Solidariedade co Pobo Sahariano


Un novo crime contra o Pobo Sahariano está a ser cometido polo reino de Marrocos e a súa monarquía corrupta e criminal, que opta outra vez polo uso da brutal violencia contra da poboación civil do Sáhara Occidental.

O número de vítimas medra, os desaparecidos cóntanse por centos, o exército marroquí está a cometer innumerábeis atrocidades coa poboación: detención arbitrarias, violacións, malleiras, torturas... El Aaiún vive nestes días mergullado nun clima de terror. O exército rexistra casa por casa mentres se dedica ao saqueo. Vemos con sumo pesar como, máis unha vez, o reino de Marrocos leva a cabo con total impunidade a represión sobre o Pobo Sahariano, ante o beneplácito e silencio colaborador dunha comunidade internacional que permite a ocupación.

Desde Galiza, os comunistas, os marxista-leninistas, saúdamos o valente Pobo Sahariano, aos traballadores das minas de fosfatos de El Aaiún, aos compañeiros do UGTSARIO e a toda a poboación. Unha poboación que resiste e prepara a súa loita contra a agresión criminal das forzas ocupantes: exército, policía e colonos armados.

Denunciamos a actitude hipócrita do goberno do Estado español, centrado en defender os intereses económicos da oligarquía en Marrocos e esiximos a total condena da ocupación marroquí do Sáhara Occidental, a ruptura das relacións diplomáticas co reino Alaoui e a expulsión do seu embaixador, o recoñecemento da independencia do Sáhara Occidental e a activa solidariedade co Pobo Sahariano.

Forxa!
A 13 de novembro de 2010