Contribución do P.C.P.E. ao 22º SEMINARIO COMUNISTA INTERNACIONAL (S.C.I. 2013).

“As vosas ideas mesmas son produto das relacións de produción, da propiedade burguesa, como o voso dereito non é máis que a vontade da vosa clase erixida en lei”. C. Marx e F. Engels.

 
1.- O desenvolvemento da crise capitalista en España.

A economía española leva seis anos sumida nunha dura crise capitalista. Tras unha breve recuperación, iniciada a mediados de 2010, comezou un novo ciclo recesivo en 2011 que continuará ao longo do presente ano, cunha caída do Produto Interior Bruto que superará o 1,5 %. Todo fai prever que o novo ciclo recesivo continuará durante 2014.

A crise capitalista actual, que ten a súa causa principal na sobreprodución, determina as políticas que veñen aplicando en favor dos monopolios os diferentes gobernos. O Goberno do PSOE tratou de facer fronte á crise poñendo en marcha unha serie de medidas de orientación socialdemócrata, aprobando en xaneiro de 2009 o denominado Plan Español para o Estímulo da Economía e o Emprego (Plan E), ao que seguiu o Plan de Economía Sostíbel a finais do mesmo ano, que ao cabo daría lugar á aprobación da Lei de Economía Sostíbel de marzo de 2011. A socialdemocracia transferiu máis de 50.000 millóns de euros aos monopolios para tratar de compensar a caída da taxa de ganancia, baixo o pretexto de implantar un novo modelo produtivo baseado no investimento público e na denominada economía sostíbel ou economía verde.

Fracasadas as medidas socialdemócratas, e en presenza dun novo ciclo recesivo, o Goberno do PSOE optou directamente por aplicar unha liña de xestión neoliberal, continuada polo Partido Popular desde o seu triunfo nas eleccións xerais de 20 de novembro de 2011.

A clase obreira e os sectores populares do noso país viron como se descargan sobre os seus ombreiros as consecuencias da crise capitalista. No período inmediatamente anterior ao comezo da crise a taxa de desemprego situouse en España en torno ao 8 %. O duro proceso de destrución de forzas produtivas iniciado en 2007 condenou por centos de miles de traballadores ao paro: no ano 2010 a taxa de desemprego superou o 20% e no ano 2012 alcanzou por primeira vez o 25%, superando actualmente o 27,16%, con máis de seis millóns de traballadores parados. A taxa de desemprego xuvenil alcanzou un histórico 57,22 %, o máis alto de toda a Unión Europea, condenado á mocidade obreira a soportar unha verdadeira falta de expectativas vitais no marco do capitalismo.

Desde o ano 2008 barállase que medio millón de familias traballadoras foron expulsadas das súas vivendas a través do desafiuzamento, ao non poder facer fronte ao pago do aluguer ou da hipoteca. Máis do 25% dos nenos españois menores de 16 anos sofre malnutrición, non dispón da roupa adecuada e non goza dun espazo adecuado para o xogo ou o estudo. Máis do 30% dos nenos cuxas familias contan cuns ingresos mensuais inferiores aos 640 euros mensuais non consegue finalizar o ensino obrigatorio e non logra o graduado escolar. A taxa de pobreza en España alcanza xa o 21,8%, máis dun 30% das familias declaran non poder chegar a fin de mes e un 41% non ten capacidade algunha de facer fronte a un gasto imprevisto.

Ata no caso de que o actual ciclo recesivo fose superado, todas as previsións apuntan a un período de estancamento ou de leve crecemento que, con toda seguridade, será seguido dun novo ciclo recesivo. Tanto a liña socialdemócrata de xestión como a liña neoliberal trouxeron consigo un empeoramento das condicións de vida e traballo. A medida que se desenvolve a crise capitalista, aumenta a pobreza absoluta e relativa da clase obreira e a riqueza concéntrase cada vez máis en mans dunha reducida oligarquía. A sociedade vai escindíndose cada vez máis en dous polos antagónicos, unha minoría parasitaria vive a costa do sufrimento e o traballo dunha inmensa maioría social. Segundo os últimos datos dispoñíbeis, no período 2007-2010 a caída da renda das familias traballadoras situouse nun 9 %. Mentres tanto, unha reducida oligarquía composta por unhas duascentas familias posúe unha riqueza superior aos 135.000 millóns de euros; ata en plena crise económica barállase o dato de que os dez principais capitalistas viron incrementada a súa fortuna nun 8 % durante o ano 2011.

