Discurso de Giorgos Marinos, membro do Buró Político do Comité Central do KKE, no 15º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros en Lisboa.

Estimados camaradas:
Agradecemos ao Partido Comunista Portugués pola hospitalidade e saudamos aos representantes dos Partidos Comunistas que asisten ao 15º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros.
O KKE rende homenaxe ao comunista Álvaro Cunhal, Secretario Xeral do Partido Comunista Portugués, figura destacada do movemento comunista con motivo do 100 aniversario do seu nacemento.
Álvaro Cunhal dedicou a súa vida á loita polos intereses da súa clase, pola causa do socialismo; foi firme defensor do principio do internacionalismo proletario.
As loitas desta xeración de comunistas son unha inspiración para que continuemos a nosa loita máis decisivamente para levar a cabo as tarefas que temos, polo derrocamento do anticuado sistema capitalista.
Estimados camaradas:
Os acontecementos que estamos experimentando confirman a avaliación de que o capitalismo se pon continuamente máis reaccionario e perigoso, dá lugar ás crises e ás guerras. Condena a millóns de traballadores ao desemprego, á pobreza, non pode satisfacer as amplas necesidades populares.
Esta situación maniféstase en todo o mundo e o Movemento Comunista está obrigado a facer o maior esforzo posíbel para a súa loita ideolóxica, política e de masas independente, para adquirir unha estratexia revolucionaria unificada.
Consideramos que, precisamente, este asunto debe ter a debida posición en todas as discusións dos Partidos Comunistas en combinación coa actividade coordinada sobre os problemas populares en conflito coas forzas do capital.
É necesario que o Movemento Comunista responda á cuestión básica, é dicir con que estratexia conseguirá unha base sólida e poderá expresar o mellor posíbel os intereses da clase obreira, dos sectores populares en liña de conflito coa barbarie capitalista; entendendo o socialismo non como un obxectivo do futuro afastado, senón como unha cuestión da actividade cotiá xa que a súa actualidade faise evidente nos problemas que sofren os pobos.
Desde este punto de vista, queremos centrar a nosa atención en asuntos sobre os cales exprésanse diferentes opinións, desacordos no movemento comunista, tendo en conta que a posición que sostén que podemos proceder “en base ao acordado” leva a unha compracencia, non permite un estudo máis profundo das debilidades nin que se tomen medidas para tratar asuntos de importancia estratéxica, necesarias para o reagrupamento dos partidos comunistas, para que poidan cumprir co seu papel como vangarda da clase obreira.
Primeiro, o problema da crise, que o tratamos en encontros internacionais anteriores pero lamentabelmente observamos que aínda existen aproximacións que falan de “crise do neoliberalismo”, de “crise financeira”. Estas aproximacións limítanse a culpabilizar unha forma de xestión do capitalismo, absolvendo a xestión socialdemócrata, neokeynesiana, o propio sistema capitalista. Estas aproximacións absolutizan o papel do capital bancario, subestiman o papel dos demais sectores do capital, ignorando a realidade da fusión do capital industrial co capital bancario, o papel do capital financeiro que é un trazo característico do capitalismo na súa fase superior imperialista actual.
O problema é máis profundo e ten que ver coas leis de funcionamento do sistema. A crise maniféstase periodicamente nos Estados capitalistas calquera que sexa a forma da xestión burguesa.
Os pobos estanse enfrontando a crise capitalista de sobreprodución, de sobreacumulación de capital cuxas precondicións se crearon en condicións de crecemento da economía capitalista.
A crise capitalista que detén a reprodución ampliada do capital social ten a súa base na contradición fundamental do sistema, no carácter social da produción e a apropiación privada dos seus resultados debido a que os medios de produción son propiedade capitalista. Precisamente isto é a fonte da plusvalía e da explotación, a fonte da anarquía e a desigualdade no desenvolvemento que caracterizan ao sistema.
O fortalecemento dos monopolios, a internacionalización da economía capitalista agudizan a anarquía no desenvolvemento, intensifican as contradicións e conducen a crises máis profundas, a unha maior competencia entre os grandes grupos empresariais e os Estados capitalistas, traen máis preto as guerras imperialistas.
