“A loita contra o reformismo e o oportunismo é a principal batalla dos revolucionarios na actualidade.” [Iván Pinheiro, Secretario Xeral do Partido Comunista Brasileiro]


Unidade e Loita: Camarada Iván, hai uns meses Brasil viviu fortes mobilizacións populares iniciadas a causa do prezo dos billetes de autobús. Poderías comentar que análise fai o PCB deses movementos?
Ivan Pinheiro: As manifestacións en Brasil non se terminaron, só se atopan a lume lento. O reaxuste das tarifas de autobuses só destapou unha olla a presión social que mesturaba innumerábeis insatisfaccións, espallando todas as angustias e demandas do pobo brasileiro, sobre todo da gran maioría da mocidade das capas populares, sen perspectiva de futuro digno. Este estoupido desmontou unha mentira oficial dos gobernos reformistas do PT, a de que todos os brasileiros vivían felices e en harmonía, nun capitalismo “de rostro humano” que favorecía a todas as clases sociais, no que todos gañaban. Inventaron dous conceptos estraños: “capitalismo de masas” e “sociedade de clase media”.
Para facerse unha idea da talla desta manipulación, basta ver que pese ao crecemento do PIB, a desigualdade social segue aumentando. Os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres. Segundo datos do Banco Mundial, pese a ser Brasil a 6ª economía do mundo, está no posto 85º no IDH (Índice de Desenvolvemento Humano). En América Latina, ocupa o último posto na media de anos de escolarización e o primeiro en  abandono escolar no nivel básico (PNUD/ONU).
Ese discurso era funcional dentro do país, para fomentar a pasividade dos traballadores, e cara a fóra, para captar investimentos estranxeiros e apalancar a posición do capitalismo brasileiro no sistema imperialista.
A opción dos gobernos do PT a favor da gobernabilidade institucional burguesa e de afrontar a crise do capitalismo con máis capitalismo está entre as principais causas da explosión social. Ao tomar posesión do seu cargo, en 2003, Lula dispoñía de todas as condicións para convocar unha asemblea constituínte soberana, como fixeron Hugo Chávez, Evo Morais e Rafael Correa, a fin de promover os cambios prometidos na campaña electoral, con gobernabilidade popular. Pola contra, nomeou ao expresidente do Banco de Boston para dirixir o Banco Central e mantivo intacta a política económica do goberno neoliberal e entreguista de Fernando Henrique Cardoso, profundando no abandono e a privatización da sanidade, da educación e dos servizos públicos en xeral. Actualmente, o goberno dedícase á privatización, a gran escala, de autovías, ferrocarrís, portos, hidroeléctricas, aeroportos e ata estadios deportivos.
Dando continuidade ás políticas neoliberais, o PT promove a entrega das nosas reservas de petróleo e privilexia á agroindustria, ao sistema financeiro e aos grandes monopolios. Neste momento, o goberno promove unha licitación, aberta ás multinacionais, do chamado “Campo de Libra”, unha área onde están as maiores reservas de petróleo da capa pre-sal, nunha cantidade superior a todas as reservas brasileiras, desde a fundación de Petrobrás hai sesenta anos.
Mentres eximen de impostos ao capital, seguen coa precarización do traballo (con máis e peores empregos) e coa chamada “flexibilización” dos dereitos laborais, obviamente á baixa e con redución de salarios.
Amplíase a política de “superávit primario”, un mecanismo que reduce gastos sociais, para poder pagar aos rendistas unha débeda pública que nunca foi auditada. As cifras do orzamento nacional para 2014 son impresionantes: 42,42% para o pago aos rendistas; 3,91% para a sanidade, 3,44% para a educación! A iso chámanlle “responsabilidade orzamentaria”.
Ese é o caldo de cultivo das protestas: abandono dos servizos públicos, privatizacións, xeralización da corrupción, falta de emprego e de perspectiva para a mocidade. Unha das consecuencias deste cadro é o descrédito da política e dos partidos políticos, en función das alianzas e acordos espurios, nun goberno de coalición coas forzas conservadoras, capitaneado por un partido que accedeu ao goberno prometendo transformacións sociais, pero que só se transformou a si mesmo. A burguesía estimula este descrédito, para xeralizar o desgastar e apartar aos traballadores da política e dos partidos antisistémicos.
