Discurso da SX do CC do KKE, Aleka Papariga, no 13º EIPCO

Estimados camaradas:


Dámoslles unha benvida calorosa unha vez máis en Atenas. Como xa saben, aquí tivo lugar, por iniciativa do noso partido, o primeiro encontro de partidos comunistas e obreiros en 1998 para a coordinación, a acción conxunta e o reagrupamento do Movemento Comunista Internacional que está experimentando unha crise ideolóxica, política e organizativa.


En 2005 aquí, en Atenas, decidimos de xeito colectivo que este encontro internacional viaxase a outros Estados e continentes, a Europa, América Latina, Oriente Medio, Asia e África. Hoxe en día atopámonos de novo en Atenas para estudar a experiencia, sacar conclusións deste importante percorrido, intensificar os nosos esforzos nas novas condicións da profunda crise capitalista, de antigos e novos focos de guerra polo repartición dos mercados.






Cando apareceron os primeiros signos da crise no noso país, atopámonos ideolóxica e politicamente preparados para levar a cabo, cun axuste moi rápido, as grandes tarefas, para especializar a nosa estratexia e táctica, contribuír á agrupación e aumentar a militancia das forzas obreiras e populares, con demandas radicais e formas de loita avanzadas. Esta preparación débese, na nosa opinión, a dous factores combinados que, permítannos dicir, cuxa importancia vai máis aló do nivel nacional:


1. O KKE defendeu o socialismo e a contribución da URSS á loita dos pobos  da furiosa ofensiva anticomunista, ata nas condicións máis difíciles. Pero non se limitou a isto. Desde principios da década dos 90 demos prioridade ao necesario e longo estudo científico en base ao material de arquivo, sobre as causas da vitoria da contrarrevolución na URSS e os demais países socialistas. Logo de 18 anos de estudos, concluímos na resolución do 18º Congreso mentres seguimos profundando en asuntos da superestrutura política, dos órganos de poder, do control obreiro. É verdade que a experiencia adquirida destaca a necesidade do poder obreiro, a socialización dos medios de produción e a planificación central en oposición á percepción do “Socialismo do século XXI” ou do “socialismo de mercado”, que non teñen nada que ver co socialismo científico e a experiencia da construción socialista. Cando se promoveron as leis do mercado na construción socialista e as relacións de produción socialistas foron debilitadas, do control obreiro pasouse ao comezo da conta atrás cara á contrarrevolución.


2. Ao mesmo tempo prestamos especial atención ao estudo dos desenvolvementos económicos e políticos na UE, no sistema imperialista, das contradicións e a competencia, e, por suposto, dos acontecementos económicos en Grecia, centrándonos nas consecuencias que tivemos e, sobre todo, que imos enfrontar como Estado membro, mentres as tendencias centrífugas hoxe día son evidentes. Ademais, demostrouse moi útil, ata para o presente, o estudo dos vinte anos da historia do Partido e do movemento en Grecia durante o período 1949-1968. Este período é adecuado para o estudo crítico e a avaliación da estratexia do Partido nun período de desenvolvemento do capitalismo grego e do seu axuste á Comunidade Europea. Tratamos este asunto de modo crítico e autocrítico, pero ademais desde o punto de vista do impacto no desenrolo do movemento comunista internacional, do que formamos parte integral.


No mesmo período, non houbo algún problema político de maior ou menor importancia, e, sobre todo, problema socio-económico obreiro e popular sobre o cal non intentamos, con traballo desde a base, agrupar forzas na base social e de clase, iluminar amplamente ao pobo sobre a crise, o seu carácter e o camiño de saída, organizar e intensificar a loita de clases en todas as formas desde arriba cara abaixo e viceversa, para atraer novas forzas obreiras populares. Fíxose un esforzo case sen precedentes para organizar a resistencia colectiva con novas formas de loita e baixo consignas de desobediencia e rebeldía para que o pobo non pagase as peaxes os fins de semana no verán, o billete de entrada nas praias privatizadas e recentemente o imposto sobre a propiedade que se inclúe na factura de electricidade e se acompaña pola ameaza inaceptable e sen precedentes de corte do suministro eléctrico, independentemente de se o importe que corresponde ao consumo de electricidade foi pagado. A fronte principal de loita diríxese, por suposto, contra o paro, contra o recorte de salarios e pensións, contra os despedimentos no sector público e privado, a abolición dos convenios colectivos, as formas de traballo temporais e flexibles, contra a redución enorme do financiamento dos fondos da seguridade social, a educación, a saúde, a prevención e o benestar, contra o recorte drástico a expensas das persoas discapacitadas, contra a redución ou ata a abolición de prestacións por maternidade, do financiamento das garderías etc.


