Conclusións Xerais do 21° Seminario Comunista Internacional

A relación entre as tarefas inmediatas dos comunistas e a súa loita polo Socialismo
21° Seminario Comunista Internacional Bruxelas, 18-20 de maio  de 2012
Conclusións Xerais (20 de maio  de 2012)

 



A crise xeneralizada do capitalismo abre a vía ao Socialismo.

1. A principal tarefa dos comunistas en todo o mundo é aclarar a natureza da crise que golpea ao conxunto do sistema capitalista mundial desde hai catro anos. Promover a análise marxista da crise é unha tarefa ideolóxica primordial. Significa axudar aos traballadores e aos pobos a entender as causas do cataclismo económico mundial. Trátase de vincular os diversos ataques a que se ven sometidos e a bárbara natureza do propio sistema. Supón chegar á raíz de problemas parciais como a crise alimentaria ou medioambiental, as guerras imperialistas, a polarización da riqueza e da pobreza e a crise do sistema parlamentario e da ideoloxía burguesa.

2. Esta tarefa  implica a loita contra calquera tese que negue o carácter da crise como unha crise do sistema capitalista. Enfrontámonos a unha crise de sobreprodución e sobreacumulación relativas. As chamadas "burbullas financeiras" son o reflexo desta crise na esfera da circulación. Tras o seu estoupido, a contradición entre o poder adquisitivo real das masas empobrecidas e as capacidades de produción  superdesenvolvidas fíxose máis evidente. Isto contradí a tese de que a crise non é máis que un funcionamento financeiro defectuoso ou unha "crise da débeda". Como demostrou Marx, a causa fundamental de cada crise atópase na contradición entre o carácter social da produción e a apropiación privada das ganancias.

3. Temos que loitar contra calquera ilusión sobre a existencia de "saídas á crise" no marco do sistema. As medidas aplicadas pola burguesía teñen como obxectivo restablecer a súa taxa de ganancias e salvarse a expensas dos seus competidores e dos traballadores. A socialdemocracia demostrou ser, unha vez máis, unha leal administradora do capitalismo en crise e unha protagonista dos ataques contra o pobo. A creba destas políticas crea un caldo de cultivo para o nacionalismo, a xenofobia e o fundamentalismo relixioso e para as ideas e forzas neofascistas. A burguesía promove e utiliza estas tendencias reaccionarias, así como os conflitos étnicos e relixiosos, para agochar os antagonismos de clase, mentres que o imperialismo os utiliza para ampliar o seu ámbito de control. A década de 1930 xa nos mostrou cara a onde nos pode levar este camiño. Os Partidos Comunistas e Obreiros únense en torno a unha convicción común: co fin de liberar aos traballadores e os pobos da explotación e a miseria. Hai que instaurar o Socialismo, tendo en conta todas as leccións das experiencias anteriores. A tendencia reformista de esquerdas que defende que unha política keynesiana pode abrir o camiño cara unha economía de mercado sen crise e explotación, engana ás masas.

4. A economía planificada baseada na propiedade colectiva dos medios de produción é a única saída para crear unha economía ao servizo das necesidades do ser humano e unha xestión sostíbel da natureza e da produción. A derrota do imperialismo e a vitoria do Socialismo é unha condición imprescindíbel para unha paz duradeira entre os pobos e para construír relacións internacionais de axuda mutua, sen dominación nin explotación. Que esta crise do capitalismo abra novas perspectivas para o Socialismo dependerá do papel de vangarda nas loitas dos Partidos Comunistas e Obreiros, da súa capacidade de persuasión e do seu traballo organizativo.


Asumir e dirixir as loitas dos traballadores e dos pobos.