2.- A clase dominante desata unha auténtica guerra contra a clase obreira e o pobo.

Para os comunistas non é ningún segredo que os cambios na base económica da sociedade determinan, antes ou despois, toda unha serie de modificacións na superestrutura xurídica, política e ideolóxica. Desde o inicio da crise capitalista, veñen operando toda unha serie de cambios superestruturais que tratan de responder ás dificultades que o bloque oligárquico burgués se atopa no proceso de acumulación de capital e perseguen dous obxectivos principais: abaratar o prezo da forza de traballo e facilitar a represión estatal contra o movemento obreiro e popular.

a) Cambios legais no ámbito laboral.

Como resposta á crise capitalista iniciada en 1973, a oligarquía española puxo en marcha un proceso dirixido a abaratar o prezo da forza de traballo. Ese proceso comeza coa aprobación da Lei 16/1976 de Relacións Laborais e terá varios episodios posteriores, destacando pola súa importancia a Lei 8/1980 do Estatuto dos Traballadores, as reformas impostas polos Gobernos de Felipe González (PSOE) nos anos 80 e en 1994, as reformas dos Gobernos de Aznar (PP) en 1996 e 2001 e finalmente a reforma aprobada polo Goberno de Zapatero (PSOE) en 2006.

Co inicio da crise capitalista en 2007, esta tendencia constante ao abaratamento da forza de traballo e de perda de dereitos laborais en favor dos monopolios agrávase. No ano 2010, o último Goberno do PSOE descargou sobre as costas da clase obreira as consecuencias da crise aprobando unha drástica reforma do mercando laboral, á que o movemento obreiro e sindical respondeu coa folga xeral do 29 de setembro dese mesmo ano. Tras o triunfo electoral do Partido Popular en novembro de 2011, o Goberno de Mariano Rajoy profundou na mesma liña aprobando unha dura reforma laboral en febreiro e xullo de 2012, seguida dalgunhas reformas parciais.

Ao obxectivo inicial de reducir o prezo da forza de traballo, súmase agora a individualización das relacións laborais en nome da doutrina da ”flexiseguridade”, acuñada pola Unión Europea. Os convenios colectivos sitúanse no punto de mira do bloque dominante oligárquico-burgués e, xunto á negociación colectiva, trátase de aniquilar o movemento sindical, nun intento de desarmar absolutamente á clase obreira.

Como se desprende da gráfica anterior, no momento anterior á crise asináronse 6.016 convenios colectivos e o 67,3 % dos traballadores contaban con cláusulas de revisión salarial acordadas no marco da negociación colectiva. O pasado ano, os convenios asinados reducíronse escandalosamente a 2.847 e só o 41,6 % da clase obreira contou xa con algún tipo de cláusula salarial froito da negociación colectiva.

Os dereitos sindicais da clase obreira e tamén o dereito á folga sofren un constante cuestionamento e sitúanse como o novo obxectivo das clases dominantes. Así, en condicións de crises capitalista, asentanse as bases para implantar un auténtico terror patronal nos centros de traballo, buscando impedir unha resposta organizada por parte da clase obreira.

Malia as medidas enumeradas, o movemento obreiro e popular reaccionou ante cada unha das ofensivas orquestadas pola patronal e polos gobernos capitalistas dun ou outro signo. Desde setembro de 2010 realizáronse tres folgas xerais, complementadas con centos de folgas de sector ou de empresa. Durante o pasado ano as xornadas de folga disparáronse, incrementándose un 138% os días non traballados nos primeiros nove meses de 2012. En paralelo, van tomando corpo importantes movementos de masas en contra da privatización do ensino e a sanidade ou esixindo unha vivenda digna.

