O internacionalismo proletario: a condición necesaria para a loita contra a burguesía.

Ingars Burlaks,
membro do Partido Socialista de Letonia.

O nacionalismo na súa calidade de determinada ideoloxía estruturada naceu no século XIX. Xunto coas teorías liberais daquel período estábase a desenvolver como un dos factores da loita contra os atavismos de relacións feudais.

A medida que maduraba o marxismo, inevitabelmente tívose que formar unha opinión ao respecto daquela ideoloxía, que era suficientemente popular debido a unhas razóns históricas e ideolóxicas.

Moitas obras de Marx, Engels e Lenin están dedicadas ao tema nacional.

O lema “Proletarios de todos os países, Unídevos!” representa o resultado concentrado da súa postura.

Por outro lado, a Gran Revolución de Outubro e a loita postrevolucionaria demostraron que os revolucionarios menosprezaran a influencia da ideoloxía nacionalista sobre as mentes e almas das amplas masas populares. Esa foi a razón, xunto coa resistencia armada do capital nacional e internacional, da derrota da clase obreira en tales países como Letonia, Finlandia ou Polonia. Máis tarde, tendo como fondo a crise mundial do capitalismo, a mesma ideoloxía favoreceu a chegada ao poder dos partidos fascistas e nacionalsocialistas en Italia e Alemaña, así como ao establecemento das ditaduras fascistas nalgúns outros países de Europa.

Foi a explosión do nacionalismo unha das principais causas da desintegración da URSS -o primeiro e o máis poderoso estado socialista.

É o nacionalismo o que hoxe constitúe o obstáculo principal para a unión e solidariedade entre os traballadores dos países da ex Unión Soviética e Europa do Leste.

Hai unhas firmes razóns para supoñer que será o nacionalismo a arma de loita universal contra o movemento revolucionario ao que recorrerán os gobernos burgueses de moitos países, estes gobernos que presumen hoxe da súa corrección política, multiculturalismo e outros valores liberais.

A base histórica do internacionalismo do Partido Socialista de Letonia
(1904 - 1906)

En xuño de 1904 en Riga tivo lugar o primeiro congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata de Letonia (LSDRP), cuxo herdeiro é o PSL (LSP).1

Dende o momento da súa creación o partido loitador do proletariado letón estábase a formar sobre a sólida base do internacionalismo proletario e despregou un combate constante contra o nacionalismo burgués.

Os acontecementos sanguentos do 9 de xaneiro de 1905 deron o comezo á primeira manifestación masiva dos obreiros letóns, revelaron a solidariedade internacional e deron paso á revolución democrático-burguesa. O Comité Central dirixiuse aos traballadores: "Agora, cando a neve do chan de Petersburgo está salpicada polo sangue dos nosos camaradas, aguantaremos máis a vergoña de traballar para os nosos explotadores deixando ata a última gota de suor?. Neste momento histórico a nosa obriga e a de todos os traballadores é abandonar o traballo e unirnos aos camaradas de San Petersburgo. Anunciamos unha folga xeral!".2

A experiencia da loita internacional conxunta no transcurso da revolución foi un dos factores decisivos no golpe demoledor á posición dos federalistas que prevalecía no partido ata entón -"o oportunismo na forma federalista".3 No marzo de 1906 na súa obra "Plataforma táctica para o Congreso de Unificación do POSDR" V. Lenin sinalou: "é imprescindíbel tomar as medidas enérxicas para unir todos os partidos socialdemócratas en Rusia nun partido obreiro socialdemócrata unificado".4

Sobre o fundamento dos principios de Lenin e en acordo co "Proxecto das condicións para a unión do Partido Obreiro Socialdemócrata de Letonia co POSDR " adaptado no 4° congreso do POSDR celebrouse a unión do POSDL e do POSDR. O asunto da unificación final foi decidido no 3er congreso do POSDL e en xullo de 1906 o POSDL pasou a formar unha sección territorial do POSDR baixo o nome de Socialdemocracia da rexión de Letonia (SDL).

Experiencia da Revolución: vitorias e derrotas
(1914 - 1920)

Cara ao comezo da Primeira Guerra mundial a SDL seguía firmemente as directivas de Lenin e actuaba baixo o lema da conversión da guerra imperialista na civil.