Hai signos de esgotamento do ciclo do PT como partido popular, clasista, de masas. Isto non significa o seu final, senón a consolidación dun proceso de transformismo nun partido da orde, protagonista do bipartidismo no que a disputa se dá, fundamentalmente, sobre a forma de administración do capitalismo. O feito de que o PT se chame “Partido dos Traballadores” contribúe a confundir ás masas e a atrasar a súa experiencia.
O pobo español coñece como ningún outro este transformismo, pois quen implantou o neoliberalismo neste país foi un partido que ata hoxe se presenta como “socialista e obreiro”!
Esta explosión popular en Brasil pode volver cunha amplitude e unha combatividade superiores no 2014, coa Copa do Mundo de fútbol, un mega evento cada vez máis lucrativo para o capital e excluínte para o proletariado. Será un momento no que as desigualdades sociais quedarán máis en evidencia, cando o pobo comprenderá que perdeu ata o dereito ao seu máis tradicional e cultural dereito ao lecer: a alegría de ir aos estadios de fútbol, agora privatizados e privativos das clases máis opulentas, debido aos elevados prezos das entradas. Fíxense, que a urxencia de Brasil como potencia capitalista trouxo para aquí tamén as Olimpíadas de 2016.
Estes mega eventos e o “desenfreo” do capitalismo que o PT chama “neodesenvolvemento” están destruíndo incluso os dereitos á vida e á vivenda. Como o capitalismo non pide permiso, vai criminalizando a pobreza, varrendo barrios populares, comunidades indíxenas, marxinais, e afro descendentes. Mentres tanto, o Estado brasileiro camiña cara á fascistización, militarizando cada vez máis á policía, reprimindo e criminalizando aos movementos populares, mentres os medios de comunicación burgueses reinan soberanos, forxando as versións e manipulacións que lles interesan, xa que os gobernos do PT non só non tocaron nin un dedo ao monopolio das comunicacións, senón que o financian con publicacións oficiais.
Nesta escalada represiva, tramítase no Congreso Nacional, co silencio cómplice do goberno, unha lei “antiterrorista” intencionadamente ampla e evasiva, para servir á criminalización das loitas populares e das organizacións revolucionarias e tratar de evitar grandes manifestacións durante os mega eventos deportivos programados.
UyL: Hai quen afirma que o goberno de Dilma Rouseff e do PT é un goberno favorábel aos traballadores. Cal é a postura do PCB respecto diso?
IP: Como intentei demostrar na pregunta anterior, os gobernos “petistas” están, fundamentalmente, ao servizo do capital. Non hai goberno neutro; non hai terceira vía.
O goberno Dilma parece máis neoliberal que o de Lula, soamente porque agora a crise do capitalismo sopra tamén na dirección dos chamados países emerxentes, que se beneficiaron dela na primeira década deste século. Para atrasar a chegada da crise ao país, Dilma fai cada vez máis concesións ao capital. O seu goberno está sendo orientado polos medios burgueses, por aliados conservadores e polas metas establecidas polas axencias internacionais do capital. Con todo, o seu goberno é de continuidade, non de ruptura co de Lula.
No imaxinario de parte da esquerda latinoamericana, os gobernos “petistas” aínda parecen progresistas; algúns chegan a idealizalos como antiimperialistas. Iso aínda ten que ver co pasado combativo do PT e de Lula, a súa principal referencia.
Superar esta ilusión, este obstáculo, é de fundamental importancia para que avancemos na construción dunha unidade de acción continental revolucionaria, anticapitalista e antiimperialista. O PT é hoxe un partido sistémico. Domesticou e cooptou as principais entidades de masas, como a CUT (Central Única dos Traballadores) e UNE (Unión Nacional dos Estudantes). O seu aliado principal é un partido de centrodereita (PMDB), que ten nas súas mans a chave do poder lexislativo brasileiro, presidindo, ao mesmo tempo, a Cámara de Deputados e do Senado, ademais de ocupar a Vicepresidencia da República e ministerios estratéxicos.