Neste escenario de intensificación da loita de clases, os capitalistas e o seu goberno non limitan as medidas reaccionarias ao ámbito das relacións laborais. Púxose en marcha toda unha batería de agresións contra os dereitos democráticos e as liberdades que impida mediante o recurso á represión toda resposta obreira e popular. A loita social e política está sendo criminalizada.

b) Recorte de dereitos democráticos e liberdades.

O desenvolvemento da crise capitalista confirma a diario a máxima leninista de que o imperialismo, fase superior e última do capitalismo, tende á reacción en todos os terreos. En España, esa tendencia exprésase nas seguintes medidas dirixidas a intensificar a ditadura capitalista:

- En materia electoral modifícase en xaneiro de 2011 a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral, obrigando ás formacións sen representación parlamentaria a recoller o 0,1% de avales dos votantes de cada circunscrición. Con iso tratan de impedir a concorrencia electoral das forzas revolucionarias e de coñecer ao detalle quen apoian ao Partido Comunista. O PCPE ha ter que acudir a distintas instancias xudiciais para poder presentarse ás últimas citas electorais, chegando ata ao Tribunal Constitucional, que finalmente avalou algunhas das nosas candidaturas.

- Limitación das funcións de partidos e sindicatos. Estase estudando unha reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para impedir que partidos políticos e sindicatos exerzan a acción popular.

- Limitación do dereito de manifestación. Cada vez son máis habituais as declaracións de distintos responsables do Goberno do PP que defenden que o dereito de manifestación debe ser limitado[1].

- Aumenta a impunidade coa que actúan as forzas represivas. O Goberno está estudando unha reforma da Lei de Seguridade Cidadá que prohibirá a captación, tratamento ou difusión en internet de imaxes de axentes no exercicio das súas funcións.

- Limitación das posibilidades de defensa xudicial. Avánzase na privatización da xustiza coas aprobación da Lei 10/2012, de 20 novembro, de Taxas Xudiciais, que limita economicamente o acceso dos traballadores aos tribunais ante os abusos patronais e as posibilidades de defensa ante as crecentes multas administrativas por participar en manifestacións, piquetes ou polo mero feito de pegar un cartel.

- En materia penal se endurecen as penas e oriéntanse contra os partidos políticos e os sindicatos. Introdúcese a prisión permanente revisábel (cadea perpetua encuberta en aberto fraude constitucional) e regúlase a responsabilidade penal de partidos políticos e sindicatos (Lei Orgánica 7/2012, de 27 de decembro), endurecendo as penas previstas para os tipos penais que utilizados contra manifestantes e folguistas: atentado, resistencia á autoridade e alteración da orde pública.

- Finalmente apúntase a unha limitación do dereito de folga. Esperanza Aguirre, unha das principais dirixentes do Partido Popular, declarou ante a convocatoria de Folga Xeral do 14 de novembro de 2012 que “as folgas xerais deberían estar prohibidas”[2]. Ante a Folga Xeral do 29 de Marzo de 2012, Esperanza Aguirre pediu un día antes denunciar a través de fotografías e vídeos aos piquetes[3]. Tamén acosou as folgas do Metro de Madrid apuntando á súa ilegalidade[4].

- Todas estas medidas confirman que o bloque dominante oligárquico-burgués se prepara en España para unha loita de clases de extraordinaria dureza. Dereitos e liberdades son progresivamente eliminados e intensifícase a violencia con que se exerce a ditadura capitalista, mentres comeza a crebarse a lexitimidad do bipartidismo (PP-PSOE) e da monarquía parlamentaria.

Neste escenario xorden movementos sociais que, desde posicións nitidamente pequenoburguesas, enarbolan consignas funcionais a unha reforma a gran escala do edificio capitalista: que se vaian todos!, nin partidos nin sindicatos! As demandas destes grupos son amplamente difundidas desde os monopolios da comunicación e contribúen decisivamente a xerar en importantes sectores populares a ficción de que é posíbel outro capitalismo, un capitalismo democrático e participativo no que se podería desenvolver o denominado Estado do Benestar. Así, a crecente indignación popular sitúase baixo claves democratico-burguesas, practicándose e difundíndose un verdadeiro culto á espontaneidade que se contrapón á organización sindical e política dos traballadores e traballadoras coa activa complicidade das forzas oportunistas, que tratan de pescar en río revolto e de avanzar electoralmente co obxectivo de substituír ao PSOE e de converterse na á esquerda do sistema.