Durante a crise xurdiron problemas que teñen que ver coa loita dos Partidos Comunistas e do movemento obreiro e popular. Permítannos dar algúns exemplos:
En Grecia, os gobernos burgueses liberais e socialdemócratas, coa participación da esquerda gobernante, impuxeron duras medidas antipopulares. Asinaron memorandos e convenios de préstamo coa UE, o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional pero o ataque contra os dereitos dos traballadores e do pobo non está exclusivamente relacionado cos memorandos, como sostén o Partido da Esquerda Europea e outras forzas do oportunismo, para apoiar a “liña antimemorándum” e exonerar en xeral a estratexia do capital.
A verdade é que as medidas adoptadas foron incluídas na estratexia da Unión Europea, a estratexia dos monopolios, utilizando as reestruturacións capitalistas desde principios de 1990. O obxectivo desta estratexia é o abaratamento da forza de traballo, o fortalecemento da competitividade dos monopolios europeos contra os seus competidores, sobre todo contra os grandes grupos económicos das potencias capitalistas emerxentes de China, da India, de Brasil onde o prezo da forza de traballo está a niveis moi baixos.
Neste marco, as medidas antipopulares non se aplican soamente en Estados que asinaron un memorándum senón tamén en moitos outros estados capitalistas, en Europa e en todo o mundo.
Durante a crise intensifícase a confrontación sobre as diversas formas de xestión da economía capitalista.
En Grecia formáronse dous bloques de forzas económicas e políticas. Un bloque ten no seu núcleo o goberno da ND e do PASOK xunto coa UE, que está a prol dunha política fiscal dura e o outro bloque ten no seu núcleo SYRIZA, o FMI e EE.UU., que apoian unha política fiscal máis relaxada co fin de aumentar o financiamento estatal dos monopolios. Estas propostas de xestión responden ás necesidades de sectores particulares do capital e son parte dunha competencia interimperialista máis xeral.
En conclusión, podemos dicir que cada forma de xestión burguesa serve á rendibilidade dos monopolios a través da imposición de medidas antipopulares, a intensificación da explotación da clase obreira, o deterioro da situación dos sectores populares.
En base de diferentes formas de xestión burguesa do sistema (liberal ou keynesiana), promovese a reforma do escenario político en Grecia para que a burguesía controle os desenvolvementos, impida a loita de clases, interpoña todo tipo de barreiras na loita do KKE e do movemento clasista. A reforma está expresada a través da creación dun polo da centrodereita que ten como eixe o partido liberal da ND e un polo da centroesquerda con SYRIZA.
O noso partido quere informar aos partidos comunistas que o Partido da Esquerda Europea e outras forzas oportunistas están tratando de xeito planificado distorsionar a realidade e presentar SYRIZA como forza a prol do pobo que loita polos intereses dos traballadores contra o capital. A verdade é que SYRIZA, unha formación oportunista convertida nun alicerce da xestión socialdemócrata, conta co apoio de sectores da burguesía, defende o capitalismo e a Unión Europea. É o partido que enxalzou a política de Obama como progresista e fomentou o mito de que trala elección de Hollande en Francia sopraría un novo vento para os traballadores en Europa.
Un elemento da reforma do sistema político burgués en Grecia é ademais a organización fascista criminal do “Amencer Dourado”.
O “Amencer Dourado” é unha creación do capitalismo e conta co apoio do Estado burgués e dos seus mecanismos. Desenvolveuse coa tolerancia dos partidos burgueses para funcionar como forza de represión do capital para atacar ao movemento obreiro e popular, contra os comunistas.
O noso partido considera que o illamento, o esmagamento do “Amencer Dourado” é un asunto da loita organizada da clase obreira, da alianza popular. Esta loita non se levará a cabo polas chamadas frontes antifascistas, segundo propoñen algunhas forzas burguesas e oportunistas, senón a través da loita que ten como obxectivo a eliminación das causas que dan lugar ao fascismo, o derrocamento da explotación capitalista, o conflito coa UE que ten como ideoloxía oficial o anticomunismo e promove a ecuación antihistórica do fascismo co comunismo.
