Non ha chegar só cunha FOLGA XERAL.



Por fin, tras dunha demora inescusábel, as direccións da centrais sindicais maioritarias convocaron a folga xeral, tan demandada pola clase obreira en todas as mobilizacións desenvolvidas desde hai meses en Galiza e no resto do estado español. A coincidencia cunha xornada de mobilización a nivel europeo e convocatorias de folga xeral en diversos países como Grecia, Italia ou Portugal e a propia e insostíbel situación económica e social no estado español, con despedimentos masivos e o incremento exponencial do desemprego ata cotas nunca habidas por efecto da reforma laboral, xunto a expansión xeneralizada da miseria e o agravamento das condicións de vida da poboación traballadora (rapina contra os salarios e falta de ingresos, escalada inflacionaria polo incremento do IVE, tarifas e prezos, supresión ou repagos de servizos sociais básicos, represión e conculcación de dereitos, desafiuzamentos, etc...), facía absolutamente ineludíbel a convocatoria.

Temos o pleno convencemento con anticipación do éxito asegurado desta folga xeral. Mais tamén entendemos que non ha chegar para vencer a determinación do goberno da dereita reaccionaria, que é a determinación da oligarquía española, o verdadeiro poder tras deste. Non ha chegar mentres a esta folga non lle sucedan outras, xerais e sectoriais, pero todas confluentes e continuadas no tempo. Mentres a folga xeral non teña un alcance político que vaia mais aló de pretender deter medidas antiobreiras e antipopulares, senón que hai que facer imposíbel o seu goberno, mentres non se plantexe o derrocamento polo medio da mobilización na rúa do goberno que leva adiante este programa contra o pobo traballador no nome do gran capital baixo as directrices da Unión Europea.