Guión para o debate


1. A COXUNTURA

1.1. CADRO DA ACTUAL CRISE CAPITALISTA MUNDIAL

Os acontecementos que se están a vivir en Europa, especialmente en Grecia, poñen unha vez mais de manifesto a validez da teoría marxista-leninista a respecto do diagnóstico sobre a natureza, orixe e consecuencias das distintas crises capitalistas e que estas, a súa vez, son produto inevitábel do desenvolvemento das forzas produtivas. Mudaron as formas, a periodización, o cadro das distintas crises, mais estas seguen a ser inherentes ao modo de produción capitalista.

Son falsas e incorrectas as apreciacións de que a orixe da actual crise sexa froito exclusivo dos especuladores , tese esta preferida da socialdemocracia e incluso de partidos supostamente marxistas. A actual crise é unha crise de sobreprodución e sobreacumulación especulativa, e polas modificacións na composición orgánica do capital. O inicio da actual crise non se remonta ao 2007 como afirman algúns. As causas reais veñen de moito antes, pois como brillantemente describiu Marx, o capital remedia as crises preparando outras mais extensas e impoñentes. Ate agora o capitalismo atravesara dúas crises económicas das características da actual, unha a partir de 1873 que se correspondería co inicio da época do imperialismo, e outra en 1929 que levou ao paroxismo os antagonismos interimperialistas até acabar desencadeando a segunda guerra mundial.

Esta é unha crise estrutural, sistémica, que se arrastra dende 1973 e ten a súa orixe nos Estados Unidos como potencia económica, política e militar dominante (o dólar segue a ser a moeda-patrón de troco a nivel mundial). As políticas económicas neoliberais que subsistiron ao keynesianismo e as reformas antiobreiras e antipopulares que pretendían conter a sucesión de crises cíclicas, rexionais ou sectoriais, xeraron os medios que posibilitaron a actual crise xeral internacional. Mais evitar as crises é imposíbel, e as relacións sociais de produción burguesas son incapaces de solventar sen inmensos custes sociais para os pobos as contradicións existentes no seu seo.

A crise capitalista, lonxe de ser superada, estase a intensificar, a encetar unha nova ofensiva descarnadamente agresiva do capital destinada a implantar toda unha suma de medidas que pretenden aniquilar todos os dereitos conquistados con sangue pola clase obreira no curso de décadas de loitas e sacrificios, todo para os capitalistas poderen manter a súa taxa de ganancia e retrotraer o proletariado a condicións de explotación e a miseria mais propias do século XIX.

Cómpre facermos un exhaustivo análise da actual crise e das contradicións interimperialistas a nivel internacional e nos marcos rexionais, europeo, estatal e nacional, ao tempo de asumirmos como tarefa urxente e imperiosa dos comunistas galegos a construción dunha organización proletaria, comunista, marxista, leninista e revolucionaria, porque se algo nos confirma a actual crise e que o capitalismo marcha de camiño á súa fase terminal, tanto no sentido de intensificación e agravamento recorrente de crises económicas, políticas e mesmo bélicas, como no de afundimento completo de todo o sistema.

1.2. AS CONTRADICIÓNS INTERIMPERIALISTAS

O desenvolvemento capitalista das catro ultimas décadas, con indicadores que expresan os limites da súa expansión e entrada no período de caída definitiva e extinción como modo de produción, xunto á bancarrota do revisionismo na antiga Unión Soviética e dos estados ex socialistas de Europa do Leste, provocou unha recomposición do bloque capitalista comandado até agora polos EUA, aflorando a primeiro plano as contradicións interimperialistas.

O imperialismo belicista ianqui, nunha posición de perda de hexemonía e declive económico enfronta, nun contexto de acelerada concentración e internacionalización económica capitalista, unha feroz competencia coa nova China reconvertida en superpotencia imperialista aspirante, cunha Unión Europea ampliada mais impotente política e militarmente, cun Xapón aínda debilitado pola crise financeira sufrida nos 90, cunha Rusia relegada e na busca de novos socios xeopolíticos, e con toda unha pléiade de segundas potencias e novas alianzas rexionais emerxentes.

