Algúns asuntos da estratexia do movemento comunista a través da experiencia do KKE.

Giorgos Marinos,
membro do Buró Político do CC do KKE

Unha versión reducida do artigo foi publicada na revista alemá "Marxistische Blätter", número 5 de 2012.

É verdade que cando nos referimos aos problemas complexos que lle concirnen ao movemento comunista e obreiro, especialmente cando se trata de problemas que teñen que ver coa estratexia dos partidos comunistas, a política de alianzas, é necesario mellorar o debate ideolóxico e político acerca de cuestións sobre as que se expresan diferentes enfoques e desacordos. Así se formularán argumentos, posicións diferentes poñeranse a proba sobre a base das experiencias reais, os principios marxista-leninistas e a experiencia do movemento comunista e obreiro.

Deste xeito evitaranse os aforismos, e a discusión ou debate contribuirán para sacar conclusións, destacar os elementos positivos na estratexia e a táctica dos partidos comunistas ou rexeitar as posicións erróneas e corrixilas.

Todo isto ten un obxectivo. Que o Movemento Comunista estableza bases sólidas, revolucionarias e supere a súa crise, que se volva capaz na loita pola organización da clase obreira, pola construción da necesaria alianza sociopolítica, por conquistar un nivel máis alto no esforzo por reunir forzas co obxectivo de escalar no conflito contra as forzas do capital, por derrocar a barbarie capitalista, polo socialismo.

Sen lugar a dúbidas, os partidos liberais e socialdemócratas así como os partidos que renunciaron aos principios da cosmovisión marxista-leninista e se deslizaron polo camiño da conciliación de clases, do oportunismo, tomaron claras posicións. Elixiron o camiño de defender e xestionar o capitalismo independentemente das escusas e os pretextos que utilizan.

A cuestión é que os Partidos Comunistas que cren nos principios da loita de clases, na necesidade histórica da loita polo derrocamento do réxime da explotación do home polo home, na construción da nova sociedade, o socialismo-comunismo, adapten a súa estratexia e táctica a estes obxectivos que son a esencia e a razón de ser dun partido comunista, a maior contribución posíbel aos intereses da clase obreira e dos sectores populares.

1. O KKE asumiu a súa responsabilidade. Avanza de xeito medido e estudado nun camiño moi duro, saca experiencia da súa historia, confronta as súas debilidades e axusta a súa estratexia e tácticas (que derivan da estratexia) ás necesidades de concentración, educación e organización de forzas obreiras e populares nos centros de traballo e nos barrios sobre a base dun obxectivo non negociábel: a ruptura co gran capital e as unións imperialistas polo derrocamento do poder dos monopolios, o derrocamento das relacións de produción explotadoras e a súa substitución polo poder obreiro e popular socialista, polas relacións de produción socialistas.

O KKE hai moitos anos atrás, en 1996 no seu 15º Congreso axustou a súa estratexia e táctica ás novas necesidades que crea o desenvolvemento do capitalismo, a dominación e o fortalecemento do capital monopolista, a asimilación de Grecia nas organizacións imperialistas, na Unión Europea e a OTAN.

A través do estudo da situación obxectiva, avaliando que en Grecia se desenvolveron (aínda máis) as relacións capitalistas de produción e o capitalismo está na súa fase superior imperialista (monopolista), chegou á conclusión de que os requisitos materiais para o socialismo maduraron aínda máis. O Congreso mencionaba que na nosa época, a época de transición do capitalismo ao socialismo, a loita de clases se dirixe cara á solución da contradición fundamental entre capital e traballo. O cambio revolucionario en Grecia será socialista. As forzas motoras da revolución socialista serán a clase obreira como forza dirixente, os semiproletarios, os campesiños pobres e os sectores pequenoburgueses populares rurais máis oprimidos.

Nesta base estableceuse a liña antimonopolista antiimperialista de concentración e loita como unha ferramenta, como medio para reunir forzas, como base para a política de alianzas do partido e a súa actividade no movemento obreiro e popular co obxectivo de resolver a cuestión fundamental do poder, conquistar o poder popular que creará a base económica cuxa característica básica será a socialización dos medios de produción concentrados e a planificación central.

Neste sentido fixéronse os axustes necesarios nos tres congresos seguintes enriquecendo a estratexia e a táctica do partido. Esta característica é particularmente evidente no 18º Congreso en 2009 que enriqueceu a estratexia do KKE coa utilización da resolución especial sobre as causas e os factores que levaron ao derrocamento do socialismo, sobre todo sobre a base da experiencia da Unión Soviética.