A burguesía letona local intentaba defender os intereses da súa clase e expulsar a burguesía e aristocracia alemás das súas posicións económicas e sociais en Letonia. En 1915 para ese fin en acordo á súa iniciativa foron creadas as formacións armadas nacionais -as unidades de Tiradores Letóns.

Despois da Revolución de Febreiro en 1917 os capitalistas letóns esperaban que as unidades armadas dos Tiradores se unisen baixo a bandeira do separatismo e nacionalismo burgués. Non obstante, iso non aconteceu. Durante a guerra a SDL desenvolveu a actividade propagandística constante entre as unidades de Tiradores, explicando a súa visión do problema nacional e defendendo a idea internacionalista da unión dos traballadores. No maio de 1917 o congreso dos Tiradores Letóns aprobou a resolución proposta polo Comité Central da SDL que constataba a necesidade de establecer lazos fraternais cos soldados alemáns e loitar contra os capitalistas en todos os países. O congreso anunciou: "O noso lema segue sendo o chamamento á democracia revolucionaria: entregar todo o poder aos Consellos Soviets de obreiros, soldados e campesiños".5 O congreso deu a coñecer o nacemento dos Tiradores Vermellos Letóns que se converterían en fieis gardiáns da revolución.

Durante o 5° congreso a Socialdemocracia de Letonia (o nome adquirido pola SDL en xullo de 1917) deu unha resposta contundente ao separatismo. O congreso destacou: "mentres a palabra decisiva na vida do estado e certas unidades non a pronuncie o proletariado, ata entón toda a separación política e económica frea... o desenvolvemento, dá vantaxe á burguesía, obstaculiza a unión internacional do proletariado na súa loita polo socialismo".6 O 16 de outubro a conferencia extraordinaria da SDL pronunciouse: "o proletariado de Letonia debe manter a máis estreita unión cos traballadores das cidades revolucionarias de San Petersburgo e Moscova, tendo como obxectivo apoiar con todas as súas forzas e medios posíbeis a loita do proletariado ruso polo poder no Estado".7

En canto os traballadores de Letonia se decataron do triunfo da sublevación armada en San Petersburgo, os Soviets empezaron a tomar o poder nas súas mans nas rexións letonas libres do exército alemán. Nas eleccións á Asemblea Constituínte Rusa en Liflandia a favor dos candidatos  bolxeviques votou o 72% do electorado. Nas tropas de tiradores a favor dos candidatos do partido bolxevique que tiñan a V.Lenin como número un votou o 96,5% dos votantes.8

Hai que mencionar que cara mediados de febreiro de 1918 aproximadamente 5,5 mil dos Tiradores Vermellos Letóns cumprían co seu deber internacional no territorio da Rusia Soviética. Entre eles encontrábase o 6° rexemento de Tukums, que estaba a disposición do Goberno Soviético e cuxas unidades vixiaban a sede do Goberno no Smolny (e no Kremlin, máis tarde). No territorio libre de Letonia naquel momento encontrábanse 9,5 mil dos Tiradores Vermellos Letóns. Non obstante, cara finais de febreiro todo o territorio resultou ocupado polas tropas alemás. De novo, respondendo ao chamamento do Comité Central da SDL os tiradores revolucionarios deciden: "Os Tiradores Letóns non deben baixar as armas e capitular ante a Alemaña militarista, ao aliarse ao exército do proletariado ruso".9 Todas as unidades dos Tiradores Letóns retiráronse a Rusia. Para o mes de abril estaba formada a División Letona Soviética de Tiradores -unha das primeiras formacións da nova República Soviética.

En novembro de 1918, rematada a revolución en Alemaña, o Goberno Soviético anulou o Tratado de Brest. Entre os traballadores de Letonia apuntou a esperanza de gañar o poder Soviético e constituír o primeiro estado de obreiros e campesiños.

Diso tamén se decataban os imperialistas de Gran Bretaña e os Estados Unidos. Coa súa directa participación ("o factor decisivo resultou ser o odio de Inglaterra cara ao bolxevismo")10 no territorio letón, ocupado polas tropas alemás, o 18 de novembro foi proclamada a constitución do goberno provisional, así chamado o Consello Popular, que incluíu todos os partidos burgueses e pequenoburgueses en activo naquel momento.