En Brasil, nunca os banqueiros, as contratistas, a agroindustria e os monopolios obtiveran tanta ganancia. A política económica e a política externa do Estado burgués brasileiro están ao servizo do proxecto que busca facer de Brasil unha gran potencia capitalista, nos marcos do sistema imperialista. O seu fetiche é un posto permanente no Consello de Seguridade da ONU, que confire o status de potencia. As chamadas multinacionais de orixe brasileira, apalancadas por financiamento público, xa dominan mercados en moitos países, especialmente en América Latina, unha gran canteira de obras para os contratistas favoritos do goberno, principais fontes de financiamento privado do PT. Petrobras, presentada como estatal, é unha multinacional como outra calquera, con máis do 60% das súas accións en mans particulares, vendidas na Bolsa de Nova York.
Hoxe, o goberno brasileiro é o organizador da transferencia da maior parte da renda e da riqueza producida polo país cara á burguesía, por medio do superávit primario, da política de elevados tipos de interese e do sistema tributario altamente regresivo. O consumo estimúlase con exencións tributarias ás empresas, con crédito fácil e caro, pero non con aumentos salariais. O resultado é que as familias brasileiras teñen un dos índices de endebedamento máis altos do mundo, que compromete, de media, o 46% das súas rendas.
UyL: No voso país existen diferentes organizacións que se reclaman do campo comunista. Que tipo de relacións manteñen con elas?
IP: A maioría destas organizacións imaxina o imperialismo como o inimigo externo, o que os leva a defender o que uns chaman “proxecto popular e democrático”, outros “nacional desenrolismo” ou “liberación nacional”. Prevalece neste campo político o discurso contra o imperialismo norteamericano –coma se houbese outro imperialismo bo, co que nos puidésemos aliar– e contra o neoliberalismo, que ven como un capitalismo “salvaxe”, inhumano.
Na visión do PCB, non hai contradicións antagónicas entre o núcleo hexemónico da burguesía brasileira e o imperialismo, que non é un “inimigo externo” que deba ser combatido por unha fronte de conciliación de clase entre o proletariado e a burguesía “nacional”, como din os reformistas. É un inimigo interno, xa que Brasil é parte do sistema imperialista, malia as súas contradicións e de ser aínda un actor secundario, aínda que en ascenso.
O PCB, estudando o capitalismo brasileiro desde un rigoroso punto de vista marxista, chegou á conclusión de que está plenamente desenvolvido, de que dispón de todas as institucións e condicións necesarias para o seu florecemento. Con esta análise, chegamos á comprensión lóxica de que a contradición fundamental da sociedade brasileira se dá entre o capital e o traballo, o que nos leva a concluír que o carácter da revolución brasileira é socialista. Isto non significa que digamos, como insinúan os nosos detractores, que no noso país, o socialismo está ao virar a esquina, porque nos faltan (e moito) as condicións subxectivas, entre outros factores en función da hexemonía reformista e oportunista no campo que se define xenericamente como esquerda.
Obviamente, temos diverxencias na política de alianzas. As estratexias reformistas implican  aliarse coa burguesía, privilexiar a loita no campo institucional. Transmiten aos traballadores a ilusión de que é posíbel humanizar o capitalismo e camiñar cara ao socialismo pola democracia burguesa, por medio de avances seguros e graduais. Mentres que as estratexias socialistas levan a alianzas no campo das forzas políticas e sociais anticapitalistas e antiimperialistas, privilexiando as loitas de masas, antagónicas co capital, sen descartar ningunha forma de loita.
Con algunhas destas organizacións reformistas temos unidade puntual na solidariedade internacional, excepto na loita contra as accións de carácter imperialista de Brasil, e que poden non ser do agrado do goberno, como é o caso da ocupación de Haití, o intenso comercio de armas que Brasil sostén con Colombia e Israel, o acordo militar con Estados Unidos establecido durante o goberno Lula, denunciado en 2010 polo PCB, e a solidariedade cara á insurxencia colombiana, en relación á cal os reformistas queren manter distancias para non comprometer a súa imaxe de “demócratas”, de “esquerda moderna”. Consideran que a persistencia da guerrilla dificulta a integración latinoamericana e a estabilidade dos gobernos que consideran progresistas. Queren unha “paz” a curto prazo, a calquera prezo, aínda que sexa a dos cemiterios.