É obvio que o KKE ao axustar a súa estratexia ás novas necesidades da loita de clases, superou a lóxica das "etapas" que foron un trazo característico da estratexia do movemento comunista das décadas anteriores e aínda se mantén nos programas de moitos partidos comunistas.

A resolución do KKE xustifícase pola realidade obxectiva que resalta que non existe un sistema socioeconómico intermedio (é dicir entre o capitalismo e o socialismo-comunismo) e polo tanto non existe un poder intermedio.

A lóxica da etapa intermedia refírese a unha situación transitoria que independentemente da correlación de forzas que se pode expresar a través do melloramento da posición dun Partido Comunista nas eleccións parlamentarias non pode solucionar os dous problemas cruciais que teñen que ver co poder e coa propiedade nos medios de produción.

Sen dúbida, sen o derrocamento revolucionario, o poder, os medios de produción e a riqueza que producen os traballadores permanecerán en mans da burguesía; non existirán (obxectivamente) as condicións para a satisfacción das necesidades populares, perpetuarase a explotación capitalista e polo tanto esta situación será de duración curta; acumularanse problemas para o pobo e o Partido Comunista será exposto, atrapado no círculo vicioso da incorporación no sistema.

A nova estratexia do KKE, a pesar das dificultades creadas polo período da contrarrevolución e a restauración do capitalismo na Unión Soviética e os demais Estados socialistas, a pesar das consecuencias da crise interna do partido e da escisión en 1990-1991, deu un grande impulso á súa loita.

Gañou novas posicións nos sindicatos e outras organizacións do movemento popular e de masas. Desenvolveu os seus lazos coa clase obreira, co campesiñado, coas capas medias urbanas. Deu pasos importantes na construción partidista, no desenvolvemento da actividade na xuventude, a Xuventude Comunista de Grecia viuse fortalecida. O partido adquiriu unha presenza parlamentaria esencial e contribuíu ao esforzo de reagrupar o movemento comunista internacional e confrontar a súa crise ideolóxica, política e organizativa.

Somos moi conscientes do debate e dos argumentos que se utilizan contra a dirección estratéxica do KKE e formulamos os nosos argumentos no debate e para reflexión tratando de destacar os elementos obxectivos que levan a esta opción.

O capitalismo é un sistema historicamente anticuado ao que ningún modo de xestión lle pode dar un rostro humano. Estamos a falar da xestión liberal e socialdemócrata tradicional así como da que se presenta como "de esquerda", "da nova esquerda", "progresista", etc. que provocou discusións no movemento comunista.

Non estudamos as intencións, máis aínda nos casos nos que o bloque de forzas que levaron a cabo responsabilidades gobernamentais nos seus países inclúe partidos comunistas cos que o KKE mantén en xeral boas relacións bilaterais.

Centramos a nosa atención nas propias leis do sistema. Na lei fundamental de adquisición de plusvalía, de traballo non remunerado e ganancia para os monopolios que son o corazón da natureza  explotadora do capitalismo e non cambia por ningunha xestión, calquera, que sexa a súa denominación. Esta lei, independentemente das fórmulas da política a implementar, determina o carácter explotador da economía.

Centramos a nosa atención na agudización da contradición fundamental, a contradición entre o carácter social da produción e do traballo (por un lado) que pon en movemento a millóns de obreiros, traballadores que producen a riqueza e (por outro lado) a apropiación privada capitalista dos resultados deste proceso que hoxe en día está a niveis aínda maiores que antes e ten a súa base no poder do capital e na súa propiedade dos medios de produción.

É xustamente esta contradición que conduce ás crises capitalistas, que fai que o sistema sexa máis e máis agresivo e reaccionario. Isto é o que demostra a experiencia recente da crise capitalista que afectou a Grecia, España, Italia, Portugal, Irlanda e outros Estados da Unión Europea así como os EUA, Xapón e outros países capitalistas segundo a fase do ciclo en que se encontra cada país.

Esta contradición non pode ser superada por ningunha fórmula de xestión do sistema e a subestimación da contradición fundamental no nome das "particularidades nacionais" atrapa a algúns partidos comunistas en posicións equivocadas.

Centramos a nosa atención na agresividade imperialista e a agudización das contradicións interimperialistas sobre o control das materias primas, a distribución dos mercados e das esferas de influencia que constitúen a base para o estalido das guerras imperialistas. Isto non ten que ver soamente coa experiencia histórica das épocas anteriores, non se limita á Primeira e Segunda Guerra Mundial. Está relacionado con decenas de guerras locais e rexionais, as guerras que experimentamos recentemente en Iugoslavia, Afganistán, Iraq e Libia. Está relacionado coa intervención nos asuntos internos de Siria, as ameazas contra Irán, o perigo dunha guerra imperialista xeneralizada no Mediterráneo Oriental, no Golfo Pérsico, na ampla rexión.