Ao mesmo tempo, levamos a cabo un amplo traballo ideolóxico e político con debates e conferencias sobre asuntos de suma importancia como é o socialismo, a historia do partido, o tema da crise económica capitalista, e o reagrupamento do movemento obreiro.



A participación no debate organizouse dentro do Partido nas organizacións de base do Partido, que se estendeu aos órganos da KNE e ás súas organizacións de base en varias formas.



Hoxe prestamos atención especial e un seguimento moi de cerca ao perigo dun conflito militar relativamente máis xeneralizado na zona xeoestratéxica do Mar Negro, do Oriente Medio, do Mediterráneo Oriental, e por suposto elaborar un posicionamento específico contra a guerra imperialista, independentemente dos pretextos que serán utilizados, e sobre todo elaborar a estratexia de transformación da guerra en loita polo poder. A burguesía do noso país estará no lado dun ou outro eixo ou polo imperialista co obxectivo de participar na repartición dos mercados, de modo que non se atope á marxe. O pobo non debe derramar o seu sangue polos intereses dos imperialistas, nin dos seus nin dos outros. O mesmo é certo para os demais pobos tamén.


Trátase dun asunto que esixe a postura común dos partidos comunistas e dos movementos obreiros, un asunto en que a unidade é de suma importancia. Debemos ter a oportunidade, talvez nun próximo encontro rexional ou local, de intercambiar opinións sobre este asunto tan grave, reforzando en todo caso a fronte contra o chamado “mundo multipolar” que constitúe un esforzo de manipulación dos pobos e incorporación no sistema imperialista e nas súas contradicións.


É obvio hoxe en día que hai un impasse na xestión burguesa da crise; as receitas clásicas non se poden aplicar como as aplicaron con dificultade no pasado; a administración das consecuencias da crise é imposible, sobre todo o desemprego e a pobreza. Estimamos que a recuperación cando veña será débil e quizais antes de que chegue haberá un novo ciclo de crise.


O movemento obreiro e os seus aliados, sobre todo os traballadores autónomos sen empregados ao seu cargo e outros pequenos empresarios pobres que están enfrontando a quebra, os pequenos campesiños pobres deben mostrar resistencia ante a dureza e a complexidade da loita, ante a intransixencia do inimigo. Hoxe, a posición defensiva non pode traer ningún resultado porque estamos en condicións dun ataque que ten no punto de mira a abolición dos logros sacados no século XX, particularmente logo da II Guerra Mundial en Europa.


O que se require hoxe é a planificación e a intensificación da loita de clases, para pór -na medida do posible- obstáculos ás medidas que veñen, a atrasar as novas decisións e gañar tempo para o contraataque, cuxo desenlace debe dirixirse ao derrocamento do poder dos monopolios, do sistema político burgués, polo poder obreiro-popular, polo socialismo. As medidas que se toman en nome da crise ou da regulación da crise a favor dos monopolios, van máis aló da propia crise; son medidas que teñen como obxectivo o reinicio da rendibilidade no período de recuperación, a cal ata os propios Estados capitalistas non consideran que será estable e impetuosa. Grecia está nun camiño de quebra controlada, mentres que unha quebra incontrolada é bastante posible, así como a saída da eurozona, a utilización dun dobre euro, un euro internamente infravalorado e un euro externo que será determinado pola UE e o FMI para protexer tanto como sexa posible aos acredores.


