NIN REFORMAS DE OLIGARCAS, NIN PACTOS DE TRAIDORES




Unha vez máis, os dirixentes sindicais de CCOO e UGT, veñen de consumar unha nova traizón contra a clase obreira  plasmada no acordo sobre a negociación colectiva, ao cal teñen chegado coas organizacións da patronal. Asumindo e someténdose ás directrices do gran capital, asinan retrocesos e recortes  nas condicións laborais e salariais que benefician única e exclusivamente ás clases dominantes e só ofrecen para a clase obreira máis explotación e sometemento.

As consecuencias desta crise, que os grandes oligarcas xeraron coas súas políticas económicas criminais, está a sufrilas a clase obreira día tras día con índices alarmantes de desemprego, con case 6 millóns de desempregados, cos milleiros de familias que viven ao borde da pobreza, familias cuxas vivendas son embargadas polos bancos, familias ás que lles son retiradas as prestacións económicas e sanitarias, traballadores que se ven empuxados ao abismo e á absoluta indefensión diaria e continuada ante os abusos da patronal. Ese é o camiño que nos ofrecen os capitalistas para saír da súa crise. Con acordos e rendición (baixando os pantalóns) responden os líderes sindicais traidores comprados pola oligarquía. Queren que nos apertemos o cinto en aras da estabilidade capitalista; pretenden que nos resignemos e asumamos como inevitábeis as políticas antiobreiras impulsadas pola UE do capital.

Nós dicimos NON! Os nosos dereitos non se negocian, deféndense, como os defenden os traballadores gregos con máis de 15 folgas xerais ás súas costas, coa súa oposición frontal ás medidas antiobreiras, ou coa clase obreira de Bélxica que vén de demostrar que cando esta está unida é capaz de paralizar todo un país. Ese é o camiño que debemos seguir, erguernos e pelexar polo que por dereito é noso, para demostrarlles que non estamos dispostos a entregarlles tan facilmente as nosas conquistas sociais e os nosos dereitos, para que comprendan que non estamos dispostos a vivir axeonllados e sometidos ante a cobiza dos explotadores.

Esta claudicación por parte das centrais sindicais debe servir para borrar e desterrar dunha vez as políticas de pacto social e de negociación, que só teñen conducido á perda progresiva de dereitos e ao empeoramento continuado das nosas condicións de vida. A clase obreira non pode agardar ningunha concesión por parte da oligarquía nin das clases dominantes, e moito menos, cando estas despregan unha ofensiva para arrebatarnos as poucas concesións e melloras conseguidas durante décadas de loitas e de combates. A submisión dos dirixentes obreiros traidores e o seu paso ás filas do inimigo de clase suscitan nos traballadores a necesidade da ruptura coas políticas de colaboración de clase e a preparación para un período de choques abertos entre o proletariado e os sectores populares e a burguesía e as clases dominantes. Debemos prepararnos dende xa: reorganizando as nosas forzas dende a base, dende o núcleo mesmo das entrañas das fábricas e centros de traballo, dende o corazón mesmo onde teñen lugar as relacións de produción, organizándonos e mobilizándonos por cada conflito, ligando as demandas inmediatas e puramente económicas  aos obxectivos de emancipación e de loita política do proletariado. A historia do movemento obreiro ten demostrado que, no marco capitalista, a clase obreira só pode conseguir melloras mediante a forza, mediante o combate franco e resolto, mediante a rebelión e a oposición ao sistema de explotación, mediante a loita por demandas inmediatas que reforcen o poder obreiro e popular, mediante loitas que debiliten as posicións do inimigo e reforcen e amplíen as nosas propias forzas.

Cómpre o artellamento de estruturas que permitan e posibiliten a confluencia de todos os sectores obreiros de oposición ás medidas do capital, co fin de fortalecer e ampliar a mobilización obreira, coordinar e unificar as loitas, desenrolar unha plataforma e unha táboa reivindicativa común ao conxunto da clase obreira e ofrecer unha resposta organizada e contundente fronte ás políticas e ás reformas criminais emprendidas pola oligarquía. Nesa dirección, os comunistas galegos organizados en FORXA! e máis en Comunistas da Galiza-PCPE facemos un chamamento ao conxunto da militancia sindical, delegados e comités de empresa, na participación e construción de organismos unitarios dentro e fóra das fábricas, comités de folga, asembleas obreiras de carácter intersindical… organizadas de acordo aos principios da democracia obreira e da defensa inquebrantábel dos intereses xerais de clase como ferramenta destinada a incrementar a mobilización e a rebelión obreira xeneralizada na dirección da folga xeral e da loita continuada contra os plans capitalistas. 

Só podemos responder á traizón  con unidade e organización. Esa é e debe ser a nosa mellor arma, o camiño que debemos seguir se queremos reverter a orde de cousas existente. Unidos seremos capaces de plantarlle cara ao inimigo, de dicirlle que as súas reformas e recortes, as súas políticas e toda a súa maquinaria de dominación, serán inútiles fronte ao poder organizado da clase obreira e do pobo, e por iso, Comunistas de Galiza-PCPE e o Colectivo Marxista-Leninista FORXA! facemos un chamado ao conxunto da clase obreira, independentemente da súa filiación sindical, a sumarse á folga xeral que terá lugar a finais de marzo; a facer desta folga xeral unha vitoria unitaria do conxunto do movemento obreiro galego; unha vitoria sobre as políticas claudicadoras e pactistas; un paso na dirección da reorientación clasista do movemento sindical e un paso firme na loita organizada da clase obreira contra as políticas capitalistas.

Todos e todas á folga xeral!
Hai que paralos!

FORXA! COLECTIVO MARXISTA-LENINISTA
PCPE-COMUNISTAS DA GALIZA