Extracto da entrevista da Secretaria Xeral do Comité Central do KKE, Aleka Papariga, no programa matinal da canle de televisión ANT1 (5/1/2012)

Que propón o KKE? É un partido que non aspira tomar o poder burgués. Non di ao pobo que lle vote para formar un goberno e que as cousas cambiarán. Que propón para saír desta ruela sen saída?

Cando dicimos ao pobo que o sistema capitalista -referíndonos ao sistema capitalista de Europa que cumpriu todo o seu ciclo- hoxe obxectivamente non pode dar solucións, que deu todo o que podía dar, isto significa que non espera que o KKE participe no sistema político burgués, nun goberno de xestión dun sistema que non pode dar nada.
Entón fala do derrocamento do sistema.
Por suposto.


Non lles interesa participar nun esquema gobernamental?
A cuestión non é se nos interesa. É que será prexudicial para o pobo. Atoparémonos ante unha gran contradición, é dicir, por unha banda ter consignas a favor do pobo e invocar a nosa historia de máis de noventa anos e doutra banda discutir sobre a abolición dos bonos do Nadal e do Pascua. A cuestión non é que queremos.

Se o pobo vota polo KKE e consegue unha porcentaxe significativa, hipoteticamente, que van dicir, que non van gobernar porque lle farán dano, porque non poden gobernar no marco do sistema capitalista?
Cando o pobo grego dea tal maioría ao KKE, estará determinado a lanzarse á batalla. Nós expomos a nosa política na súa totalidade. Non lle imos dicir que se pode formar un goberno que imporá un par de boas solucións. Isto dino os demais partidos e é mentira. Na miña opinión debemos dicir ou ben que os seus políticos e cadros son incompetentes, o cal non o creo, ou ben que menten conscientemente.

Se puidésemos, neste momento, coa nosa participación nun goberno, impedir as consecuencias da crise e resolver os problemas do pobo, tomariamos parte. Somos atrevidos e arriscados. Pero isto é imposible. Que nos expliquen os partidos que falan de gobernos progresistas de esquerdas ou de centrodereita e centroesquerda: forman un goberno; o día seguinte terían que afrontar novos memorandums, préstamos, a Federación Helénica de Empresas, as federacións patronais. Sabe que está pasando? Aínda cando nun sector ou fábrica a loita exerce presión sobre o patrón e el quere retroceder un pouco, a federación dos industriais intervén e dille que non o faga porque abrirá o camiño para as demais fábricas. Así que os traballadores non se enfrontan soamente ao seu propio patrón senón a todos os propietarios de capital e de medios de produción.
Eleccións. Se nos fixamos nas enquisas non imos ter gobernos dun partido. Que van facer neste proceso? O KKE seguirá gritando e dicindo que é o único que expresa a esquerda?

O que dixo, non o dicimos deste xeito. Nós, coas nosas posicións, tratamos de expresar obxectivamente os intereses da clase obreira contemporánea e dunha gran parte -non de todos- dos autónomos e de gran parte do campesinado, non de todo o campesinado. Identificamos as forzas sociais. Nós dirixímonos ao obreiro que vota tanto pola ND como polo PASOK. Falamos de forzas sociais porque hoxe en día os termos esquerda, dereita, centro non din nada.
O pobo non ten nada que perder; ao contrario pode gañar algo cando das eleccións xurda un goberno débil. O máis forte o goberno, o maior será a súa forza e a súa determinación contra o pobo.

Imos ser realistas en canto ás próximas eleccións. É posible que o pobo xurda máis forte e poida pór obstáculos contra a obra do próximo goberno. O pobo non debe ter medo. Se non se pode formar goberno dun só partido van atopar unha solución entre eles. Xa se están preparando. Non tomen en conta o que di o señor Samaras, o señor Papandreou ou o próximo líder do PASOK. Xa hai algúns que están dispostos a contribuír. Esperamos chegar nun momento que non se poderá formar un goberno e que intervirá o pobo. O que é importante é non ter un goberno forte. Non podemos ter un goberno a favor do pobo.

Isto é un pouco astuto, nun sentido político. Di que non pode existir un goberno progresista excluíndo a posibilidade dun goberno que non sexa do seu partido senón do señor Tsipras (SYRIZA), de señor Kouvelis (Esquerda Democrática).


Dicímolo claramente. Non o insinuamos.
Así que o din directamente.

Non pode haber un goberno progresista en coexistencia cos monopolios, non só na economía senón en xeral, que levará a cabo negociacións coa UE, porque iso é o que din todos, que supostamente van facer negociacións “combativas”; pero tal cousa é imposible. Estas dúas cousas son incompatibles. Doutra banda o que pode existir inmediatamente, o día logo das eleccións, é un movemento forte.
A xente ten postas as súas expectativas en  vostedes; di que o KKE quizais teña unha das poucas oportunidades no período post-ditatorial para que faga sentir a súa presenza cos votos da xente e quere escoitar as propostas de saída do KKE. Estao pedindo xente que, ata, non tiña ningunha relación ideolóxica co KKE.

Por suposto temos unha proposta para a saída. Non lles direi soamente que a difundimos en versión impresa. Organizamos mitins, reunións en toda Grecia. É certo que non se pode presentar nun minuto. Se para vostede a proposta de saída é que todo permaneza igual e que veña un goberno que o cambiaría todo mediante as decisións do parlamento, tal cousa é imposible. É dicir que dentro do sistema actual non hai saída.

Están falando do derrocamento do sistema.
Si, pero isto non pode suceder nunha noite e cun só asalto. Nós dicimos que en cada batalla o pobo debe avanzar como militante, ata con logros parciais. Non podemos descartar a posibilidade dun derrocamento radical nos anos seguintes. O propio pobo decidirao e debe prepararse e ao mesmo tempo exercer presión decisiva, impedir o peor e lograr conquistas. Nós non podemos fixar unha data para o cambio do sistema político, ou sexa dicir nun, dous ou tres anos porque isto depende da maioría do pobo; non o levará a cabo soamente o KKE. Se o pobo non toma a decisión, este cambio non sucederá.