Estas contradicións non poden ser superadas por ningunha fórmula de xestión burguesa. A aproximación distorsionada non-clasista das relacións internacionais conduce ao aprisionamento en lóxicas sen saída da "democratización" das unións e os organismos imperialistas, da OTAN, a UE, á quimera do chamado "mundo multipolar", mesmo á dexeneración da participación en gobernos que levaron a cabo guerras imperialistas (como por exemplo en Iugoslavia) ou, máis recentemente, á xustificación e apoio da guerra imperialista contra Libia (véxase a postura dalgúns europarlamentarios do GUE-NGL).

A posición de que o capitalismo é un sistema historicamente anticuado non ten que ver só con Grecia ou outros Estados capitalistas cunha posición intermedia no sistema imperialista que foron fortemente afectados pola crise. Ten que ver en xeral co sistema incluíndo os Estados capitalistas desenvolvidos, máis poderosos que teñen como trazo característico o alto grao de explotación da forza de traballo (debido ao crecemento da produtividade do traballo) e a alta rendibilidade dos monopolios. Nestes Estados tamén (p. ex. EUA, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Xapón etc.) a debilidade de satisfacer as necesidades populares é indiscutíbel; a taxa de desemprego segue sendo alta, elimínanse dereitos laborais e de seguridade social, recórtanse os salarios e as pensións, comercialízanse os servizos sociais.

Cal é a resposta a esta situación dende o punto de vista dos intereses da clase obreira e dos sectores populares, dende o punto de vista do progreso social?

A resposta é o desenvolvemento da loita de clases. O desenvolvemento da loita ideolóxica, política e de masas polo derrocamento da barbarie capitalista, das crises, das guerras, do desemprego que afecta a millóns de traballadores, da pobreza.

O desenvolvemento da loita de clases, en primeiro lugar a nivel nacional, alí onde se manifesta de xeito claro e directo a contradición entre capital e traballo. Así como coa coordinación esencial a nivel internacional cos partidos comunistas, revolucionarios como protagonistas e coas forzas sociais que teñen interese en loitar contra os monopolios, o capitalismo e as unións imperialistas.

A resposta é a loita polo socialismo. Isto non é un asunto académico; non é un asunto máis. É a cuestión fundamental e dominante que determina todo o demais. É dicir, non é suficiente a referencia ao concepto do socialismo no programa, nos documentos dun Partido Comunista ou a aceptación da necesidade e a vixencia do socialismo. Xeralmente, isto faise pero é de pouco valor cando outras opcións programáticas illan a loita polo socialismo e cando a táctica que se determina é parcial e deriva dun obxectivo intermedio para a xestión do sistema.

A cuestión fundamental é a loita polo socialismo e as esixencias desta, para que esta loita determine na práctica a orientación no movemento obreiro, no marco político que formulan os comunistas na loita contra a explotación capitalista, as demandas, os obxectivos de loita, a construción da unidade clasista da clase obreira, a política de alianzas, as elaboracións do partido sobre os problemas populares.

Así se sentarán no banco de acusados o sistema de explotación, as forzas do capital e os seus representantes políticos, promoverase a solución que non é de modo xeral e vago o "desenvolvemento", a "democracia", o "progreso social" senón o desenvolvemento (socialista) que ten como criterio a satisfacción das necesidades populares sen os capitalistas e a ganancia capitalista, coa riqueza en mans dos traballadores que a producen.

Só neste caso, nun ambiente moi hostil onde os capitalistas e o estado burgués que utilizan os medios máis modernos de manipulación, intimidación, represión e o oportunismo está a levar a cabo un intento organizado de desgaste de conciencias pódese alimentar o desenvolvemento da conciencia obreira e popular, pódese preparar e madurar o factor subxectivo para que corresponda (tanto como é posíbel) coas necesidades da loita de clases. Isto dará un impulso á loita dos traballadores para decidir a tomar parte na acción e nas condicións máis difíciles, a enfrontarse cos seus adversarios de clase ao lado do partido revolucionario.

Ao contrario, (se non se dá esta batalla) a clase obreira, os sectores populares pobres cuxos intereses (obxectivamente) están en dirección oposta ao capitalismo, aceptarán o sistema explotador como única solución e se atraparán nos diferentes tipos de xestión e se desarmarán.

