Cada partido toma responsabilidades da posición que adopta.

Despois do Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros que tivo lugar os días 8, 9 e 10 de novembro de 2013 en Lisboa, organizado polo Partido Comunista Portugués, observouse una certa actividade e representantes de varios partidos comunistas están tratando de analizar o que pasou desde o punto de vista da súa propia análise ideolóxico-política.
O KKE toma parte neste debate co fin de destacar os asuntos que enfronta o movemento comunista, informar aos comunistas a nivel internacional sobre os acontecementos reais e as posicións dos partidos.
1. O KKE xusto despois da contrarrevolución prestou atención especial para o reagrupamento do movemento comunista.
Contribuíu á concentración de forzas e á realización dos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros, combatendo grandes dificultades e en particular posicións que rexeitaban a presenza distintiva de partidos comunistas e aspiraban mesturarse con forzas oportunistas, tradicionais ou “novas”–mutadas, no nome da actividade conxunta da “esquerda”.
O noso partido prestou importancia particular a destacar obxectivos comúns e desenvolver a actividade conxunta malia as diferenzas ideolóxico-políticas e tratou, coa contribución doutros partidos comunistas, de establecer os Encontros Internacionais que tiveron lugar en Atenas desde 1998 ata 2004 e posteriormente celebráronse noutros países.
O noso partido insiste en particular na unidade do movemento comunista. Trátase dun problema difícil e complexo, que pode resolverse soamente a través da creación de bases sólidas apoiadas na cosmovisión marxista-leninista, nos principios da loita de clases, na estratexia revolucionaria. Sobre esta base pódese fortalecer o verdadeiro carácter comunista dos partidos comunistas, pódese conquistar a unidade clasista da clase obreira e a alianza cos sectores populares, pódese lograr a concentración e preparación de forzas obreiras e populares polo derrocamento da barbarie capitalista, polo socialismo-comunismo.
É obvio que a unidade revolucionaria do movemento comunista ten condicións de maior esixencia; non se pode lograr sen un eixo estratéxico, sen a combinación da teoría e a práctica revolucionaria que suscita como tarefa diaria a preparación dos propios partidos comunistas e da clase obreira para responder ás necesidades do conflito contra o sistema de explotación capitalista, o capital e os seus representantes políticos, o oportunismo, que é un cancro nas filas do movemento comunista.
O punto de vista que conecta a unidade do movemento comunista coa posición simplista “unidade en torno ao que estamos de acordo”, impide o debate e fai caso omiso a necesidade de elaborar unha estratexia revolucionaria e de adaptar os partidos comunistas ás grandes esixencias da loita de clases, pola abolición da explotación do home polo home.
Déixaos indefensos ante o labor corrosivo das forzas burguesas e oportunistas que tratan de asimilar os partidos comunistas no parlamentarismo, castralos e convertelos en parte do sistema político burgués, con colaboracións sen principios, coa participación en gobernos de xestión burguesa que levan a etiqueta de “esquerda”-“progresista”, atrapando na lóxica da colaboración de clases, apoiando as unións imperialistas, tal como sucede cos partidos comunistas do chamado Partido da Esquerda Europea, así como con outros partidos comunistas que seguen o mesmo camiño.
2. O KKE, malia as dificultades, contribuíu á emisión de comunicados comúns nos Encontros Internacionais e outros dos partidos comunistas. Con todo, o noso partido deixou claro que o compromiso en temas de importancia estratéxica e a procura de formulacións que mitigan os desacordos no nome do acordo sobre un comunicado común, non contribúe á información correcta e obxectiva dos comunistas, da clase obreira, dos pobos.
Isto crea confusión, non permite a comprensión da situación real e impide o desenvolvemento da reflexión sobre as causas dos problemas, a necesidade dunha estratexia revolucionaria única que fortalecerá a loita distintiva do movemento comunista polos intereses da clase obreira, dos sectores populares, en todo o mundo.
