Posición do KKE a respecto da posición de Sam Webb, presidente do CPUSA, e da evolución deste partido

[Tradución de Forxa!]

 POSICIÓN DO KKE A RESPECTO DA PLATAFORMA DE WEBB E DA EVOLUCIÓN DO CPUSA


 Atenas, 13 de abril de 2011


Sam Webb, presidente do CPUSA
Aos militantes e cadros do Partido Comunista dos Estados Unidos de América (CPUSA);

Aos traballadores que loitan nos EUA;

Aos partidos comunistas e obreiros.

Queridos camaradas:

En febreiro de 2011, o presidente do CPUSA, Sam Webb, publicou un artigo en Political Affairs, a publicación electrónica do CPUSA, titulada "Un Partido do Socialismo no século XXI: a que se parece, que di, que fai". Aínda que o artigo concreto é acompañado por unha nota editorial que afirma que «O seguinte artigo representa só as opinións do seu autor. Non reflicte necesariamente a posición oficial de ningunha organización ou colectivo», é obvio para nós que a posición pública do máximo dirixente dun Partido Comunista sobre un tema tan importante require unha atención especial.

O 16 de febreiro recibimos unha carta do equipo editorial do Political Affairs en que se nos convidou a enviar a nosa opinión.

O noso partido, após estudar este artigo e as reaccións que provocou nas fileiras comunistas tanto dos EUA como do mundo, considera necesario adoptar unha posición pública a través desta carta, como o require a súa responsabilidade como parte do movemento comunista internacional.

A nosa avaliación é que estamos a tratar cunha plataforma liquidacionista global de 29 teses que se sitúa fronte ao movemento comunista internacional propoñendo a total revisión das principios e tradicións revolucionarias do movemento comunista.

O KKE, como unha sección do movemento comunista internacional, considera un deber refutar esta plataforma, a cal cuestiona a necesidade da existencia dun partido da clase obreira nos EUA, e en xeral diríxese contra o movemento internacional revolucionario e antiimperialista. O 18º Congreso do noso partido subliñou que «A batalla contra as tendencias socialdemócratas nos Partidos Comunista – actuantes a través de mecanismo imperialistas, medios de comunicación burgueses e anticomunistas – debe ser firme e consistente para defender o papel histórico da clase obreira e a súa vangarda organizada, os principios do Marxismo-Leninismo e o socialismo. Esta tarefa adquire unha importancia aínda maior fronte a crecente ofensiva anticomunista na UE e no mundo».

Queridos camaradas:

A plataforma que foi presentada hoxe, a través do artigo do presidente do CPUSA, constitúe a culminación dun proceso de "axuste" na última década, como o propio autor sinala. Xa houbo movementos neste período intermedio que os comunistas de Grecia, así como os dos EUA e outros países, analizaron con preocupación, como:

-        A entrega dos arquivos do Partido aos imperialistas, ao Estado burgués dos EUA, en 2007.
-        A fin da publicación impresa do periódico (People's Weekly World) e do xornal Political Affairs, coa simultánea modificación do seu carácter.
-        A redución e desmembramento do Partido.
-        A política "seguidista", detrás dun dos dous piares do sistema político burgués dos EUA, quere dicir, detrás do Partido Demócrata.
-        A posición a respecto das ambicións do imperialismo estadounidense (por exemplo, o rexeitamento á demanda da inmediata retirada das forzas de ocupación de Iraq).
-        O bloqueo da Declaración Conxunta da Reunión Urxente dos Partidos Comunistas e Obreiros en Damasco, porque no texto final aparecía a posición da retirada das forzas imperialistas de ocupación de Iraq.

Esta tendencia intensificouse após o 29º Congreso do CPUSA. Non foi casualidade que inmediatamente despois do congreso, apareceu publicado un artigo en Political Affairs que puña en dúbida non só a necesidade de manter o nome do partido, senón a posibilidade e inclusive a necesidade da existencia do Partido Comunista nos actuais EUA.

A Plataforma de Webb preséntase hoxe como a culminación deste procese e avoga abertamente polo abandono da visión Marxista-Leninista do mundo, a abolición do centralismo democrático e a debilitación dos principios do partido de novo tipo.