Algúns camaradas din: "A correlación de forza é negativa, non podemos falar de derrocamento do sistema, polo socialismo. "

Respondemos decisivamente. Esta aproximación está equivocada. É certo que a revolución socialista non está na axenda neste momento, non se desenvolveron as condicións previas para a situación revolucionaria que é un desenvolvemento obxectivo e ten que ver coa crise política profunda en que se manifestará o que dixo Lenin en "A quebra da Segunda Internacional", é dicir que os de "arriba" non poden gobernar como antes e os de "abaixo" non toleran ser gobernados como antes.

Non obstante, isto non significa que os comunistas "cruzarán as mans" e buscarán substitutos para a xestión na lóxica do "mal menor". O deber dos comunistas é facer un esforzo continuo e combativo para organizar á clase obreira, cambiar a correlación de forzas no movemento obreiro e popular primeiro e non só nos procesos parlamentarios. Este cambio da correlación de forzas (que non é inmutábel) terá elementos clasistas cualitativos e será a solución alternativa real que preparará á clase obreira para as confrontacións difíciles.

En todo caso, a necesidade do socialismo non está determinada pola correlación de forzas. Nin tampouco a nosa época, que é a época de transición do capitalismo ao socialismo, cambiou debido aos cambios contrarrevolucionarios. O que determina, que determinou tamén os sistemas socio-económicos precapitalistas anteriores, é a maduración das condicións materiais para a construción dun sistema socioeconómico cada vez superior, a agudización das contradicións que rexen o sistema vello. É a agudización da contradición entre as forzas produtivas e as relacións de produción obsoletas que destrúen ou impiden o desenvolvemento das forzas produtivas.

Hoxe en día, o factor determinante é a falta de correspondencia entre o carácter social da produción e do traballo coa propiedade social sobre os medios de produción. Esta é a base que dá lugar á necesidade de loitar polo socialismo.

O KKE non subestima as dificultades da loita de clases e os desenvolvementos complexos que teñen que confrontar os partidos comunistas a nivel internacional. Seguimos con grande atención, por exemplo, os desenvolvementos en América Latina e sempre expresamos a nosa solidariedade coa loita dos partidos comunistas. Estudamos os procesos nos pobos, a traxectoria dos gobernos que foron elixidos con lemas de solución dos problemas populares e desta experiencia sacamos conclusións tendo como criterio a política implementada, o seu carácter clasista e, por suposto, a súa postura sobre dúas cuestións básicas.

O carácter do poder e da propiedade dos medios de produción.

Nesta base cabe sinalar que a alteración e a subestimación destas dúas cuestións básicas e a substitución do socialismo científico pola lóxica do chamado "socialismo do século XXI", promovido por forzas socialdemócratas, significa aprisionamento na ilusión dun "capitalismo humanizado" e desarmamento da loita da clase obreira.

A necesidade de derrocamento do capitalismo foi formulada polos teóricos da nosa cosmovisión no "Manifesto do Partido Comunista" e a continuación.

Formulouse máis urxentemente nos anos posteriores utilizando a experiencia da primeira revolución proletaria, a "Comuna de París".

O seguinte extracto do prólogo que escribiu Engels en 1888 no discurso de Marx sobre o Libre Comercio é característico.

"A miseria de grandes masas da poboación como consecuencia da sobreprodución que xera tantos excesos periódicos e repulsións, acompañados polo pánico, ou ben un estancamento do comercio, a división da sociedade nunha pequena clase de capitalistas grandes e nunha grande clase practicamente de escravos asalariados hereditarios, proletarios, que mentres o seu número aumenta constantemente están a ser substituídos polas novas máquinas que aforran traballo humano, en poucas palabras, a sociedade chega a un camiño sen saída do cal o único xeito de saír é a transformación completa de toda a estrutura económica que forma a súa base".

A Gran Revolución Socialista de Outubro, o seu carácter socialista, nos principios do século XX, nun país capitalista atrasado con numerosas capas agrícolas, pequenoburguesas respondeu practicamente á busca dos revolucionarios daquel período e refutou aos partidarios do oportunismo.

A derrota da revolución de 1905, o ataque tsarista e a represión foron combatidos decisivamente. O partido bolxevique baixo a guía de Lenin foi reagrupado, adquiriu a estratexia e tácticas necesarias, continuou en condicións desfavorábeis a preparación para o derrocamento revolucionario non só do absolutismo feudal senón ademais do poder burgués.

Lenin e os bolxeviques non elixiron o "mal menor", "non se atraparon" na busca de solucións de xestión, non trataron como absoluta a correlación de forzas negativa que pouco tempo antes da revolución de outubro foi negativa para os bolxeviques e a favor dos oportunistas nos Soviets e nas eleccións para a Asemblea Constituínte.

