Aleka Papariga (KKE): Para nós o poder popular non é outro que o socialismo

Carlos A. Lozano Guillén
Semanario Voz
Nº 2543, Xuño 2010


En exclusiva para VOZ, a principal dirixente do KKE (polas súas siglas en grego), influínte partido que encabezou as mobilizacións populares en Grecia, con xentileza respondeu as preguntas que lle fixemos chegar vía mail.

Aleka Papariga é a Secretaria Xeral do Partido Comunista de Grecia (KKE) desde a década dos anos noventa, despois de destacar como dirixente estudantil. É unha aguerrida parlamentar, cuxo protagonismo é extraordinario na actual conxuntura, pois a súa voz resoa no Parlamento para se opoñer ás solucións burguesas e sen ningún temor chamar as masas populares a se rebelaren e resistiren contra a ofensiva capitalista. A entrevista é un documento de singular valor, esclarece o fondo da situación da crise no vello continente e as causas da mesma.


A Aleka, miúda e de pequena estatura, sóbralle a coraxe. Di que para os comunistas gregos a única opción é a saída popular, que non pode ser outra que o socialismo.
Non hai saídas intermedias, tampouco reformistas, nun mundo, após o derrubo soviético, en que sectores da pseudoesquerda senten pánico da loita pola transformación revolucionaria da sociedade. A análise desta muller, que enche de orgullo ás mulleres e aos comunistas, homes e mulleres de todas as latitudes, é medular, interpreta o máis alto da marea da loita de clases e a súa acción golpea no cerne das cousas, é un exemplo para o seu país e para o mundo.


CRISE PERIÓDICA CAPITALISTA

- Cales son as causas da situación actual en Grecia?

- A causa da profunda crise na que se encontra Grecia é a mesma de todos os países capitalistas desenvolvidos. Trátase dunha clásica crise periódica da economía capitalista. De feito, é unha crise xeneralizada e profunda. Independentemente da forma en que se manifesta dun país a outro, é o resultado da sobreacumulación de ganancias e capitais que se dificultan sen atopar novas saídas, sen obstáculos, de rendibilidade continua e é imposíbel superar de non existir unha depreciación do capital.

Isto é o que os gobernos, os organismos internacionais imperialistas e os varios analistas tentan agochar aos pobos utilizando todos os medios.

En Grecia preséntase como un problema de grande endebedamento público e de grande déficit estatal. Cómpre mencionarmos que no noso país, os últimos 15-20 anos, se deron altas taxas de crecemento cun medre escandaloso das ganancias de todos os sectores da plutocracia. Este “milagre” grego foi levado a cabo polos gobernos socialdemócratas e liberais, tendo como guía unha estratexia común que foi apoiada pola Unión Europea (UE): medidas contra os traballadores, reformas reaccionarias en todos os sectores, reformas laborais, na seguridade social, privatización, comercialización da saúde e da educación, financiamento estatal e provocadoras medidas de exención de impostos para o capital. O obxectivo foi o fortalecemento dos monopolios, tanto gregos como europeos, nas súas actividades dentro e fóra da UE.

Ao pobo grego dixéronlle que esta é a vía, que esta estratexia segura o desenvolvemento continuado e que o resultado final beneficiará tamén o pobo. Os feitos xustificaron o KKE, que desde o principio advertiu que ese camiño só traería problemas ao pobo e crise.


O POBO A PAGAR A CRISE

Agora a clase burguesa e os seus partidos políticos cooperan para que o pobo pague a crise e os impasses do capitalismo. Queren descargar nas costas dos traballadores e dos sectores pobres do pobo, os novos préstamos públicos co gallo de financiaren a concentración de capitais que se asfixian e corren perigo de desapareceren. Asemade, utilizan a crise para aplicaren medidas reaccionarias que querían aproveitar desde había varios anos para abaratar a forza produtiva e desprezar da produción grandes sectores de empregados autónomos e pequenos empresarios.

A crise capitalista non é a enfermidade senón un síntoma da incurábel enfermidade do capitalismo, onde o desenvolvemento continúa a ser anárquico e desigual en todos os sectores da economía e na fase onde prevalecen os monopolios. As medidas antipopulares que toman todos os gobernos na fase de desenvolvemento como a propia crise, confirman unha demostración evidente de que o capitalismo quedou obsoleto. Todas as súas contradicións intensificáronse ao máximo e sobre todo a contradición fundamental entre o capital e o traballo.