Segundo, a práctica demostra que en condicións de crises capitalista estanse agudizando as contradicións interimperialistas, os antagonismos para a conquista de novos campos de investimento de capitais acumulados, o control dos recursos naturais. Neste terreo fórmanse as causas dos conflitos militares, as intervencións multiformes, o que estamos experimentando na rexión do Mediterráneo Oriental, do Medio Oriente, do Golfo Pérsico, do Mar Caspio, en moitas rexións do mundo.
O KKE oponse ás guerras imperialistas, loita contra a implicación de Grecia e deixou claro que en todo caso, sexa cal for a forma que tome a participación de Grecia nunha guerra imperialista, o KKE debe estar listo para dirixir a organización independente da resistencia obreira e popular, para conectala coa loita pola derrota da burguesía nacional e estranxeira como invasor.
O KKE debe tomar a iniciativa, en función das condicións particulares, para o establecemento dunha fronte obreira e popular coa consigna: “O pobo dará a liberdade e a saída do sistema capitalista que, mentres predomina, trae a guerra e a “paz” coa pistola na cabeza do pobo”.
Esta posición ten unha importancia particular para o movemento comunista internacional e protexe aos pobos do atrapamento por un ou outro sector da burguesía, por unha ou outra alianza imperialista. Isto é aínda máis importante, xa que durante os últimos anos están intentando promover a percepción do chamado “mundo multipolar” e suscitar dilemas falsos que apuntan á manipulación dos pobos e na súa implicación nas competencias interimperialistas.
Terceiro, a postura dos comunistas e dos pobos ante o sistema imperialista e as unións imperialistas é de gran importancia.
Ao falar do imperialismo como fase superior do capitalismo, Lenin falaba en primeiro lugar da base económica do sistema, o dominio dos monopolios. Na súa obra “O imperialismo, fase superior do capitalismo”, mencionaba que:
“Sen comprender as raíces económicas dese fenómeno, sen alcanzar a ver a súa importancia política e social, é imposíbel dar o menor paso cara á solución das tarefas prácticas do movemento comunista”.
Esta posición é de suma importancia para a nosa análise.
A Unión Europea non é perigosa soamente debido ao curso de “unificación” (integración), senón ademais polo feito que é unha unión interestatal imperialista dos monopolios. Tanto a Unión Europea así como as demais unións que se formaron en Asia ou América Latina, así como os BRICS, teñen unha base económica determinada, baséanse na cooperación, na unión da forza dos grandes grupos económicos monopolistas e malia as contradicións que se manifestan nas súas filas, o criterio básico é o seu propio interese, o control dos mercados e como consecuencia están en contra dos pobos e os seus intereses.
O imperialismo non é soamente unha política exterior agresiva, é o capitalismo na súa última fase, na fase superior; é o sistema en que se incorporan os Estados capitalistas e toman a súa posición segundo a súa forza económica, militar e política.
Nestas condicións é moi importante tratar os asuntos de “dependencia” e de “soberanía” sobre unha base clasista. Hai que empezar a discutir este tema, debemos ocuparnos disto porque ten consecuencias políticas graves; se o tratamos de xeito equivocado iso pode conducir ao apoio de solucións de xestión e a unha política de alianzas con sectores da burguesía, con forzas políticas que defenden o sistema de explotación.
O 19º Congreso do KKE considera que no marco do desenvolvemento desigual “o capitalismo en Grecia está na súa fase imperialista de desenvolvemento, en posición intermedia no sistema imperialista internacional, con fortes dependencias desiguais dos EE.UU. e a UE”.
O asunto básico é o desenvolvemento desigual do capitalismo que forma relacións de dependencia e interdependencia desigual e por esta razón as posicións que presentan Grecia, así como outros Estados con posición inferior na pirámide imperialista como Estados ocupados, como colonias, son infundadas.
Por suposto, mentres a burguesía ten as rendas do poder, constrúe relacións internacionais en función dos seus propios intereses e nesta base cede dereitos de soberanía. Os conceptos da “independencia”, da “soberanía” son conceptos con contido clasista e deben ser tratados nunha dirección que destaca que a clase obreira co seu propio poder pode converterse no dono do seu país, elixir o camiño de desenvolvemento que corresponde aos seus propios intereses e construír relacións internacionais correspondentes, retirándose da UE, da OTAN e doutras unións imperialistas.