5. A crise de todas as esferas do sistema capitalista crea novas oportunidades para que os Partidos Comunistas e Obreiros poidan atraer ás masas cara á  loita polo Socialismo. Agora ben, a necesidade obxectiva do Socialismo non se converte nunha convicción subxectiva na mente da xente de forma espontánea. Cada Partido Comunista e Obreiro ten a responsabilidade de buscar os medios adecuados para aumentar o nivel de conciencia da clase obreira e do pobo, para organizalos e mobilizalos a partir da avaliación do nivel de organización e de conciencia das masas, da correlación de forzas  e das características da nosa época, primeiro no seu propio país. Por outra banda, a contrarrevolución que puxo fin ao Socialismo na Unión Soviética e en Europa do Leste sementou unha gran confusión entre as masas e foi utilizada pola burguesía mundial para empanar a imaxe da vía socialista. A crise xeneralizada do capitalismo supón unha oportunidade para rachar en anacos esta propaganda anticomunista.

6. O mellor  xeito de lograr que grandes masas adquiran esta conciencia é a través das experiencias, a través das loitas da clase obreira e dos pobos do mundo, mediante avances parciais e derrotas. Xa que logo, é de suma importancia que os partidos dirixan as loitas cotiás dos traballadores e dos pobos, para orientalas nunha dirección antiimperialista, anticapitalista e cara á Revolución Socialista. A través da loita de clases, a clase traballadora acumula unha valiosa experiencia que, xunto coa intervención político-ideolóxica dos Partidos Comunistas e Obreiros, contribúe ao desenvolvemento da conciencia de clase.

7. Os comunistas insisten en fixarse  metas que respondan ás necesidades actuais dos traballadores e as súas familias (traballo, salarios, dereitos sociais, servizos públicos e sociais, educación, sanidade, dereito á xubilación, vivenda, custo da vida...). Os comunistas loitan polo dereito ao traballo, por mellores condicións laborais, polo dereito á seguridade social, pola igualdade de dereitos e de trato entre homes e mulleres, etc. co fin de obter mellores condicións para a venda da forza de traballo dos obreiros e unha maior protección contra unha excesiva explotación dos empresarios. Con todo, a posición da clase obreira como escrava asalariada nas relacións de produción non cambia e non o pode facer, independentemente de cantos logros obteña a través da súa loita.

8. Mediante o seu papel nas loitas cotiás os comunistas gáñanse a confianza das masas traballadoras, demostrando que son os mellores defensores dos seus intereses tanto xerais como a longo prazo. As masas prepáranse para as grandes vitorias principalmente a través das loitas cotiás e non pola vía electoral. Os Partidos Comunistas e Obreiros concorren a eleccións e participan nos parlamentos para ampliar o seu público e crear mellores condicións para a loita de clases, posto que as masas danse conta de que no capitalismo nada se adquire de forma definitiva, máis aínda hoxe, cando o capitalismo non fai ningunha concesión, senón todo o contrario, suprime dereitos existentes desde hai décadas. Agora ben, ata se todas as concesións son parciais, temporais e cuestionadas inmediatamente, os comunistas afánanse para que as loitas obteñan resultados, porque as vitorias parciais son importantes para elevar a moral do pobo.

9. A Revolución Socialista é o resultado final e a culminación dun gran número de loitas  parciais que converxen cando as "capas baixas" non queren o vello e as "capas altas" non poden sostelo ao modo antigo"1. Mentres exista o capitalismo, a clase obreira e os pobos loitarán por mellorar as súas condicións de vida e laborais, polos seus dereitos políticos, sociais e democráticos para achandar o terreo á soberanía popular. Calquera loita pola mellora das condicións da clase traballadora pode ir en dúas direccións. Se crea ilusións en torno ao sistema, o resultado final será a consolidación da ditadura dos monopolios. Se, pola contra, esperta a conciencia das masas, fortalece as súas organizacións, e aumenta a enerxía para as futuras batallas, crea unha correlación de forzas máis vantaxosa para avanzar cara o Socialismo. Isto depende, en   primeiro lugar, da dirección que os comunistas sexan capaces de impoñer á loita.

10. Os comunistas desempeñan un papel de vangarda na loita da clase obreira e dos pobos, nas loitas da mocidade, esforzándose en formular os obxectivos destas loitas en función das necesidades da xente. Se as masas están dispostas a mobilizarse por determinadas reivindicacións, o deber dos comunistas é axudalas de forma activa. Pero tamén teñen o deber de vincular conscientemente a táctica coa estratexia, de forma que a primeira estea ao servizo da segunda, e de asegurarse que a loita polas reivindicacións inmediatas sirva á preparación da clase obreira para a vitoria en termos de poder, pola abolición da dominación dos monopolios e da explotación do home polo home.

