Todos á Rúa! Día Internacional de Acción 3 de Outubro 2013.

Estimados colegas, militantes do movemento sindical clasista,
Afiliados e amigos da Federación Sindical Mundial,
Organizacións sindicais en todos os continentes, traballadores, mozos,

A Federación Sindical Mundial convócaos a unirse ao chamamento para o Día Internacional de Acción 3 de Outubro, 2013. Protestas, marchas, folgas, conferencias e actividades serán organizadas en cada recuncho do mundo.

Unimos as nosas voces e mostramos a nosa determinación en acción simultaneamente cos nosos irmáns e compañeiros en todo o mundo, marchando con militancia por alimentos, auga, libros, medicamentos e vivenda para todos.

Para a Federación Sindical Mundial, unha vida digna presupón que todos estes asuntos dos traballadores sexan resoltos. Vida digna presupón que as masas populares teñan traballo estábel, un bo salario, boas pensións, seguridade social pública, educación gratuíta e pública. Un presente e futuro dignos é ter traballo estábel conectado ao seu coñecemento.

Para o movemento sindical reformista a consigna “traballo decente” son só palabras; para a FSM “traballo digno” ten un contexto concreto.

O capitalismo, o imperialismo e a CIA.

Que é o imperialismo?
O imperialismo non é unha actitude nin un comportamento, tampouco o constitúen as consecuencias dunha guerra. O imperialismo é o capitalismo nunha etapa superior de desenvolvemento. É capitalismo en descomposición.
Lenin, en O Imperialismo, fase superior do capitalismo, afirmaba que cando o capitalismo chegou a unha fase determinada do seu desenvolvemento, algunhas das características que había ter na súa fase premonopolista se trocaron na súa antítese e esta negación se converteu na esencia da fase superior. Negación que só será negada, á súa vez, durante a fase socialista-comunista.
Lenin resumía esta nova situación en cinco características:
"A concentración da produción e do capital chega ata un grado tan elevado de desenvolvemento que crea os monopolios, os cales desempeñan un papel decisivo na vida económica; 2) a fusión do capital bancario co industrial e a creación, no terreo deste capital financeiro, da oligarquía financeira; 3) a exportación de capitais, a diferenza da exportación de mercancías, adquire unha importancia particularmente grande; 4) fórmanse asociacións internacionais monopolistas de capitalistas, as cales repártense o mundo; 5) terminou o reparto territorial do mundo entre as potencias capitalistas máis importantes".

O capital aliméntase das guerras imperialistas.

Siria é hoxe o punto de mira para unha nova intervención imperialista. Despois de meses intoxicando coa existencia de armas nucleares, despois de adestrar e armar a mercenarios, os gobernos que defenden a intervención militar, encabezados por EEUU, utilizan agora a escusa das armas de destrución masiva, igual que fixeron en Iraq, para xustificar unha intervención que viñan buscando dende hai tempo.

Non é críbel que o goberno sirio permita unha inspección da ONU sobre a existencia de armas nucleares e aproveite para bombardear con armas químicas á beira de onde se atopaban os inspectores. É máis doado crer que os mercenarios ao servizo do imperialismo aproveitaron a ocasión para lanzar bombas químicas preto de onde estaban os inspectores da ONU de modo que toda a maquinaria propagandística  se poña en marcha para tentar xustificar a intervención.

O pobo sirio leva meses sufrindo unha cruel guerra, os mortos cóntanse por miles, pero se a intervención imperialista se realiza abertamente será un masacre que destruirá todas as infraestruturas civís e provocará centos de miles de novas mortes.

O imperialismo non procura outro obxectivo que apropiarse do país, dos seus recursos e a súa posición estratéxica. Onte foi o afundimento do Maine, hoxe a falacia das armas químicas.

O capitalismo na súa fase de crise agónica aliméntase das guerras imperialistas, gobernos como o de España recortan os orzamentos para sanidade, educación, investigación, pero o orzamento para armamento é sempre o máis crecente, mercan e venden tanques e fáltanos material básico en hospitais, mercan e venden alta tecnoloxía en guerra e non dedican orzamento para a investigación educativa, médica ou ambiental.