Os comunistas votamos comunista

Ausencias son carencias. A non presenza dunha candidatura unitaria do conxunto das forzas políticas e sociais da esquerda de oposición ao réxime nas vindeiras eleccións xerais ao parlamento español, exhibe a actual incapacidade de artellar unha alternativa política sobre a base do factor e a contradición determinante desta época histórica que nos toca vivir: o antagonismo entre o proletariado e as clases traballadoras fronte a oligarquía financeira que dirixe o bloque imperialista europeo.

É a constatación da parálise que atenaza ao movemento obreiro e popular, aparentemente preso da resignación e da desmobilización do reformismo e do social-liberalismo, sexa nas súas expresións políticas ou sindicais. O sopor das manidas fórmulas de máxicas mudanzas dentro do sistema, ou do “isto é o que hai e o que toca” fican inermes fronte á flagrante realidade da brutal crise capitalista, e unha dereita política fachendosa reclamada para a gobernanza de quenda por unha oligarquía impaciente de levar adiante os seus planos. En contraposición, a incredulidade, a desconfianza, a indignación e a ira contida e expresada a cada paso nas fábricas e nas rúas dos barrios obreiros, e nas loitas e mobilizacións aínda sen a continuidade e a conxunción necesarias.

Nos entendemos cómo marxistas-leninistas que a loita electoral nas democracias burguesas é unha forma máis da loita xeral revolucionaria do proletariado, en función da conxuntura e a táctica política determinada por esta. Con mais senso na presente situación de crise estrutural capitalista. O actual proceso electoral puido ser unha oportunidade excelente para unha mobilización xeneralizada dirixida a cuestionar os alicerces do réxime monárquico e transformar a campaña electoral nunha masiva denuncia do mesmo sistema capitalista. Ter aproveitado para a convocatoria dunha folga xeral, como se viña barallando sobre estas datas, como a mellor campaña electoral posible a desenvolver polas forzas obreiras e populares, augándolle a festa á reacción, e impulsar o que demandan as masas traballadoras: a unidade de clase e do pobo traballador. A súa concreción nunha fronte ou plataforma política dependerá da superación do actual estado de ánimo e da división no seo da esquerda con horizontes revolucionarios a prol do socialismo.

De todo o restrinxido panorama de posibilidades electorais, só podemos destacar a participación dunhas candidaturas que merezan o noso apoio: as presentadas por A Coruña e Pontevedra polos Comunistas de Galiza-PCPE, pese a tódolos obstáculos, impedimentos, silencios e manipulación mediática posibles interpostos polo poder. O seren integrantes dun partido de ámbito estatal non os invalida como comunistas, pois nós pensamos que a contradición principal é a que enfronta ao proletariado fronte á burguesía e nunca ás organizacións de clase independentemente do seu ámbito de acción. A maiores, é o único que defende, dentro dun programa estratéxico e táctico, xunto ao dereito de autodeterminación, non só as reivindicacións inmediatas económicas e sociais do proletariado e clases populares, senón que explica a crise estrutural do capitalismo, denuncia a xestión da socialdemocracia no goberno e a estratexia da oligarquía española e a necesidade de pasar á ofensiva e artellar unha fronte obreira e popular cunha perspectiva revolucionaria e socialista, fronte ao, no noso caso, do reformismo posibilista de EU e BNG. Os comunistas de FORXA!! coincidimos con boa parte das análises e das súas propostas programáticas, e sabemos que compartiremos, xunto a outros, os esforzos no camiño da reconstrución do Partido Comunista en Galiza e do Movemento Comunista Internacional e na tarefa inmediata de xestación da fronte de Unidade de Clase e do Pobo Traballador.

Nas circunscricións de Lugo e Ourense, ante a presenza exclusiva de listas reaccionarias ou reformistas, entendemos que o voto nulo representa a opción mais consecuente e combativa fronte á mediocridade ou natureza antipopular das alternativas de voto.

Agárdanos nos próximos meses unha dura batalla coa máis que probable arribada da dereita mais reaccionaria ao goberno do estado no contexto de depresión, e extrema explotación e pauperización das clases traballadoras. Depende só de nós, da esquerda revolucionaria, saír das trincheiras da defensa paralizante e pasar á ofensiva transformando a crise económica e social nunha crise política xeral, con toda a potencia de combate que fai dispor a unidade da clase obreira e de todos os sectores populares para, pola vía da revolución socialista, pórlle fin a agonía do capitalismo parasitario en extinción.