Ningunha proposta política burguesa, liberal, socialdemócrata de esquerdas, de “renovación”, non pode constituír unha saída política a favor do pobo, non pode protexer ao pobo da indixencia nin a curto prazo, e moito menos a longo prazo, se non expón como cuestión de principios a ruptura cos monopolios -industriais, bancarios, navieiros, comerciais- é dicir ruptura coa propiedade capitalista, as súas institucións estatais, as súas alianzas internacionais.


O que ten importancia hoxe no noso país, así como en Europa en xeral, é facer fronte desde un punto de vista de clase ao engano total do pobo de que experimentamos unha crise de débeda, unha crise dos índices financeiros, que a crise xurdiu por mor da mala xestión, do dispendio de diñeiro a servizos sociais en lugar de dirixirse a investimentos produtivos e outras. É dicir que a crise débese ao modelo produtivo de desenvolvemento e á baixa competitividade, é dicir que todos, todas as clases e as capas sociais consomen máis dos seus ingresos; da que a mala arquitectura da construción europea é responsable, segundo sosteñen con pequenas diferenzas tanto partidos burgueses como partidos reformistas e oportunistas.


Todas estas versións mencionadas distorsionan a realidade, ocultan que se trata dunha crise de sobreacumulación de capitais que expresa a agudización da contradición fundamental do capitalismo. Disocian a economía da política, obstaculizan o desenvolvemento radical da conciencia antimonopolista e anticapitalista. Os traballadores en Grecia, na eurozona deben rexeitar a teoría de que a protección do Estado da quebra é un obxectivo nacional, que se esixen sacrificios para lograr este obxectivo que ata se denomina patriotismo contemporáneo. Os traballadores non son responsables da débeda pública e non deben pagala.


A indignación do pobo non é suficiente para levar a cabo o contraataque popular a menos que obteña un contido antimonopolista en esencia anticapitalista. A experiencia da burguesía e dos seus partidos en desactivar e desviar o descontento popular, algo que foi observado ademais no caso da chamada “Primavera Árabe”, dadas as características específicas en distintos países, non debe ser subestimada en absoluto. En consecuencia, a cuestión “ruptura ou submisión” é absolutamente oportuna.



A chamada fronte anti-memorándum


No noso país ata forzas burguesas e oportunistas, e especialmente intelectuais apoloxistas do sistema capitalista e da súa renovación que exercen crítica ao Memorándum, denúnciano como ineficaz para a saída da crise, argumentando que impón sacrificios unilaterais. Denuncian o Memorándum que foi elaborado pola UE, o BCE e o FMI porque, segundo sosteñen, rompe a “cohesión social”, trae máis preto a ameaza -como din característicamente- da explosión social revelando a súa hostilidade cara á loita de clases. Promoven distintas variacións de xestión burguesa que supostamente traerá o equilibrio e a cohesión para que os capitalistas e os monopolios por unha banda e os obreiros e o pobo pola outra, poidan vivir en consenso, e todos xuntos servir ao desenvolvemento capitalista, unha Grecia forte na eurozona, no núcleo duro da UE. Fomentan a ilusión de que pode haber intereses unificados na forma de sair da crise. O maior servizo que ofrece o oportunismo no esforzo de estabilización do sistema político burgués é a posición de que a saída da crise e o alivio do pobo non debe ser un obxectivo de loita a nivel do Estado-nación senón a nivel europeo, considerando que non é posible levar a cabo ningunha ruptura a nivel nacional mediante o ascenso da loita de clases e a resolución da cuestión do poder.


Ante os impasses da xestión da crise, ocorreu algo que foi totalmente previsible e normal para os defensores do sistema capitalista, é dicir, formouse un goberno de coalición mediante os procesos parlamentarios e a intervención dinámica da UE, entre os dous partidos burgueses básicos e un pequeno partido de ultradereita que nos últimos anos fai o traballo sucio da provocación e do anticomunismo de parte do PASOK sobre todo, así como da ND.


