Entrevista a Carmelo Suárez, con motivo do 30 aniversario do PCPE.

UyL: Saúde, camarada. 30 anos son moito tempo, que houbo e que pasou hai 30 anos para que o PCPE, entón PC, nacese?
C.S.: Confluíron varios factores, nesa conxuntura política, que fixeron posíbel o noso nacemento. Quizais o primeiro e máis determinante foi o ascenso da loita da clase obreira na segunda metade dos setenta e inicio dos oitenta, foi o período de maior actividade do movemento sindical e folguísta logo da II República. Iso trasladouse ao campo do Partido, de tal xeito que as rupturas anteriores co oportunismo -que nunca callaron en nada serio- puideron catalizar nese escenario de fortalecemento da loita de clases no Congreso de Unidade Comunista de 13 e 14 de xaneiro de 1984.
Outro elemento importante foi que o oportunismo abandonou moitos dos seus discursos máis enganosos e lanzouse a unha ofensiva internacional para artellar a súa proposta en torno ao eurocomunismo. É a famosa foto de Marchais-Berlinguer-Carrillo, plantando cara directamente ao marxismo-leninismo e rompendo co movemento comunista internacional, recoñecendo a súa alianza coa burguesía para obter unha cota na xestión do sistema capitalista. Iso foi clarificador para unha parte importante da militancia revolucionaria deste país.
E un terceiro factor importante foi a resposta do movemento comunista internacional, que entendeu a necesidade de contestar a este paso do oportunismo. Así o pecepunto  naceu co apoio directo dese movemento comunista internacional, e iso facilitou moitas cousas; moitas barreiras, que antes non se conseguiron superar entre os distintos grupos por visións curtas e por sectarismos, resolvéronse.
UyL: Que momentos destacarías na historia do PCPE como máis importantes e definitorios do que é hoxe?
C.S.: Ao PCPE márcao o seu mesmo Congreso constituínte en primeiro lugar, foi unha ocasión histórica, un Congreso con miles de comunistas coa súa práctica política inspirada nas tradicións da III Internacional, que xogaran un papel moi importante na loita contra a ditadura anterior e que aportaban un caudal político fraguado no compromiso militante máis consecuente e no heroísmo que marcou a toda esa xeración tan duramente represaliada polo capitalismo español.
Despois houbo unha etapa moi dura, de golpes e traizóns, de contrarrevolucións nos países socialistas do Leste europeo, ata que chegamos ao Congreso de Unidade co PCOE en 2000, un punto de inflexión na traxectoria tan difícil que nos tocou enfrontar.
Con ese impulso chegamos ao 7 Congreso (extraordinario) onde nos tivemos que enfrontar a unha difícil situación de Dirección. Nesa ocasión demostrouse a fortaleza da base militante do noso Partido, que mantivo sempre a confianza no proxecto malia as dificultades. Tamén a importancia do método, e do respecto ao centralismo democrático na resolución dos problemas. Non era fácil resolver a substitución de alguén na Secretaría Xeral, que cumprira un importante ciclo pero que esgotara as súas capacidades, e fomos capaces de facelo. Do 7 Congreso o PCPE sae cun novo impulso, fortalecido internamente e cunha Dirección central fortemente comprometida co proxecto.
E para rematar foi o 9 Congreso o que permitiu dar un novo salto adiante no proceso de perfeccionamento do proxecto. Sobre o 9 Congreso fálase moito, é toda unha referencia para o traballo da militancia partidaria, e creo que aí o que se expresa é a maduración de determinadas posicións políticas que foron posíbeis nun Partido que desde o 7 Congreso traballaba cunha gran rigorosidade no método, fortalecendo o carácter colectivo do traballo de dirección a todos os niveis, mellorando a estrutura celular da organización, e recuperando a formación ideolóxica como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento do proxecto sobre bases de rigorosidade científica.
Outros aspectos importantes foron os avances dos CMC, ou o importante traballo internacional realizado durante estes anos traballando para a recuperación do MCI.
