Forxa!!

CONSTRUÍR O PARTIDO!
PREPARAR A REVOLUCIÓN!

«De todas as clase que hoxe se enfrontan coa burguesía só
hai unha verdadeiramente revolucionaria: o proletariado».
Marx e Engels, Manifesto Comunista.

Após un proceso de debate interno, un grupo de comunistas de Galiza, algúns procedentes doutras organizacións e outros sen militancia organizativa anterior, decidimos constituír Forxa!, colectivo marxista-leninista que ten como obxectivo construír e consolidar a única ferramenta política verdadeiramente revolucionaria da clase obreira galega, o Partido Comunista. Partido que ten de expresar os obxectivos e intereses históricos do proletariado: derrotar a ditadura da burguesía, ditadura da minoría, e substituíla pola ditadura revolucionaria do proletariado, da maioría.

Fronte aos que anuncian ao mundo o fracaso do socialismo, os que negan o papel dirixente do Partido e a necesidade da ditadura do proletariado, os que teiman en borrar os camiños vitoriosos xa percorridos polo Movemento Comunista, nós reafirmámonos en todas as ensinanzas que, no curso da historia,  nos proporcionou as experiencias e as loitas da clase obreira e do movemento revolucionario. Ensinanzas históricas das que aprendemos que o proletariado e demais clases oprimidas só poden alcanzar a emancipación a través da Revolución Socialista e que a ditadura do proletariado é un requisito imprescindíbel da construción socialista, instrumento necesario para vencer a resistencia dunha burguesía que sempre loitará por preservar os seus intereses e privilexios.

«A traizón en política enceta pola revisión da teoría».
Georgi Dimitrov.

Guión para o debate


1. A COXUNTURA

1.1. CADRO DA ACTUAL CRISE CAPITALISTA MUNDIAL

Os acontecementos que se están a vivir en Europa, especialmente en Grecia, poñen unha vez mais de manifesto a validez da teoría marxista-leninista a respecto do diagnóstico sobre a natureza, orixe e consecuencias das distintas crises capitalistas e que estas, a súa vez, son produto inevitábel do desenvolvemento das forzas produtivas. Mudaron as formas, a periodización, o cadro das distintas crises, mais estas seguen a ser inherentes ao modo de produción capitalista.

Son falsas e incorrectas as apreciacións de que a orixe da actual crise sexa froito exclusivo dos especuladores , tese esta preferida da socialdemocracia e incluso de partidos supostamente marxistas. A actual crise é unha crise de sobreprodución e sobreacumulación especulativa, e polas modificacións na composición orgánica do capital. O inicio da actual crise non se remonta ao 2007 como afirman algúns. As causas reais veñen de moito antes, pois como brillantemente describiu Marx, o capital remedia as crises preparando outras mais extensas e impoñentes. Ate agora o capitalismo atravesara dúas crises económicas das características da actual, unha a partir de 1873 que se correspondería co inicio da época do imperialismo, e outra en 1929 que levou ao paroxismo os antagonismos interimperialistas até acabar desencadeando a segunda guerra mundial.