Por mais que o campo xeográfico dos estados socialistas se reducise á cativa realidade actual, os movementos obreiros e populares, antiimperialistas, anticapitalistas, socialistas e revolucionarios, conseguiron faceren a súa travesía polo deserto do adocenamento, e izar as bandeiras de combate por toda a rosa dos ventos planetaria. O imperialismo e as súas políticas globais, posibilitou que o movemento contra as guerras, contra os planos económico-finaceiros do FMI, BM, OMC, G-8, etc, sexas actores amplos, internacionais e masivos. En multitude de países, nomeadamente en América Latina, o movemento obreiro e popular avanza en loita contra as oligarquías domésticas, corruptas e servís, e vóltase a falar de revolución e socialismo como eixe dos programas de transformación. O futuro destes procesos e do porvir do conxunto do movemento dependerá do esclarecemento que resulte da loita política e ideolóxica, e da dotación dunha dirección consecuente de clase e revolucionaria.

1.3. O ESTADO ESPAÑOL

O Estado español é a superestrutura político-xurídica de dominio da oligarquía financeira española, un estado que, como a súa clase creadora, arrastra consigo a demora histórica na integración no modo de produción capitalista, unha dependencia orixinada e mantida polo capital foráneo, e un desartellamento territorial e social que se manifesta na continuidade e intensificación da cuestión nacional, do problema da opresión nacional.

Malia que a transición posfranquista pulou pola homologación democrática-burguesa do réxime na Europa capitalista e o impulso a unha etapa de inxente acumulación de capital con proxección imperialista, principalmente sobre América Latina, a esencia fascista, antidemocrática, reaccionaria e antipopular na defensa dos seus intereses de clase monopolistas segue a estar presente no discurso da dereita política e a fracción maioritaria da oligarquía.

A socialdemocracia, recomposta polos auspicios da Fundación Ebert e co consentimento da ditadura para servir de alternativa do novo quendismo monárquico, representa os novos sectores empresariais e profesionais emerxentes, ligados a sectores oligárquicos dinámicos no ámbito da industria, comunicación e finanzas. O seu papel foi determinante para conter o movemento obreiro e popular en conxunturas complicadas para o réxime.

O revisionismo, portavoz da aristocracia obreira e sectores minoritarios da pequena burguesía, xunto a outros oportunismos, nunca pasou de ter un peso testemuñal e declinante, merecido polo entreguismo no plano político e sindical, e a súa natureza indiferenciada da socialdemocracia mellor situada e valorada pola oligarquía dominante.

As medianas e pequenas burguesías de Catalunya e Euskadi teñen unha forza considerábel nas súas nacións, sendo con frecuencia, do punto de vista conxuntural, necesario o seu concurso político como respaldo dos gobernos do estado, a pesar de se intensificaren as contradicións entre os intereses imperialistas e centralizadores da oligarquía financeira española, e os das economías motrices e expansivas das burguesías nacionais vasca e catalá..

A grande eiva da clase obreira española é a inexistencia dunha formación política importante, de clase, de esquerda, revolucionaria. Como en moitos outros escenarios, a pluralidade e a división organizativa son os elementos dunha composición aínda por desenvolver.

1.4. A FORMACIÓN SOCIAL GALEGA CONTEMPORÁNEA

Galiza é unha nación criada nunha formación social de seu, cuxa secuencia e percorrido histórico configurárona como tal. A súa estrutura e composición de clases e o desenvolvemento das forzas produtivas e relacións sociais singularízana, como o territorio onde se desenvolve, e a lingua, cultura e idiosincrasia que a vincula no seu seo e a relaciona co seu entorno xeográfico.

