Sector naval, o seu papel na historia do movemento obreiro e a loita no presente inmediato.

Sen ningunha dúbida o conflito polo que está atravesando o sector naval de Ferrol vai mais alá das simples reivindicacións laborais, trátase de algo máis, pois o simbolismo e a significación dos estaleiros ocupan un lugar destacado na loita de clases neste país, e están ligadas  á historia do propio movemento obreiro e sindical, ademais de gardar unha estreita relación coa historia e co propio desenvolvemento do movemento comunista.
Corresponde, pois, facer hoxe un repaso da extensa historia dos estaleiros ferroláns para situarnos no presente inmediato da loita dos traballadores de Navantia.
Nos estaleiros de Ferrol tivo lugar a primeira folga durante a ditadura de Franco, a coñecida como folga do aceite, organizada clandestinamente pola célula do PCE en 1946. Nesta ocasión a negativa da maioría dos traballadores a facer uso da cantina en sinal de protesta polas terríbeis condicións laborais, supuxo detencións e catorce sentencias de morte. Esta folga foi sen dúbida o precedente que deu inicio a todo un movemento que cristalizaría coa eclosión das folgas políticas do 72, nas que ocuparon un lugar relevante as primeiras Comisións Obreiras cunha forte implantación nos estaleiros.
Despois viñeron os tempos dos gobernos socialdemócratas, a integración na Unión Europea e na OTAN, e a subordinación fronte ás políticas dirixidas polos monopolios capitalistas e sometidas aos intereses do bloque imperialista dominante; viñeron as reconversións, os vetos, os plans industriais, as prexubilacións, etc.
Todo isto foi posíbel, en gran medida, grazas á política reformista desenvolvida durante décadas, que levou á clase obreira a unha situación de desarme ideolóxico e ao abandono das posicións propias do sindicalismo de clase, substituídas por unha política entreguista fundada no chamado pacto social.
Cal é hoxe realmente o problema? A carga de traballo inmediata, os diques flotantes ou o famoso flotel, que de seu non poderían garantir unha carga de traballo prolongada e non supoñerían máis que un parche temporal ou realmente o que está en xogo é o propio futuro do estaleiro e o carácter público do mesmo?
A mala xestión da dirección de Navantia non é casual. Os medios ao servizo do capital e dos monopolios levan anos bombardeándonos con argumentos tendentes a mostrar a xestión das empresas públicas como ineficaz, fronte á xestión privada que eleva sempre os seus beneficios como escusa para privatizar as mesmas, cando en realidade os responsábeis directos desa ineficacia son os mesmos que hoxe lle piden á clase obreira que se aperte o cinto, os que se fixeron inmensamente ricos grazas á privatización das empresas públicas como Telefónica ou como Repsol (que seguindo a lóxica capitalista do máximo beneficio encarga a construción de buques, non a Navantia, como podería parecer lóxico senón a estaleiros “máis competitivos”).
É necesario romper o discurso cidadanista e interclasista, as solucións teñen que poñelas os traballadores de Navantia e o conxunto da clase obreira de Ferrol. As armas para o combate, as mesmas que no 72, a folga política e a mobilización sostida,  porque as solucións hoxe para o naval son imposíbeis sen suscitar unha loita por obxectivos políticos, pola defensa do carácter público de Navantia  e por un programa estratéxico de construción naval enfocado a cubrir as necesidades obreiras e populares e non a favorecer os intereses dos monopolios capitalistas ávidos de beneficios.
É necesario recuperar unha posición de forza, unir ao conxunto dos traballadores en torno a unha plataforma reivindicativa, discutida e aprobada polas asembleas, e que reflicta os intereses reais do conxunto de traballadores por enriba das distintas estratexias sindicais incapaces por si mesmas de unificar ao conxunto do persoal.
Hai, en definitiva, que dar a batalla do mesmo xeito que a deron as xeracións pasadas. O camiño segue sendo hoxe o mesmo. Quen non arrisca non pode gañar.
F.A.D. para o UyL