A ilegal 17ª conferencia do SDL, que tivo lugar en Riga o 18 e 19 de novembro, tomou a decisión de preparar un motín armado, expulsar as tropas alemás do territorio letón e derrocar o goberno burgués. A resolución do congreso referente ao asunto nacional establecía: "O proletariado de Letonia non ten nada en común co nacionalismo burgués... o nacionalismo burgués e a aspiración á independencia burguesa representan un medio para loitar contra o proletariado letón".11

A achega da Rusia Soviética ao triunfo da revolución en Letonia non se pode menosprezar. Os exércitos Occidental e o 7° axudaron á División letona de tiradores a derrubar os nacionalistas burgueses. O 3 de xaneiro de 1919 os traballadores de Riga organizaron unha insurrección armada e tomaron o poder na cidade nas súas mans.

No primeiro congreso dos Soviets de Letonia o 13 de xaneiro de 1919 en Riga foi aprobada a primeira Constitución da Letonia Soviética, o feito que celebrou o triunfo da revolución no territorio letón. O 6° congreso do SDL cambiou o seu nome a Partido Comunista de Letonia.

Non obstante, o poder dos Soviets no territorio de Letonia durou menos dun ano xa que foi abatido polo ataque das forzas conxuntas da garda branca letona, baróns alemáns e imperialistas ingleses e americanos. Ao mesmo tempo, a burguesía letona conseguiu seducir a gran parte da poboación, os artesáns obreiros e campesiños na súa maioría, coas ideas da soberanía nacional e do estado que lles pertencería a eles. As tropas do goberno ruso empezaron a sufrir derrotas e ceder territorios. No principio de 1920 viuse obrigado a anunciar a súa autodisolución. O PCL pasou á clandestinidade e anunciou o seu ingreso na Internacional Comunista como sección independente.

Dende a ditadura da burguesía ata a ditadura do proletariado
(1920 - 1940)

Durante o período da ditadura burguesa o PCL mantiña unha loita activa para organizar os traballadores a defender os seus dereitos lexítimos. O acento principal púñao na organización e execución das folgas, motíns e manifestacións. Os comunistas aproveitaban a oportunidade de realizar o traballo legal a través das comisións obreiras e sindicatos esquerdistas. Nas eleccións ao terceiro Saiema (Parlamento) en 1928 os comunistas conseguiron formar o bloque de "obreiros e campesiños obreiros", recibir 6 mandados dos 100 en total e formar a Fracción dos Obreiros e Campesiños. Iso foi un logro considerábel. Os deputados comunistas utilizaban a tribuna do parlamento para difundir as súas ideas. Eles poñían moita atención en aclarar os perigos da consolidación das tendencias fascistas e nacionalistas burguesas, e poñían en exemplo a vida do pobo traballador na URSS para acentuar o contraste. Coa crise do sistema capitalista universal como fondo, a posición do PCL fortaleceu. Nas eleccións ao 4° Saiema (1931) os comunistas recibiron 7 mandatos. Ao mesmo tempo en 1931-1933 o país sufriu unha ondada de folgas e manifestacións dos traballadores e desempregados lideradas polo PCL. Era evidente que o constante auxe da loita de clases dos últimos 10 anos chegaba ao seu apoxeo. Neste momento os círculos reaccionarios decidíronse a organizar o golpe de estado para establecer a ditadura fascista con K. Ulmanis na cabeza. O Saiema foi disolto, a fracción obreiro - campesiña foi arrestada. Todas as organizacións obreiras e sindicatos suspenderon as súas actividades. Aquela ditadura xunto coa ideoloxía tradicional da dereita conservadora, característica para moitos rexímenes en Europa de entón, tiña un compoñente nacionalista destacado. Xusto naquel período cae a maior parte das accións nacionalistas e anticomunistas do poder burgués. Non é unha casualidade que ata os nosos días o período da ditadura burguesa de 1933 -1940 segue sendo un modelo exemplar para os nacionalistas radicais e os neonazis en Letonia.