Nas ultimas décadas producíronse mudanzas na súa base económica e social que mudaron radicalmente o país. O agro pasou a ser un sector económico en acelerado retroceso, produto do seu desmantelamento pola PAC da Unión Europea. A pesca tamén reduciu o seu papel no actual tecido produtivo. A reconversión de sectores industriais tradicionais, nomeadamente o naval, non tivo compensación no desenvolvemento doutras industrias, moi subsidiarias, nin polo crecemento do sector servizos.

Con todo, hoxe, o proletariado industrial, da construción, do transporte e outros servizos produtivos, constitúe a clase maioritaria no conxunto da poboación activa galega, acompañado polo semiproletariado da administración e servizos, igualmente numeroso. A pequena burguesía, presente na actividade autónoma, na industria, comercio e servizos, profesións liberais, e no agro capitalista, segue a manter un peso considerábel, pese a redución á mínima expresión da produción labrega premonopolista e a conversión dos superviventes en campesiños medios. A burguesía media incrementou o seu patrimonio nas últimas décadas ao abeiro do desenvolvemento comercial e industrial de xeito subalterno á actividade económica da fracción galega da oligarquía española.

O panorama político reflicte dou aspectos destacados. Dunha parte, a febleza histórica das forzas políticas propias, fronte ao sucursalismo das formacións oligárquicas. Só a pequena burguesía, a través do nacionalismo, logrou artellarse organizativamente. Doutra, a subordinación de sectores e elementos da clase obreira á dirección da pequena burguesía no seo nacionalismo de esquerdas, ademais da desconfianza manifesta en outros á ambigüidade política e o eclecticismo ideolóxico á deriva deste último, sexa na súa versión autonomista ou soberanista.

O nacemento de novos estados soberanos nas últimas décadas, produto da descomposición de vellos estados multinacionais, co reaxir dos movementos nacionais, leva a reconsiderarmos o problema das nacións oprimidas ao primeiro plano da estratexia antiimperialista e revolucionaria. Constatado que a desfeita revisionista e a mundialización imperialista trouxo aparellado a acentuación da opresión nacional, o problema xeral da autodeterminación dos pobos é fundamental para o movemento comunista e revolucionario. Cómpre enfocarmos este tema botando man de maneira creativa da teoría marxista leninista en base a unha análise dialéctica do desenvolvemento histórico das nacións como secuencia de formacións sociais propias, e a asunción da alternativa programática xeral do dereito de autodeterminación como exercicio pleno de soberanía, independencia e proceso constituínte, co proletariado como suxeito dirixente de procesos revolucionarios socialistas ou democrático populares que conduzan a organizacións supranacionais, integradas por repúblicas socialistas e democrático populares soberanas.

2. A TRAXECTORIA
FUNDAMENTOS DE LIÑA POLITICA E IDEOLOXICA

2.1. A HEXEMONÍA DO PROLETARIADO NO ESTADIO DO CAPITALISMO AGONIZANTE

Fronte as tentativas do pensamento único burgués, compartidas e tamén alimentadas por santísimos pensadores do neorrevisionismo antimarxista tipo Negri-Hardt, empeñadas en negar mesmo a existencia do proletariado e a loita de clases, a inevitabilidade revolucionaria do socialismo, a teimuda realidade sempre torna as cousas ao seu lugar.

Nunca antes na historia do capitalismo fora tan impresionantemente numeroso o proletariado como nos nosos días. O capitalismo ¨globalizado¨, coa deslocalización masiva da produción industrial ás novas ¨fabricas do mundo¨ sitas na China, a India, Brasil, etc., encargouse do recrutamento de centos de millóns de soldados para o exercito dos seus enterradores, ademais de levar a tantos outros millóns de campesiños en Latinoamérica, Asia, África ao pauperismo do saqueador capitalismo transnacional alimentario ou a súa proletarización case escravista.

Mais tamén nas metrópoles imperialistas son millóns os que superan as fronteiras dende as periferias inmediatas mollando as súas costas para compartiren a suor do traballo, a carraxe e o odio contra a explotación con millóns de obreiros e empregados europeos e norteamericanos que ven como as súas condicións de vida e emprego están a se esfarelaren e como os dereitos básicos conquistados en mil batallas seculares, algúns tan históricos como a mesma xornada de 8 horas, están a ser liquidados nunha agresión reaccionaria sen parangón.