Ademais, queremos destacar que as colonias como elemento da traxectoria histórica do capitalismo, desapareceron. Isto é unha realidade innegábel. O colonialismo foi derrocado pola loita dos pobos e a gran contribución do socialismo. Esta páxina cambiou pero desafortunadamente hoxe en día estanse revivindo posicións que presentan as relacións desiguais dos Estados capitalistas no sistema imperialista como fenómeno de neo-colonialismo. Os países cun capitalismo monopolista desenvolvido, cunha burguesía forte e un Estado burgués, caracterízanse como novas colonias; adóptase pois unha etapa intermedia como unha forma de xestión burguesa para a solución destes problemas.
Cuarto, o carácter da nosa época é unha cuestión clave para a elaboración da estratexia revolucionaria. Os feitos obxectivos demostran que, independentemente do derrocamento contrarrevolucionario do socialismo na Unión Soviética e nos demais países socialistas, a nosa época segue sendo a época de transición do capitalismo ao socialismo.
Por que? Porque o capitalismo está podrecido, padece de contradicións insuperábeis, esgotou os seus límites históricos. A aparición e o desenvolvemento dos monopolios, das grandes sociedades anónimas, a aparición e o desenvolvemento da clase obreira, a entrada do capitalismo na súa fase imperialista, subliñan que maduraron as condicións materiais que permiten a construción dunha nova sociedade socialista-comunista. Este é un elemento clave da análise marxista-leninista dos acontecementos porque mostra a dirección da loita dos Partidos Comunistas que teñen a obrigación de prepararse de xeito multifacética para responder á loita polo socialismo-comunismo. Para contribuír á maduración do factor subxectivo, á preparación da clase obreira como a clase que está na vangarda da sociedade capitalista, para desempeñar un papel principal na alianza cos sectores populares e reclamar o seu poder.
A formación dunha conciencia política de clase non se pode facer coas vellas ferramentas para administrar o sistema. Na época de transición do capitalismo ao socialismo non hai lugar para posicións políticas que atrapan á clase obreira na xestión burguesa a través da forma de etapas intermedias entre o capitalismo e o socialismo, non hai lugar para posicións políticas que apoian a participación nun ou outro goberno de xestión burguesa que aparece coa denominación de “esquerda” ou “progresista”.
O poder será ou burgués, é dicir capitalista, ou obreiro. Os medios de produción serán propiedade capitalista ou social. As solucións no marco do sistema, malia as intencións, non só non constitúen unha forma de achegamento á solución socialista senón que favorecen a perpetuación do capitalismo, gañan tempo, fomentan ilusións aos traballadores.
O noso partido non subestima en absoluto a experiencia histórica. Toma seriamente en consideración a complexidade dos procesos políticos e sociais.
Estuda os acontecementos en Chile, así como en Portugal da década de 1970, estuda a experiencia recente en Chipre e os acontecementos en América Latina.
Segundo este estudo podemos dicir, de modo documentado e en base ao resultado que ningunha solución de xestión ten sido confirmada como un camiño de transición ao socialismo, e non podería ser doutro xeito. Porque este camiño perpetúa a contradición entre capital e traballo; non pode impedir as crises capitalistas, o desemprego, a explotación, porque se manteñen as causas que os xeran, porque o criterio de desenvolvemento é a ganancia capitalista.
A opción das etapas intermedias viola unha posición comúnmente aceptada: a posición de que entre o capitalismo e o socialismo-comunismo non existe un sistema socioeconómico intermedio, un poder político intermedio.
Por suposto, os comunistas loitan dentro dos parlamentos burgueses para a promoción e defensa dos dereitos populares en combinación e con prioridade á actividade extraparlamentaria, pero iso non ten ningunha relación coa adopción da percepción parlamentaria que sementa confusións que podería xurdir unha solución a favor do pobo a través das institucións burguesas.
O camiño parlamentario, que foi enxalzado historicamente polas forzas oportunistas, é un dos factores máis significativos da asimilación dos Partidos Comunistas fortes, de diminución das esixencias dos traballadores.
A historia ensina.
A lóxica das reformas e o rexeitamento do camiño revolucionario, o rexeitamento da revolución socialista é un retroceso doloroso e negación do elemento máis básico que caracteriza a un partido comunista.