Deixárono absolutamente claro: "Ningún apoio ao Goberno Provisional" como dixo Lenin nas Posicións de Abril de 1917. "O paso do poder estatal das mans dunha clase ás mans doutra clase é a primeira, principal, básica característica da revolución, tanto no sentido estritamente científico coma no sentido practicamente político. "

Mencionamos estas cousas tomando en conta o debate que se está a celebrar no movemento comunista sobre este período, reiterando que o elemento fundamental é o cambio da clase no poder e isto faise soamente a través da vía revolucionaria como o demostrou a súa longa experiencia histórica que nos pode protexer das ilusións parlamentarias. Tomando en conta que nunca e en ningún país se produciu un derrocamento de réxime de explotación a través de procesos parlamentarios.

Os clásicos referiríanse ao derrocamento do capitalismo e á necesidade do socialismo a finais do século XIX, a principios do século XX e hoxe en día, cando as condicións materiais maduraron a un grao sen precedentes non temos o dereito de retirarnos desta posición.

Algúns camaradas din: "As condicións cambian dun país a outro". Por suposto, a lei de desenvolvemento desigual dá lugar a diferenzas no nivel de desenvolvemento do capitalismo; pode haber diferenzas na estrutura social de cada sociedade capitalista, diferente nivel de madureza da conciencia da clase obreira, diferenzas na correlación de forzas. Cada Partido Comunista toma en conta (debe tomar en conta) estes elementos ao elaborar a súa estratexia e tácticas, a súa política de alianzas. Non obstante, existen algunhas regras xerais, algúns principios fundamentais que sempre que foron violados levaron á desviación, chegando ata o chamado "Eurocomunismo" que violou e aboliu todos os principios revolucionarios no nome da particularidade nacional. O desenvolvemento do capitalismo, o xurdimento global dos monopolios é o problema principal que determina o feito de que o sistema está na súa última fase, a fase imperialista e destaca que maduraron as condicións materiais para a construción do novo sistema, o socialismo-comunismo.

Nas obras clásicas da nosa cosmovisión analizouse hai moitos anos a esencia da cuestión das particularidades nacionais. É moi útil a referencia clásica de Engels que sinalou en 1887 no prefacio da edición estadounidense da obra "A situación da clase obreira en Inglaterra" que: "As causas que cavaron o abismo entre a clase obreira e a clase capitalista son as mesmas en Estados Unidos e en Europa. Os medios de encher este abismo son os mesmos en todas as partes. Consecuentemente, o programa do proletariado norteamericano deberá coincidir co tempo, en canto ao supremo obxectivo a alcanzar, con aquel que chegou a ser logo de sesenta anos de disensións e debates o programa adoptado pola gran masa do proletariado militante de Europa. Deberá proclamar, como fin supremo, a conquista do poder político pola clase obreira co fin de efectuar a apropiación directa de todos os medios de produción -chan, ferrocarrís, minas, máquinas, etc.- por toda a sociedade e a súa realización por todos e para beneficio de todos".

2. O KKE estuda e aprende da experiencia internacional do movemento comunista, obreiro así como da súa propia traxectoria histórica. Os erros máis importantes que teñen un alto prezo, están relacionados co abandono da independencia ideolóxica, política e organizativa do partido comunista en formacións de cooperación, coalicións e hai moitos exemplos deste tipo no movemento comunista. Exemplos que levaron a retrocesos para moitos anos, á asimilación ou mesmo á disolución de partidos comunistas.

A política de alianzas é unha política de importancia estratéxica, determinada pola liña básica, estratéxica, e isto é un elemento que require consistencia revolucionaria. Calquera desviación deste deber en nome de manobras, de réditos electorais temporais etc conduce cara a atrás, cancela todo o que lograra o partido comunista no período anterior, pon en risco a súa propia existencia revolucionaria.

Destacamos este feito tendo en conta o debate, a confrontación con respecto á posición do KKE nas eleccións parlamentarias recentes en Grecia en maio e xuño de 2012.

Non imos ocuparnos das calumnias sobre sectarismo. O KKE respondera coa súa actividade diaria, coas posicións importantes que obtivo no movemento obreiro e popular, co seu papel de liderado nas numerosas confrontacións clasistas, en decenas de folgas, sentadas e manifestacións, co impacto das súas posicións, o seu prestixio e o papel que desempeña na vida política do país que supera de sobra a súa influencia nas eleccións.