Gustaríanos chamar a vosa atención sobre os seguintes aspectos básicos desta Plataforma:


SOBRE A CUESTIÓN DA TEORÍA DO PARTIDO

Proponse a substitución da nosa teoría por unha mestura ecléctica que non vai alén dos límites da ideoloxía liberal burguesa. Atácase o Marxismo-Leninismo directamente, que constitúe unha das leis centrais da existencia e actividade do partido de novo tipo, como V.I. Lenin sinalou: «Sen teoría revolucionaria non pode haber movemento revolucionario (...) o papel de vangarda combatente só pode cumprilo un partido que se guíe pola teoría máis avanzada.» Nesta Plataforma preséntanse como novas varias posicións oportunistas xa moi vellas (por exemplo, o Marxismo-Leninismo é estranxeiro, antidemocrático, é unha distorsión que Stalin fixo do Marxismo, etc.), son estas as posicións que desarman o movemento obreiro e o renden, xa sen ferramentas teóricas, diante das gadoupas do sistema explotador.


SOBRE A CUESTIÓN DA PROPOSTA POLÍTICA DO PARTIDO COMUNISTA

Promove a opinión de que pode haber solucións a prol da clase obreira dentro do marco do capitalismo. Así, promove como unha solución alternativa a liña da chamada reestruturación capitalista “verde”. Ademais, a Plataforma de Webb caracteriza a crise como unha crise capitalista de sobreprodución insuficiente. Terxiversa a esencia da sobreacumulación de capital, xa que a asocia coa... falta de oportunidades de investimento. Afirma categoricamente: «A falta dun Novo Acordo Verde [New Green Deal] a nivel global, é difícil ver por onde vai chegar o dinamismo dunha recuperación sostida, por non falar dun gran auxe.»

Estes puntos de vista reciclan teorías oportunistas e socialdemócratas sobre a recesión e o desenvolvemento económicos, coa que o capitalismo agocha a súa esencia de clase, provocando que o Partido Comunista renuncia o seu obxectivo estratéxico e apoie propostas políticas que teñen como obxectivo a adquisición de novos super-beneficios polos capitalistas, no nome da “ecoloxía”, ao tempo que converten a natureza e os recursos naturais en mercadorías, destruíndo o planeta de varias formas.


SOBRE A CUESTIÓN DA PERSPECTIVA SOCIALISTA

Renuncia a loita polo socialismo. O concepto de revolución está totalmente ausente. Propón un interminábel proceso de etapas sucesivas, en que as alianzas non se formaran en base aos intereses da clase obreira. Webb propón traballar para “cambiar o balance das forzas nunha dirección progresista”. Este punto de vista condena o partido a se someter ás circunstancias temporais e a non traballar nunha estratexia de derrocamento do capitalismo a través da concentración de forzas.

No entanto, é obvio para nós que a táctica dos Partidos Comunistas debe estar ao servizo da súa estratexia, que é o derrocamento do capitalismo e a construción da sociedade socialista-comunista. A posición de Webb, na práctica, elimina o obxectivo estratéxico do Partido Comunista, e finalmente aspirar a mudar o verdadeiro carácter do Partido Comunista. O Socialismo está en calquera caso na orde do dia, desde o momento que vivimos na época do imperialismo, a fase superior e última do capitalismo. A oportunidade e necesidade do socialismo-comunismo faise visíbel polo punto morto do capitalismo, as guerras imperialistas, as crises económicas, os tremendos problemas sociais, económicos, ambientais, ecolóxicos e outros que a sociedade capitalista xera. Un Partido Comunista deber ter tácticas e formar alianzas que faciliten a concentracións de forzas, a unidade da clase obreira e a alianza social cos sectores populares, co obxectivo da maduración do factor subxectivo para a toma do poder pola clase obreira, e non ser atrapado en alianzas e etapas que o levarán a batallar en loitas baixo “bandeira estranxeira” na lóxica da xestión capitalista.


SOBRE A CUESTIÓN DA FORMACIÓN DO PARTIDO COMUNISTA

A Plataforma de Webb propón ir alén dos Partidos Comunistas. Di que «un partido do socialismo no século XXI abraza o Marxismo, entendido como unha ampla tradición que vai máis alá do movemento comunista». Un partido que non loita polos intereses da clase obreira, senón que «loita polos intereses do conxunto da nación».

