25 DE XULLO, DÍA DA PATRIA GALEGA

O bloque imperialista europeo, inmerso de cheo na crise do sistema capitalista mundial, está a bater con virulencia atroz contra dos pobos traballadores do continente, nunha tentativa de reverter o colapso do baseamento da súa estrutura económica e resetear o proceso de acumulación de capitais. A soberanía dos chamados “estados nacionais” fica ilusoria fronte ao poder real do capital monopolista e a súa inxerencia directa na política interna, coa imposición de memorandos, reformas constitucionais intervencionistas e mesmo nomeando gobernos de xestión tecnocrática.

As aspiracións de liberación das nacións oprimidas sen estado tórnanse incautas nesta Europa capitalista, como verifica o proceso irlandés, se estas non están vinculadas á loita xeral anticapitalista do proletariado de cada país no conxunto continental. Mentres subsista a dominación do centro imperialista da gran oligarquía financeira, que non é senón a da suma e interacción das burguesías monopolistas e fraccións nacionais de cada estado, toda tentativa de emancipación real é, ou un resultado de manobras dunha o outra potencia, ou/e a satisfacción dos intereses de clase das burguesías ou pequenas burguesías locais.

Os comunistas defendemos a liberación nacional desde o punto de vista e os intereses xerais do proletariado, hoxe a clase hexemónica e maioritaria en todos e cada unha das nacións e da totalidade da poboación europea. Consideramos que son a clase obreira e as súas aliadas clases traballadoras explotadas os suxeitos da autodeterminación, sen que competa á burguesía ou á pequena burguesía, tarefa revolucionaria democrática ou nacional algunha. Os intereses xerais do proletariado os representa o socialismo, e este obxectivo determina tamén a táctica e o programa nacional dos comunistas nesta conxuntura histórica, que no caso do estado español nos obriga ao proletariado das nacións integrantes e aos seus destacamentos de vangarda a dispor dunha estratexia en común, tendo como obxectivos o derrocamento da monarquía oligárquica e a revolución socialista na vaga xeral revolucionaria en Europa.

Os comunistas facemos valer a autodeterminación como punto de partida para a extinción da opresión nacional, como medio para o exercicio da soberanía, e compoñente e condición fundamental dun proceso constituínte do futuro poder obreiro e socialista en cada nación, que garanta a unidade, solidariedade e desenvolvemento dos pobos nun novo marco político supranacional que supere a estrutura caduca do estado opresor español.

CONTRA A EUROPA IMPERIALISTA,
SOCIALISMO PARA A LIBERACIÓN DOS POBOS!

POLA UNIÓN DE REPUBLICAS SOCIALISTAS,
ADIANTE A UNIDADE OBREIRA E POPULAR!


FORXA! COLECTIVO MARXISTA-LENINISTA

A por eles! Folga Xeral ata tumbalos!

O novo paquete de recortes tradúcese nunha máis que evidente agresión contra unha determinada clase social que é a que está a sufrir as consecuencias da crise en toda a súa dimensión. Son, á vez, unha declaración de guerra das clases dominantes contra o pobo e contra a clase obreira. Con razón a deputada Andrea Fabra, nun acto de honestidade política,  berraba dende o seu escano a tan célebre e aclaratoria “que se jodan”. Non podería existir mellor exemplo para definir as posicións políticas dun goberno reaccionario que non oculta o seu odio de clase contra os traballadores e traballadoras, un goberno que suprime dereitos básicos aos máis débiles mentres recompensa a banqueiros e contenta a empresarios e especuladores.

Non hai saída á crise dentro do marco podre e decrépito do capitalismo; a loita non pode actualmente ser enfocada só na dirección da recuperación de dereitos hoxe perdidos, eliminados e cercenados pola política criminal e antiobreira das forzas do capital.

Nese sentido, tanto ten a cor da forza política que goberne; as reformas apuntan na mesma dirección e son aplicadas cega e fielmente por unha partidocracia que permanece ancorada na corrupción, na demagoxia e no oportunismo político e se nutre, á súa vez, dunha oligarquía económica reaccionaria e explotadora que fai do conxunto da miseria e da pobreza das clases traballadoras materia de negocio e obtención de riqueza. Non existen vías intermedias para saír da crise. O dilema non radica entre o axuste ou investimento, como plantexan os sociademócratas e os reformistas, senón entre unha saída da crise favorábel ao pobo ou ao gran capital. Ou eles, ou nós, así de sinxelo. O poder do capital monopolista aplica a lóxica do máximo beneficio e pretende dar solución á enfermidade que padece facendo retroceder séculos á clase obreira, abaratando todo o posíbel os custos de produción para así poder reiniciar o ciclo de acumulación capitalista.

Hoxe a loita e a mobilización por obxectivos de carácter económico teñen que superar o marco da mera resistencia para pasar ao ataque, a pelexa por obxectivos políticos, polo derrocamento das políticas do capital e dos gobernos que as executan, pola nacionalización dos monopolios capitalistas como a única saída á crise favorábel ao pobo.

A loita da minería evidencia unha vez máis que a clase obreira é capaz de arrastrar na súa loita ao conxunto das clases populares; os exemplos de solidariedade, o apoio popular e a masiva mobilización teñen dado boa mostra disto. Agora cómpre tomar o seu exemplo e facer que todas as loitas conflúan na convocatoria dunha grande folga xeral de 48h que teña como obxectivo máximo a dimisión do goberno de Mariano Rajoy.

É momento de dar pasos, non podemos ficar parados. Os capitalistas esmagan ao pobo e lle arrebatan os seus dereitos, e este debe responder con contundencia, valentía e decisión. Non existe outro camiño, a por eles xa!

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

O KKE continuará a loita polo derrocamento da barbarie capitalista, aínda con maior decisión.

Artigo de Giorgos Marinos

Membro do Buró Político do Comité Central do KKE

[Traducido ao galego por FORXA!]

O KKE estende os seus saúdos camaraderís aos Partidos Comunistas, as e os comunistas, e a un gran número de loitadores de todo o mundo que expresaron o seu apoio e solidariedade sincero co noso Partido, porque apreciaron as duras loitas clasistas que o partido levou a cabo durante un longo período de tempo, antes e durante a crise capitalista.

O noso Partido seguirá sendo digno da súa confianza e intensificará a loita polos intereses da clase obreira e dos sectores populares, polo derrocamento da barbarie capitalista, polo socialismo. Porque isto é o que esixe o obxectivo da abolición da explotación do home polo home, este principio fundamental dos partidos comunistas.

Os acontecementos en Grecia, e en particular as dúas últimas batallas electorais, provocaron moitas discusións sobre o KKE e a “esquerda”, o papel dos “gobernos de esquerda”, a postura dos comunistas.