Forxa!!

CONSTRUÍR O PARTIDO!
PREPARAR A REVOLUCIÓN!

«De todas as clase que hoxe se enfrontan coa burguesía só
hai unha verdadeiramente revolucionaria: o proletariado».
Marx e Engels, Manifesto Comunista.

Após un proceso de debate interno, un grupo de comunistas de Galiza, algúns procedentes doutras organizacións e outros sen militancia organizativa anterior, decidimos constituír Forxa!, colectivo marxista-leninista que ten como obxectivo construír e consolidar a única ferramenta política verdadeiramente revolucionaria da clase obreira galega, o Partido Comunista. Partido que ten de expresar os obxectivos e intereses históricos do proletariado: derrotar a ditadura da burguesía, ditadura da minoría, e substituíla pola ditadura revolucionaria do proletariado, da maioría.

Fronte aos que anuncian ao mundo o fracaso do socialismo, os que negan o papel dirixente do Partido e a necesidade da ditadura do proletariado, os que teiman en borrar os camiños vitoriosos xa percorridos polo Movemento Comunista, nós reafirmámonos en todas as ensinanzas que, no curso da historia,  nos proporcionou as experiencias e as loitas da clase obreira e do movemento revolucionario. Ensinanzas históricas das que aprendemos que o proletariado e demais clases oprimidas só poden alcanzar a emancipación a través da Revolución Socialista e que a ditadura do proletariado é un requisito imprescindíbel da construción socialista, instrumento necesario para vencer a resistencia dunha burguesía que sempre loitará por preservar os seus intereses e privilexios.

«A traizón en política enceta pola revisión da teoría».
Georgi Dimitrov.

Outra ensinanza histórica é o fracaso e a creba das políticas do revisionismo e do reformismo, que durante anos de manipulacións e traizóns, conduciron á clase obreira, xunto co resto de clases traballadoras, á total desmobilización e desorganización, destruíndo as súas ferramentas de combate e provocando a súa maior derrota.

A loita de clases é o motor da historia. Non porque veña nun libro ou por termos nós a teima de  o repetir un millón de veces. O mundo continúa a estar dividido en dous campos: o dos desposuídos que forman a inmensa maioría da humanidade, e da minoría que todo o ten. Os primeiros están obrigados a vender a súa forza de traballo para sobreviviren, mentres que os segundos son os propietarios dos medios de produción e do capital financeiro. Quere dicir, este dominio económico e político dunha minoría sobre a maioría é unha realidade obxectiva.

Para derrotar esta orde existente e transformar a sociedade, a clase traballadora precisa de organizacións propias, independentes das demais clases. Organizacións que sexan quen de conduciren o proletariado cara á emancipación e a vitoria sobre a burguesía e o imperialismo. Organización que non pode ser outra que o Partido revolucionario marxista-leninista, o Partido de Novo Tipo ardentemente defendido por Lenin fronte ás tendencias oportunistas e antirrevolucionarias. Un Partido de vangarda guiado por unha teoría de vangarda, o marxismo-leninismo: ideoloxía do proletariado, expresión científica dos seus intereses de clase e arma de toda a clase traballadora na loita polo socialismo e a liberación nacional.

«Un novo Partido, un Partido combativo, un Partido revolucionario dabondo intrépido como para conducir o proletariado á loita polo poder, dabondo experto como para se orientar nas complexas condicións da situación revolucionaria e dabondo flexíbel como para sortear todos e cada un dos escollos que se interpoñen no seu camiño. Sen un Partido así non se pode pensar no derrocamento do imperialismo e na conquista da ditadura do proletariado. Este novo Partido é o Partido do leninismo.»
Iosif Stalin, Fundamentos do Leninismo.

A queda do socialismo real e a vitoria da contrarrevolución burguesa e do imperialismo sumaron o Movemento Obreiro e o Movemento Comunista nunha profunda crise ideolóxica e organizativa. A maioría das organizacións adaptáronse aos novos tempos virando cara á socialdemocracia ou aliñándose nalgunha das múltiples teorías revisionistas. Outras simplemente desapareceron. Galiza non foi unha excepción.

Entendemos que, a día de hoxe, a clase obreira galega non conta coa súa ferramenta emancipadora, o Partido Comunista. O abandono xeral da política comunista, a deserción e o liquidacionismo, a carencia de liñas programáticas sólidas, o eclecticismo paralizante e a ausencia de análises desde unha perspectiva de clase da realidade galega son algunhas das principais razóns desta situación de indefensión da clase obreira galega. Sen obviarmos o respecto que nos merecen as organizacións populares existentes no noso país, algunhas das cales se reclaman comunistas, consideramos imprescindíbel prepararmos o camiño que conduza ao nacemento do Partido Comunista.