A unión dos partidos burgueses, ante o movemento emerxente, intensificou as preguntas e os pensamentos sobre se o sistema político burgués conseguirá manexar esta situación mediante a cooperación directa dos partidos burgueses ou se se deben formar dous polos de cooperación, un da centrodereita e outro da centroesquerda. A clase burguesa, por suposto, desexa que o núcleo desta cooperación fórmese polos dous partidos burgueses, o liberal e o socialdemócrata. Ao mesmo tempo preocúpase de se esta cooperación facilitaría a liberación de forzas obreiras populares de ambos os partidos, sobre todo desde o PASOK socialdemócrata. Durante o último período discutiuse abertamente que debe existir unha fronte máis ampla para impor o consentimento popular e co obxectivo de impedir a difusión ampla e o impacto da proposta política do KKE.


É interesante a axilidade aventureira da corrente oportunista en canto á política de alianzas, que se modifica día a día. Algunhas veces fálase de unidade das forzas da esquerda, outras veces de unidade de forzas progresistas e de esquerdas, outra vez fala de forzas patrióticas e progresistas, e noutro momento de forzas democráticas nun intento de achegarse a forzas do espectro do partido burgués liberal. Con todo, no que se mantén firme é que promove como solución política alternativa propostas que foron adoptadas no marco da competencia das potencias capitalistas dirixentes. Unha proposta indicativa é a suposta solución do eurobono, de préstamos exclusivamente do BCE, da cancelación parcial da débeda mediante a renegociación entre os gobernos. Insisten en que a unidade e a salvación da eurozona están en interese do pobo, adoptan varios aspectos ata a propia gobernanza económica, promoven como asunto crucial o aumento da competitividade, a nacionalización dos bancos, mentres ás veces se senten atraídos polo exemplo de Arxentina ou destacan o exemplo de Hungría, noutro caso consideran que outro goberno na UE tería tratado mellor os asuntos, demostrando que son os administradores fiables do sistema. Isto é válido tamén para o Partido da Esquerda Europea, que promove posicións similares.


A fronte progresista contra o Memorándum, proposto polas forzas do oportunismo, non representa ningunha ameaza para o sistema; é outra variación da negociación burguesa. Ao mesmo tempo promóvese o asunto da postura patriótica contra Alemaña e Francia e estas forzas finxen que non entenden que a unión interestatal capitalista rexional ou mundial e a cooperación de calquera forma réxense pola lei do desenvolvemento desigual que implica desigualdade nas relacións políticas. Finxen non ver o antagonismo entre os Estados capitalistas, entre os monopolios do mesmo sector.
Hoxe en día en Grecia, así como noutros países capitalistas, especialmente no vello mundo capitalista de Europa, derrúbanse os tabús e os mitos que exerceran influencia sobre os pobos. O seu factor clave principal é que a UE constitúe un feito inevitable, que é inconcibible que un pobo non queira adherirse ou que queira retirarse da UE, ou que a UE pode transformarse nunha Europa dos pobos a través da elección de gobernos de esquerdas ou de coalicións de forzas de esquerdas e progresistas. Que mitos se puxeron ao descuberto?



Primeiro: que a UE é unha familia, unha alianza con solidariedade social e unidade permanente, e que máis aló da UE só pode haber caos.


Os Estados burgueses vense totalmente unidos e solidarios entre eles en canto á explotación clasista e ao golpe do movemento. Están divididos entre eles e compiten sobre a repartición das ganancias en período de altas taxas de desenvolvemento, así como das perdas en período de crise.


Segundo: o período desde 2008 ata hoxe é suficiente para derrubar todo o que levan anos dicindo apoiándose en teorías burguesas e oportunistas, é dicir que os estados podan controlar o capital, os monopolios e o seu dominio na economía. Esta experiencia invalida a consigna sobre o control dos mercados polo poder político, que a política debe preceder aos mercados e a consigna oportunista supostamente innovadora “o pobo por diante dos beneficios”.


Terceiro: que a chamada globalización, é dicir, a economía capitalista mundial reforza a cooperación, asegura os mesmos pasos e a converxencia entre os países capitalistas. Ata principios da década dos 90 dicíase que a abolición da guerra e a solución pacífica dos conflitos terían prioridade.


