No capitalismo, non hai vida sen violencia para as mulleres.

SEN PATRIARCADO para non morrer,
SEN CAPITALISMO para vivir.

A medida que se vai profundando a crise estrutural do capitalismo e este aumenta os seus niveis de violencia para poder subsistir, a cara máis despreciábel do patriarcado aumenta tamén día a día. Á  violencia laboral, superponse a violencia de perder o emprego,  a dos traballos gratuítos de reprodución, á violencia física e/ou sexual… Dentro do decrépito  sistema capitalista non hai vida sen violencia.

A OMS, no primeiro informe detallado sobre datos a nivel mundial, cualificou os niveis de violencia contra as mulleres como "un problema de saúde global de proporcións epidémicas" que se produce tanto no ámbito doméstico como fóra do mesmo. Destácase  que non hai diferenzas significativas entre países ricos e pobres en canto aos malos tratos por parte do home á muller nunha relación de parella, que afecta a un 30% de mulleres en todo o mundo. Os casos entre a mocidade van en aumento. Sen fronteiras físicas ou xeracionais calcúlase que un 35% de mulleres experimentarán feitos de violencia, en ámbitos privados ou públicos, nalgún momento das súas vidas.

No estado español, as medidas dos gobernos de quenda para salvar á oligarquía, conducen a reforzar os roles de submisión-dominación patriarcais asignados ás mulleres. Auméntase a presión para atender as tarefas domésticas, o  coidado da infancia, anciáns e enfermos, a través dos recortes e privatizacións en educación, sanidade e dependencia. Redúcense e elimínanse  os exiguos dereitos sexuais e reprodutivos, unicamente ao alcance de quen os poida pagar e desaparece a posibilidade de vivir do noso salario coas continuas contrarreformas laborais e das pensións, que aínda que condenan á miseria á clase obreira, significan para as traballadoras unha pobreza aínda maior.

Máis mulleres atópanse en situación de depender economicamente dalgún home, aumentando o risco de ser vítimas de violencia ao reforzarse as bases materiais do patriarcado. Aumenta a inseguridade, a vulnerabilidade e o medo, pero diminúen as denuncias, do mesmo xeito que van diminuíndo os escasos recursos públicos  para protexer ás vítimas ou desaparecen directamente coa reforma da administración local.

Recursos, hai que dicilo, que serven para paliar só unha pequena parte da violencia estrutural dirixida diariamente cara ás mulleres. Violencia que para ser eliminada require doutras  relacións de produción, outras relacións sociais e afectivas. Relacións, as actuais, propias do sistema capitalista e relacións inherentes ao patriarcado, que se adaptan e retroalimentan para continuar coa explotación e a opresión, con violencia cando lles é necesario para sobrevivir.

Propomos analizar esta realidade para facernos conscientes dela e unir as nosas forzas á loita xeral pola transformación da sociedade.  Pola construción do Socialismo-Comunismo como única posibilidade dunhas  relacións humanas baseadas na igualdade e a xustiza e a superación da explotación dun ser humano por outro. E nese camiño dirixiremos os nosos esforzos para combater a violencia contra as mulleres en calquera das súas formas e expresións.

Organízate e loita!
Derrotemos ao capitalismo e ao patriarcado.
Polo Socialismo-Comunismo.

Comunistas da Galiza
[FORXA! - PCPE]
Colectivos da Mocidade Comunista
(CMC)