Campaña europea "Un millón de sinaturas pola liberdade dos cinco"

Forxa!! Colectivo Marxista Leninista vénse de sumar á campaña "Un millón de sinaturas pola liberdade dos Cinco". Antonio Guerrero, Fernando González, Gerardo Hernández, Ramón Labañino e René González son 5 cubanos presos desde 1998 en EE UU por terse infiltrado nos grupos terroristas de Miami, grupos que cos seus ataques causaron a morte de 3.478 cidadáns da Illa desde 1959.

A arbitrariedade do arresto foi recoñecida polo Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias da Comisión de Dereitos Humanos da ONU en 2005. Numerosas entidades e persoas teñen manifestado o seu interese por este caso. Entre elas, varios premios Nobel (Pérez Esquivel, Rigoberta Menchú, José Saramago, Günter Grass, Darío Fo…), o Senado de México, a Asemblea Nacional de Panamá, Mary Robinson (expresidenta de Irlanda) e un elevado número de parlamentarios de Europa e Latinoamérica.

A campaña pretende recoller un millón de sinaturas para seren entregadas ao presidente norteamericano, Barak Obama.

Solidariedade cos cinco !!!


Colabora na campaña:
Descarga folla de sinaturas
Descarga súmate á campaña
Descarga cartaz campaña

NON AO ATAQUE IMPERIALISTA SOBRE LIBIA

Comunicado do Colectivo Marxista-Leninista Forxa!! 

NON AO ATAQUE IMPERIALISTA SOBRE LIBIA

Denunciamos a agresión imperialista na Libia, que non é máis que unha nova consecuencia da crise estrutural e sistémica do capitalismo, que na súa fase terminal non dubidará en acometer actos tan brutais coma este só para manter o predominio da burguesía e o espolio dos recursos naturais que aínda non lle pertencen.

Denunciamos o Consello de Seguridade da ONU por dar o seu beneplácito a este ataque , deixando ben as claras o seu papel de órgano ao servizo das potencias imperialistas. Tamén denunciamos a abstención da mal chamada China Popular que co seu voto deixa clara, por se había algunha dúbida, a súa alianza co imperialismo e cos gobernos reaccionarios árabes.

Denunciamos o goberno do Estado español polo seu apoio e anuncio de participación nesta intervención, converténdose, de novo, nun desprezábel acólito do imperialismo.

Por último queremos manifestar que avogamos porque o proletariado, o resto de clases traballadoras e en xeral as clases populares libias emprendan libremente e sen inxerencias externas o camiño do Socialismo.

NON Á GUERRA IMPERIALISTA NA LIBIA!!!!

Adiante a rebelión da Clase Obreira!

10 DE MARZO, 8 DE MARZO, 140 ANIVERSARIO DA COMUNA
Nesta primavera de 2011 conmemórase o 140 aniversario da Comuna de París, a Primeira Revolución Proletaria na época daquel capitalismo novo e ascendente na Francia imperial do sobriño de Napoleón. Aquela primeira toma do poder político por parte dos traballadores e traballadoras parisienses foi esmagada a sangue e lume, con milleiros de fusilados, pola reacción burguesa de Versalles coa conivencia do Estado Maior da nova Alemaña de Bismarck. Pese a derrota, Marx tirou como ensinanza que o proletariado non podía limitarse simplemente a tomar posesión do Estado nas súas mans, senón que, fronte á ditadura do capital, o que cumpría facer era derrubalo e erguer un poder de novo tipo, obreiro, revolucionario e autenticamente democrático: a ditadura do proletariado.

Foro de Unidade Comunista Galega

De común acordo entre o colectivo marxista-leninista FORXA!, o Ateneu Proletario Galego, e o PCPG, nace unha nova iniciativa de foro de debate comunista de carácter unitario, aberto aos comunistas galegos e galegas, organizadas ou non, co fin de traballar en común polos intereses do Proletariado e polo Socialismo, tanto en Galiza como a nivel Internacional.

A aspiración e obxectivos fundamentais do FORO DE UNIDADE COMUNISTA GALEGA son contribuír á clarificación científica do proletariado, fronte á confusión e división actual que debilita á nosa clase e ao propio movemento comunista. Pulando tamén pola coordinación dos esforzos das e dos comunistas galegos, cara o fortalecemento dos movementos sociais e organizacións do proletariado no seo das súas loitas, e á construción da súa propia organización revolucionaria.

Combinarase o debate, a crítica e autocrítica colectiva encamiñada á clarificación ideolóxica, coa acción política no seno do movemento obreiro e popular.