A guerra non foi abolida nunca desde que terminou a II Guerra Mundial. Desenvolveuse tomando a forma de decenas, centenas de guerras locais, e hoxe en día encetou unha nova rolda de repartición dos mercados. A profunda crise que experimentamos, anuncia non só novos focos de guerra senón tamén a posibilidade dun conflito xeneralizado entre as potencias imperialistas poderosas no futuro próximo. A implicación de Grecia será aínda máis perigosa para o pobo. Grecia xa se viu implicada en guerras locais mediante as súas bases militares, o paso de tropas, a participación en forzas de ocupación.


Cuarto: É posible que se perda significativamente o valor da chamada obediencia á lexitimidade burguesa, a disciplina, a submisión ás leis bárbaras clasistas adoptadas en Grecia polo parlamento burgués, así como aos órganos da UE. Hai casos, como o dos mariñeiros, dos condutores de camións cisternas e de taxis, que continuaron a súa folga a pesar do feito de que os tribunais a declararon ilegal, a pesar da orde de mobilización civil.


Só o poder popular pode garantir a soberanía popular e a verdadeira retirada de todas as alianzas imperialistas, como a UE e a OTAN.


Nós promovemos os seguintes tres eixos: poder popular-retirada-cancelación unilateral da débeda. A retirada sen a socialización será tamén destrutiva para o pobo, mentres que a socialización é imposible sen a retirada.


Hoxe en día, máis que nunca, o pobo pode darse conta de que non comparte a mesma patria co capital, os monopolios e o seu poder. Por enriba do idioma nacional e o legado político pon as ganancias e, de acordo a estas, forman alianzas e sacrifícano todo. 
Por iso o termo patria adquire un contido esencial para o pobo soamente a través do poder obreiro, coas institucións da participación obreira popular, a defensa e a protección.



A política de alianzas limítase aos acordos desde arriba en base a un programa mínimo, mentres que consideran que o movemento é unha panca para o reordenamento das forzas políticas para a formación de alianzas de tipo de centroesquerda e políticas de administración do sistema.


Nós falamos ao pobo abertamente da alianza sociopolítica da clase obreira e os sectores populares pequenoburgueses pobres da cidade e do campo. Falamos sobre o reagrupamento do movemento obreiro popular con clara orientación antiimperialista, antimonopolista, e en última instancia anticapitalista. Debe terse unha clara orientación para aproveitar cada fisura e greta nos gobernos burgueses para o debilitalos, para derrocalos.


A política de alianzas obxectivamente ten dous aspectos independentemente da variedade de formas que pode tomar: ou ben terá como obxectivo a preservación e lonxevidade do poder político burgués ou ben haberá un acordo básico pola conquista do poder obreiro popular.


Cada fisura no sistema político, nos mecanismos do poder capitalista, calquera cousa que pode debilitar o goberno burgués e en xeral os partidos burgueses, contribúe ao fortalecemento das forzas da alianza popular polo derrocamento radical do sistema da explotación capitalista, da ditadura dos monopolios.


Loitamos sistematicamente contra opinións de tipo “o problema da economía grega son as superganancias acumuladas no sistema bancario ou nas bolsas en oposición ás ganancias na industria, na produción”; outras opinións que dividen as ganancias en “legais” ou “ilegais”, que o capitalismo supostamente san se converteu en “capitalismo de casino”. A reducción do imperialismo a unha política exterior e a un tipo de relacións interestatais en vez dun sistema socioeconómico, é dicir capitalismo monopolista, ten que ser tratada específicamente.



Outra variación da percepción socialdemócrata adopta a posición de necesidade de “rehabilitación” do capitalismo, da súa humanización, mediante o control das funcións máis parasitarias do sistema financeiro. Non queren e non poden recoñecer o feito de que non existe empresa, nen grupo monopolista cuxa gran parte dos capitais que activa non sexan externos, é dicir capitais prestados, e non propios dos seus accionistas. Nas condicións en que a taxa media das ganancias ten unha tendencia á baixa, estas empresas teñen dificultades de endebedamento e así se dificulta a expansión da produción e prodúcese unha recesión. Ademais, non queren recoñecer que os bancos non realizan soamente préstamos , non se limitan a invertir no mercado de diñeiro, senón que ademais compran ou participan no capital industrial. Non aceptan a fusión do capital bancario e do capital industrial.