Pero debemos informar aos lectores que a calumnia sobre o sectarismo se lanza sobre todo polos inimigos políticos de clase, incluíndo os vehículos do oportunismo, que non poden levar o KKE baixo o seu control e poñelo no camiño do "realismo de submisión" e da reconciliación clasista.

Estas forzas terían eloxiado o KKE se tivese traizoado a clase obreira, se tivese traizoado o noso pobo e tivese seguido unha liña de abandono da loita polo socialismo, se tivese deixado de condenar a Unión Europea abandonando a posición de retirada da alianza depredadora da UE e da OTAN, se tivese decidido participar nun goberno de xestión do sistema.

Polo tanto, centramos a nosa atención sobre as forzas que representan partidos comunistas e abren unha fronte ideolóxica tan superficial -realmente moi superficial- contra o KKE, que o reconsideren porque quedarán expostos.

Non estamos a falar dunha crítica xustificada, nin dun conflito ideolóxico e político con argumentos. Isto é admisíbel e necesario. Falamos dos golpes solapados, dos ataques calumniosos que distorsionan as posicións do KKE e utilizan argumentos dos nosos inimigos para estigmatizar a loita polo derrocamento do capitalismo, polo socialismo (porque disto se trata en realidade), coa calumnia sobre o sectarismo.

Cada partido, cada cadro debe asumir as súas responsabilidades.

O noso partido chamou ás forzas que apoiaron a SYRIZA nas eleccións, abertamente con visitas en Grecia ou de forma cuberta, contra o KKE a dicir aos membros dos partidos comunistas e aos traballadores en xeral toda a verdade.

Por exemplo:

Deben dicirlles que o denominador común da política da ND, do PASOK, de SYRIZA e dos demais partidos agás o KKE é o apoio á UE, a unión interestatal imperialista que implementa unha estratexia antipopular, como se demostrou, e teñen como criterio da súa consolidación e desenvolvemento os intereses dos grupos monopólicos e das multinacionais.

Deben dicirlles que unha parte da burguesía, grupos económicos fortes que controlan os xornais e outros medios de comunicación así como a radio e a televisión estatais apoiaron a SYRIZA decisivamente mentres que o presidente dos industriais gregos fixo unha proposta para a formación dun goberno de concordia nacional coa participación deste partido.

Deben dicirlles que durante o curso do proceso electoral e sobre todo despois das eleccións do 6 de maio SYRIZA abandonou mesmo a súa fraseoloxía con respecto á cancelación dos memorandos e dos contratos de préstamo, a nacionalización de empresas, etc. e axustou o seu programa plenamente ás necesidades da xestión burguesa.

Deben dicirlles que unha gran parte dos cadros máis corruptos do PASOK nas autoridades rexionais, os municipios, os sindicatos, no aparato estatal desempeñaron un papel principal na manipulación das forzas populares, dos votantes do PASOK a favor de SYRIZA. Que está en desenvolvemento un plan de reagrupamento da socialdemocracia, tendo como núcleo este partido, xa que se demostrou útil para a burguesía para erosionar a conciencia radical a favor da "vía de sentido único da UE", o ataque e control do movemento obreiro.

Deben dicirlles que en vésperas das eleccións, no encontro cos embaixadores do G20 en Grecia, SYRIZA deu aos EUA e á OTAN as súas garantías.

É importante informar aos membros e aos amigos dos partidos comunistas, aos traballadores un acontecemento que tivo lugar despois das eleccións.

O KKE presentou no Parlamento un proxecto de lei para a cancelación dos contratos de préstamo, os memorandos e as leis de aplicación, para a abolición das medidas antipopulares no seu conxunto. Este proxecto de lei foi discutido no movemento obreiro e popular e ten un amplo apoio. SYRIZA encontrouse nunha situación incómoda porque en realidade entrou no bloque das forzas de "renegociación" coa Unión Europea no nome do realismo da submisión.

O ataque contra o KKE polas forzas do oportunismo de dereita e de esquerda non nos sorprendeu. É un elemento da confrontación ideolóxica e política. O KKE non foi sorprendido nin sequera pola postura do Partido da Esquerda Europea (PEE). O PEE foi establecido sobre a base das direccións da Unión Europea, do "Tratado de Maastricht", da estratexia do capital. Aceptou os termos e as condicións formulados pola Unión Europea. Defende o centro imperialista europeo, está a favor da cooperación de clases e do consenso social; evita como a peste a loita polo socialismo.

Os e as comunistas, os traballadores deben examinar as posicións de cada partido e sacar as súas propias conclusións.