Pero hai tamén en Brasil organizacións comunistas coas que temos afinidade estratéxica e, polo tanto, tamén na oposición aos gobernos “petistas”. Con todo, por unha serie de razóns, aínda son febles os lazos que nos unen. Existen finalmente, partidos e tendencias con referencias socialistas, democráticas radicais e libertarias, en parte con vocación reformista, pero cos cales temos unidade, sobre todo nos temas nacionais, na oposición ao transformismo do PT, incluíndo entre eles unha diversidade de organizacións con referencias trotskistas que, polo menos no caso brasileiro, non poden ser analizadas como un conxunto homoxéneo. As nosas principais diferenzas con algunhas destas organizacións danse fundamentalmente no campo da solidariedade internacional, o cal non é unha cuestión irrelevante para un partido marxista-leninista, como é o caso do PCB, que se reivindica e ten un comportamento profundamente internacionalista. Hai organizacións que lle fan obxectivamente o xogo ao imperialismo en todos os temas internacionais, chegando ata o punto de apoiar ao que chaman “rebeldes” en Siria, de caracterizar a Revolución Cubana como unha “ditadura capitalista” e considerar que Chávez (Maduro, hoxe) e Evo Morales non teñen ningunha diferenza en relación ás súas oposicións oligárquicas ao servizo do imperialismo.
Coa eclosión das manifestacións nas rúas e como consecuencia do aumento da represión policial (en Brasil existe en todos os Estados unha Policía Militar, con Batallón de Choque, como herdanza da ditadura), xorden combativos grupos anarquistas, de corte anticapitalista, pero que subestiman a centralidade do traballo e da organización da clase. Adoptan unha liña de insurxencia popular, foquista e horizontal. O PCB, que defende a radicalización da loita de clases e o dereito á insurrección dos pobos, comprende a violencia coa que actúan estes mozos militantes, moitos deles, residentes das comunidades pobres, movidos por un xusto odio a unha policía que asasina cada día aos seus amigos e parentes. Pese a estar en desacordo co seu método, non nos asociamos á campaña de satanización da que foron vítimas, ata por parte de correntes populares.
Dentro deste cadro complexo, o PCB móvese buscando a unidade puntual, en cada caso concreto, sen manter ningunha relación exclusiva con ningunha organización política deste amplo e diversificado campo do que, a falta doutro nome, podemos chamar “esquerda”.
UyL: Como analizades os diferentes procesos de integración que se están producindo en América Latina, como MERCOSUR e ALBA, CELAC e UNASUR?
IP: Malia todas as limitacións, determinadas polo feito de que, ata nos países nos que máis se profundou nos procesos de cambio (Venezuela, Bolivia e Ecuador), segue vixente o sistema capitalista, o PCB nutre unha simpatía moderada con experiencias como o ALBA, un intento de contrapunto á integración baixo a hexemonía imperialista, que sería implantada se o proxecto do ALCA non fose derrotado polos pobos latinoamericanos.
O ALBA loita para ser unha integración soberana e solidaria, non só entre os gobernos e os mercados, senón tamén entre os pobos da nosa América. Pero a reticencia do goberno brasileiro, a desaparición física do Comandante Chávez e a ofensiva do imperialismo no noso continente teñen dificultado o seu fortalecemento.
Para entender mellor o capitalismo brasileiro, Brasil estivo contra o ALCA pero boicotea o ALBA, buscando un espazo propio para o seu desenvolvemento, nun proceso de competencia non conflitiva coas diversas potencias, valéndose para isto da contrapartida por conter os procesos de cambio na rexión.
Así é como Brasil, ademais de boicotear o ALBA, impediu o auxe de varias  institucións que o terían fortalecido e ampliado, como o Banco do Sur e o Sucre, un proxecto de moeda común latinoamericana, iniciativas de Hugo Chávez que non pasaron do papel, dada a oposición brasileira.
En realidade, a estratexia brasileira é ampliar e continentalizar o MERCOSUR, illando e deshidratando ao ALBA. O MERCOSUR, como sabemos, é un proxecto de integración capitalista, liderado por Brasil e secundado por Arxentina, ao cal Venezuela e outros países suramericanos veñen adherindo, en función das súas necesidades de mercado. Como o chamado Pacto do Pacífico (México, Colombia, Chile e Perú) é un contrapunto, máis ao ALBA que ao MERCOSUR, nada impide que este e aquel se integren a medio prazo.