Acordo de Unidade de Acción

 
Os e as comunistas galegos/as militantes das organizacións Partido Comunista do Pobo Galego P.C.P.G, Colectivos Comunistas de Galiza FORXA!! e Ateneu Proletário Galego facemos público o ACORDO DE UNIDADE DE ACCIÓN ao que temos chegado despois de encontros, intercambios e debates, que entendemos haberán de ampliarse para encetar un proceso de achegamento do conxunto dos partidos e organizacións marxistas-leninistas existentes na Galiza na perspectiva da reunificación do Movemento Comunista nos ámbitos nacional e mundial.
As tres organizacións constatamos que a actual crise capitalista, sistémica, xeral e estrutural, sinala a entrada do modo de produción capitalista na súa fase terminal, nunha longa etapa de depresión crónica, na que cos seus estertores agónicos, pretende facer retornar o proletariado e aos pobos do mundo á escravitude e pauperismo que padeceu na mocidade do sistema, ademais de entregar á guerra imperialista, o fascismo e a barbarie exterminadora e xenocida como medios para o mantemento da dominación de clase e a súa supervivencia como réxime social.
Fronte aos plans dos estados maiores do imperialismo, temos que erguer novamente as bandeiras vermellas coa fouce e o martelo do Movemento Comunista Internacional, verdadeiro Estado Maior do proletariado internacional, reconstruílo en todo o seu potencial, para que, armado coa teoría do Marxismo-Leninismo, cumpra a misión histórica pendente de rematar: a Revolución Socialista Proletaria. Hoxe, mais que nunca antes na Historia, o proletariado representa a clase mais numerosa das clases traballadoras explotadas do mundo, desde a China a Brasil, e os seus intereses son indiscutiblemente os do futuro de toda a humanidade oprimida.
Para iso as/os comunistas galegas/os precisamos de unidade, política, ideolóxica e organizativa, que acadaremos mediante o debate colectivo honesto e xeneroso, crítico e autocrítico, clarificador e resolutivo, que nos dote dos recursos teóricos imprescindibles para unha acción política inaprazable nestes tempos que nos toca vivir. Temos un deber para coa a nosa clase, que nos ven dado polo papel dirixente que sempre tivemos no movemento antiimperialista e revolucionario mundial e no noso propio país que non pode nin vai cumprir ninguén mais que nós, pois representan outros intereses de clase con posicións político ideolóxicas sen a determinación estratéxica necesaria para esta misión histórica.
Os/as comunistas Galegos de FORXA!!, Ateneu Proletário Galego e do PCPG decidimos pór en marcha e dar pasos no camiño sinalado, resolvendo coordinar a nosa actividade política militante e aportarmos as nosas análises ao debate aberto, plasmado en documentos como o GUIÓN PARA DEBATE, de FORXA!! e as TESES POLITICO-ORGANIZATIVAS do PCPG, emprazando as outras organizacións e persoas comunistas galegas a se sumaren á esta iniciativa de reorganización dos e das comunistas, para así podermos contribuir mellor desde a nosa sociedade nacional ao fortalecemento e avance da causa do proletariado mundial.
Como liñas xerais da nosa acción política marcámonos a intervención no movemento obreiro galego e nas centrais sindicais do noso país, co obxectivo de elevar o nivel de unidade pola base do proletariado galego fronte á traizón e o sectarismo, pulando pola súa combatividade e consciencia política e ideolóxica, cara a mudar as loitas por obxectivos económicos e sociais inmediatos en loitas globais polo obxectivo político da derrota dos gobernos capitalistas e do propio réxime monárquico, da súa ofensiva anti-obreira e anti-popular da entente imperialista europea, para tomar o poder político mediante a conquista da democracia popular, a independencia nacional e o socialismo.
Defendemos unha táctica de Unidade Popular na sociedade galega, na que o proletariado fragüe unha sólida alianza coas restantes clases traballadoras detrás da súa dirección, que lle permita ampliar os seus apoios en torno a un programa anticapitalista, antimonopolista e anti-imperialista, subtraendo e neutralizando potenciais apoios a alternativas populistas, reaccionarias e/ou abertamente fascistas.
Os e as comunistas galegos/as, que ao longo da nosa historia sempre erguemos as bandeiras da emancipación social e da liberación nacional do noso país, apostamos pola Independencia como solución á cuestión da opresión que sofre o noso pobo, como parte integrante dunha aposta renovada por unha  auténtica  Internacional Comunista, das Clases Obreiras dos Pobos do mundo, agrupadas con un programa para a Revolución Socialista Mundial, entendendo a autodeterminación como exercicio de plena soberanía e capacidade política constituínte por parte exclusiva do proletariado e pobo traballador galego como únicos suxeitos desta. A loita de clases na sociedade galega e a loita de clases mundial son o eixo da loita pola liberación nacional e social, sendo tamén o proxecto da construcción da nosa irrenunciable República Socialista Galega, como parte do Socialismo Mundial. Sobre estas bases e as que resulten do proceso en marcha marcaremos a nosa actuación política no curto prazo. Agardamos compartir este camiño con todos os comunistas que fan da teoría revolucionaria do marxismo-leninismo unha práctica real e consecuente. 

Desde Galiza,
POLA UNIDADE COMUNISTA E POR UNHA NOVA INTERNACIONAL!!
POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA E POLA REVOLUCIÓN SOCIALISTA MUNDIAL!!
PROLETARIOS DE TÓDOLOS PAÍSES, UNÍDEVOS!!

Galiza, 15 de febreiro de 2011.
 
Partido Comunista do Pobo Galego (P.C.P.G.)
FORXA!! Colectivo marxista leninista
Ateneu Proletário Galego