11. No capitalismo, os comunistas loitan por reformas que promovan os dereitos e melloren a situación da clase obreira. Como afirmou Lenin, as reformas teñen dúas caras: por unha banda, unha reforma é unha conquista desde a perspectiva da clase obreira. Doutra banda, a reforma pode ser un instrumento para manter á clase obreira no sistema capitalista: "Os reformistas pretenden dividir e enganar con algunhas dádivas aos obreiros, pretenden apartalos da súa loita de clase. Os obreiros, que comprenderon a falsidade do reformismo, utilizan as reformas para desenvolver e ampliar a súa loita de clase"2.

12. Á vez que  os comunistas combaten o oportunismo de dereitas, non deben tampouco baixar a garda ante o perigo do oportunismo de esquerdas. Neste senso, resulta incorrecto tratar con menosprezo as loitas diarias polas reivindicacións inmediatas. Os comunistas sitúanse na tradición de Marx, Lenin e da Primeira e Terceira Internacional.

- Marx subliñou na súa loita con Proudhon, Bakunin e os Lasallistas a importancia das reivindicacións inmediatas, ata malia que consideraba que a Revolución estaba cerca. No I Congreso da Internacional en 1866 en Xenebra, os proudhonianos foron derrotados. O congreso votou a favor da xornada laboral de oito horas como reivindicación internacional, e, en 1871, os representantes da Primeira Internacional lideraron en Nova Iorque a primeira manifestación pola xornada laboral de oito horas. Na súa Crítica ao Programa de Gotha, Marx realizou unha virulenta crítica da "lei de bronce económica" de Lasalle, quen só pretende levar a cabo loitas políticas.

- Durante a fundación do Partido Bolxevique en 1903, nun período de incremento da loita de clases, Lenin adaptou a táctica á estratexia, vinculando estreitamente as reivindicacións políticas e económicas inmediatas e a urxente tarefa de derrocar á autocracia tsarista coa Revolución Socialista como perspectiva final. A abortada Revolución de decembro de 1905 estivo precedida por un ano de protestas e folgas en toda Rusia, polas liberdades civís, aumentos salariais, a distribución da terra, a xornada laboral de oito horas e a convocatoria dunha Asemblea Constituínte elixida por sufraxio  universal.
 

- No II Congreso da Terceira Internacional, Lenin loitou contra o "esquerdismo", enfermidade infantil do comunismo, que nega a necesidade de conquistar a conciencia das masas mediante unha constante loita política, ideolóxica e de masas dos comunistas, mediante o seu traballo nos sindicatos, o desenvolvemento de tácticas e a pechadura de acordos de compromiso, sen desviarse con todo do obxectivo estratéxico.
13. Non existe unha infranqueábel barreira entre as loitas económicas e políticas. As cuestións de carácter político inmediato inclúen as demandas da loita antiimperialista e de clase, as violacións dos dereitos humanos, os brutais actos de represión e as guerras de agresión imperialista. Problemas como o paro, a conxelación dos salarios, a falta de vivenda, o aumento dos prezos dos produtos e servizos básicos, o deterioro dos servizos sociais, entre outros, xorden nun primeiro momento como asuntos simplemente económicos. Con todo, cando o Partido Comunista e o pobo os plantexan como reivindicacións da loita antiimperialista e de clases, estes poden  converterse facilmente en cuestións políticas.

Doutra banda,  a loita polo poder popular implica para as masas un reto tanxíbel e inmediato. No curso da loita política formúlanse demandas tácticas de reformas básicas e un chamamento estratéxico para o cambio revolucionario. O Partido Bolxevique gañou ás masas para a causa da Revolución con tres consignas: Paz, Terra e Pan! (Мир! Земля! Хлеб!), demostrando que o único garante das mesmas era o poder socialista.