Finalmente a CELAC e a UNASUR, pese á virtude de non incluír Estados Unidos e, no caso da primeira, incluír a Cuba, son organizacións interestatais heteroxéneas, que abarcan desde os países que xa manteñen TLCs (Tratados de Libre Comercio) con Estados Unidos ata aqueles que han ter unha postura antiimperialista. Foron importantes para a adopción dalgúns acordos e a solución dalgúns conflitos, pero incapaces de evitar golpes do imperialismo e das oligarquías, como nos casos de Fonduras e Paraguai, o crecemento das bases militares ianquis na rexión, ademais de finxir que están cegos ante o importante diálogo político para a solución do conflito colombiano na Habana. En ambas, a hexemonía é amplamente capitalista.
En América Latina necesitamos unha articulación de forzas revolucionarias, anticapitalistas e antiimperialistas, para facer fronte á hexemonía do Foro de São Paulo, que se transformou en correa de transmisión do capitalismo brasileiro para ocupar máis espazos na rexión.
Intentando afirmar o Foro como brazo rexional do neodesenvolvemento baixo a hexemonía brasileira, o PT –en alianza con outros partidos reformistas e con aqueles que priorizan razóns de Estado- pasa a privilexiar os procesos electorais en detrimento das loitas de masas, buscando en cada país contribuír política e materialmente á elección de gobernos alineados con esta articulación. Isto significou a perda do carácter do Foro de São Paulo, que nacera como unha articulación antiimperialista.
UyL: O PCB realizará o seu 15º Congreso en abril de 2014. Que obxectivos ten o Partido en relación a este Congreso?
IP: Partindo do orzamento de que a estratexia socialista da revolución brasileira e a análise da crise mundial do capitalismo, elaboradas polo XIV Congreso, son consensuais nas filas do PCB, o Comité Central do PCB decidiu concentrar o debate do XV Congreso Nacional sobre cuestións internas. Na cuestión orgánica destacaremos o balance e perspectivas do proceso que chamamos Reconstrución Revolucionaria. No que se refire á liña política, terán centralidade as cuestións da vía e das mediacións tácticas da estratexia socialista.
O XV Congreso Nacional darase nun momento especial para o Partido, que experimenta unha gran renovación e un crecemento con calidade, aínda que modesto, a partir do XIV Congreso, cando o PCPE nos honrou coa súa presenza. Actualmente, a maioría dos militantes do Partido participarán por primeira vez nun Congreso do PCB. diminuíu a media de idade da militancia e crece o nivel político e ideolóxico.
Con esta pauta máis orientada cara a cuestións internas, e ante a necesidade de usar o mellor das nosas enerxías para o compromiso da militancia no proceso congresual, tomamos a difícil decisión de non invitar esta vez ao conxunto dos partidos comunistas doutros países, o cal non significa que non recibiremos con afecto aos camaradas dos partidos máis identificados co PCB que queiran presenciar este debate, intercambiar experiencias, opinións, ofrecer á nosa militancia os seus puntos de vista e estreitar os lazos de amizade e unidade dos partidos comunistas que combaten contra o reformismo.
UyL: En novembro deste ano realizarase en Lisboa o Encontro Internacional de  Partidos Comunistas e Obreiros. Como vedes o  estado de saúde do Movemento Comunista Internacional e, especificamente, en América?
IP: Seguimos carentes dun novo e vigoroso movemento comunista internacional, lamento ter que incluír aquí o adxectivo revolucionario, pois cada vez as palabras perden máis o seu sentido. Desgraciadamente, hai partidos que se din comunistas, ata en Brasil, que en realidade son liña auxiliar do capital. Non cambian de nome porque lles é funcional para ser aceptados e estimulados pola burguesía, en función dos favores que prestan ilusionando aos traballadores coa posibilidade de humanizar o capitalismo.
Pero non defendemos unha internacional verticalizada e burocratizada, que pretenda dirixir os partidos membros con manuais de orientacións estandarizadas, coma se os países fosen homoxéneos e as revolucións un produto de exportación. Pensamos nunha articulación comunista internacional arraigada na unidade de acción, cunha coordinación que facilite o intercambio de informacións, as relacións bilaterais e rexionais, contribúa ao debate e á formación política e ideolóxica, ao protagonismo e á unidade de acción do proletariado a nivel mundial e á solidariedade dos pobos en loita. O ocaso do culto á personalidade e a non existencia dun “partido guía” son factores favorábeis a este proxecto.