No 15º Encontro Internacional en Lisboa non foi posíbel emitir un comunicado común debido ás diferentes aproximacións sobre cuestións moi importantes. Dado que se expresan opinións que “enturbian as augas” e distorsionan os acontecementos, queremos facer referencia a certos temas.
O KKE, ata antes do Encontro Internacional, tomou unha posición concreta ante o primeiro proxecto de comunicado común e sostivo que non podía ser a base de discusión sen que se fixesen cambios significativos. Suscitou unha serie de observacións e propostas igual que outros partidos comunistas. Desafortunadamente, as propostas básicas do noso partido non se tomaron en conta.
As observacións do KKE incluían, entre outros asuntos, os seguintes temas:
En relación co concepto do imperialismo: O KKE trata este concepto tal como foi establecido por V.I.Lenin, como a última e superior fase do capitalismo. Lamentabelmente, no proxecto de Comunicado Común, este asunto crucial non se suscita correctamente e varios puntos deixan espazo para a mala interpretación deste concepto, que se limita e se trata soamente como unha política exterior agresiva.
A causa e a natureza da crise capitalista: Hoxe enfrontámonos a unha profunda crise económica capitalista de sobreprodución e sobreacumulación de capital, cuxa causa radica na contradición básica entre capital e traballo, rexeitando as caracterizacións como crise “financeira”, “estrutural”, que escurecen o carácter da crise capitalista e as súas causas.
O tema das alianzas sociais: O KKE apoia unha liña política de alianzas da clase obreira cos demais sectores populares pobres, como son o campesiñado pobre, as capas pequenoburguesas pobres urbanas e rurais. En ningún caso pode estar de acordo con alianzas con sectores da burguesía denominados “capas antimonopolistas”.
A postura cara aos chamados países “emerxentes”: Os problemas que confrontan estes países hoxe día, nos que predominan as relacións de produción capitalistas, non son “importados” do estranxeiro, como sinalaba o proxecto de Comunicado Común, senón que son o resultado do propio modo de produción capitalista destes países.
O mesmo se pode dicir con respecto aos acontecementos en América Latina. O KKE segue atentamente os desenvolvementos e os procesos, expresa a súa solidariedade coa loita dos partidos comunistas e cos pobos, pero critica a política que se aplica en países capitalistas cunha base monopolista forte que xogan un papel especial no antagonismo interimperialista e onde se pon en práctica unha estratexia que serve aos intereses e a rendibilidade do capital a expensas da clase obreira e dos sectores populares que viven en condicións de explotación.
As reformas no marco do capitalismo: O KKE loita no noso país para que se logren conquistas a favor dos traballadores, por exemplo sobre a cuestión da loita por un sistema de educación, de saúde e de benestar exclusivamente público e gratuíto, polo aumento dos salarios e as pensións, etc. Vincula esta loita co cambio radical da sociedade, co poder obreiro e a socialización dos monopolios. É prexudicial sementar ilusións de que no marco do capitalismo o sistema de explotación pode ser “corrixido” a través de reformas.
A cuestión das unións capitalistas interestatais: A Unión Europea é unha unión interestatal capitalista reaccionaria debido ao seu carácter de representante dos monopolios europeos e cuxa agresividade contra os pobos non se debe soamente á profundización da unificación capitalista (integración). O mesmo sucede coas demais unións interestatais, que aparecen no terreo do capitalismo en Asia, Eurasia, América Latina, etc. Están ao servizo de grandes grupos empresariais e os traballadores non deben elixir entre imperialistas e “centros” imperialistas.
As contradicións entre os países capitalistas: A competencia entre potencias capitalistas “vellas” e novas emerxentes ten que ver coas cotas de mercado, o control dos recursos naturais, as rutas de transporte de produtos, os tubos, etc. Cada clase burguesa, en base ao seu poder (económico, político, militar) é un “depredador”, máis grande ou máis pequeno, que explota a forza de traballo, e ademais pretende fortalecer o seu papel nos asuntos internacionais.
Polo tanto, consideramos que a clase obreira non pode poñerse á beira de ningunha clase burguesa, en contraste con diversas formulacións que existían no proxecto de Comunicado Común.