Naquelas condicións o PCL constrúe a súa táctica partindo dende a necesidade de crear unha fronte popular antifascista común. Coa iniciativa do PCL foi pactado un acordo co Partido Socialista Obreiro-Campesiño de Letonia (creado sobre a á esquerda do partido socialdemócrata) e foi fundada a Unión da Xuventude Traballadora de Letonia (sobre a base conxunta do Komsomol e a Unión da Xuventude Socialista de Letonia). Respondendo ao chamamento do PCL, moitos traballadores de Letonia foron a cumprir o seu deber internacional a España, formando parte das Brigadas Internacionais.

O 5 de outubro de 1939 Letonia e a URSS asinaron o Acordo de colaboración, no territorio letón foron acuartelados 25.000 militares soviéticos. Non obstante, K. Ulmanis infrinxía o Acordo reiteradamente, o que provocou unha nota do goberno Soviético ao Cónsul letón, que chamaba a súa atención ás devanditas infraccións e esixía formar un goberno capaz de garantir o cumprimento dos requisitos establecidos e aloxar no territorio letón forzas complementarias do Exército Vermello.

O 17 de xuño as divisións do Exército Vermello entraron en Letonia. O acontecemento que influíu dun xeito considerábel nos sucesos revolucionarios posteriores, pero aquela influencia non foi determinante, como o intentan demostrar os historiógrafos burgueses. Non hai ningunha constancia de infracción da soberanía de Letonia durante os días seguintes á revolución. Os traballadores de Letonia, que sufriran nas súas propias carnes a explotación de "o seu propio" estado da burguesía nacional e se decataran de que non era diferente a calquera outro estado baseado na explotación, convertéronse no motor dos cambios revolucionarios.

A cantidade dos membros do PCL diminuíu como consecuencia das represións do réxime ditatorial de Ulmanis, a pesar disto, o PCL organizou o 17-21 de xuño unhas manifestacións masivas de traballadores esixindo a dimisión do goberno en vigor, a constitución dun goberno novo democrático, a legalización do partido comunista e a liberación dos presos políticos.

O recén formado goberno popular (que non contaba con comunistas entre os seus membros) anunciou eleccións á nova Saiema Popular. Nas eleccións de xullo de 1940 o 97,8% do electorado votaron a favor do Bloque do Pobo Traballador de Letonia formado polos comunistas e deputados independentes. O 21 de xullo 100.000 persoas manifestáronse esixindo resolver o asunto da incorporación de Letonia á URSS. O 5 de agosto o Consello Supremo tomou a decisión da incorporación de Letonia á URSS.

O pobo traballador empezou o seu labor creativo e pacífico que foi interrompido pola Gran Guerra Patria.

A proba de fogo
(1941 - 1945)

Os anos da Gran Guerra Patria foron o tempo de proba da resistencia non só para a economía socialista, senón tamén para a forza do internacionalismo de todo o pobo soviético. As esperanzas fascistas de que, ao comezar a guerra, as repúblicas soviéticas se verán inmersas nas protestas nacionalistas separatistas contra o poder soviético, e a URSS se derrubará baixo este golpe dende dentro unido á agresión fascista dende fóra, esas esperanzas fracasaron.

Letonia pode servir de exemplo de que a política realizada naquel período era correcta. O seu obxectivo era liquidar a burguesía como clase polo seu interese primordial na restauración do capitalismo e descabezar a "quinta columna" nacionalista. Á Gran Guerra Patria correspondeu o período da loita de clases encarnizada. Unha parte dos simpatizantes interiores foi detida e trasladada fóra do territorio de Letonia unha semana antes de que estalara a guerra. Pero no país, onde o poder soviético se instaurara hai un ano, os capitalistas da agricultura non estaban aínda neutralizados e a burguesía nas cidades soñaba con recuperar os seus bens nacionalizados. Para abducir a conciencia do pobo volveuse utilizar o nacionalismo burgués, en igual medida vantaxoso para a burguesía local e os ocupantes fascistas. Os lacaios fascistas e traidores do seu pobo cultivaban a idea da "posíbel independencia económica e cultural"12 e difundían a mentira propagandística sobre o primeiro ano do poder soviético que pintaban como "un ano terríbel" e sobre "o xenocidio premeditado do pobo letón".13 Seguindo aquela propaganda unha parte da poboación organizouse nas unidades das Waffen SS. É necesario admitir que unha gran parte dos agricultores (en primeiro lugar, os ricos, aos que pertencían as parcelas mais grandes e os medios de produción) apoiaban dunha forma activa tamén ás unidades bandidas nacionalistas nos tempos de posguerra.