Está claro que en condicións de crises hai posibilidades de agudización repentina da loita de clases, de entrada repentina de masas populares máis amplas sen a experiencia social e política necesaria. Somos conscientes do perigo de que o movemento se atope en fase de retroceso, posto que experimenta a barbarie do desemprego, a pobreza, a indixencia, as consecuencias da violencia estatal e patronal, así como o impacto ideolóxico da ideoloxía burguesa, do reformismo e do oportunismo, baixo o impacto do anticomunismo desenfreado que se promove ademais de modo oficial a través dos órganos estatais e os seus mecanismos ideolóxicos.


A pesar das dificultades, a campaña de intimidación do pobo no nome da crise, a intimidación nos centros de traballo, a impaciencia das masas sobre todo daqueles que veñen de sectores populares pequenoburgueses que ata hoxe tiñan un, relativamente, bo nivel de vida, o KKE mantívose firmemente orientado á necesidade e a actualidade do socialismo.


A agudización da crise económica, as contradicións dentro da UE, a conciencia anticapitalista emerxente contribúen a que a xente entenda máis facilmente que se require un cambio radical profundo. Por suposto estes procesos non conducen de modo automático á eleción doa confrontación, á firme participación na organización da loita de clases. Porén, hoxe, o terreo para un conflito ideolóxico-político máis profundo é relativamente máis fácil, en comparación con anos anteriores cando a deterioración da situación dos traballadores evolucionaba máis lentamente en comparación coa tormenta de hoxe.


O KKE chama ao pobo a loitar para que a concentración dos medios de produción industriais se convertan en propiedade popular, para a socialización da terra, das grandes empresas no sector agrícola e o comercio concentrado. En función destas relacións, a produción agrícola débese reorganizar con incentivos de concentración, inicialmente, en cooperativas de produción.


A socialización dos medios de produción e a planificación nacional central con ferramentas científicas, librarán grandes posibilidades de produción infrautilizadas, asegurará a cientificamente combinada prioridade e satisfacción das necesidades populares, coa condición de que se active o amplo control obreiro popular para a plena satisfacción das necesidades sociais básicas, por exemplo a alimentación, a vivenda popular, a educación, a saúde e o benestar, obras de infraestrutura.


A ampliación do tempo libre para os traballadores contribuirá á súa participación esencial no control. O control obreiro e popular comezará a partir das unidades productivas con representantes elixidos e revogables e estenderase a todo sector e rexión. Nos órganos de poder elixidos participarán representantes dos traballadores das unidades de produción e garantirase a participación dos membros de cooperativas, de estudantes e xubilados. Os representantes elixidos no órgano superior de poder no país, non serán permanentes senón revogables.


Ao mesmo tempo, o poder popular, que para o KKE é o socialismo e non un estadio intermedio entre o capitalismo e o socialismo, aforrará recursos importantes mediante a abolición dos gastos militares para os plans imperialistas agresivos da OTAN, mediante a cancelación verdadeira e total da débeda, mediante a abolición dos paquetes de apoio multiformes aos grupos monopolistas e os bancos. Esta é a superioridade inmensa do poder popular que pode garantir o benestar social fronte ao capitalismo monopolista vello que leva a cabo plans para os varios grupos e sectores do gran capital, que compiten entre eles para a maior rendibilidade posible.


Só a planificación central pode superar as desigualdades no desenvolvemento das rexións dentro do país. O poder popular é o único poder que pode facer acordos comerciais de beneficio mutuo con outros pobos, con outras economías populares, e erradicar o fenómeno das competencias imperialistas sobre a utilización dos recursos naturais do mar e da terra.


Só esta loita que ten no punto de mira ao verdadeiro inimigo, é dicir o poder dos monopolios, e incorpora as iniciativas de obstaculización da ofensiva antipopular na organización do contraataque do movemento popular, pode garantir a continuidade, a duración da loita, alternando constantemente as formas de loitas, e a perspectiva vitoriosa para a clase obreira e os seus aliados sociais.