UyL: Houbo momentos difíciles, a vitoria da contrarrevolución no bloque socialista, a fuxida liquidacionista entre as filas do propio partido, como enfrontou o PCPE aqueles episodios e que significaron para o seu propio desenvolvemento?
C.S.: Foron dificultades non previstas e que, en ocasións, atopáronnos con recursos mínimos para enfrontalas. Superámolas porque a nosa determinación no camiño da revolución é insubornábel.
Foron moitas as organizacións, que se reclamaban do campo revolucionario, que caeron nesa época, e que se disolveron, en ocasións de forma vergonzosa. Creo que o elemento común de todas elas era que miraban de esguello cara ao sistema capitalista, que tiñan algunha esperanza no marco do capitalismo.
O PCPE é un proxecto que se fragua co mellor da clase obreira, e catalizando as mellores tradicións da loita revolucionaria española e internacional, auténtico herdeiro da III Internacional.
Aínda así foi duro, perdemos aos elementos máis débiles da organización e sufrimos un certo grao de esgotamento nas nosas forzas. A ofensiva contra o PCPE foi brutal. Pero nesa situación dixemos que cavábamos unha trincheira profunda para resistir o ataque e que só sairiamos desa trincheira cara a adiante. Esa determinación tan clara foi fundamental para chegar a onde estamos hoxe.
Ante dificultades futuras, que estamos seguros que se darán na loita de clases, onde o capitalismo atacará con saña as filas revolucionarias, tamén saberemos resistir e vencer. Estas dificultades pasadas foron un adestramento para as batallas que teremos que dar no futuro. Nese aspecto a nosa mocidade -CMC- está aprendendo con enorme celeridade.
UyL: Un partido marxista-leninista é un organismo vivo, que cambia. Pero cales foron os acenos de identidade que calquera podería recoñecer en todas as épocas destas tres décadas de PCPE?
C.S.: Nunha forma abreviada creo que se podería resumir así: Compromiso militante, confianza revolucionaria e confianza na clase obreira, centralismo democrático, política de masas, lealdade nos compromisos, crítica e autocrítica, dirección colectiva e comunismo científico.
UyL: O PCPE, logo dos momentos duros, de superar moitas probas, atópase claramente á ofensiva e crecendo. Cal foi o punto de inflexión na súa historia?
C.S.: Sen dúbida un punto de inflexión determinante foi o 7 Congreso (extraordinario). Nese momento levabamos xa un percorrido amplo -no que afrontaramos probas moi duras-, que constituíu un importante proceso de aprendizaxe e de forxa do noso compromiso militante (unha especie de “Así se forxou o aceiro”). Con ese acumulado fixemos unha análise crítica das nosas dificultades anteriores, e iso deunos a oportunidade de concluír un balance e de tomar decisións superadoras.
Logo hai un factor alleo ao Partido, que é a crise capitalista. Ese cambio das condicións en que se dá a loita de clases, unido aos avances no 9 Congreso, permítennos empezar a levar á práctica as formulacións que durante anos levabamos facendo sobre o traballo de masas e a interlocución do Partido coa clase obreira (ou a fusión do Partido coas masas, en expresión de Lenin).
As nosas propostas de Comités para a Unidade Obreira (CUO), co obxectivo da unidade de clase, e de Fronte Obreira e Popular polo Socialismo (FOPS) como política de alianzas, son dúas ferramentas concretas que empezan a dar os seus primeiros resultados, e tradúcense en avance político e organizativo do PCPE. Todo iso aplicado por unha militancia convencida do seu proxecto, e que se concreta en combate continuado con moral de vitoria.
O Partido é hoxe unha ferramenta viva en mans da clase obreira.
UyL: Tamén os CMC, a Mocidade Comunista, cumpre o seu 30º aniversario o próximo ano, que importancia e como axudou o partido a construír a organización xuvenil, e viceversa?
C.S.: Consecuencia de como se deu a loita de clases no Estado Español, e do desenvolvemento das sucesivas traizóns do oportunismo, existe un certo baleiro dunha xeración que está tendo moitas dificultades para a súa incorporación á loita revolucionaria. Pode situarse na xeración que ten hoxe entre os corenta e os cincuenta anos. A organización xuvenil significa a recuperación da tradición comunista nas xeracións posteriores, e a súa incorporación á loita revolucionaria.