Esta postura nega a necesidade da existencia do Partido Comunista nos EUA e, de feito, no mundo enteiro. O KKE terzou con éxito con puntos de vista semellantes, cando estes xurdiron no noso partido hai 20 anos baixo a influencia das teorías de Gorbachev. Os comunistas gregos loitamos rexamente para repelermos estas posicións oportunistas, para preservarmos o KKE, para mantermos e fortalecermos o carácter de clase, internacionalista e revolucionario do noso partido. Hoxe, 20 anos despois, os comunistas, non só en Grecia senón en todo mundo, podemos xulgar como positivos os resultados desta batalla librada polo KKE. O KKE foi quen de se manter en pé, desenvolvendo importantes temas teóricos e políticos sen se desviar dos principios do Marxismo-Leninismo. Aprobou o seu novo programa e chegou a importantes conclusións a respecto das causas da queda do socialismo, a enriquecer a súa concepción do socialismo. Tomou importantes iniciativas para a unidade do movemento comunista a nivel rexional e internacional. Reforzou os seus vínculos coa clase obreira e os sectores populares. Medrou a influencia das súas posicións e o seu prestixio, xa que xoga o papel principal no reagrupamento e desenvolvemento do movemento sindical de clase e nas poderosas folgas dos traballadores no noso país.

Nada do anterior podería ser logrado se o oportunismo gañase hai 20 anos no KKE. O KKE tería esvarado polo camiño da súa disolución e o movemento obreiro e popular tería perdido o seu principal piar de apoio.


SOBRE A LOITA IDEOLÓXICA

A Plataforma de Webb renuncia á loita contra a ideoloxía burguesa e o oportunismo. O partido que describe Webb abandona a loita ideolóxica. El escribe: «Un partido do socialismo no século XXI non converte en inimigos aos liberais, partidarios de políticas identitarias, movementos centrados nunha única causa, líderes progresistas e centristas das principais organizacións sociais, socialdemócratas, comunidades sen ánimo de lucro, ONG, aliados pouco constantes e o “pobo” (segundo algúns, unha categoría desclasada que abrangue opresión de clase, de raza e de xénero).»

Mais, pode un Partido Comunista guiar a clase obreira, os sectores populares, se non ten unha fronte ideolóxica contra as posicións que presentan o capitalismo como o único camiño, que simplemente promoven tipos diferentes de xestións do sistema explotador? A resposta do KKE a isto é que é imposíbel a loita dos pobos de non desenvolveren unha fronte ideolóxica firme e coherente, que loite contra as teorías acientíficas burguesas e oportunistas. Isto é especialmente certo nas condicións actuais, cando o papel das distintas ONG se fixo evidente, as cales está conectadas financeiramente e doutros modos coas organizacións imperialistas. Nunhas condicións en que a socialdemocracia no goberno demostrou na práctica que é un piar de apoio do sistema político burgués. Nestas condicións, os comunistas non só non deben renunciar ao traballo ideolóxico e á loita, senón que deben intensificar aínda máis a loita contra estas forzas.    


ORGANIZACIÓN OPORTUNISTA

Webb rexeita a organización leninista, a organización da vangarda da clase obreira que corresponde ás necesidades da loita de clase para a abolición da explotación. Rexeita a organización leninista porque el rexeita a loita polo socialismo e tomou partido pola clase burguesa na perpetuación do capitalismo.

E así, a máquina estatal, moi poderosa e experimentada, será enfrontada por un “partido”, segundo el, baseado na Internet, cunha política de portas abertas para novos membros cun principio organizativo: «Militar non dese ser máis difícil que militar noutras organizacións sociais».

Por tanto, podemos ver que non só  rexeita os principios organizativos probados e estudados do Partido Comunista de novo tipo, que foron formulados na época de Lenin, senón que promove unha idea de partido tipo ONG, que se corresponde coas fórmulas que el mesmo propón e que conducen a un “Partido Comunista” asimilado no sistema burgués, que traballa para a “corrección” e salvación do capitalismo e non polo seu derrocamento.


O PARTIDO DA REVOLUCIÓN OU DA REFORMA?

Reforma é a resposta dada por Webb a esta pregunta fundamental, que se formulou hai cen anos. A súa visión nega que o partido sexa a vangarda da clase obreira e subordina a súa actividade ao nivel máis baixo de consciencia de clase («Un partido do socialismo no século XXI toma como punto de partida os problemas que as masas (termo relativo) están listas para confrontar»). Por suposto, propón unha liña revisionista e prima a intervención nas institucións do estado burgués. A loita polas reformas dentro do imperialismo é recoñecida non só como un “medio”, senón como un fin para o “novo” partido.