O Comité Central do KKE analizou cun gran sentido da responsabilidade o resultado electoral que foi negativo para o partido e o pobo. Organizáronse discusións esenciais tanto dentro do partido así como con amigos e simpatizantes. Discutiuse a táctica electoral, as deficiencias, os atrasos e as insuficiencias que se observaron. Fixéronse unhas observacións moi útiles e elaborouse un plan de actividades para o período próximo.

O Comité Central, os órganos de dirección das organizacións, os membros e os amigos do KKE confirmaron que a posición do Partido, é dicir o rexeitamento de participación nun goberno de xestión burguesa con SYRIZA ou con outras forzas, foi correcta e necesaria.

As forzas e os amigos do partido defenden a posición que subliña que un partido revolucionario non pode ter dúas caras, unha cara na acción diaria e outra nas eleccións. Que non pode loitar diariamente para a concentración de forzas polo poder e nas eleccións arruinar este traballo e falar dun goberno de xestión para satisfacer as expectativas das masas populares para unha solución "doada" pero sen saída.

As forzas e os amigos do partido defenden a liña política que seguiu o KKE nas eleccións.

Unha liña política que inclúe a condena da política antipopular dos contratos de préstamo e dos memorandos, a retirada da Unión Europea e a cancelación unilateral da débeda co poder popular. Esta posición é o núcleo da actividade do partido neste período porque é a resposta aos acontecementos que se desenvolveron, é a resposta ás necesidades da loita de clases dende o punto de vista dos intereses da clase obreira e dos sectores populares.

O problema principal que xurdiu, e é unha experiencia importante para o movemento comunista internacional, é se un partido comunista participa ou non nun goberno de xestión burguesa independentemente de se aparece co nome "de esquerda", "progresista" etc.

A decisión que tomou o KKE, a decisión de rexeitar a participación nun goberno de xestión do capitalismo, tomou en consideración que isto podería levar unha perda de votos. Isto débese a que en condicións dun ataque anti-KKE moi ben organizado, en condicións dunha crise capitalista profunda, de alto desemprego, pobreza e inseguridade xorde a lóxica do "mal menor", as forzas populares buscan unha solución inmediata que contribuirá a aliviar os problemas agudos.

Non obstante, o KKE mantivo unha posición de principios e quixeramos sinalar o seguinte:

En primeiro lugar, é necesario loitar contra a lóxica do "mal menor". Trátase dun problema moi serio e o noso partido pagou un alto prezo por isto en diferentes períodos ata principios da década dos 90 a causa dos erros na política de cooperación con forzas do "centro", forzas burguesas para facer fronte á política antipopular de partidos liberais, da "dereita".

A lóxica do "mal menor" conduce aos partidos comunistas a políticas perigosas de apoio á socialdemocracia no nome de restrinxir o poder electoral da "dereita", asumindo responsabilidades para a xestión da política antipopular de partidos socialdemócratas.

Conduce a algúns partidos comunistas a ir a remolque dos partidos burgueses no nome de confrontar as formacións fascistas, ultradereitistas. Esta experiencia é moi negativa.

De feito, perpetúase un círculo vicioso que nega ou restrinxe a independencia ideolóxica e política dos partidos comunistas, que os desvía da elaboración e implementación dunha liña revolucionaria firme, que utilizará as batallas electorais como formas de loita que non se separan da loita de clases en xeral, da loita pola concentración de forzas, pola conquista do poder.

Non é un problema novo e cabe sinalar a observación leninista que nos protexe de erros.

“Hai que elixir entre o mal existente e a súa rectificación máis pequena, porque a maioría dos que non están en xeral satisfeitos co mal existente están a favor desta "pequena" rectificación. Despois de lograr as pequenas cousas facilitarase a nosa loita para as cousas grandes. Repetímolo. Este é o argumento básico, típico de todos os oportunistas en todo o mundo. A que conclusión conduce inevitabelmente este argumento? Á conclusión de que non se necesita ningún programa revolucionario, nin partido revolucionario, nin táctica revolucionaria.” (Lenin "De novo sobre un gabinete saído da Duma").

En segundo lugar, o criterio para xulgar un partido non é se se declara a si mesmo como de "esquerda", de "dereita", de "centro" senón o seu programa, a súa posición política ante o sistema de explotación, o gran capital, as unións imperialistas, a loita de clases e a súa perspectiva.

O KKE non pode ter unha cooperación política, programática ou electoral con partidos cos que non ten ningunha relación en canto ao programa como é SYRIZA e a "Esquerda Democrática" (DIMAR).

