. Constitúen unha verdadeira candidatura obreira e popular, sen presenza de persoeiros, patróns e calquera caste de elementos alleos ao pobo traballador do noso País.

O programa, como resume o lema xeral de campaña,  “CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS! VOTA CLASE OBREIRA, VOTA COMUNISTA” é o que corresponde coa situación de crise xeral estrutural dun sistema capitalista en fase histórica terminal, e singularmente do bloque imperialista europeo e no seus elos do Estado Español e Galiza, e o que responde aos intereses inmediatos e xerais do proletariado e clases populares. As reivindicacións obreiras en materia de emprego, salarios, sanidade, educación, cultura, vivenda, etc., están vinculadas nun todo aos obxectivos estratéxicos da loita pola Revolución Socialista e o Poder Obreiro.

O sistema capitalista segue inmerso nunha crise de superprodución, incapaz de inverter a queda da taxa de ganancia, reactivar a actividade produtiva, e saír do círculo parasitario da especulación, hoxe centrada na débeda pública e na socialización da débeda privada do sector financeiro e non financeiro. Para reiniciar o proceso de acumulación e permitirse novos investimentos produtivos que lle procure a extracción de nova e suficiente plusvalía en relación ao capital investido, a burguesía monopolista precisa do pauperismo e a domesticación escravista da clase obreira, dunha brutal quita salarial, sexa directa, diferida ou indirecta (nóminas, pensións e servizos sociais, respectivamente), da liquidación de dereitos laborais, civís e mesmo políticos, da privatización do sector público entendida como feira de novos nichos de negocio para o gran capital privado, e a perspectiva do rearme e da guerra imperialista permanente como medio de destrución a gran escala de forzas produtivas e a saca e control de recursos e rexións xeográficas enteiras.