Na realidade, cando o camiño das reformas do sistema capitalista conduciu á abolición da explotación do home polo home e a reivindicación dos desexos dos traballadores? A “receita” reformista foi probada polos pobos a través de distintos gobernos socialdemócratas e centro-esquerdistas, que demostraron na práctica ser os principais vehículos para a imposición de medidas contrarias aos traballadores e ao pobo, e ser piares de apoio das organizacións imperialistas e da guerra.


“MARXISMO”... SEN MARX

Webb pon en dúbida a natureza de clase da democracia burguesa. Como el escribe: «O que estou desafiando é a noción de que todo está subordinado á clase e a loita de clases, sen importar as circunstancias.» Cuestiona a natureza de clase do estado burgués, é dicir, a ditadura dos monopolios estadounidenses e afirma que: «Xa que logo, a natureza da loita non é simplemente o pobo contra o Estado, senón que o pobo gaña posicións e influencia no Estado e despois os utiliza para facer cambios (dentro e fóra do Estado)».

Esta é unha vella postura oportunista que Marx xa rexeitou na súa época, e que foi revivida pola caduca corrente eurocomunista. E isto por si só sería dabondo para nós chegarmos á conclusión de que o “marxismo” que se menciona como a base teórica do “partido do século XXI”, non ten nada a ver con Marx e as súas contribucións teóricas, senón que busca a súa torpe terxiversación, o soterramento da teoría revolucionaria e a decepción dos traballadores. 


ILUSIÓNS A RESPECTO DO PAPEL DO GOBERNO ESTADOUNIDENSE E OS MONOPOLIOS

A Plataforma de Web fomenta ilusións e traballa pola submisión do pobo ao goberno dos EUA, é dicir, o poder imperialista que domina o mundo: «A cuestión non é que simplemente o goberno dos EUA se arrastre dentro da súa concha nacional, senón que debe participar nos asuntos mundiais baixo as premisas da cooperación, paz, igualdade e beneficio mutuo...»

Ao mesmo tempo, fomenta ilusións a respecto da versión “humanizada” dos monopolios: «grandes seccións da clase empresarial transnacionais pecharon a billa ao pobo americano, á economía, ao Estado... o compromiso das principais seccións das elites transnacionais co sector público, con unha forte economía nacional e cunha sociedade moderna desvaneceuse...»

Xa que o presidente do CPUSA renunciou a un enfoque de clase da sociedade, estas posicións antes mencionadas eran de agardar. Estas posicións non teñen nada a ver non só coa historia e a loita do partido que el representa, senón que tampouco gardan relación coa realidade. A continua ocupación de Iraq e Afganistán, a nova guerra imperialista na Libia, demostran que clase de política desenvolveu o goberno dos EUA fóra da súa «concha nacional». E leva a cabo a mesma política antipopular na defensa dos intereses dos monopolios dentro do seu propio país. 


FORTALECEMENTO DA LIÑA “SEGUIDISTA” CO CAPITAL E O PARTIDO DEMÓCRATA

O fortalecemento da rección política, algo intrínseco ao imperialismo e que se intensifica nas condicións de crise, é interpretado como «extremismo da ultradereita». Isto conduce a conclusión que violan a verdade e a realidade, como que: «dicimos tamén definitivamente que as forzas independentes non teñen ningunha oportunidade en absoluto de tomaren o control do Partido Demócrata. Podería darse o caso, mais é un erro pensar niso neste momento». Identificar a clase obreira e o seu movemento coa burocracia sindical da AFL-CIO é coherente coa liña política de alianza con sectores do capital.


VOLTA AO ANTICOMUNISMO

O artigo de Webb caracterízase por poñerse do lado do inimigo de clase e aliñarse completamente co anticomunismo contemporáneo. Fai un chamamento para «unha ruptura inequívoca con Stalin» e alíñase coa vergoñenta aldraxe á construción socialista, que tanto ofreceu aos pobos soviéticos e xogou un papel decisivo na vitoria antifascista dos pobos. En esencia, estas posicións tentan agochar a realidade, os complexos problemas da loita de clases na URSS e a dura confrontación do poder da clase obreira coa clase burguesa rural, os kulaks.