O carácter clasista da loita confírmase tamén polo feito de que xunto coas tropas do Exército Vermello se retiraban ao territorio Soviético os obreiros (que representaban a maioría dos retirados), a administración soviética e do partido, así como os campesiños sen terra ou pequenos terratenentes. No 1941 foi fundada a División Letona de Tiradores Voluntarios. A súa composición reflicte explicitamente, cales eran as forzas que se uniron baixo a bandeira do internacionalismo do proletariado para defender a revolución do segmento máis reaccionario da burguesía mundial - o fascismo alemán, - "son 62% obreiros, 29% funcionarios soviéticos, 9% campesiños".14

Probar as forzas: "nacional comunistas"
(1956 - 1959)

A entrada da República Socialista Soviética de Letonia no complexo económico da familia unida dos pobos da URSS, a reconstrución da economía profundamente danada pola guerra, a industrialización, todo aquilo requiría unha gran cantidade de obreiros e intelectuais, técnicos e funcionarios do estado con experiencia. A poboación de Letonia en 1950 é de un millón novecentos corenta e tres mil habitantes, entre eles un millón sesenta e tres mil viven no rural.15 Por razóns obxectivas a República de Letonia sofre un déficit de recursos humanos de alta cualificación. A taxa do crecemento mecánico da poboación aumenta considerabelmente. O enfoque razoábel e sopesado do asunto nacional no que se refire aos recén chegados non foi adoptado (tratábase de ensinarlles o idioma, a cultura e tradicións da poboación autóctona). Unha parte dos funcionarios soviéticos e do partido pola contra, utilizaron aquel grupo para os seus fins nacionalistas e separatistas. Como o catalizador para a intervención dos así chamados nacional comunistas serviron as decisións do 20° congreso do Partido Comunista e a política revisionista de "desestalinización". Intentouse limitar o crecemento mecánico da poboación na capital baixo o pretexto de salvagardar a cultura autóctona. Á medida que Riga se convertía nunha das capitais industriais máis desenvolvidas da URSS, empezaron a manifestarse as ideas de "a necesidade de darlle preferencia non ao desenvolvemento da industria pesada e produción dos medios de produción, senón á lixeira para satisfacer as necesidades da poboación de república".16 Esa mensaxe pódese considerar un intento de quebrantar o conxunto da planificación económica e apartamento do sistema económico da URSS.

Non obstante, naquela etapa o partido era aínda capaz de parar as actuacións separatistas. A asemblea do Comité Central do PCL derrotou aos líderes nacional comunistas e ás súas ideas.

Nacionalismo, a arma da contrarrevolución
(1988 - 1991)

Os procesos oportunistas nocivos que empezaran co 20° congreso do PCUS e as reformas económicas a mediados dos 60 desbocaron na aberta restauración capitalista contrarrevolucionaria no territorio da URSS e levaron á derrota temporal do sistema socialista.

O nacionalismo pequenoburgués foi indubidabelmente un dos métodos utilizados polas forzas contrarrevolucionarias para desintegrar o estado unitario, para apremar as ideas separatistas en moitas das repúblicas da URSS. Eses procesos manifestáronse con máxima claridade nas repúblicas Bálticas, Letonia entre elas.

Os círculos aspirantes á restauración burguesa decatábanse de que as ideas do capitalismo aberto non tiñan futuro como locomotora das masas, a xente non cedería os logros do poder soviético tales como a medicina e educación gratuítas, a vivenda practicamente gratuíta tamén, o dereito ao traballo e vacacións garantidos e por iso trasladaron o peso propagandístico aos sentimentos nacionais da poboación. Apareceron as propostas de "reducir a influencia do Centro soviético nas rexións", diminuír o crecemento mecánico da poboación, etc. Pouco a pouco esas ideas ían cambiando polas esixencias cada vez mais radicais: "separación do conxunto económico da URSS", "autonomía", etc., para finalizar en "restauración do estado de antes de 1940". Por suposto, ningún documento mencionaba que esa restauración ía ser a restauración do capitalismo.

