Diante das eleccións do 22 de maio


DIANTE DAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO


Os comunistas non teñen por que gardar encubertas as súas ideas e intencións. Abertamente declaran que os seus obxectivos só poden acadarse derrocando pola violencia toda orde social existente.

Marx e Engels, O Manifesto Comunista


Diante das vindeiras eleccións locais que terán lugar na Galiza vemos con agrado o traballo colectivo que diferentes organizacións do campo popular, así como persoas a título individual, realizaron para lograren artellar candidaturas electorais.

Valoramos positivamente a capacidade destas organización por faceren traballo en común, afastando toda pezoña sectaria, nun momento en que a unidade é máis necesaria, se cabe, que nunca.

Emporiso, entendemos que o eixe de acción das organizacións revolucionarias radica na axitación, formación e organización do proletariado, no camiño dun aumento, cuantitativo e cualitativo, das mobilizacións, da loita contra o inimigo de clase. Nestas tarefas o combate ideolóxico contra o reformismo dentro do movemento obreiro é de vital importancia. Cómpre poñermos todos os nosos esforzos en facer comprender ás masas populares que dentro do sistema capitalista non hai lugar para as melloras nas condicións de vida. Arrincarmos de raíz as vellas ideas reformistas de mellora dentro do sistema que eivan o movemento obreiro é tarefa tan dura como necesaria. Por iso a loita ideolóxica, tan deostada polos oportunistas, ten que ocupar un lugar de cabeceira.