Polas condicións obxectivas en que se atopa a mocidade obreira hoxe, sen ningún tipo de futuro no capitalismo, avanzan as condicións subxectivas a pasos acelerados, e iso tradúcese nun crecemento moi importante dos CMC. Claro que isto se pode dar porque o PCPE se mantivo no seu sitio e a organización xuvenil ten un referente partidario forte.
Pero, ademais, esa mocidade vén nunhas condicións nas que rapidamente adquire un elevado nivel de formación política e ideolóxica, que lle depara un futuro moi prometedor. Hai todo un plan de transvase de cadros da Mocidade ao Partido, que significará unha importante elevación das capacidades da nosa militancia, e que terá unha continuidade no tempo pola amplitude do crecemento dos CMC.
UyL: Que actividades ou campañas prepara o PCPE, sobre o seu 30º aniversario, e en xeral para este ano?
C.S.: A campaña principal en relación ao aniversario será a realización de trinta mítines ao longo de todo o Estado. Xa as distintas organizacións do Partido fixaron estes actos con lugar e data determinados. É unha actividade simbólica do avance da nosa presenza real entre a clase obreira.
Por outra banda, nestas datas ponse en marcha unha campaña de afiliación ao Partido e á Mocidade, dirixida especialmente aos grandes centros de traballo, polígonos industriais e lugares de concentración da clase obreira. Queremos avanzar na creación de células nos centros de traballo dun xeito significativo.
Por outra banda teremos a batalla das Eleccións ao Parlamento Europeo, onde o PCPE trazou unha clara proposta pola saída dese polo imperialista e polo avance cara ao poder obreiro e o socialismo -comunismo. É unha campaña que para a organización xa empezou, pois o noso obxectivo é o de explicar a nosa proposta política clasista, fronte aos enganos do oportunismo, que sempre fala da “Europa social” como un modelo posíbel dentro do sistema capitalista e como o único horizonte posíbel.
UyL: Para finalizar, que camiño lle espera ao PCPE no futuro?
C.S.: O futuro do PCPE é o de converterse na forza determinante na loita de clases neste país.
Hai que dicir que, desde o punto de vista do proxecto político, xa somos esa forza; e que agora o reto é levar iso á fusión do Partido coas masas, logrando que sectores cada vez máis amplos da clase obreira, e doutros sectores populares, recoñezan ao PCPE como a súa forza reitora. Esa posición, intrinsecamente vinculada á esencia do noso proxecto, é a que nos permitirá avances concretos no obxectivo da construción dunha nova hexemonía entre a clase obreira, arrinconando progresivamente as actuais posicións do oportunismo.
Como forza revolucionaria, no escenario da profunda crise do sistema capitalista, preparámonos para a agudización da loita de clases, para un incremento importante das loitas obreiras, e para a conseguinte resposta represiva das clases dominantes. Temos que converternos nunha organización capaz de resistir as máis violentas persecucións desde os aparellos do Estado, e que o incremento da represión non crebe as nosas estruturas e a nosa vinculación á clase obreira e con amplas masas.
O imperialismo desatará novos e máis violentos escenarios de guerra nos próximos tempos. Preparamos a resposta a eses futuros escenarios de guerra imperialista, é un tema central que non podemos infravalorar. Necesitamos un amplo movemento de masas contra a guerra, na perspectiva do socialismo-comunismo. Crebando os mecanismos de lexitimación social das políticas de armamento e guerra. Chamando ao abandono das tropas, e a converter a guerra imperialista en guerra civil revolucionaria.
Os tempos que nos tocarán vivir, no próximo futuro, supoñerán grandes cambios, e poñerán a proba a capacidade do PCPE para xogar o papel histórico que lle corresponde. Non deixamos de prepararnos nestes trinta anos, e non deixaremos de seguir preparándonos, con responsabilidade, para estar á altura das esixencias do momento.
[Fonte: UyL]