No tema de América Latina, en particular, o proxecto de Comunicado Común chegaba ao momento de considerar que algúns gobernos burgueses de potencias capitalistas fortes, algúns países imperialistas que pertencen nos G20 dan un impulso… á loita antiimperialista. Pásase por alto facilmente o feito de que estes gobernos administran o poder estatal burgués co fin de fortalecer os monopolios que predominan nas súas economías.
Sobre a cuestión: revolución ou reforma? O KKE considera que neste asunto os Partidos Comunistas e Obreiros poden dar unha soa resposta: Revolución! Desafortunadamente, o proxecto de Comunicado Común en varios puntos referíase a “procesos de construción da soberanía e solucións alternativas en base ao progreso social”, ou de “conquistas de posicións nas institucións” a través das cales terán lugar “cambios no contido clasista do poder”.
A experiencia dos Partidos Comunistas con respecto a opcións de xestión do capitalismo é dolorosa e o exemplo do “Eurocomunismo” é ben coñecido por todos. Tales posicións crean confusións e ilusións, embelecen o poder burgués, desarman o movemento obreiro e popular. A experiencia do golpe de Estado en Chile, que este ano é o seu 40 aniversario, é ilustrativa e non permite apoiar estas posicións.
A fronte contra o oportunismo: É necesario destacar as responsabilidades das forzas oportunistas que causaron gran dano ao movemento comunista, á loita da clase obreira.
As alianzas políticas con outras forzas: A alianza da clase obreira cos demais sectores populares é un asunto crucial. A política de alianzas, a concentración e a preparación de forzas están determinadas polo obxectivo estratéxico de derrocar a barbarie capitalista e non se poden integrar en xogos de xestión desde arriba coa socialdemocracia e o oportunismo. 
Sobre os “modelos” do socialismo: Destacouse que detrás da discusión sobre o “rexeitamento dos modelos” maniféstase claramente un problema de rexeitamento das leis científicas da revolución e da construción socialista, como é a necesidade do poder obreiro (a ditadura do proletariado), a socialización dos medios de produción, a planificación central. Historicamente, no Movemento Comunista Internacional, detrás dos “modelos nacionais” e a “diversidade dos camiños cara ao socialismo” escondíanse a revisión da nosa teoría e a xustificación do alonxamento dos principios comunistas. Desde este punto de vista, o noso partido non pode estar de acordo con formulacións que crean confusión e reproducen teorías oportunistas e socialdemócratas como o chamado “socialismo do século 21”.
3. No “Grupo de Traballo” (está encargado da responsabilidade de preparar os Encontros Internacionais), que se reuniu en Lisboa coa participación dun número significativo de partidos comunistas, comprobouse que o proxecto de comunicado común non constituía unha base de discusión e isto repetiuse tamén na sesión plenaria dos partidos comunistas. Houbo un acordo no marco das actividades comúns para o período próximo para o desenvolvemento da actividade en relación cos problemas populares agudos para a expresión da posición común dos partidos comunistas nunha serie de asuntos.
A delegación do KKE, tanto no “Grupo de Traballo” como na sesión plenaria dos partidos comunistas, suscitou de xeito concreto e comprobada as posicións do partido sobre asuntos básicos nos que se expresaron desacordos.
Na súa intervención na sesión plenaria dos partidos comunistas, a delegación do KKE subliñou entre outras cousas que:
«O comunicado común foi cargado desde o principio con asuntos significativos de importancia estratéxica sobre os cales as diferentes aproximacións do KKE e doutros partidos comunistas foron coñecidas. O texto estaba impregnado da percepción de que entre o capitalismo e o socialismo existe un sistema socio-económico intermedio e polo tanto un poder intermedio, pero isto non ten ningunha relación coa realidade.
O texto fala de cambios antimonopolistas revolucionarios no terreo do capitalismo. Trátase dunha utopía, unha desorientación e embelece o sistema de explotación.
