Estudar, aprender materialismo dialéctico e histórico.

Estudando o folleto “Sobre o materialismo dialéctico e materialismo histórico” de I. V. Stalin. 
Por Ismael Patricio. 

O pequeno folleto escrito no ano de 1938 por I.V. Stalin titulado “Sobre o materialismo dialéctico e o materialismo histórico” é un marabilloso texto que nos axuda a comprender dunha forma abreviada, pero ben detallada, dous dos fundamentos da teoría marxista-leninista, refírome ao materialismo dialéctico e materialismo histórico. 

O texto comeza describindo que o materialismo dialéctico é a concepción do mundo, propia do partido marxista-leninista. O método de estudar os fenómenos da natureza é dialéctico, o xeito en que comprendemos os fenómenos é materialista. O materialismo histórico é a sucesión do materialismo dialéctico aplicado ao estudo do desenvolvemento social.
Desenvolvendo a dialéctica podemos atopar que esta é tomada do filósofo Hegel, deixando claro que esta é desenvolvida de forma inversa por K. Marx, é dicir, desde a óptica da concepción materialista. Na cuestión do materialismo atopamos que este tamén é resultado do desenvolvemento do pensamento, obtido do segundo filósofo alemán Ludwing Feuerbach quen se revela contra o nome materialista un materialismo incompleto polas súas posicións ético-relixiosas. 

No mesmo folleto, Stalin dedica un par de parágrafos para explicar a palabra dialéctica. Comeza así coa orixe grega da palabra que significa diálogo ou discusión, de forma que son os antigos filósofos quen sostiñan unha discusión sobre un tema, sacando ao descuberto as contradicións e superando estas mesmas que posteriormente se aplicaban aos fenómenos da natureza. A dialéctica contraposta á metafísica, considera á natureza en constante movemento e cambio, é dicir, sempre nun permanente desenvolvemento que vai ascendendo a niveis superiores. 

I. V. Stalin lémbranos os trazos fundamentais da dialéctica, de maneira que nos reitera o feito de que os fenómenos da natureza teñen unha interrelación, é dicir, que desde a visión do materialismo dialéctico estamos obrigados a estudar os fenómenos non de forma illada senón, pola contra, dun xeito concatenado. Stalin lémbranos que a natureza está en permanente movemento, de maneira que continuamente as cousas nacen e perecen. Para exemplificar os saltos de cantidade en calidade, desprendidos de leis e non dunha forma casual, Stalin coloca un exemplo do desenvolvemento dialéctico: O salto de cantidade en calidade que ocorre na transformación da auga; o grao de temperatura da auga non inflúe para nada, ao principio, no seu estado líquido, pero ao aumentar a temperatura da auga líquida, chégase a un punto en que o seu estado de cohesión se modifica e a auga convértese, nun caso en vapor, ou en xeo. 

Xa no que se refire á dialéctica aplicada ao estudo da vida social, I.V. Stalin demóstranos que non hai ningún réxime inmutábel, pois a sociedade está atravesada por unha permanente loita de contrarios. No ámbito da vida social atopámonos coa intervención directa das clases sociais en pugna permanente. Derivado disto, poderemos comprender que o modo de produción capitalista será substituído por unha nova orde social: o socialismo. Aquí é onde de forma dialéctica se atopa a forza nova que derrube o vello, dentro das contradicións do capitalismo (o vello) e esa forza (o novo) é o proletariado, pola contradición que existe entre capital-traballo, que depura outras clases arroxándoas ás filas desa nova forza, baixo unha lei, loita de clases, o proletariado polas súas condicións materiais de vida, quen só posúe a súa forza de traballo para vivir, verase dentro de dous planos, ou seguir sendo explotado, ou librarse das cadeas conquistando o poder, para someter aos seus explotadores. 

Posteriormente atopámonos co materialismo, contraposto ao idealismo. O materialismo  considera aos fenómenos naturais como diversas formas nas que a materia se manifesta, mentres que o idealismo describe ao material como reflexo da idea, afirmando que a materia non existe sen a idea. Finalmente onde teremos que situarnos é que o materialismo considera á materia como algo existente fóra da nosa conciencia, e que independentemente dela a materia existe e se desenvolve. Citando unha parte do texto, I.V. Stalin asevera: “A materia non é un produto do espírito, o espírito mesmo non é máis que o produto da materia”. 