A loita de clases ten as súas propias leis que se basean na contradición entre capital e traballo, que ten un carácter universal e refírese a todos os Estados capitalistas. A loita de clases non se limita ao desenvolvemento de loitas para determinar as condicións de venda da forza de traballo; determínase pola cuestión da abolición da explotación capitalista, da loita pola conquista do poder.
O Partido Comunista en cada país ten a obriga de estudar a situación específica, o desenvolvemento do capitalismo, o desenvolvemento das ramas e os sectores da economía, os cambios na superestrutura, a estrutura clasista e social para trazar a súa estratexia revolucionaria. Pero isto é distinto das posicións que no nome das particularidades nacionais, cancelan a estratexia revolucionaria e substitúen a loita polo socialismo con solucións gobernamentais e unha política de alianzas que corresponden á xestión burguesa.
Abordar o socialismo simplemente como unha posición declarada causa un gran dano. Subestima o propio obxectivo estratéxico, o obxectivo que determina a táctica, a postura xeral dos Partidos Comunistas, o traballo no movemento obreiro e popular, a política de alianzas.
O “Eurocomunismo” e as demais correntes oportunistas nas súas declaracións programáticas referíanse ao socialismo pero a súa liña política negaba o camiño revolucionario. En nome das particularidades nacionais loitaban contra as leis da revolución e a construción socialista. Nas obras de Carillo e Berlinguer aparece o termo socialismo privado da súa esencia: sen o poder obreiro, a ditadura do proletariado, sen a socialización dos medios de produción e a planificación central. Falaban da reforma, da democratización do Estado burgués, da ditadura dos monopolios, fomentaban ilusións sobre solucións a favor do pobo a través do camiño parlamentario, a través do goberno burgués, a alianza coa socialdemocracia.
Hoxe en día, apareceron plataformas oportunistas, igualmente perigosas como o “Eurocomunismo”, que se opoñen ao socialismo científico como é o “socialismo de mercado”, o “socialismo do século 21”. Fálase dunha “economía social”, búscase a utopía dun capitalismo humanizado. Nalgúns casos no nome da “globalización” preténdese diminuír ou rexeitar a loita de clases a nivel nacional que ten importancia significativa.
En todo caso, a fronte contra o oportunismo é un elemento da confrontación co sistema capitalista, co imperialismo, e a tolerancia ou o retroceso teñen un efecto corrosivo a expensas do movemento comunista e da súa perspectiva.
O chamado Partido da Esquerda Europea está formando redes en todo o mundo co financiamento da UE causando un gran dano ao movemento comunista; é un vehículo que promove a estratexia da UE no movemento obreiro, que está indisolubelmente ligado coa socialdemocracia e debe ser tratado dun xeito ideolóxico e política estrita.
As súas forzas principais celebraron o derrocamento do socialismo e en canto ao anticomunismo identifícanse con todo tipo de forzas reaccionarias e burguesas no nome do “anti-estalinismo”.
En conclusión, podemos dicir que o contido clasista, e polo tanto, o contido actual da loita ideolóxica, política e de masas nestes días está determinado pola ruptura e o conflito cos monopolios e o sistema capitalista, coas organizacións imperialistas. Está determinado pola organización da clase obreira nos centros de traballo, a formación da alianza cos sectores populares, a preparación multifacética polo derrocamento do capitalismo, pola sociedade socialista-comunista, pola abolición da explotación do home polo home.
Debemos reflexionar sobre o feito de que Marx e Engels na súa época, na época das revolucións burguesas, falaban da loita ideolóxica e política independente da clase obreira. Debemos tomar en conta o seu estudo profundo da experiencia da Comuna de París de 1871 e que falaban da necesidade do poder obreiro, a destrución do Estado burgués.
Debemos reflexionar sobre a experiencia da Gran Revolución Socialista de 1917 e contribuír para adaptar as direccións programáticas dos Partidos Comunistas, a súa estratexia aos requisitos da nosa época.
“O imperialismo é a antesala da revolución social do proletariado”, destacaba Lenin.
A situación revolucionaria estableceuse logo da Primeira Guerra Mundial en Alemaña, en Hungría, en Eslovaquia, en Italia. En 1944 a situación revolucionaria estableceuse en Grecia, pero esta posibilidade non se transformou en realidade.
