Adiante coa loita do naval! A clase obreira unida e organizada, pode vencer!

A situación que está a atravesar o cadro de persoal de Navantia é hoxe insostíbel, a falta de carga de traballo é xa absoluta e pese as promesas dos políticos de quenda está lonxe de ser resolta.

Por outra banda, as condicións laborais e de futuro para un sector que é estratéxico estanse vendo ameazadas a causa das políticas e das reformas antiobreiras impostas dende a Unión Europea. Con estas políticas, que son unha arma e un mecanismo das clases dominantes contra a clase obreira e os sectores populares, están a levar a cabo procesos de liquidación de dereitos, reducións salariais e mesmo a liquidación completa de postos de traballo. Hoxe, a dirección de Navantia está disposta a empregar estas armas contra o conxunto dos traballadores e traballadoras, ameazando con EREs e despedimentos, se non son aceptados os seus plans e as súas políticas polo conxunto do cadro de persoal.

Hoxe, a loita en Navantia non queda reducida á demanda da tan ansiada carga de traballo, senón que é unha loita polo futuro e a supervivencia non só dun posto de traballo, senón dunhas condicións laborais dignas para todos e todas, pois non só se trata da plantilla da principal, senón tamén do cadro de persoal das auxiliares.

Só a clase obreira organizada e unida desde a base, coa asemblea como órgano soberano, será quen de imprimirlle á loita un carácter e unha dirección axeitadas, para iso os traballadores e traballadoras deben contar cunha plataforma reivindicativa común que agrupe ao conxunto de traballadores por riba de siglas sindicais, unha plataforma que faga fronte ás políticas que o capital quere impoñer, políticas que contemplan o desmantelamento e a privatización dun sector público de enorme importancia e que hoxe se presenta como un suculento negocio para determinados sectores dese capitalismo ávido de beneficios.

A clase obreira pode vencer se é quen de plantexar adecuadamente as súas demandas desde posicións de forza, facendo un uso axeitado daquelas ferramentas que como a folga se teñen demostrado historicamente como válidas para a clase obreira.

As clases traballadoras temos hoxe como exemplo a valente loita dos traballadores e traballadoras da limpeza na comunidade de Madrid, que non fai máis que confirmar que, cando quere e sabe dar a batalla, a clase obreira é capaz de arrincar vitorias. O inimigo de clase tamén o sabe, e por iso se saca da manga a idea dunha lei de folga. Que saiban que non temos medo, que non só somos máis, senón que somos mellores.

Temos que facerlles fronte aos seus plans custe o que custe, pois diso depende o futuro de miles de familias traballadoras. A resolución do problema non debe ser deixado nas mans daqueles que levaron a Navantia cara a actual situación, nin nos políticos de quenda, sexan da cor política que sexan. Deben ser os propios traballadores e traballadoras nas súas asembleas e a través das súas loitas os que conquisten un futuro digno. Hoxe nada nos vai ser regalado, o capital dirixe as súas políticas contra todo e contra todos e todas, contra as pensións, contra a sanidade, contra as nosas condicións de vida.

Sen nós non se move nin unha soa engranaxe!
A clase obreira pode!

Comunistas da Galiza
[FORXA! - PCPE]
Colectivos da Mocidade Comunista
(CMC)