As forzas organizativas da contrarrevolución formaron en outubro de 1988 A Fronte Popular de Letonia (FPL). Para esas datas apareceron as fendas ideolóxicas tamén nas filas do PCL. Unha parte do partido opúñase á creación do FPL, pero outra non só non se opoñía, senón o alentaba, considerándoo o primeiro paso á restauración do capitalismo.

Un ano despois, no 2° congreso do FPL os temas da "democratización " e "soberanía dentro da URSS" cambiaron por "a necesidade da independencia total da Republica de Letonia e a súa separación da URSS".17 Naqueles tempos estábanse a trazar os primeiros pasos para a desindustrialización do país, aniquilación da clase obreira, desintegración dos unidos colectivos laborais que contaban con varias miles de persoas. Iso tamén se levaba a cabo baixo os lemas nacionalistas e frases soadas sobre a necesidade de manter o número de habitantes da nación autóctona a través da redución da migración da man de obra. O FPL anota no seu programa: "O FPL móstrase a favor de que o desenvolvemento industrial de Letonia só se basee exclusivamente nos recursos humanos locais. Consecutivamente é necesario reducir e limitar o número esaxerado dos postos laborais na República".18 O FPL reforzaba as súas posicións a través da propaganda que contrapoñía a idea da agricultura nacional (prometendo adicionalmente a disolución das cooperativas agrícolas (kolhoz) e seguida pola privatización das terras) á da industria sostida polos emigrantes. Esa política encontraba simpatizantes no medio rural, onde predominaba a poboación de nacionalidade autóctona. O primeiro programa do FPL inclúe a tese: "FPL considera a agricultura a súa prioridade e móstrase por realizar esa política consecutivamente".19

En abril de 1990 o PCL dividiuse, 242 deputados de 700 abandonaron a sala do congreso e formaron o Partido Comunista Independente que apoiaba as ideas do FPL.

Os traballadores de Letonia non cederon baixo a retórica nacionalista, eles decatáronse do prexudicial do novo rumbo e esforzáronse para salvar o poder soviético. A principios de 1989 constituíuse a Fronte Internacional dos Traballadores (Interfront), no maio de 1991, xunto co PCL, o Comité de Salvamento Letón. Non obstante, non conseguiron salvagardar o socialismo.

Despois da restauración do capitalismo a burguesía continuou, e ségueo facendo,  a utilizar o nacionalismo para poñer fendas no movemento obreiro.

A burguesía chegou ao poder e emprendeu o primeiro paso para consolidar a súa influencia: prohibiu a organización que levaba realizando constante e continuamente a política do internacionalismo do proletariado. O 24 de agosto de 1991 a actividade do PCL foi interrompida sen investigación nin xuízo. A propaganda comunista resultou prohibida e o Primeiro Secretario do Comité Central Alfred Rubiks foi encarcerado.

Ademais da aniquilación dos grandes colectivos laborais os capitalistas quitaron os dereitos políticos (a cidadanía) a todos os habitantes do país que chegaron no transcurso dos anos soviéticos, a xente que formaba o proletariado industrial.

Ao mesmo tempo intensificouse o ataque dos medios de comunicación difundindo as ideas de nacionalismo e rusofobia. A comisión de historiógrafos designada polo Presidente da República de Letonia dedicouse a "reescribir" a historia: os lexionarios das Waffen SS e organizacións criminais dos nacionalistas burgueses que seguían opoñendo resistencia ao poder soviético despois da guerra pasaron a ser considerados uns heroes. A "ocupación" de Letonia preséntase como un dato indiscutíbel, ao contrario, non se di nin unha palabra sobre a loita heroica do pobo letón contra os seus capitalistas.

Como consecuencia dese traballo do aparato propagandístico burgués a gran parte da poboación autóctona, en especial os mozos, recibiu unha imaxe errónea do período soviético na historia de Letonia, a idea do internacionalismo do proletariado quedou falsificada, o nacionalismo pequenoburgués instalouse nas mentes. Unha proba obvia son os desfiles dos lexionarios que se desenvolven co acordo silencioso dos poderes e que cada ano reúnen máis xente nova. O nivel do nacionalismo no país tamén se pode  valorar polo feito de que nas últimas eleccións parlamentarias foron elixidos 6 deputados do partido neofascista Todo para Letonia, un deles é un lexionario das SS elixido por segunda vez.