O factor crucial para librar unha batalla decisiva é a pronta preparación dos Partidos Comunistas e da clase obreira para as duras confrontacións clasistas que corresponden ás necesidades da nosa época.
O carácter democrático burgués da revolución correspondía ao período do derrocamento do feudalismo, cando a burguesía era unha clase revolucionaria. Agora, o capitalismo substituíu o feudalismo, a contradición básica entre capital e traballo estase agudizando.
No programa do KKE, que foi aprobado por unanimidade no recentemente 19º Congreso, destácase que: “O pobo grego liberarase das cadeas da explotación capitalista e das unións imperialistas cando a clase obreira cos seus aliados leve a cabo a revolución socialista e avance á construción do socialismo-comunismo.
O obxectivo estratéxico do KKE é a conquista do poder obreiro revolucionario, é dicir, a ditadura do proletariado, para a construción socialista como fase inmatura da sociedade comunista.
O cambio revolucionario en Grecia será socialista.”
As forzas motrices da revolución socialista serán a clase obreira como forza dirixente, os semiproletarios, os sectores populares oprimidos dos traballadores autónomos na cidade, o campesiñado pobre que se ven negativamente afectados polos monopolios.
No programa do KKE analízase a cuestión dos factores obxectivos que poden levar a unha situación revolucionaria (os de abaixo non queren vivir como antes, os de arriba non poden gobernar como antes). Dáse unha énfase particular na profundización da crise capitalista e a implicación de Grecia nunha guerra imperialista; trázase o camiño para a preparación do Partido e do movemento obreiro e popular.
O KKE e a PAME xogan un papel dirixente na loita de clases e teñen unha contribución significativa ao desenvolvemento de decenas de mobilizacións e folgas e moitas outras loitas. Con todo, cabe destacar que o movemento obreiro e popular non estaba ben preparado e organizado para facer fronte á agresividade do capital nas condicións da crise capitalista. A correlación de forzas negativa, a influencia do sindicalismo pactista e amarelo, o papel do oportunismo, da socialdemocracia, da aristocracia obreira, que apoian a estratexia do capital, son factores cruciais.
Hoxe en día, en condicións de situación non revolucionaria o noso partido dá prioridade:
Ao reagrupamento do movemento obreiro para que sexa capaz de satisfacer as necesidades da loita de clases, para que a clase obreira cumpra co seu papel como a clase de vangarda na sociedade, como vehículo do cambio revolucionario.
O reagrupamento do movemento obreiro significa sindicatos fortes, masivos que loiten en dirección clasista, que apoien aos obreiros, aos traballadores novos, ás mulleres, aos inmigrantes, con procesos colectivos que aseguren a participación na toma e na aplicación das decisións. O fortalecemento da PAME, da agrupación clasista no movemento obreiro, o cambio da correlación de forzas a expensas das forzas do reformismo, do oportunismo, do sindicalismo pactista e amarelo, que son vehículos do diálogo social.
Organizacións partidistas fortes nas fábricas, nas empresas de importancia estratéxica.
O movemento obreiro debe loitar por cada problema da clase obreira de modo combativo e organizado, tendo como criterio as necesidades actuais, conseguindo unha orientación de enfrontamento coas forzas do capital polo derrocamento da explotación capitalista, logrando un alto nivel de unidade de clase.
A clase obreira coa súa postura de vangarda debe ser o protagonista na construción da alianza social que responde á cuestión como se organizará a loita pola confrontación das bárbaras medidas antilaborais e antiobreiras, como se organizará o contraataque popular.
A Alianza Popular expresa os intereses da clase obreira, dos semiproletarios, dos traballadores autónomos e dos campesiños pobres, dos mozos e das mulleres de sectores obreiros e populares na loita contra os monopolios e a propiedade capitalista, contra a integración do país nas unións imperialistas. A Alianza Popular é social e ten características de movemento, nunha liña de ruptura e derrocamento.
Hoxe en día, estase formando na base da loita común da PAME, a agrupación clasista no movemento obreiro, PASY nos campesiños, PASEVE nos traballadores autónomos, MAS nos estudantes, OGE nas mulleres.
Loita polos salarios e as pensións, por un sistema de saúde, benestar e educación exclusivamente público e gratuíto, por todos os problemas obreiros e populares.