É precisamente por se dar estás condicións obxectivas internacionais na existencia do proletariado e as clases traballadoras explotadas, polo que é vital a recuperación da politización e educación revolucionaria das masas populares, a elevación do seu nivel e formas de loita, indo mais aló do pacato economicismo, acumulando e preparando forzas para un embate decisivo polo poder mentres se defenden os intereses inmediatos económicos e laborais en choque frontal coas burguesías e os estados capitalistas de quenda. Hoxe, a demanda de internacionalismo proletario real e efectivo e de unidade de clase está presente, sendo máis urxente que nunca. E só depende de nós.

2.2. O PAPEL DO MARXISMO-LENINISMO COMO GUIEIRO TEÓRICO DO MOVEMENTO COMUNISTA

Tanto hoxe coma no pasado a influencia da filosofía burguesa nos seus máis diversos matices idealistas deixase sentir entre os marxistas. A repetición de "consignas" aprendidas de memoria, mais non comprendidas nin meditadas, conduciu a unha ampla difusión da fraseoloxía valeira, concretada de feito en tendencias que non teñen nada de marxistas. Uns e outros encobren as súas posicións amparándose no sentido vivo do marxismo ou na suposta necesidade de superar ou revisar todos ou algúns principios da filosofía marxista. A principal negación do marxismo ou a que maior empeño amosan os reformadores e a da negación da loita de clases como motor indiscutíbel da historia humana.

Marx descubriu as contradicións existentes entre as clases dentro da sociedade, amosou as contradicións e as características da burguesía e do proletariado como clases antagónicas, e identificou á clase obreira moderna, o proletariado, como a única clase autenticamente revolucionaria. Achegas de Marx á ciencias socias que hoxe están mais vixentes que nunca. A teoría de Marx e Engels sinalou tamén a necesidade de creación dun partido de clase, independente e revolucionario, e a súa función: organizar a loita de clase do proletariado e dirixir esta loita á conquista do poder político e a organización da sociedade socialista.

Coas ensinanzas de Marx, Lenin desenvolveu e ampliou as teses e os principios do marxismo a respecto do papel e o modelo de partido proletario. Baixo a dirección de Lenin o partido bolxevique foi quen de organizar e dirixir a primeira revolución triunfante do proletariado, amosando claramente que este pode gobernar con éxito un país sen burguesía e en contra da burguesía; que pode erguer con éxito a industria sen burguesía e contra a burguesía; que pode dirixir con éxito toda a economía nacional sen burguesía e contra a burguesía; que pode edificar con éxito o socialismo, a pesar do cerco capitalista.

É preciso propagarmos, aprendermos, defendermos e ampliarmos a teoría marxista-leninista, como ideoloxía revolucionaria do proletariado, como ferramenta imprescindíbel na reconstrución do movemento comunista internacional e dos partidos de vangarda en cada nación, mantendo ben alta a loita fronte as distintas penetracións do pensamento burgués no seo do movemento obreiro, e aprendermos e evitarmos cometer os mesmos erros do pasado no combate contra todo tipo de oportunismo.

2.3. OS RETOS E AS TAREFAS DO MOVEMENTO COMUNISTA INTERNACIONAL

Fixar os retos e tarefas do Movemento Comunista sen estudar e analizar os fenómenos acontecidos na URSS, sen estudar e analizar as causas da desaparición do socialismo e da restauración do capitalismo na URSS, China, Albania, etc., sen analizar as causas da división do movemento comunista dun xeito dialéctico e científico, ademais de soberbio, sería de aventureiros e irresponsábeis.