Adopta, na esencia, todo tipo de calumniosas simplificacións de problemas complexos, como a intensificación da loita de clases na URSS. Este artigo dá un paso máis e únese aos Havel, Walesa e todos os reaccionarios anticomunistas da UE que fala de «crimes contra a humanidade». Alíñase coa tendencia que tenta criminalizar os Partidos Comunistas e a defensa do socialismo: «describir estas atrocidades como un erro é un erro criminal».

Como é ben sabido, os actuais oportunistas en Europa que forman o chamado Partido da Esquerda Europea (PEE) defende unha semellante posición antihistórica.



Queridos camaradas do CPUSA;

Militantes, simpatizantes e cadros do CPUSA;

Traballadores concienciados dos EUA;

Neste crítico momento para o voso partido, o KKE pídevos que teñades en conta que o ataque ideolóxico contra o Partido de Novo Tipo centrado na súa identidade, o seu carácter e os seus principios organizativos, comezou desde o primeiro momento da súa existencia. Os revisionistas sempre apoiaron a disolución do partido da clase obreira; sempre foron un piar de apoio da burguesía. A clase burguesa e os seus partidarios comprenderon desde un primeiro momento o papel do partido na emancipación política da clase obreira e o seu movemento. Ese ataque ideolóxico continúa nos nosos días, como o demostra o artigo de Webb.

Facémosvos un chamamento para que teñades en conta que o partido só pode cumprir o papel de vangarda proletaria de estar equipado coa unidade de vontade, coa unidade de acción, e coa unidade dunha estrita disciplina. O seu carácter internacionalista deriva da súa natureza; constitúe unha parte integrante do movemento comunista internacional.

A experiencia e a práctica, a verdadeira vara de medir, confirman que a liña revolucionaria de loita non só non restrinxe o traballo entre as masas senón que o reforza. Reforza as expectativas da clase obreira, proporciona unha saída e perspectiva, contribúe a cambiar a correlación de forzas. A acción independente do partido é un requisito para a formación dunha política de alianzas non subordinada e que serva a estratexia para o derrocamento do capitalismo.

Ademais, consideramos necesario ter en conta que a necesidade dunha revolución socialista e a construción dunha nova formación socioeconómica comunista non está determinada pola correlación de forzas, que se vai conformando nas distintas conxunturas históricas, senón na necesidade histórica de resolver a contradición básica entre capital e traballo. As contrarrevolucións na URSS e nos outros países socialistas non alteraron o carácter da nosa época, a cal é unha época de transición do capitalismo ao socialismo, transición oportuna e necesaria como o demostra a traxedia dos millóns de traballadores de desempregados que sofren a explotación e a intensificación dos problemas causados polo sistema explotador.

Coidamos que a substitución dos principios do Marxismo-Leninismo por un enfoque revisionista no nome das particularidades nacionais causou un gran dano ao movemento comunista e continúa a facelo. Ningunha peculiaridade nacional pode negar a necesidade do derrocamento revolucionario do capitalismo, a necesidade do poder político pola clase obreira, pola socialización e planificación centralizada da produción. A crise económica que estoupou no mundo capitalista e a intensificación das contradicións interimperialistas subliñan aínda máis a oportunidade do socialismo. Baixo estas condicións, facer retroceder a nova onda de anticomunismo, a defensa do socialismo que coñecemos, da súa grande contribución á clase obreira mundial, e a defensa da identidade e das tradicións revolucionarias do movemento  comunista adquire unha importancia especial. 

Queridos camaradas:

A experiencia histórica, os propios acontecementos refutaron as opinións que falaban da «fin da historia», da «obsolescencia do Marxismo-Leninismo» e a «fin dos Partidos Comunistas». Ás avesas, hoxe existe unha forte necesidade da existencia de Partidos Comunistas que teñan as súas raíces na clase obreira e nos centros de traballo, que crean no Marxismo-Leninismo e no internacionalismo proletario. O movemento obreiro debe traballar de forma consciente e aceptar o reto de garantir a existencia dun partido revolucionario da clase obreira. Esta é unha obriga e un reto para a clase obreira máis avanzada e para os comunistas de todos os países do mundo e, por suposto, sobre todo nos EUA.

A confrontación e o rexeitamento consecuentes con esta plataforma liquidacionista-oportunista é unha esixencia que nace das tradicións históricas do movemento obreiro e comunista nos EUA, é unha condición para o renacemento dos ideais comunistas revolucionarios no movemento obreiro e na sociedade dos EUA.


Sección de Relacións Internacionais do Comité Central do KKE