Diante da captura por parte do Goberno de Venezuela de militantes revolucionarios

Coa captura do comandante Guillermo Enrique Torres Cuéter, membro do Estado Maior das FARC-EP, o xograr fariano coñecido como Julián Conrado, nunha operación conxunta dos gobernos venezolano e colombiano, o executivo presidido por Hugo Chávez volve luxar unhas mans que se estreitan amigabelmente cada vez máis coas da oligarquía colombiana ao tempo que se converten en sombrizas gadoupas cando de militancia revolucionaria se tratar. Ao camarada Julian temos de sumar o caso do xornalista sueco Joaquín Pérez Becerra, director da axencia ANNCOL, ou a rabiosa caza levada a cabo contra Luis Alberto Castaño Estrada e Nafer Miguel Julio, membros da Fronte José Antonio Galán do ELN, como tamén a repatriación doutros militantes das FARC-EP e do ELN ou a extradición de militantes vascos.

Non estamos a falar dun tema de máis ou menos profundidade nas políticas revolucionarias, de maior ou menor intensidades nas medidas de carácter popular, non, estamos falando dunha política de colaboración cun Estado que leva anos practicando o xenocidio, un Estado ao servizo dunha oligarquía criminal que non dubida en empregar todos os medios imaxinábeis para esmagar a resistencia popular, desde o terrorismo narcoparamilitar até os fornos crematorios, pasando polos falsos positivos, as desaparicións ou as fosas comúns. Un Estado en que, segundo os propios datos do gobernamental Instituto de Medicina Legal, nos últimos 3 anos desapareceron 38.000 persoas.

Ignorando a propia lexislación venezolana, inclusive os artigos 44º e 49º da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, e tripando todo protocolo de dereito internacional, o Goberno venezolano semella disposto a acatar obedientemente os requirimentos criminais da burguesía colombiana, a se situar do lado desta e fronte as e os combatentes comunistas da Nova Colombia. Mais moito máis grave que este caso omiso ás leis nacionais e internacionais é a vergoñenta traizón, xa non imos dicir ao internacionalismo proletario, senón ao máis mínimo internacionalismo.

A confirmación desta política internacional de colaboración coas políticas xenocidas da oligarquía colombiana obriga a calquera comunista, a calquera revolucionario, non xa a condenar estas vergoñentas accións do Goberno venezolano, senón e se reformular o apoio, por moi crítico que for, ao núcleo dirixente do proceso político que está a vivir Venezuela. É aínda é máis importante condenar o carácter antisocialista do chamado Socialismo do Século XXI. É aquí, no propio cerne ideolóxico maioritario no chamado bolivarianismo, onde temos de buscar as razóns que explican estas políticas de colaboración, xa que logo de participación, no xenocidio que a burguesía leva a cabo contra a militancia revolucionaria.

Porque o Socialismo do Século XXI, como teoría socialdemócrata que é, nega a loita de clases, ignorando que os intereses das clases traballadoras, das masas populares, son antitéticos aos de toda burguesía. É unha expresión ideolóxica pequenoburguesa que non pon en dúbida a propiedade burguesa dos medios de produción e que, como ficou escrito no “Compromiso de Caracas”, condena a violencia das organizacións revolucionarias.

Hoxe, con máis motivos que nunca, debemos apoiar os proxectos comunistas, fortalecendo a ideoloxía marxista-leninista fronte a calquera ideoloxía reformista, para que este proceso revolucionario democrático, cos seus acertos e melloras para a masa popular, se transforme nunha revolución socialista que teña como obxectivo a socialización dos medios de produción e o control obreiro, quere dicir, a substitución do capitalismo actual polo socialismo.

Forxa! Colectivo Marxista-Leninista
Galiza, 10 de xuño de 2011

Faleceu Ludo Martens


Desde o Colectivo Marxista-Leninista Forxa! queremos facer chegar as nosas máis sinceras condolencias aos familiares, amigos e camaradas do comunista Ludo Martens.

O seu falecemento é sen dúbida unha grande perda para o Movemento Comunista Internacional, no que el puxo tanto énfase e empeño a prol da súa Unidade, impulsando os encontros dos partidos e organizacións comunistas de liña marxista-leninista e antirrevisionista, a celebración do Seminario Comunista Internacional de Bruxelas, de suma importancia no proceso de debate e converxencia do MCI. Cómpre destacarmos tamén o seu papel no desenvolvemento do propio PTB.

Fican patentes as súas grandes achegas revolucionarios en traballos como, por poñer un exemplo, “Un outro ollar sobre Stalin”, que pasará á Historia como unha das obras pioneiras dirixida a combater as calumnias fabricadas por revisionistas e burgueses para tentar demonizar a figura do camarada Stalin e o período no que este foi Secretario Xeral do PCUS. Tendo en conta  que no momento no que foi escrito se carecía aínda de moita da información que hoxe está dispoñíbel, aínda ten máis valor ao seu traballo, posto que amosa unha grandiosa demostración de valentía e convición que encetou un profundo e necesario estudo sobre este importantísimo período revolucionario, do que cada vez temos máis evidencias.

"A arrogancia do imperialismo non nos impresiona, ás avesas, estamos certos de que as persoas que manteñen o espírito lúcido, que non padecen o histerismo antisocialista, se verán obrigados a reflexionar seriamente sobre o correcto das nosas posturas, despois de escoitar as nosas probas e os nosos argumentos".

Será lembrado coma un dos primeiros e implacábeis comunistas antirrevisionistas europeos, e a mellor homenaxe que lle podemos facer é continuarmos traballando pola urxente e necesaria Unidade do MCI e a ineludíbel loita polo Socialismo.