14. Cando se estende a revolta popular, a burguesía reacciona mediante ataques aos dereitos democráticos e reforzando o seu aparello represivo. Isto recórdalle á clase obreira que a loita de clases líbrase esencialmente no plano político, a nivel do poder, xa que as medidas antidemocráticas e fascistizantes serven para escravizar aos pobos oprimidos eternamente. Así mesmo, a clase obreira tamén debe ampliar a súa visión de sociedade máis aló do ámbito económico e unirse en torno á defensa dos dereitos democráticos básicos: o dereito a organizarse fronte aos ataques anticomunistas, o dereito  á folga contra as medidas represivas, o dereito a protestar contra o estado de excepción, os dereitos sindicais fronte a calquera restrición das loitas ou da organización da solidariedade de clase. Calquera extensión da democracia amplía a posibilidade dunha loita de clases máis aberta e xeneralizada. A loita pola aplicación ao máximo, e de xeito consecuente, da democracia por parte das masas populares en todos os ámbitos da sociedade, é un compoñente esencial da loita polo Socialismo.

15. A crise intensifica a militarización da economía, prepara novas guerras e agudiza a rivalidade interimperialista. Estados Unidos, a Unión Europea e Xapón pretenden manter o seu control sobre a economía mundial, os recursos naturais e enerxéticos, o comercio mundial e o sistema monetario internacional. A OTAN aumenta a súa agresividade e estende as súas operacións por todo o mundo, en particular cara ao Golfo Pérsico, Oriente Medio, o Océano Pacífico ou o Océano Índico. A OTAN sementa e rega as sementes da guerra. É imprescindíbel que os Partidos Comunistas e Obreiros combatan man a man os pactos de agresión inventados polos representantes políticos dos monopolios, que reforcen a fronte de solidariedade cos países e pobos ameazados polo imperialismo (Irán, Siria, República Popular Democrática de Corea, etc) e que apoien decididamente aos países e pobos que se opoñen á inxerencia estranxeira, á desestabilización e ás intervencións militares do imperialismo. Así mesmo, deben apoiar con firmeza a Cuba socialista contra o bloqueo imperialista e ao pobo palestino na súa loita polos seus dereitos inalienábeis: o dereito á autodeterminación sen inxerencias estranxeiras, a súa independencia nacional e a súa soberanía, o seu dereito a regresar ás terras e ás casas das que foron expulsados.

16. En todas estas loitas, os comunistas expoñen a perspectiva do derrocamento do capitalismo pola Revolución Socialista como unha necesidade obxectiva para mellorar de xeito radical e sostíbel as condicións das masas traballadoras. Do mesmo xeito que Lenin, os Partidos Comunistas e Obreiros opóñense á consigna de Bernstein : "O obxectivo final non é nada, o movemento o é todo!". Isto implica que a propaganda sobre a necesidade do Socialismo non se relegue para 'máis tarde'  nin quede soterrada en documentos internos. Os nosos partidos propagan nas loitas cotiás a solución do poder popular, da alternativa socialista, como a resposta á crise e a explotación do sistema capitalista.

Reforzar os Partidos Comunistas e Obreiros para estar á altura das tarefas futuras

17. Os nosos partidos comprométense a librar a batalla polo progreso social, os dereitos democráticos, o internacionalismo proletario, a paz e a protección do medio ambiente, na perspectiva do Socialismo. Mediante a súa presenza e a súa actividade nos sindicatos, no movemento democrático, en defensa da paz e do medio ambiente, os Partidos Comunistas e Obreiros aumentan a súa influencia e destacan que o Socialismo é a porta para obter ao mesmo tempo o progreso social, a democracia para os traballadores e a preservación da natureza e da paz. E é que ningún logro nestes  campos será irreversíbel mentres os monopolios capitalistas teñan o poder. A presenza do Partido, á beira e á vangarda dos traballadores nas súas loitas, non só crea as mellores condicións para fortalecer a autoridade do Partido, senón que tamén para recrutar novos membros e proletarizalo.
18. Co fin de librar as batallas diarias e orientalas cara á perspectiva do Socialismo, unha tarefa primordial para os comunistas consiste en traballar con enerxía, perseveranza e obstinación nas organizacións de masas dos traballadores explotados, nas organizacións sindicais. Os sindicatos deben ser as organizacións de masas de resistencia da clase obreira. Construír e reforzar esta liña de clase é unha prioridade á hora de lograr unha influencia real sobre as masas traballadoras.