Temos que mencionar que os problemas da minoría rusa en Letonia se converteron no punto de referencia para os intereses da Rusia contemporánea. Despois da desintegración da URSS o apoio de Rusia viuse reducido e concentrado nos partidos autoproclamados "valedores do pobo ruso" da república, os que se basean nas ideas da confrontación étnica e rexeitan o internacionalismo e a importancia do concepto de clase nos procesos sociais. Con frecuencia usan a consigna "Os rusos, veñen!".

O Partido Socialista de Letonia (PSL) nas condicións contemporáneas con firmeza leva á práctica as ideas do internacionalismo proletario, fraternidade e amizade entre os pobos. O PSL non argumenta co nacionalismo para explicar os procesos históricos, senón dende o punto de vista dos intereses de clase, ensina á xente traballadora que a experiencia histórica do distanciamento dos principios do internacionalismo proletario remata no establecemento do poder da burguesía e explotación, quebra a fronte unida da loita obreira pola liberación das cadeas do capitalismo.

O último asilo do capitalismo.

A historia moitas veces demostrou que nas condicións críticas, cando a situación revolucionaria toca á porta, o capitalismo non despreza os métodos máis viles para reter o seu poder: utiliza contra o pobo a violencia descarada, desata os convictos militares e guerras mundiais. Pero as armas da destrución masiva inventadas o século XX volveron a guerra perigosa para o mesmo capitalismo universal. No caso do conflito nuclear na Terra non quedaría sitio garantido para que eles puideron levar unha vida segura. Ademais, a aparición dos países socialistas e como resultado da loita dos obreiros dos países capitalistas polos seus dereitos, o capitalismo viuse obrigado a humanizar en certa medida as relacións socio-económicas. Ao derrubarse o sistema socialista a devandita humanización xa non é necesaria. Non obstante, quitarlles aos traballadores todos os seus logros dunha vez podería levar a unha explosión social, o que é totalmente indesexábel. Por esa razón durante o último decenio o sistema desmóntase paulatinamente baixo o pretexto de tomar "medidas para superar a crise", "estabilizar os sistemas financeiros" ou " mellorar a cualificación de crédito do país". Esas medidas tamén provocan protestas por parte dos traballadores. Con frecuencia desembocan en accións masivas baixo a dirección dos partidos de esquerda e sindicatos. Para neutralizar as reclamacións sen recorrer abertamente á violencia, os gobernos burgueses teñen que reconducir o descontento das masas a outros obxectos ou esferas. Podemos supoñer, que as relacións nacionais, nacionalismo e racismo volverán ser base ideolóxica para estes obxectivos.

Esa tendencia faise visíbel non só na consolidación da influencia dos partidos de extrema dereita e neonazis nuns países, senón tamén no recoñecemento en público do "fracaso da política de multiculturalismo" por parte dun país como Alemaña. Podemos consideralo como o rexeitamento dos principios básicos nas relacións internacionais declarados na segunda metade do século XX, agochado ata agora pero indubidábel.

En efecto, a política de multiculturalidade e corrección política implementada ata hoxe na Unión Europea é ineficaz e ás veces parece unha mera caricatura. A mesma política provoca unha situación que pode rematar na confrontación nacional en varios países.

Supoñemos, a frecuencia e as proporcións do uso da ideoloxía nacionalista por parte da burguesía na súa loita polo poder van aumentar debido ás seguintes razóns:

1. É doado de usar. Os acontecementos nos países ex-soviéticos, Letonia entre eles, demostran que para o seu uso non son necesarias serias argumentacións nin moita preparación. Todo se pode explicar en forma concentrada: “non somos como eles, por iso eles son estraños. Os estraños son inimigos”. Con iso os colegas de onte, camaradas do partido, veciños convértense en rivais irreconciliabeis, dispostos para retirarlles aos estraños os seus dereitos civís, se non para un “pogrom” étnico.