Esta articulación debe ser levada ao ámbito rexional. Vimos con bos ollos un recente encontro en Bruxelas, que reuniu a trinta partidos comunistas (revolucionarios) de varios países de Europa, incluído o PCPE, que crearon unha alternativa ao reformismo do Partido da Esquerda Europea que, por certo, se artella co Foro de São Paulo na perspectiva dunha internacional social-liberal.
A loita contra o reformismo e o oportunismo é a principal batalla dos revolucionarios na actualidade.
UyL: Hai algo máis que che gustaría dicir aos nosos lectores?
IP: Algo máis sobre América Latina, rexión que se destaca hoxe no taboleiro da correlación de forzas mundial.
Máis aló da necesidade de reforzar a nosa solidariedade cara á Revolución Cubana, os procesos de Bolivia e Ecuador e a resistencia dos pobos, a acción dos internacionalistas debe concentrarse hoxe na loita de clases que se desenvolve en Colombia e Venezuela. O futuro de América Latina estase xogando nestes dous países de pobos irmáns, con repercusións mundiais.
En Venezuela segue a ofensiva da dereita, valéndose da ausencia física do Comandante Hugo Chávez, do resultado modesto na vitoria lexítima de Nicolás Maduro e, principalmente, das limitacións da chamada revolución bolivariana. Unha revolución que non avanza, que non empeza a destruír estruturas do estado burgués, a expropiar ás oligarquías e a construír o poder popular, corre o perigo de ser derrotada. Ante o impasse político, achégase o momento do axuste de contas. Aí non hai posibilidade de conciliación, de pactos de elites.
A derrota do pobo venezolano pola oligarquía e o imperialismo impactaría negativamente na Mesa de Diálogos da Habana. Do mesmo xeito, a frustración destes diálogos, ademais de fraxilizar e ameazar o potente e unitario movemento de masas colombiano, tamén influiría negativamente en Venezuela.
É necesario reforzar a nosa solidariedade co Presidente Maduro e co proletariado venezolano, actor principal para garantir o desbloqueo do proceso bolivariano e o seu necesario avance cara ao socialismo.
O éxito da Mesa de Diálogo da Habana non é só un problema dos colombianos, senón de todos os pobos de América Latina e do mundo. É necesario desmontar o proxecto imperialista que lle atribúe a Colombia o papel que xoga Israel en Oriente Medio.
Se os diálogos prosperan, poderá haber no país un clima favorábel para as loitas polas demandas populares, pero non unha “paz social”, porque a loita de clases non se acaba. Frustrados os diálogos, pode darse en Colombia outra fase máis de extrema violencia contra o pobo e as súas organizacións, unha marca da historia do estado terrorista colombiano.
A oligarquía colombiana quere unha paz dos cemiterios, rápida, sen custos, para crear un ambiente favorábel ao desenvolvemento capitalista. Axuda a desestabilizar Venezuela para impoñer un acordo á baixa á insurxencia. Non nos enganemos co “pacifismo” da oligarquía e do imperialismo que a dirixe. Só recorreron ao diálogo porque fracasou a súa guerra contra a insurxencia, malia todos os inmensos recursos militares e financeiros investidos no Plan Colombia, dos paramilitares, das bases estadounidenses, da  asesoría da CIA e do Mossad.
Agora os intereses do pobo colombiano e das guerrillas, que se funden na mesa de diálogo, son unha solución política con xustiza social e económica, consolidada a través dunha Asemblea Constituínte soberana, con ampla participación popular.
O PCB se solidariza coas guerrillas e as organizacións de masas colombianas. Neste momento, é decisiva a solidariedade coa Delegación das FARC na Habana e coa Marcha Patriótica (un movemento plural e unitario, que congrega a miles de organizacións políticas e sociais), de cuxo avance e desenvolvemento depende en gran medida a continuidade e a viabilidade das negociacións.
Finalmente, deixamos aquí un saúdo fraternal e revolucionario ao PCPE (Partido Comunista dos Pobos de España), co que compartimos a ousadía de contribuír a que un día o comunismo prevaleza no mundo, poñendo fin á explotación, á opresión, ás guerras imperialistas, á fame e á miseria.
UyL: Moitas grazas camarada.
[Fonte: UyL]
-Traducido por FORXA!-