22 de Maio: FOLGA no Ensino Público contra os recortes do capital.


A escala privatizadora e reformista que ten asumido o actual executivo estatal dá mostras de seguir máis viva que nunca. No seu punto de mira, o capitalismo depredador, sitúa agora  a un dos piares fundamentais para a formación dunha sociedade plena en consciencia e valores: a educación. 


Comprende a esta altura que a maquinaria económica de explotación ten que manterse sen necesidade de asumir ningún investimento público, a época post-industrial na que ten caído o sistema non pensa soster nada que non lle reporte beneficio. Baixo a bandeira do capital redúndase nunha distribución en prol das grandes institucións financeiras e catalóganse como puros servizos asistenciais aqueles que outrora se erixían como piares do seu mal chamado Estado de Benestar. Falamos dun sistema educativo no que se ten imposto unha rutina de castes, onde a clase traballadora formará ós seus fillos dende a segunda fila, mentres que a educación privada se abrirá paso a través da terra queimada á que nos aboca o antisocial ministro Wert e mailo seu séquito. 


É por iso, que como moitos outros días en diante, temos a obriga moral e persoal de saírmos á rúa. O 22 de Maio é unha data na que se xoga o futuro xa non só das próximas xeracións, senón do propio funcionamento da escola tal e como a coñecemos. Pouco queda xa da ensinanza libre e en beneficio de todos, mais o que está claro é que o proceso mercantil no que se ve inmersa aféctalle a todos os niveis. Vimos de asumir unha brutal suba das taxas universitarias, razón que priva do estudo superior en condicións de plena competencia, a capacidade investigadora e innovadora que outrora se lle adxudicara ós centros universitarios queda reducida á plena anécdota curricular. Denunciar tamén o paulatino aumento do espazo que Bancos e Institucións Empresariais ocupan no eido universitario, dende onde se redirixen como entes de captación dunha mocidade que sufre un auténtico masacre laboral, predisposta entón a aceptar condicións que outrora se amosaban impensábeis. Afirmar o absoluto fracaso da estratexia mercantilizadora do Plan Bolonia, que obriga a pagar créditos lectivos que nin sequera se imparten, multiplica as dificultades para acadar un título e reduce notablemente a consideración deste a posteriori. Redúcense os espazos de estudo e as prácticas nas diferentes titulacións lévanse a cabo en condicións cada vez máis precarias, obrigando incluso a parte do estudantado a traer material propio. A isto engádeselle unha negación dos dereitos básicos a todo o persoal que se encadra dentro do perfil de bolseiro, esa categoría pretoriana que dura máis do permitido, un suposto tempo de formación no que se exceden as horas convidas e no que incluso se chega a negar o dereito á folga.



Pero de nada serve falar a estas alturas sen tan sequera garantir unha formación básica, aquela que se representa nos niveis de primaria e secundaria; os mesmos que tralo Real Decreto 14/2012 quedarán afundidos na masificación e mailo recorte continuo. 


Pensemos que esta crise sistémica é unha pandemia na que toda problemática é global. Fixemos reducións de cadros de persoal na colectividade escolar, mais sabiamos que estas afectaran ó persoal servizos, ó número de profesores, á dispoñibilidade de material escolar básico, ás bolsas de estudos, que pasaran a ter un papel caritativo; ó incremento da precariedade laboral co seu consecuente incremento do fracaso escolar a idades máis temperás. Fracaso prematuro este que condicionará ó acceso regular a un emprego posterior para toda unha serie de xeracións que deberán aturar a pirámide poboacional actual, a mesma que cambia base por cúspide e que reclama unha radical mudanza. Absoluta negación duns programas de formación profesional equilibrados, que teñan como obxectivo a creación de postos de traballo cualificados, situados sempre nun lugar de inferior partida, desestabilizados, con programas de inserción primeira no mercado laboral que non responden a ningún tipo de demanda certa.


Se a redución do persoal e das condicións sanitarias actuais ten capacidade suficiente para xerar vítimas, non menos importante é o perigo dunha deficiente educación, capaz de suscitar a marxinación social e o neoanalfabetismo, froitos ambos dun ambiente lectivo no que primara a supervivencia dos máis capacitados. É preciso, xa que logo, e dende agora en diante, apelar á unidade sindical, á loita aberta e organizada contra a sangría capitalista. Traballadores, estudantes, mestres; dende a escola, a universidade, os centros de formación profesional; en asembleas, sindicatos, dende calquera colectivo: Asumimos que a fronteira que se pretende pasar é a propia condena de calquera futuro ou presente inmediato. 


Por iso chamamos á mobilización activa e permanente.


Contra os recortes da educación, contra a privatización, contra o beneficio escolar para as elites.

  

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!






Relación de manifestacións 22 de Maio:



Ferrol: ás 20 horas desde o Edificio Administrativo da Xunta.
A Coruña: ás 20 horas desde a Praza da Palloza.
Santiago: ás 19:30 desde a Praza de Cervantes.
Pontevedra: ás 20 horas desde a Praza da Peregrina.
Vigo: ás 20 horas desde o MARCO.
Ourense: ás 20 horas desde a Xef. Territorial de Educación.
Lugo: ás 20 horas desde o Edificio Multiusos da Xunta.