A principal causa de división do Movemento Comunista foi a liña revisionista adoptada tralo XX congreso do PCUS. Os oportunistas da dirección, dirixidos por Khrushchev, amparándose na condena de Stalin polo chamado culto a personalidade, impuxo unha liña revisionista e antileninista no partido que co paso do tempo acabaría producindo as condicións que permitirían a restauración do capitalismo. Posteriormente, o movemento comunista internacional rachou nunha sorte de tendencias, unhas abertamente reformistas como o eurocomunismo, e outras ligadas ao campo antirrevisionista, que tamén se viron en moitos casos arrastradas á deriva do aventureirismo e o esquerdismo pequeno-burgués, fragmentando inda mais o Movemento Comunista.

É imprescindíbel no actual momento histórico atoparmos os medios para superar o fraccionamento no Movemento Comunista e desenvolver criticamente entre todos o labor teórico-práctica vituperadora destas divisións. Faise urxente e necesario, co fin de nos dotarmos das forzas necesarias para erguer as auténticas organizacións comunistas que a nosa clase require, e máis nestes momentos de aguda crise capitalista, pois como diría Lenin: «ó existe un internacionalismo efectivo que consiste en entregarse ao desenvolvemento do movemento revolucionario dentro do propio pais, en apoiar esta loita, esta liña de conduta e só esta en todos os países sen excepción».

A ESTRATEXIA E A TÁCTICA
BASES PARA UN PROGRAMA E UNHA PRAXE REVOLUCIONARIOS

3.1 COMUNISMO E SOCIALISMO

Os obxectivos estratéxicos dos comunistas son o comunismo e o período histórico de transición que o antecede, o socialismo. O estudo dos procesos obxectivos do desenvolvemento do capitalismo e o seu declinar feito pola teoría marxista leva á conclusión da substitución revolucionaria do sistema capitalista polo socialismo despois do derrocamento da burguesía polo proletariado. Coas análises achegadas pola teoría, o programa marxista-leninista determina os obxectivos xerais da clase obreira e os define cientificamente no seu articulado.

O comunismo non é unha mera quimera, nin unha profecía idealista. Será o futuro sistema social da humanidade ao cal conduce inelutabelmente o conflito antagónico entre a expansión das forzas produtivas, que son o contido do proceso socializado da produción, e as relacións sociais de produción, astrinxidas até o límite baixo a última forma de propiedade privada, concentrada e centralizada no máximo grao, do capitalismo imperialista plenamente global dos nosos días.

O comunismo terá por base económica a propiedade social dos medios de produción, cun superior desenvolvemento das forzas produtivas e un impulso do progreso humano descoñecido en calquera etapa histórica anterior. A desaparición das clases, das diferenzas entre a cidade e o campo, e entre o traballo manual e intelectual, nun medio produtivo de desenvolvemento polifacético das potencialidades que redunde na satisfacción de todas as necesidades das persoas en todo o planeta e xerando outras novas, será a fin da explotación económica e da opresión social en todas as súas manifestacións. O traballo será unha necesidade vital para o desenvolvemento persoal integral, sobre a base do constante avance científico-técnico, estimulador dunha produtividade sostida e crecente, e redutor do tempo de traballo para producir máis e mellor en menos tempo. O tempo dispoñíbel pasará a ser a medida da riqueza, para o cultivo das facultades físicas e intelectuais propias, alimentando a súa vez, nun proceso incesante e dialéctico, á masa da riqueza social. O comunismo non significará só o troco dun modo de produción, senón o e eclosión dunha nova era na historia humana, vituperadora da civilización da explotación do home polo home, como no seu día ficaron apeadas as hordas do salvaxismo prehistórico, ou as comunidades primitivas da barbarie.

A determinación das relacións sociais de produción polas forzas produtivas e o seu conflito inexorábel e insuperábel conducen ao tránsito do capitalismo ao comunismo a través da revolución proletaria e a instauración do estado da ditadura revolucionaria do proletariado. Comeza entón a construción do socialismo como estadio ou fase inferior do comunismo, na que se desenvolven transformacións políticas, económicas, sociais, culturais, etc, mediante a continuidade da loita de clases baixo novas condicións políticas, a socialización da infraestrutura económica e a implantación de novas relacións sociais, non antagónicas senón integradoras, entre o proletariado e as outras clases traballadoras.

