A clase obreira e as capas populares necesitan un Partido Comunista forte.

Unha delegación do KKE encabezada por Dimitris  Koutsoumpas, Secretario Xeral do CC, visitou Roma para participar no 2º Congreso do Partido Comunista de Italia. A delegación do KKE reuniuse co Secretario do partido, Marco Rizzo, coa Sección de Relacións Internacionais do CC do Partido Comunista de Italia e con outros cadros do partido.
Falando nun evento aberto ao final do Congreso, Dimitris Koutsoumpas destacou no seu saúdo o seguinte:
Estimados camaradas:
É un gran pracer estar aquí con vostedes, no 2º Congreso do seu partido. Queremos saudar aos comunistas de Italia, que non renunciaron á loita polos dereitos da clase obreira e as demais capas populares, á loita polo derrocamento da barbarie capitalista, pola construción dunha sociedade sen a explotación do home polo home, polo socialismo-comunismo.
Estimados camaradas, os nosos partidos están levando a cabo esta loita en común, tanto a través do desenvolvemento das relacións bilaterais, como a través da nova forma de cooperación rexional dos partidos comunistas en Europa, a “Iniciativa Comunista”. O noso obxectivo é fortalecer a loita contra a Unión Europea e ao mesmo tempo, a través das loitas dos traballadores, promover a única solución alternativa favorábel ao pobo, a Europa da paz, do progreso, do socialismo.
Camaradas:
Italia, a clase obreira de Italia, os sectores populares, os mozos necesitan un Partido Comunista forte. Un partido cunha estratexia revolucionaria, con fortes lazos coa clase obreira. Necesitan un partido fundado nos principios do Marxismo-Leninismo, que xogará un papel principal na organización da loita dos traballadores e inspirará a idea da nova sociedade socialista. O socialismo non é un capricho dos comunistas, é o único xeito de saír da crise e dos demais impasses sociais da sociedade capitalista. É a única garantía para o desenvolvemento das forzas produtivas favorábel e de acordo cos intereses obreiros e populares. Só o socialismo pode garantir a soberanía popular, o crecemento autosuficiente e ao mesmo tempo a cooperación de beneficio mutuo e a solidariedade entre os pobos.
Sabemos que tanto a contrarrevolución na Unión Soviética como nos demais países socialistas, como o eurocomunismo nas décadas anteriores, fixeron dano ao movemento comunista, non só en Italia e no resto de Europa, senón tamén a nivel internacional. Sementaron aos traballadores á decepción, á desmobilización, ilusións sen saída, que supostamente se pode atopar unha solución “no marco” do capitalismo, a través de gobernos de “esquerda”, “patrióticos”, supostamente a través dunha xestión mellor, máis “xusta” do capitalismo.
É necesario promover a visión socialista
Con todo, hoxe en día, máis de vinte anos logo da restauración do capitalismo nos antigos países socialistas, durante os cales os pobos experimentaron solucións de xestión do sistema tanto da “dereita” como da “esquerda”, suscítase a necesidade da promoción da visión socialista. O KKE estuda a experiencia histórica, non só a súa senón ademais a do movemento comunista internacional, da construción do socialismo que coñecemos no século pasado. Chegamos a conclusións básicas sobre as causas de retroceso do movemento comunista, da restauración do capitalismo nos países socialistas de Europa Oriental e Central. Aprendemos da experiencia negativa e positiva, para inspirar de novo á clase obreira a visión da súa liberación social, para impulsar a loita de clases, a loita ideolóxica e política clasista pola nova sociedade socialista. Este curso é ademais a base para sacar conclusións importantes sobre os erros e as deficiencias que actualizan e enriquecen a nosa percepción sobre o socialismo, a súa actualidade e necesidade.
Hoxe en día, as forzas do oportunismo pretenden atrapar aos traballadores na liña da “humanización” do capitalismo, así que é de gran importancia histórica defender con firmeza e tenacidade tanto as conquistas da Revolución de Outubro, a contribución dos países socialistas malia a crítica a deficiencias e desvíos. Debemos defender a contribución dos partidos comunistas, do movemento comunista internacional, a necesidade de derrocar o sistema capitalista podrecido e corrupto. É unha tarefa que debe imbuír de xeito unificado as loitas diarias polos intereses obreiros e populares, polos problemas cotiáns dos nosos pobos.
Esta tarefa de organizar a loita dos traballadores, de avivar os ideais socialistas-comunistas no noso continente e máis aló, non pode avanzar sen a confrontación ideolóxica e política e a revelación do papel do chamado “Partido da Esquerda Europea” que asumiu o papel do “salmista esquerda” da Unión Europea, e ata da campaña anticomunista. O papel dos oportunistas e da formación que crearon a nivel de Europa é dobremente perigoso porque sementa ilusións entre os traballadores de que supostamente pode haber unha Unión Europea favorábel ao pobo así como unha xestión correspondente do sistema capitalista en cada país, deixando intactos o poder dos monopolios e a propiedade capitalista nos medios concentrados de produción. Estes puntos de vista están promovidos no noso país polo partido de SYRIZA.