3.- Estratexia e táctica do movemento comunista nas presentes condicións.

A posibilidade dun capitalismo de rostro humano, democrático, pacífico e sen loita de clases, que os centros ideolóxicos imperialistas trataron de propagar tras o triunfo contrarrevolucionario na URSS e nas democracias populares do Leste europeo, foi refutada polos acontecementos. Os límites históricos da formación social capitalista se evidencian hoxe ante millóns de traballadores e traballadoras dos nosos países e confírmase que o imperialismo é a fase superior e última do capitalismo, confírmase a tendencia á reacción en todos os terreos e increméntase o perigo dunha guerra imperialista a gran escala. Vivimos na época de transición do capitalismo ao socialismo-comunismo, na época das revolucións proletarias.

Os anteriores factores determinan a estratexia dos Partidos Comunistas e Obreiros, que para o PCPE debe apuntar ao derrocamento do capitalismo monopolista, ao triunfo do poder obreiro e á construción do socialismo-comunismo. Os Partidos Comunistas e Obreiros deben intervir na loita de clases deslindando o campo coas posicións oportunistas, só así se poderá modificar a correlación de forzas no seo do movemento obreiro. Debemos definir unha política de alianzas de clase que logre aglutinar aos sectores populares que sofren a dureza da crise capitalista, forxando unha alianza que apunte á construción dunha fronte obreira e popular que, baixo dirección obreira, avance cara á crise revolucionaria co obxectivo da toma do poder.

Os ataques contra os dereitos democráticos e as liberdades non poden ser analizados á marxe da tendencia reaccionaria do imperialismo e do carácter da época. A loita democrática só cobra sentido no marco da loita xeral polo socialismo-comunismo, pois ningunha tarefa democrática depende hoxe das clases dominantes. A burguesía é unha clase reaccionaria e o seu poder debe ser derrocado. A única clase social de cuxos intereses obxectivos nace un proxecto democrático é o proletariado. Un proxecto democrático para os traballadores e traballadoras e os sectores populares aliados que, ao mesmo tempo, será ditadura para as clases reaccionarias: a ditadura revolucionaria do proletariado baixo as formas que en cada caso adopte o poder obreiro e popular.

A reacción desatada polas clases dominantes en ningún caso pode servir de pretexto para xustificar unha táctica independente dos obxectivos estratéxicos do poder obreiro e a construción socialista. A loita democrática non pode separarse da loita de clases. A táctica é o elemento flexíbel no accionar dos Partidos Comunistas e Obreiros, pero tal flexibilidade xustifícase exclusivamente na medida en que atende ás cambiantes condicións da loita de clases e serve do xeito máis eficaz ao obxectivo estratéxico; mentres que se converte en lamentábel oportunismo cando, cun ou outro pretexto, sepárase do obxectivo estratéxico e muta ata converterse en coartada para o apontoamento dunha ditadura capitalista á que se termina embelecendo.

A táctica dos Partidos Comunistas e Obreiros pasa por implicarse activamente na loita contra os ataques aos dereitos democráticos e as liberdades, poñendo de manifesto ante as grandes masas que esas medidas reaccionarias son consustanciais ao imperialismo, que tras cada recorte de dereitos escóndese o propósito de manter á clase obreira indefensa e desarmada ante os monopolios. Cada zarpazo represivo do inimigo de clase debe ser aproveitado para destruír a lexitimidade da ditadura capitalista e para ampliar a fronte de loita polo socialismo-comunismo. A táctica dos nosos partidos debe contemplar a necesidade de enfrontar as posicións oportunistas que defenden a utopía reaccionaria dun capitalismo democrático e participativo con xustiza social, tal e como fan as forzas adscritas ao Partido da Esquerda Europea. A derrota desas posicións no seo do movemento obreiro e sindical é condición sen a cal o cambio na correlación de forzas para avanzar nun sentido revolucionario tórnase imposíbel.