Finalmente, I.V. Stalin afirma que o materialismo dialéctico aplicado ao desenvolvemento social demóstranos que a sociedade ten leis que a transforma e estas leis pódense coñecer e aplicar, derivándose así que a vida material é o primario, e a vida espiritual é o reflexo da concatenación da situación material. Tese destacábel nesta formulación é que unha forma determinada na que os homes tecen as súas relacións sociais de reprodución da vida material, derivan a súa forma na que interpretan coas súas propias ideas o curso da súa vida material e espiritual. 

Retomando o anterior descrito, temos que a forza do marxismo reside en que este actúa mediante o estudo das esixencias da forma de vida material tomando un carácter científico, deixando de lado aos utopistas, que desenvolven unha teoría universal sobre a base dos bos sentimentos dos individuos. Posteriormente I.V. Stalin pregunta que se entende por condicións de vida material? Ao cal responde: A forma de obtención de medios de vida para a sobrevivencia do home, o modo de produción dos bens materiais; cales son os aspectos da produción?, as forzas produtivas (instrumentos de produción); o outro aspecto son as relacións de produción (a forma en que se organizan os homes para crear os medios de vida) a forma de producir determina o réxime social. 

O marxismo revélase entón como a ciencia que está abocada ao descubrimento das leis que rexen o desenvolvemento da sociedade no terreo das forzas produtivas e as relacións de produción. Os cambios ocorridos na produción sempre son o impulso das forzas produtivas, as cales crean novas relacións de produción. 

I.V. Stalin descríbenos unha lei inquebrantábel, descrita do seguinte xeito: “Por moi atrasadas que se atopen as relacións de produción con respecto ao desenvolvemento das forzas produtivas, estas, tarde ou cedo, poñeranse en harmonía”, tomando como exemplo a situación que aparece no capitalismo, a propiedade privada sobre os medios de produción é incompatíbel co carácter social que presenta, pois este encerra nas fábricas a millóns de obreiros, dando ao proceso de produción un carácter social, esixindo a propiedade social sobre os medios de produción, co que podemos deducir que o socialismo vén ser a superación da contradición fundamental do capitalismo, é dicir, a contradición entre capital e traballo. 

Finalmente este texto axúdanos a comprender a relevante importancia da teoría na vida partidaria, pois o estudo dos clásicos será a luz que nos conduza a unha mellor aplicación da teoría ao campo da práctica cotiá coas masas. Retomo finalmente a frase célebre de Vladimir Lenin que di: “Sen teoría revolucionaria, non hai movemento revolucionario”.

[Fonte: LJC]


Aprender, aprender, aprender sempre. Abofé que isto é unha necesidade para calquera comunista, para calquera marxista-leninista. Non abonda con ter odio de clase, que é necesario; non abonda con ter boas intencións, que é necesario; non abonda con ter decisión, que é necesario; non abonda con querer derrubar o capitalismo, que é necesario; é preciso estudar os fenómenos da natureza dun xeito dialéctico, e interpretalos dunha maneira materialista. É necesario estudar o materialismo dialéctico, porque así entende o mundo un marxista-leninista. E é preciso levar este materialismo dialéctico ao estudo da sociedade, da vida social, é dicir, avantar polo camiño do materialismo histórico, o camiño que guía aos marxistas.

Como deixou escrito o camarada Stalin: «A actuación do Partido do proletariado debe basearse, non nos bos desexos das “ilustres personalidades”, non nos postulados da “razón”, da “moral universal”, etc., senón nas leis do desenvolvemento da sociedade e no estudo destas».

Materialismo Dialéctico e Materialismo Histórico é un perfecto estudo para iniciarse no método dialéctico marxista, funcionando como un breve resume das principais ideas de Marx e Engels neste importante terreo.

Poida que a algúns, ante unha obra asinada por Stalin, e por ser escravos da ideoloxía burguesa, se lles levante un muro diante dos ollos. Pode ser que teñan boas intencións, máis xa vai sendo hora de que, se se din marxista-leninistas, comecen a pensar e traballar como tal. Sen dúbida, esta é unha boa obra para encetar este camiño.

[Fonte: Estoutras]


 O documento ao que se fai referencia nesta entrada forma parte da Biblioteca Marxista-Leninista de FORXA! xunto con outros textos imprescindíbeis para a formación política e ideolóxica, que temos editados tamén en papel e se poden solicitar en forxagz@gmail.com.