Permítanme dicir que as forzas do PEE que en Italia presentan SYRIZA como un “exemplo” e como unha forza que serve os intereses populares; están ocultando a verdade. SYRIZA é unha forza para a integración no capitalismo, non para o seu derrocamento. Aspira a converterse na nova organización socialdemócrata do sistema bipolar burgués en Grecia, incorporando o máis podrecido do vello PASOK que gobernou Grecia durante moitas décadas e é responsábel de moitos de tantos problemas que se acumularon así como da situación e a dexeneración do movemento obreiro. En realidade, SYRIZA malia os disparos no aire e a fraseoloxía de esquerda, está en dirección oposta que a liña de ruptura coas organizacións imperialistas, os monopolios, o capitalismo.
Camaradas:
O KKE celebrou recentemente os 95 anos da súa historia, durante os cales deu loitas duras e fomentou lazos de sangue coa clase obreira e as demais capas populares do noso país. Hoxe en día tamén está na vangarda da loita obreira por cada problema que afecta aos traballadores, aos campesiños pobres, aos empregados, aos autónomos, á mocidade e ás mulleres das capas populares. O KKE desempeña un papel principal na loita contra a organización criminal nazi do Amencer Dourado, para que sexa illado nos centros de traballo, nas escolas e as universidades, para que non envelene á mocidade cos seus sermóns fascistas.
No recente 19º Congreso do noso partido aprobamos unanimemente a Resolución Política, o novo Programa e os novos Estatutos, reafirmando a unidade ideolóxica-política do Partido.
Nos documentos do 19º Congreso, o KKE deixa claro que hoxe en día en Grecia, en condicións de capitalismo monopolista, existen as condicións materiais obxectivas para a construción da sociedade socialista-comunista. A revolución inminente en Grecia será socialista. O noso Partido avalía, igual que no Programa anterior, que non existen etapas intermedias entre o capitalismo e o socialismo, que non existen poderes intermedios. A loita de clases, a liña da loita revolucionaria levará ao poder obreiro popular ou, doutro xeito, con outra liña e etapas intermedias será derrotada, asimilada, dará alento ao sistema para a lonxevidade do capitalismo. Propoñemos á clase obreira, aos sectores populares pobres, aos traballadores autónomos e os campesiños, á mocidade, ás mulleres das familias populares a construción da Alianza Popular das forzas sociais que teñen interese en loitar en dirección antimonopolista, anticapitalista, tendo como consignas básicas a socialización dos monopolios e a cooperativa da produción agrícola, a cancelación unilateral da débeda, a non participación en intervencións político-militares, en guerras, a retirada da Unión Europea e da OTAN, co poder obreiro e popular.
O KKE actúa en dirección de preparación do factor subxectivo na perspectiva da revolución socialista aínda que o período da súa manifestación será determinada por condicións obxectivas, pola situación revolucionaria. Traballamos para que o KKE teña bases sólidas na clase obreira, para que o KKE sexa capaz de cumprir coas súas tarefas en cada cambio repentino da loita de clases, para que sexa un partido que actúe baixo todas as circunstancias. Isto non significa que nos distraiamos da realidade, da loita e a reivindicación en torno aos problemas graves dos traballadores, dos desempregados, dos mozos, dos xubilados pobres, dos fogares populares que sofren, que non teñen como pagar os medicamentos, non teñen que comer, están en perigo de execucións hipotecarias. Estamos na vangarda das loitas, as mobilizacións con intervencións no Parlamento, para a satisfacción de necesidades básicas do noso pobo, para aliviar aos oprimidos.
Ao mesmo tempo, pretendemos reconstruír en base clasista o movemento obreiro e apoiamos a Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) e a alianza coas demais agrupacións antimonopolistas dos pequenos comerciantes (PASEVE), do campesiñado pobre (PASY), dos estudantes (MAS), das mulleres (OGE). Consideramos que a construción da Alianza Popular que terá bases sociais (e non será unha fusión política desde arriba) é necesaria hoxe. É unha alianza social que loitará por todos os problemas populares, os salarios, as pensións, a saúde, a educación, a seguridade social pública, por aliviar aos desempregados etc. e terá un claro carácter antimonopolista e anticapitalista. Esta alianza social, en condicións de situación revolucionaria, pode converterse nunha fronte obreira-popular revolucionaria; crearanse órganos do poder obreiro-popular, suscitarase o asunto do poder para o pobo, a clase obreira, para que se convertan en protagonistas dos desenvolvementos.
Para o reagrupamento revolucionario do movemento comunista internacional
Estimados camaradas;
Nas condicións actuais destaca a necesidade principal do reagrupamento revolucionario do movemento comunista internacional, que actualmente está en condicións de crise ideolóxica, política e organizativa.
A partir desta avaliación, o KKE apoia non só os encontros internacionais e rexionais dos partidos comunistas, senón ademais a idea do xurdimento dun “polo comunista” no movemento comunista internacional, de partidos comunistas que permanecen fieis ao Marxismo-Leninismo, ao internacionalismo proletario, defenden a experiencia positiva do socialismo que coñecemos, estudan os acontecementos contemporáneos e pretenden desenvolver unha estratexia revolucionaria recoñecendo a actualidade e a necesidade do socialismo.
Con estas reflexións desexámoslles éxito no seu congreso!
Viva o Marxismo-Leninismo e o internacionalismo proletario!
Viva a amizade entre o KKE e o Partido Comunista de Italia!


[Fonte: KKE]