[12X] CONTRA O GOBERNO, A TROIKA E O CAPITAL: AVANZAR CARA A FOLGA XERAL!


Cómpre deixar a ferramenta, pechar a porta e saír á rúa.

Nuns poucos días todo Fene ficará sen carga de traballo. A demanda do dique deixase librada á vontade da SEPI e da UE imperialista, representantes do gran capital monopolista, responsábel e beneficiario da liquidación do noso tecido produtivo e da ruína da nosa clase.

O chamamento á Folga pon en pé de loita a milleiros de traballadoras e traballadores da Naval.

Pero tamén @s do marisco, do sector agro-gandeiro que sofren as consecuencias da desatención criminal e estragamento da nosa ría e da asfixia baixo as imposicións da PAC imperialista; de pequenos comerciantes e autónomos arruinados e fagocitados polas grandes superficies monopolistas; proletarizados e arroxados ao paro e á pobreza.

Das mulleres traballadoras, acosadas polo paro, a precariedade e a liquidación da atención pública aos maiores, nenos e dependentes.

Da mocidade obreira e popular condenada ao paro e segregada nos centros de estudos como consecuencia da LOMCE do capital que quere ver escravas e analfabetas ás fillas e fillos da clase obreira.

Unha clase obreira que na bisbarra, pero tamén en toda a Galiza, en todo o Estado español, é vítima dunha guerra aberta da oligarquía contra todos os dereitos e condicións de vida, da destrución da sanidade, do sistema público de pensións, en breve do salario mínimo interprofesional.

A liquidación dos Convenios devólvenos á prehistoria do Movemento Obreiro, despóxanos dos dereitos acadados colectivamente e pretende deixarnos indefens@s e illad@s mendigando cada dereito individualmente a unha patronal envalentonada e apontoada polas políticas de Pacto, rendición e colaboración co inimigo de clase.

A man esquerda do capital, o reformismo e o oportunismo político que camiña cara a unha de tantas refundacións electoreiras baixo a bandeira do Pacto entreguista e desmobilizador, ofrécesenos como relevo dun PSOE que xa non pode coa creba da súa lexitimidade.

Con potente bombo mediático, volve querer refundar a Unión Europea, humanizar o capitalismo (convencer ao lobo de que coma herba) e negar a loita de clases falando de que a cidadanía ten que rexenerar a democracia.

Pero nós, obreiras e obreiros, sabemos que os explotadores tamén son cidadáns e que a democracia burguesa é a ditadura do capital.

Os Comunistas de Galiza, organizados en FORXA! e  no PCPE, chamamos a converter a Folga do 12 de Xuño nun grande éxito da clase obreira e o pobo de Ferrolterra. A sumar todas as loitas comarcais e sectoriais cara a unha nova Folga Xeral que amose a inmensa forza da nosa clase cando se une para loitar.

A erguer unha ampla fronte obreira e popular que defenda cada dereito, cada conquista, cada froito das loitas do pasado; e concentrando as nosas forzas para dar todas as batallas do futuro e a batalla polo noso propio Poder, que remate para sempre co capitalismo e as súas crises, coa explotación e o sufrimento do noso pobo e da nosa clase.

OU ELES, OU NÓS!
VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!