Cada reflexión, cada consigna e posición que está en conflito coas relacións de propiedade e o poder capitalistas, foi atacada por todos os partidos co argumento de que o socialismo fracasou e, polo tanto, non hai máis solución que a xestión dos problemas dentro do capitalismo. Conseguintemente, o asunto de sacar conclusións da vitoria da contrarrevolución é un asunto crucial, non ten que ver soamente co período da construción senón tamén co período da concentración de forzas.


Por suposto non hai situación revolucionaria en Grecia para por en práctica como deber inmediato o derrocamento do sistema capitalista, pero todo indica que se o movemento obreiro, a sección máis radical do pobo, non dirixe a loita, o poder obreiro verase atrapado nas diferentes versións da xestión burguesa e perderá toda oportunidade de intensificaicón e de ter unha perspectiva.


Antes da crise, o asunto do poder obreiro, para moitos, se cadra, parecía como un asunto de discusión. Con todo, hoxe en día, a realidade demostra que é un obxectivo de loita obrigatorio, dá sentido na loita diaria en condicións dunha crise profunda, en condicións nas que a burguesía non fai manobras nin concesións. O problema do poder afecta hoxe ás formas de loita, dá prioridade á organización e ao desenvolvemento da iniciativa obreira e popular desde abaixo, ao rexeitamento a obedecer e cumplir as leis burguesas, á formación dos xermes do novo poder e dos órganos de control obreiro.


A solución para o pobo non é alinnearse cunha sección da burguesía nacional, cun dos centros imperialistas abandonando outro nun período en que as súas contradicións agudizáronse. Tampouco é unha solución apoiar a novos partidos da burguesía contra os vellos, os gobernos de coalición en lugar dos gobernos dun partido único.



A solución está na loita organizada que enfocará nos centros de traballo, os sindicatos, e terá na súa orientación o reto, o conflito e a ruptura cos monopolios, os partidos, os gobernos e as súas alianzas imperialistas, na perspectiva do seu derrocamento. Esta é a única liña de loita realista.



Non se trata dunha obra dun só acto, por iso os movementos, os pasos, as fases, non deben separarse deste obxectivo.


Nos próximos meses, no ano que vén, pode e debe manifestarse unha participación masiva nas asembleas nos grandes centros de traballo, nas reunións do pobo nos barrios obreiros populares, na organización e o contraataque ás consecuencias das leis antiobreras e antipopulares, contra os impostos e os recortes en salarios e pensións, a loita pola prestación de desemprego e o funcionamento de unidades de sanidade, de educación, de benestar para a protección da familia popular, deben multiplicarse.


O conflito co dominio económico dos monopolios e o seu poder político determínase en primeiro lugar alí onde se produce ou se apropia a plusvalía, onde se crean as ganancias capitalistas, é dicir, as empresas industriais capitalistas, os centros comerciais, os hospitais privados, os bancos, a empresa de gran concentración de traballadores asalariados, independentemente da especialización do traballo. Nestes centros xúlgase a loita non en asuntos parciais senón contra a política antipopular no seu conxunto. O único criterio para confiar en calquera forma de organización sindical ou política é o seu posicionamento ante a necesidade mencionada, a organización e o éxito da folga en cada centro de traballo. Non basta con facer declaracións sen que veñan acompañadas das respectivas actividades corrspondentes á organización e protección das mobilizacións de folga.


Nestes centros de traballo débese forxar a loita de clases unificada tendo como criterio a loita de vangarda contra os capitalistas, o goberno e o sindicalismo pro-patronal, os partidos e o poder dos monopolios. É alí onde se determinará a continuación, a perspectiva do debilitamento da política antipopular ata o seu derrocamento radical.


É obvio que os acontecementos que experimentamos, a crise capitalista e a agresividade imperialista impón o fortalecemento da loita do Movemento Comunista Internacional polos intereses da clase obreira, dos sectores populares, polo derrocamento da barbarie capitalista, intensificando os esforzos para unha estratexia revolucionaria unificada. É nesta dirección que o KKE desprega as súas forzas.