Que significa “financiarización” da economía? Esta é a posición básica da análise burguesa e oportunista. Oculta a esencia da crise capitalista. Remite ao chamado “capitalismo casino” e conduce á procura dun capitalismo “saudábel”, “produtivo”.
Apoiamos a revolución cubana, seguimos os acontecementos, expresamos a nosa solidariedade.
Discutimos co Partido Comunista de Vietnam pero temos unha opinión diferente con respecto ao chamado “socialismo de mercado capitalista”. O socialismo ten regras científicas concretas e hai un alto prezo a pagar polo seu incumprimento.
Discutimos sobre o tema chinés e dicimos con datos que alí predominaron as relacións capitalistas de produción. En 2013, 400 capitalistas chineses aumentaron a súa fortuna por 150 mil millóns de dólares.
É obvio que non podemos apoiar os gobernos burgueses en América Latina ata se participan ou se teñen o apoio de partidos comunistas. Por exemplo, Brasil é un país imperialista poderoso con monopolios fortes, con enormes ganancias por unha banda e doutra banda con 55 millóns de persoas indixentes.
Na intervención do KKE destacouse en conclusión que o proxecto do comunicado común dá unha dirección equivocada á loita, leva á incorporación ao sistema, impide o proceso de axuste da estratexia do movemento comunista ás necesidades da loita de clases, polo socialismo”.
O debate que se levou a cabo no Encontro Internacional foi rico e a experiencia pode ser utilizada para reflexionar, sacar conclusións e o KKE contribuirá niso. Lamentabelmente, algunhas contribucións, entrevistas, etc. de representantes de partidos comunistas despois do encontro, proporcionan interpretacións arbitrarias que dan lugar a preguntas.
Que significa por exemplo a posición que di que os partidos comunistas que non estaban de acordo co comunicado non teñen ningunha responsabilidade na dirección do Estado ou son pequenos?
Trátase dunha posición perigosa de distinción dos partidos comunistas con criterios burgueses. Desde cando é negativo que un partido comunista non participe no xogo da xestión burguesa?
Isto é unha tarefa e unha precondición para a loita independente dos partidos comunistas polo reagrupamento do movemento comunista e obreiro, popular.
A relación coa socialdemocracia, o apoio e a participación nos gobernos burgueses que administran o poder dos monopolios e explotan aos pobos é un desenvolvemento verdadeiramente negativo.
Cal é o obxectivo da discusión sobre partidos comunistas “grandes” e “pequenos” con criterios parlamentarios?
Porque é “pequeno” un partido que loita consecuentemente polo derrocamento do capitalismo, loita para establecer unha base no movemento obreiro con grandes sacrificios e con dirixentes asasinados polos mecanismos da patronal e do Estado burgués? Por que é “grande” un partido que absolutiza a actividade parlamentaria e fomenta ilusións de que a través do parlamentario burgués se poden resolver os problemas populares e se poden satisfacer as necesidades populares?
A experiencia histórica ensina que masivamente os partidos comunistas que absolutizaron o parlamentarismo e se separaron da liña revolucionaria, foron desprezados, romperon as súas relacións coa clase obreira, conducíronse ao oportunismo, a unha espiral descendente corrosiva, como os partidos comunistas en Francia, España e Italia.
Hai partidos comunistas sen representación parlamentaria que loitan en condicións de anticomunismo intenso, dando prioridade aos centros de traballo, enfrontándose con moitas dificultades, e tratan de elaborar unha estratexia e tácticas revolucionarias. Hai partidos comunistas con representación parlamentaria que apoian a UE e a súa estratexia, que renunciaron á vía revolucionaria desde hai moito tempo, como son os partidos na dirección do Partido da Esquerda Europea (PEE).
Cada partido toma responsabilidade da posición que adopta.
O KKE considera que os problemas do movemento comunista non poden ser tratados con aforismos senón a través da discusión esencial en asuntos cruciais de importancia estratéxica e co obxectivo do reagrupamento revolucionario. Os e as comunistas en todo o mundo teñen unha causa e deber de participar neste proceso.
Giorgos Marinos
Membro do Buró Político do CC do KKE