Estes partidos defenden o capitalismo, a unión interestatal imperialista da Unión Europea cuxa estratexia, políticas, medidas corresponden aos intereses do gran capital, das multinacionais. Demostrouse que se volven contra os pobos. Esta alianza depredadora non cambia, non importa o que diga unha ou outra forza oportunista en Grecia, non importa o que diga o Partido da Esquerda Europea que fomenta ilusións entre os traballadores para atrapalos na lóxica da "vía de sentido único da UE". SYRIZA e a "Esquerda Democrática" defenden a coexistencia pacífica co capital e fomentan ilusións de que se pode promover un "desenvolvemento" que satisfaga ambas as dúas partes que teñen intereses opostos dende o punto de vista de clase como se demostrou.

Trátase de partidos que son hostís cara ao socialismo científico, que calumnian o socialismo que foi construído na Unión Soviética e os demais países socialistas.

O partido da “Esquerda Democrática” que vén dunha escisión de SYRIZA desmentiu moi pronto aqueles amigos do estranxeiro que o clasificaban entre os aliados potenciais do KKE. Este partido, despois de obter o voto do pobo, despois das eleccións cooperou coa ND e o PASOK no goberno tripartito e participa na implementación da dura política antipopular.

Sobre o papel que xogan estes partidos, a referencia de Lenin no prefacio da tradución rusa do folleto de W.Liebknecht en decembro de 1906 baixo o título: "Ningún compromiso, ningún acordo electoral" onde destaca entre outras cousas: "Os atropelos estúpidos e crueis cometidos polos policías políticos, as persecucións que prevé a lei contra os socialistas, a lei draconiana, a lei contra os partidos que defenden a revolución, poden evocar sentimentos de desprezo e pena, pero é o inimigo que nos ofrece a man para un acordo electoral e entra entre nós como un amigo e irmán, este inimigo, e só este, é o que lle debemos temer"… (porque) engadiu Lenin, "os falsos amigos dos obreiros corrompen a conciencia clasista".

Na práctica, a experiencia acumulada pola política dos partidos e os gobernos que participan na xestión burguesa independentemente de se utilizan o título "esquerda", "progresista" demostra o seguinte:

Ningún goberno que xestiona o capitalismo, o poder dos monopolios e a propiedade privada nos medios de produción, ningún goberno que implementa un programa que se basea nas ganancias dos capitalistas, a competitividade, a produtividade e a rendibilidade dos grandes grupos empresariais non pode seguir unha política a favor da clase obreira e dos sectores populares.

Non existe tal goberno que poida controlar as leis do sistema, as súas contradicións, impedir o estalido da crise capitalista. Tarde ou cedo as promesas de "alivio" que deron ao pobo desincharanse, demostraranse palabras ocas e as expectativas para algo mellor darán paso á desilusión do pobo, ao retroceso do movemento obreiro.

Polo tanto, é de grande importancia que o KKE mantén unha posición de principios e que rexeita a lóxica da participación nun goberno de xestión burguesa continuando a loita por todos os problemas populares, creando as condicións para a liberación das cadeas de explotación.

Así que seguimos adiante dando máis énfase no reagrupamento do movemento obreiro, no fortalecemento do movemento de clase, da PAME, na mellora da acción e da orientación militante dos sindicatos. Poñemos máis énfase na política de alianzas que elaboramos no 15º Congreso e nos congresos posteriores para a construción da alianza sociopolítica, a construción da Fronte Antimonopolista-Antiimperialista de loita baseada na alianza da clase obreira cos campesiños pequenos e medianos e os sectores pequenoburgueses urbanos, coa participación das mulleres e dos mozos. Continuamos o esforzo para a creación das condicións sociopolíticas que conducirán á intensificación da loita polo poder popular, pola retirada da Unión Europea e a OTAN, a cancelación unilateral da débeda, a socialización dos medios de produción concentrados, polo desenvolvemento a favor do pobo.

Cientificamente está confirmado pola nosa teoría e práctica que soamente a solución de dous asuntos cruciais, o do poder e o da propiedade nos medios de produción, soamente se a economía se desenvolve sobre a base da planificación central, se pode abrir o camiño para a utilización das capacidades produtivas do país, para o desenvolvemento da industria, da produción agrícola e dos demais sectores da economía tendo como criterio as necesidades do pobo.

Soamente neste caso é posíbel resolver o problema do desemprego, garantir servizos sociais actualizados e gratuítos, asegurar a nutrición saudábel do pobo, a protección do medio, a abolición das bases das crises capitalistas e das rivalidades interimperialistas. Esta é a posición do KKE e esta posición dálle forza na loita diaria.

[Fonte: KKE]
-Traducido por FORXA!-