Como todo proceso histórico, non é un camiño liñal. Ás avesas, as experiencias históricas amosan unha feroz e porfiada resistencia da burguesía, tentando desde dentro ou fóra aventar o quebranto da edificación socialista e a involución contrarrevolucionaria de restauración do capitalismo. A acción da pequena burguesía subsistinte e outras capas sociais emerxentes, e fenómenos de reprodución e reaparición das relacións sociais capitalistas, son problemas que o socialismo terá de abordar no seu proceso construtivo O deber do novo movemento comunista é dar unha resposta teórica e práctica política e programática a estas cuestións ineludíbeis.

3.2 O CARÁCTER SOCIALISTA DA REVOLUCIÓN EN GALIZA, NO MARCO DUN PROCESO REVOLUCIONARIO E DE DESCOMPOSICIÓN POLÍTICA NO ESTADO ESPAÑOL E EN EUROPA

A próxima onda revolucionaria terá, non cabe dúbida, un contexto internacional. As xigantescas forzas do proletariado internacional, expandidas ao abeiro dunha mundialización imperialista sen precedentes, irradiarán o socialismo por todos os continentes, desde Asia, Latinoamérica, África, até os centros imperialistas, incapaces de atoparen saída á profunda e prolongada crise á que se enfrontan. As economías de Europa, os EUA, e Xapón mantiveron antes da quebra uns crecementos minguantes e unha falla de rendibilidade da actividade produtiva pola queda da súa taxa de ganancias, só atenuados pola financiamento especulativo, que agora pasa factura.

O capital monopolista da Unión Europea, a través dos seus gobernantes, pretende arranxar a súa falla de competitividade forzando o medre da produtividade cunha maior cota de explotación dos traballadores, coa ampliación da xornadas, dos ritmos e intensidade do traballo, e redución de custes polo aniquilación dos dereitos laborais e sociais. Isto levará, xunto ás contradicións internas entre estados e os diversos grupos e fraccións oligopolistas, a unha crise e inestabilidade política e social xeneralizadas.

O Estado español é un dos chanzos mais febles de toda a cadea imperialista, pola súa dependencia económica-financeira do exterior e a febleza da súa estrutura produtiva industrial. A intensificación das loitas de clases e do conflito coas nacións oprimidas abrirá un escenario de progresiva degradación do marco político institucional monárquico e as portas á descomposición do estado e do réxime nun proceso simultáneo á crise revolucionaria continental.

Nesa conxuntura formúlase o proceso revolucionario en Galiza, froito da descomposición política do Estado español no medio da crise revolucionaria xeral europea. Este proceso só pode ter un carácter socialista, tendo en conta a hexemonía do proletariado e o semiproletariado, sen necesidade de etapas transitorias do propio proceso de natureza democrático-popular, atraendo ás clases traballadoras ao proxecto revolucionario, moi especialmente ao campesiñado probe, elaborando un programa para a cuestión da terra, e neutralizando á pequena e mediana burguesía propietaria. A perentoria necesidade do factor subxectivo da dirección política da revolución por parte do partido comunista, hoxe por organizar, fala por si mesmo do urxente labor de construción desa vangarda proletaria revolucionaria.

3.3. A REPÚBLICA SOCIALISTA DE GALIZA, FORMA POLÍTICA DO ESTADO DA DITADURA DO PROLETARIADO.

A República Socialista é a materialización como forma política da ditadura revolucionaria de clase do proletariado. É a expresión política constitucional da democracia obreira e das clases traballadoras aliadas.

Os seus alicerces atópanse no fortalecemento da proletariado no exercicio do poder político, e na superación das contradicións coas clases aliadas ou neutralizadas por un proceso de integración no proletariado socialista, xurdido das novas relacións sociais de produción e a liquidación da base económica social capitalista.

