FORXA! presente nas eleccións galegas 2012.



O Colectivo Comunista Galego FORXA! vén de promover, xunto aos nosos camaradas da organización galega do PCPE, as candidaturas que polas circunscricións electorais de A Coruña e Pontevedra, concorren baixo a denominación unitaria de COMUNISTAS DA GALIZA.

Nestas candidaturas participan ducias de obreiros e obreiras, empregados e empregadas, traballadores e traballadoras de todos os sectores produtivos e dos servizos, do sector público e do privado, das cidades, vilas e o rural. Constitúen unha verdadeira candidatura obreira e popular, sen presenza de persoeiros, patróns e calquera caste de elementos alleos ao pobo traballador do noso País.

O programa, como resume o lema xeral de campaña,  “CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS! VOTA CLASE OBREIRA, VOTA COMUNISTA” é o que corresponde coa situación de crise xeral estrutural dun sistema capitalista en fase histórica terminal, e singularmente do bloque imperialista europeo e no seus elos do Estado Español e Galiza, e o que responde aos intereses inmediatos e xerais do proletariado e clases populares. As reivindicacións obreiras en materia de emprego, salarios, sanidade, educación, cultura, vivenda, etc., están vinculadas nun todo aos obxectivos estratéxicos da loita pola Revolución Socialista e o Poder Obreiro.

O sistema capitalista segue inmerso nunha crise de superprodución, incapaz de inverter a queda da taxa de ganancia, reactivar a actividade produtiva, e saír do círculo parasitario da especulación, hoxe centrada na débeda pública e na socialización da débeda privada do sector financeiro e non financeiro. Para reiniciar o proceso de acumulación e permitirse novos investimentos produtivos que lle procure a extracción de nova e suficiente plusvalía en relación ao capital investido, a burguesía monopolista precisa do pauperismo e a domesticación escravista da clase obreira, dunha brutal quita salarial, sexa directa, diferida ou indirecta (nóminas, pensións e servizos sociais, respectivamente), da liquidación de dereitos laborais, civís e mesmo políticos, da privatización do sector público entendida como feira de novos nichos de negocio para o gran capital privado, e a perspectiva do rearme e da guerra imperialista permanente como medio de destrución a gran escala de forzas produtivas e a saca e control de recursos e rexións xeográficas enteiras.

En Galiza, como no resto do Estado, vemos como os plans particulares da oligarquía española estanse a desenvolver segundo o guión exposto: despedimentos masivos facilitados e saldados polas reformas laborais, desmantelamento do sector público, especialmente no ensino, sanidade e servizos sociais, crises produtivas e mesmo pasamento de sectores primarios e básicos da nosa economía (agro, pesca, construción naval, eólico...), liquidación do sector financeiro semipúblico das caixas de aforro, etc.

Fronte a este panorama, cómpre que a Clase Obreira Galega, xunto a do resto do Estado e o Proletariado de toda Europa, sexa quen de reaxir e forxar a UNIDADE DE CLASE, na mobilización continuada e ascendente, desde as fábricas, empresas e centros de traballo. É o compoñente esencial para a elevación do nivel de conciencia de clase, para o tránsito da loita económica, laboral e social, á fase de loita política que ha dirixirse contra do réxime político da monarquía oligárquica e o sistema capitalista que a cimenta. Avecíñase unha fonda crise política, da que son síntomas a inminencia do rescate ao Estado Español pola UE, e as contradicións xurdidas no bloque no poder entre a burguesía catalán e a oligarquía española, en loita por talladas económicas e de mercado polo propio poder político nas súas respectivas esferas.

Pola contra, a alternativa comunista e proletaria para a loitar contra a opresión nacional, pasa por entender que esta forma parte da loita xeral pola emancipación social e o socialismo, na que o dereito democrático de autodeterminación, hoxe, nesta fase histórica do capitalismo terminal na Europa imperialista, ten como suxeito deste dereito ao proletariado, e está determinado pola primacía da Revolución Socialista e a cuestión da conquista do poder político pola Clase Obreira. Só o Poder Obreiro pode garantir consecuentemente o exercicio deste dereito, entendido como exercicio de soberanía por parte dos pobos traballadores das nacións oprimidas, e como parte do proceso de construción socialista, sobre a base da efectiva liberación nacional, nun novo marco de igualdade e solidariedade entre os pobos, erguéndose sobre as ruínas do actual estado burgués.  

“O socialismo configúrase hoxe como a única alternativa posíbel fronte ao sistema de explotación en declive e descomposición, a única alternativa para o futuro da Clase Obreira e dos pobos do mundo. A planificación económica centralizada e baixo control obreiro e a propiedade social dos medios de produción son a única saída viábel da crise”.

“As forzas comunistas, non só en Galiza a través do P.C.P.E. e FORXA!, senón a nivel Internacional, foron as primeiras que alertaron das consecuencias da crise; definiron acertadamente o carácter desta crise como de sobreprodución e sobreacumulación e alertaron sobre o carácter e a natureza da ofensiva contra a Clase Obreira que sería desatada polas clases dominantes. Os feitos viñeron  dar a razón aos comunistas.

Hoxe, as alternativas son as mesmas que entón foron enunciadas: Unidade Obreira, Unidade Comunista e Unidade Popular. Nese camiño, os Comunistas da Galiza xuntamos esforzos e arrincamos enerxías, facemos nosas, hoxe máis que nunca, as palabras de José Díaz “A bandeira da unidade é a bandeira da vitoria”.  [Do programa electoral de Comunistas da Galiza]

CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS!
ADIANTE A UNIDADE DOS COMUNISTAS DA GALIZA!

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!