2. É universal. Non hai países onde esa ideoloxía non funcione. A poboación de moitos países está, ou na súa historia recente estaba, composta por varias etnias. Moitos convertéronse en países multiétnicos debido á inmigración da man de obra dende o estranxeiro ou nuns acontecementos históricos. Os países relativamente monoétnicos teñen as súas diásporas no estranxeiro, aquí o lema sería "defender os compatriotas no estranxeiro".

3. Ten un efecto acumulativo. Se os factores étnicos non son o suficientemente fortes, pódese reavivar as pretensións históricas territoriais, datos ou mitos sobre a ocupación, desprazamentos dos pobos, migración, etc.

O exemplo de Letonia é tamén notábel por que o nacionalismo non só foi utilizado en período de derrubamento da URSS, senón todos os anos posteriores, ata os nosos días. Os poderes letóns utilizan na súa política étnica as formas e métodos impensables nos países de Europa ou EUA. Os gobernos e políticos da Unión Europea, incluídos os representantes de socialdemócratas e outras forzas que se autodenominan esquerdistas, que critican despiadadamente outros estados pola prohibición das manifestacións gay ou violación dos dereitos dos animais, non obstante, miran condescendentes como a centenas de millóns de persoas lles privan dos seus dereitos sociais, como aos nazis da segunda Guerra Mundial lles outorgan as honras de heroes, non se pronuncian acerca do proteccionismo étnico aberto.

Esa política de non intervención expresa demostra que o capitalismo internacional utiliza Letonia e algúns outros países do ex-bloque socialista como un polígono para perfeccionar os seus futuros métodos de precondución da enerxía revolucionaria das masas do sector de loita social de clases ao terreo de conflitos étnicos. É unha tendencia moi perigosa e sería imprudente menosprezala. O nacionalismo case sempre vén ligado ao anticomunismo e tende a adquirir as formas fascistas ou converterse en racismo.

A situación actual en Letonia revela que é imposíbel parar o nacionalismo (ou, así chamado, "nacionalismo contrario") coas ideas liberal-cosmopolitas ou a través da defensa dos dereitos humanos. As forzas políticas que o intentaran fracasaron, ou renegaron, cambiando a favor dunha ideoloxía claramente burguesa.

Só hai un método de opoñerse tanto ao nacionalismo, como ao cosmopolitismo, ás diferentes consecuencias da globalización capitalista: é a política e ideoloxía do consciente internacionalismo da clase obreira dirixida a cambios revolucionarios radicais da sociedade.


1. Programa do PSL, p.4 (en ruso).
2. Panfletos das organizacións socialdemócratas de Letonia no período da primeira revolución rusa. Riga, 1956, p.26.
3. I. Stalin. Como entende a socialdemocracia a cuestión nacional? Obras completas, t.1, p.55.
4. Lenin V.I. Obras completas, t.10. p.132 (en letón).
5. Historia dos Tiradores Letóns, 1972, Riga, p.136.
6. V.O. Miller. Primeiro estado soberano do pobo letón. Riga, 1988, pp. 40 -41.
7. O Partido Comunista de Letonia na Revolución de Outubro de 1917. Riga, pp. 466 -467.
8. Historia da República Socialista Soviética de Letonia, t.2, p.32 (en letón).
9. Historia da República Socialista Soviética de Letonia, t.2, p.42 (en letón).
10. Historia de Letonia, século XX, 2005, Riga, p.106 (en letón).
11. Partido Comunista de Letonia nos anos 1918 e 1919. Documentos e materiais. 1958, Riga, pp. 160 -161 (en letón).
12. Historia de Letonia, século XX, 2005, Riga, p.247 (en letón).
13. Historia de Letonia, século XX, 2005, Riga, p.225 (en letón).
14. A loita do pobo letón na Grande Guerra Patria, 1966, Riga, p.108 (en letón).
15. Enciclopedia da Letonia Soviética, 1984, Riga, p.117 (en letón).
16. Historia de Letonia, século XX, 2005, Riga, p.364 (en letón).
17. Enciclopedia de Letonia, 2007, Riga, p.28 (en letón).
18. A nosa historia, 1985 -2005, Riga, 2007, p.126.
19. A nosa historia, 1985 -2005, Riga, 2007, p.128.

[Fonte: Revista Comunista Internacional, nº3, versión en papel de setembro 2012, pp. 75-87]
-Traducido por FORXA!-