No actual escenario xorde de novo o debate sobre a oportunidade de participar en frontes populares de carácter interclasista, especialmente nas actuais condicións en que en toda unha serie de países cobran forza organizacións con formulacións abertamente fascistas. Do mesmo xeito que as loitas democráticas non poden desligarse da loita polo socialismo-comunismo, o fenómeno fascista non pode analizarse á marxe da formación social imperialista que lles dá vida. Hoxe non cabe contrapor fascismo a democracia, entendida en abstracto e á marxe do seu contido clasista. O fascismo non é un fenómeno illado das necesidades das clases dominantes para incrementar a explotación e enfrontar as dificultades no proceso de acumulación de capital, tratando de renovar a reprodución ampliada. Xa que logo, os Partidos Comunistas debemos insistir nas liñas de continuidade existentes entre unha e outra forma de exercicio da ditadura capitalista, debemos insistir no carácter instrumental que o fascismo ten para o poder monopolista. Debemos sumar á loita a amplos sectores sociais contra a reacción, pero non podemos permitir que a loita obreira e popular se libre baixo pabellón alleo, seguindo o señuelo da defensa da democracia burguesa e, xa que logo, apontoando a ditadura capitalista. Combater contra o fascismo e a reacción é combater contra o capitalismo e só coa toma do poder e a construción socialista o triunfo estará garantido.

Debemos denunciar a relación existente entre os recortes de dereitos democráticos e liberdades e a entrada en escena das forzas fascistas, dirixidas principalmente a estender o terror nas filas do movemento obreiro e popular e a golpear ás forzas comunistas. Os nosos partidos deben estudar as medidas a adoptar para defenderse da crecente represión que, da man do anticomunismo, faise cada día máis presente e intensificarase nos próximos anos, partindo do principio de que a mellor defensa atópase na nosa capacidade de mobilización de masas, en construír lazos sólidos coa clase obreira e os sectores populares. E máis aínda nas actuais condicións en que o desenvolvemento científico técnico puxo en mans do capitalismo poderosos medios para monitorear a acción das organizacións revolucionarias. O noso Partido vén soportando nos últimos anos todo tipo de situacións nas que desde as instancias de poder trátase de dificultar nosa acción: anulación de listas electorais, cuantiosas multas económicas, falsas acusacións con petición de penas de prisión para militantes, detencións baixo falsa acusación de terrorismo e posta a disposición da Audiencia Nacional, etc.

Nas actuais condicións, cobra tamén importancia decisiva a caracterización das actuais alianzas imperialistas fronte ao discurso da denominada multipolaridade. Estase producindo un reaxuste do papel xogado por cada potencia na pirámide imperialista, as contradicións entre as distintas potencias e alianzas imperialistas estanse incrementando e, con elas, o perigo dunha guerra de rapiña a gran escala. A táctica dos Partidos Comunistas e Obreiros debe tomar en consideración esas contradicións, pero iso non xustifica o abandono dos principios do internacionalismo proletario que supón o optar por unha ou outra alianza ou potencia imperialista. Non hai un imperialismo bo ao que apoiar fronte a un imperialismo malo. Xa que logo é esencial caracterizar correctamente cada alianza imperialista e analizar non só as contradicións con outras alianzas, senón as contradicións que se producen no seu propio seo froito da lei do desenvolvemento desigual. No caso dos Partidos Comunistas e Obreiros de países membros da Unión Europea é un deber loitar contra esa alianza interestatal imperialista no marco da loita polo derrocamento do capitalismo e o poder obreiro, polo socialismo e o comunismo. Na mesma lóxica, debemos loitar decididamente contra a OTAN e o resto de alianzas militares, contra a propia militarización da economía, polo regreso das tropas que cada un dos nosos países envía á guerra imperialista.

Todo indica que debemos prepararnos para superiores niveis de confrontación, nos que a solidariedade internacional, expresión dos nosos principios internacionalistas proletarios, debe xogar un papel esencial. O século XXI será o século das revolucións socialistas triunfantes, o século en que triunfo da clase obreira contra toda forma de barbarie.

Proletarios de todos os países, unídevos!

Comité Executivo do Partido Comunista dos Pobos de España.

Madrid, maio de 2013.



[Fonte: PCPE]
-Traducido por FORXA!-