O poder político socialista, de natureza indivisa, reside na plena participación da poboación obreira e traballadora, en todos os ámbitos, onde a toma de decisións proveña da propia democracia obreira de base asemblearia nas fábricas e empresas, nos barrios e nas aldeas, até a confluencia, polo mandato delegado, nos órganos nacionais representativos.

A construción do poder político proletario ha de implicar, como a construción económica e social socialista, unha intervención consciente do pobo obreiro e traballador nas tarefas de xestión e administración, nunha dinámica de mellora, renovación, control e supervisión permanente do seu funcionamento.

O partido terá como función primordial non só o seu concurso militante nas responsabilidades políticas que correspondan aos seus membros, senón o mantemento da dirección política e ideolóxica da construción socialista, preservando a súa influencia e prestixio social e moral, como garantía fronte a a involución contrarrevolucionaria

3.4. UNHA TÁCTICA DE UNIDADE OBREIRA E POPULAR REVOLUCIONARIA

A táctica determina as formas de loita e organización que corresponden a un momento dado da loita de clases, e está subordinada á estratexia do partido obreiro revolucionario, aos intereses xerais do proletariado e aos seus obxectivos programáticos.

Na actual conxuntura e no marco política e social, os comunistas galegos debemos desenvolver unha táctica dirixida á creación dunha alianza das clases traballadoras do Pais, co obxectivo político de contribuírmos á descomposición e ruptura do estado imperialista español, co desencadeamento da revolución proletaria e a liberación nacional dos pobos sometidos.

Esta alianza de clases populares sosterase no proletariado e no semiproletariado, polo seu número maioritario e influencia social. Este factor de peso social e condicionante para o cumprimento dos obxectivos estratéxicos, obriga aos comunistas a desenvolver unha táctica especifica no seo da clase obreira, na procura da súa unidade e elevación da súa consciencia política e, en consecuencia, do seu liderado na unidade popular.

O marco político-xurídico leva a considerar a necesidade e posibilidade de coordinarmos a acción política partidaria con outras forzas políticas obreiras e comunistas en primeiro lugar, de Galiza e do resto do estado, que permita a confluencia dos esforzos e o traballo político, o coñecemento, intercambio e o cumprimento das obrigas internacionalistas, e o recoñecemento da interacción da liberación nacional coa revolución socialista nas nacións do Estado español.

3.5. A POLÍTICA UNITARIA NO MOVEMENTO OBREIRO E SINDICAL

A acción política dos comunistas Galegos no movemento obreiro ten como obxectivos a divulgación da súa liña e programa políticos, do desenvolvemento da consciencia política do proletariado, o recrutamento dos seus elementos mais avanzados e a súa organización partidaria na propia clase obreira, e a consecución da unidade de clase nunha perspectiva revolucionaria.

Este traballo político faise co conxunto da clase, organizado ou sen organizar, e no seu ámbito natural, as fabricas e empresas. Non se pode interpretar o traballo político partidario como unha mera prolongación sindical, no nivel da loita económica e social.

Obviamente, tamén comprende o traballo político no movemento sindical, mais trátase dun accionar político e ideolóxico, vinculado á problemática laboral, económica e social. O traballo partidario no movemento obreiro e sindical ten de se concibir de xeito extensivo e antisectario, intervíndose en todas as centrais sindicais, centros e organizacións obreiras, sen mais restrición que a capacidade operativa. Nas centrais do sindicalismo de clase e combativo, alternativo ou minoritario, onde poida frutificar cedo este traballo, impulsárase na medida en que o xustifiquen as posibilidades, unha liña sindical unitaria, que potencie a unidade de acción das centrais de clase alternativas xunto coas correntes combativas existentes nas centrais reformistas maioritarias.

A unidade de acción obreira pola base, combativa e de clase, pode permitir rachar cos impedimentos que atrancan o movimento obreiro e sindical e devilitar os factores divisionistas, e pulando pola súa reconstrucción nunha central sindical única.