Este Partido Comunista será froito do traballo, do estudo e do debate previos, mais, como organización da clase obreira, deberá cumprir uns requisitos mínimos:

Un Partido que teña no marxismo-leninismo a súa guía de análise e actuación práctica. Que rexeite o oportunismo, o reformismo e toda caste de liñas revisionistas contrarrevolucionarias.
Un Partido armado cun programa revolucionario e cunha única e sólida liña político-ideolóxica, produtos, ambos, da análise, entre outras, da loita de clases na Galiza, da relación de dependencia entre Galiza e o Estado español, do estudo do imperialismo a nivel mundial, da realidade do movemento comunista internacional e das experiencias socialistas no decurso da Historia.
Un auténtico Partido proletario guiado e composto maioritariamente pola clase obreira, polo proletariado, como clase revolucionaria. Esta é, xunto coa aplicación do materialismo dialéctico, a mellor garantía para podermos combater todo tipo de sectarismo, dogmatismo, revisionismo ou reformismo no seu seo.
Un Partido cunha vocación internacionalista real. Tendo claro que a primeira obriga internacionalista é levar a cabo a revolución no noso propio país como parte da revolución proletaria mundial, o Partido debe seguir a ensinanza marxista que nos di que os comunistas, alén da nosa necesaria loita particular, temos de manter sempre o intereses do movemento proletario enfocado no seu conxunto, nos intereses comúns ao proletariado mundial.
Un Partido que teña na Independencia nacional un dos seus obxectivos, mais non como obxectivo en si mesmo, senón como unha parte da cuestión xeral da revolución proletaria. O problema nacional só pode resolverse en relación coa revolución proletaria e sobre a base dela. Obxectivamente, a liberación nacional de Galiza representa un debilitamento do imperialismo, un paso no camiño da revolución proletaria e o Socialismo.
Un Partido activo na solidariedade cos todos aqueles represaliados por combateren a ditadura burguesa, tanto na Galiza como en calquera punto do mundo.

Para a consecución deste Partido, obxectivo estratéxico do noso colectivo marxista-leninista, Forxa! traballará nos seguintes aspectos:

Acumular forzas. Queremos agrupar os comunistas e revolucionarios galegos ao redor do proxecto de construción dun auténtico Partido Comunista revolucionario marxista-leninista. Mais Forxa! non nace con vocación exclusivista. Nesta necesaria acumulación de forzas, e sempre que se camiñe na mesma dirección, o noso colectivo non tería ningún problema en fusionarse, integrarse ou colaborar con outros destacamentos marxista-leninistas que xurdan no seo da clase obreira galega. É máis, sería unha moi boa noticia para o proletariado galego que outros proxectos como o noso viran á luz no país.
Concretar e ampliar as características que debe cumprir o Partido Comunista. E como xa dixemos, isto non pode acadarse se non é cun estudo rigoroso, desde unha perspectiva proletaria e comunista, da realidade da loita de clases na Galiza, da dependencia nacional, do imperialismo internacional, do debate pasado e presente dentro do movemento comunista internacional e da análise materialista das experiencias socialistas.
Crear un discurso netamente proletario sobre os acontecementos que, tanto a nivel nacional como internacional, coidemos de importancia para a nosa causa. Rachar co monopolio dos discursos da burguesía “progresista” e da pequena-burguesía radicalizada, e lanzar a voz do proletariado.
Participar naquelas loitas que beneficien os intereses do proletariado galego.

Sabemos que o camiño non vai ser doado e que os obstáculos van ser constantes, mais a necesidade de construírmos un Partido comunista revolucionario do proletariado galego obríganos a dar este paso. Facemos un chamamento para participar neste proxecto ao proletariado consciente, ás persoas comunistas desencantadas coa situación actual, ás que queren loitar mais aínda non atoparon o lugar, a todas as persoas, en resume, que queiran loitar por acabar co dominio da burguesía, sexa de onde for, e construír o socialismo na Galiza e no mundo enteiro.

Co coñecemento e constancia do puño proletario que bate o ferro na zafra, é como debemos forxar o noso Partido. Esa ferramenta do proletariado que a historia demostrou inescusábel para nos enfrontarmos ao inimigo de clase e sermos quen de o vencer.

«O destino é quen baralla as cartas, nós quen as xogamos»


Descargar Presentación Forxa!!