19. Actualmente as condicións obxectivas atópanse maduras para a construción de amplas  alianzas sociais antimonopolistas e antiimperialistas, co obxectivo de derrotar a ofensiva imperialista e todas as súas agresións, loitar polo poder e pola realización de transformacións profundas, radicais e revolucionarias.

20. A colaboración internacional entre os Partidos Comunistas e Obreiros, así como entre as organizacións comunistas xuvenís, ten que ir máis aló de declaracións e verse plasmada nunha cooperación concreta. Hai que intensificar os nosos contactos co fin de xeneralizar o máis rapidamente posíbel as experiencias de vangarda. Os logros no campo do estudo e da loita ideolóxica contra as correntes reformistas e dogmáticas deben poñerse a disposición de todo o movemento comunista. O intercambio de información e de artigos entre os órganos de expresión dos Partidos Comunistas e Obreiros reviste unha especial importancia para mellorar a nosa cooperación a nivel internacional. O debate franco e aberto, desde o respecto á autonomía de cada partido, debe conducirnos a unha unidade política e ideolóxica máis sólida.

Viva o internacionalismo proletario!


1 Vladimir I Lenin: A enfermidade infantil do “izquierdismo” no comunismo.
2 Vladimir I. Lenin: Marxismo e reformismo.


Asinantes:
1. Algeria, Parti Algérien pour la Démocratie et le Socialisme . (PADS)
2. Azerbaidjan, Communist Party of Azerbaidjan
3. Belarus, Belarussian Communist Workers’ Party
4. Belgium, Workers’ Party of Belgium (PTB)
5. Brazil, Partido Comunista do Brazil (PCdoB)
6. Brazil, Partido Comunista Brasileiro
7. Brazil, Partido Patria Livre
8. Colombia, Partido Comunista Colombiano
9. Congo, Democratic Republic of, Congolese Communist Party (PCCO).
10.Croatia, Socialist Workers’ Party of Croatia
11. Cuba, Partido Comunista de Cuba (PCC)
12. El Salvador, Partido Comunista de El Salvador (PCS)
13. France, Pôle de Renaissance communiste en France (PRCF)
14. France, Union des Révolutionnaires-Communistes de France (URCF)
15. Georgia, Unified Communist Party of Georgia
16. Germany, German Communist Party (DKP)
17. Greece, Communist Party of Greece (KKE)
18. Honduras, Partido Comunista de Honduras
19. Hungary, Hungarian Communist Party
20. Ireland, Communist Party of Ireland
21. Lebanon, Lebanese Communist Party
22. Lithuania, Socialist People’s Front
23. Luxembourg, Communist Party of Luxembourg (KPL)
24. Malta, Communist Party of Malta
25. Martinique, Parti communiste martiniquais
26. Mexico, Partido Comunista de México
27. Mexico, Popular Socialist Party of Mexico
28. Morocco, Voie Démocratique
29. Netherlands, New Communist Party Netherlands (NCPN)
30. Pakistan, Communist Party of Pakistan
31. Peru, Peruan Communist Party
32. Philippines, Communist Party of the Philippines
33. Russia, Communist Party of the Russian Federation (KPRF)
34. Russia, Russian Communist Workers’ Party – Revolutionary Party of Communists
35. Russia, Communist Party of the Soviet Union (CPSU)
36. Serbia, New Communist Party of Yugoslavia (NKPJ)
37. South Africa, South African Communist Party (SACP)
38. Spain, Communist Party of Spain (PCE)
39. Spain, Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE)
40. Sri Lanka, People’s Liberation Front (JVP) – Sri Lanka
41. Tunisia, Parti du Travail patriotique et démocratique de Tunisie
42. Turkey, Communist Party of Turkey (TKP)
43. Venezuela, Partido Comunista de Venezuela (PCV)
44. Vietnam, Communist Party of Vietnam
Aberta a novas  adhesións.

[Tirado do SCI http://www.icsbrussels.org/ e traducido ao galego por FORXA!]