Defende a opinión de que a loita por unha saída da crise favorábel ao pobo é inextricabelmente ligada coa retirada da UE, a cancelación unilateral da débeda pública.
A loita pola retirada da UE está ligada á loita contra o poder dos monopolios e a loita da clase obreira e dos seus aliados polo poder obreiro e popular.
A Alianza Popular adopta a socialización dos medios de produción concentrados, a planificación central, o control obreiro e social.
O proceso de agrupar á maioría da clase obreira co KKE e de atraer a sectores avanzados das capas populares terá varias fases. O movemento obreiro, o movemento dos traballadores autónomos nas cidades e dos campesiños e a forma de expresión da súa alianza, da alianza popular, con obxectivos antimonopolistas-anticapitalistas, coa actividade avanzada das forzas do KKE en condicións non revolucionarias, son a primeira forma para a creación da fronte obreira revolucionario en condicións revolucionarias.
En condicións de situación revolucionaria, a fronte obreira-popular revolucionaria con todas as formas de actividade pode converterse no centro do levantamento popular polo derrocamento da ditadura da burguesía, para que prevalezan as institucións revolucionarias que toman nas súas mans a nova organización da sociedade, o establecemento do poder obreiro revolucionario que ten como base a unidade de produción, os servizos sociais, a unidade de administración, a cooperativa de produción.
Baixo a responsabilidade do poder obreiro:
Socializanse os medios de produción na industria, na enerxía, no abastecemento de auga, nas telecomunicacións, nas construcións, nas reparacións, nos medios de transporte público, no comercio maiorista e minorista, no comercio de importación e exportación, na infraestrutura de turismo e de restauración.
Socialízase a terra, os cultivos agrícolas capitalistas.
Elimínase a propiedade privada e a actividade económica na educación, na sanidade, o benestar, a cultura e os deportes, nos medios de comunicación masivos. Organízanse exclusivamente como servizos sociais.
Desenvólvense unidades de produción estatais para a produción e o procesamento de produtos agrícolas.
Promóvese a cooperativa de produción agrícola.
A planificación central incorpora a forza de traballo, os medios de produción, as materias primas e industriais e outros materiais, na organización da produción, dos servizos sociais e administrativos. É unha relación de produción e distribución comunista que vincula aos traballadores cos medios de produción, os organismos socialistas.
O derrocamento do socialismo foi un golpe duro ao movemento comunista e as causas do derrocamento ensínannos que o respecto esencial ás leis científicas da construción socialista, a observancia dos principios revolucionarios de creación e funcionamento dos Partidos Comunistas, a vixilancia ideolóxica e política para a prevención de erros e desviacións oportunistas. Este é un deber de gran importancia. Pero a contrarrevolución non pode ensombrecer a contribución histórica insubstituíbel do socialismo que foi construído no século 20, ao progreso social. A postura de cada partido comunista xúlgase sobre o asunto da defensa do socialismo contra os ataques calumniosos das forzas burguesas e oportunistas.
Estimados camaradas:
O KKE, que asumiu a responsabilidade da organización dos encontros internacionais logo da contrarrevolución, continuará o seu esforzo pola acción conxunta e a formación dunha estratexia revolucionaria unificada do movemento comunista, malia as dificultades.
Continuará contribuíndo aos Encontros Internacionais dos Partidos Comunistas insistindo na preservación do seu carácter comunista e en oposición con opinións ou plans que apoian a transformación dos encontros nun espazo da “esquerda”.
O noso partido oponse decisivamente á transformación do Grupo de Traballo en “centro de dirección”, directa ou indirectamente, e rexeita a adopción de posicións que violan os principios comunistas probados, presentando posicións que conducen ao apoio da xestión burguesa.
O KKE, como sempre, dedica as súas forzas á coordinación da loita dos Partidos Comunistas en Europa e considera que a Iniciativa de Partidos Comunistas e Obreiros polo estudo e a investigación de asuntos europeos, polo fortalecemento da loita contra a UE imperialista é un gran logro.
En condicións de crises do movemento comunista, o noso partido apoia a idea da creación dun polo Marxista-Leninista distintivo e apoia o esforzo da “Revista Comunista Internacional” en que participan as revistas de 11 Partidos Comunistas.
8-9 de novembro de 2013
[Fonte: KKE]
- Traducido por FORXA! -