- Como tenta resolver a crise o goberno socialdemócrata?

- Antes das eleccións, no pasado outubro, advertíramos o pobo grego, do xeito máis explícito, sobre as duras medidas que virían despois das eleccións. Inclusive, indicáramos a razón pola cal a plutocracia e os mecanismo do sistema elixiran e apoiaban o estabelecemento dun goberno socialdemócrata. Considerabamos que era máis capaz que o goberno conservador para impoñer as duras medidas antilaborais xa que controlaba o liderado do movemento sindical dos traballadores, dos pequenos comerciantes e os autónomos. Cómpre sinalarmos que, tanto no período preelectoral como agora, presenta a crise, o medre do déficit e da débeda pública, como resultado dunha mala xestión, da falta de transparencia e de corrupción dos anteriores gobernos.

O goberno do PASOK (socialdemocracia) tentou, e segue a facelo, desorientar e someter o pobo utilizando trucos e dilemas para o intimidar. Malia que o seu programa contén as medidas antilaborais que implanta actualmente, que inclusive foran votadas e apoiadas pola UE, nun principio semellaba non queren implantalas e que se viu obrigado a facelo polo curso dos acontecementos, polas presións da UE e do FMI. Os dous organismos apoian e axudan o Goberno propoñendo as mesmas bárbaras medidas contra os traballadores.

Para lanzar unha guerra implacábel contra o pobo utilizaron o dilema: ou grandes sacrificios ou bancarrota. Así, tenta presentar estas medidas que son necesarias para o capital, como necesarias tamén para o pobo. Presenta as contradicións intensificadas do capital e dos gobernos, dentro e fóra da UE, como unha guerra de especuladores a costa do país. Tamén tentou, e segue a facelo, presentar e utilizar o apoio que ten de todos os sectores da plutocracia e dos medios de comunicación, como apoio de parte do pobo.


ABRINDO PASO Á PROTESTA POPULAR

- Cal é a reacción ou a resposta do traballadores?

- Lamentabelmente, a maioría da clase traballadora e dos sectores populares pobres non tiveron en conta, coa seriedade requirida, as advertencias do KKE. Inmediatamente despois das eleccións, como KKE e como PAME (Fronte Militante de Todos os Traballadores) tomamos iniciativas para desvelarmos e organizamos a tempo a loita contra a ofensiva antiobreira que estaba por chegar. A primeira folga que convocou a PAME, o 17 de decembro, estaba en contra tanto do goberno, dos grandes industriais e dos partidos burgueses, así como dos líderes sindicais que expresan os intereses da aristocracia obreira, e todos tiveron unha reacción rabiosa. No entanto, o éxito da folga e da loita constituíron o inicio para que se despregara o contraataque do movemento de clase organizado, a intervención política do partido para que se dera un golpe decisivo ao fatalismo, á submisión, e abriu o camiño para a creación e expresión da disposición militante dos traballadores e das clases populares.

Hoxe, podemos dicir con seguridade, que a propaganda, os dilemas do Goberno e dos seus aliados, non deron resultado. A maioría do pobo condenou as medidas e unha grande parte dos traballadores e dos sectores populares, a superar as variadas formas de intimidación, participou nas folgas e nas mobilizacións principalmente da PAME e nas manifestacións do KKE.


A INCONFORMIDADE POPULAR

Neste período, constatamos que unha parte significativa dos traballadores e do pobo sente resentimento e descontento e que se desenvolven procesos significativas na súa consciencia. O Goberno e o conxunto de mecanismos do sistema utilizan todas as armas que teñen para obstaculizar a súa radicalización. O que lles preocupa realmente e queren anular de calquera maneira é a emancipación das consciencias populares do camiño de sentido único do capitalismo. Queren impedir a participación activa no movemento de clase organizado, a adopción das posicións e da proposta política do KKE. Para o lograren, utilizan o flagrante anticomunismo, a calumnia, as mentiras, as ameazas. Utilizan inclusive provocacións, organizadas con mortos, tentando identificar a mobilización dos traballadores coa “violencia cega” dos servizos secretos. Non dubida nin sequera en nos acusaren de instigadores morais por  mor da nosa posición de desobediencia popular ante as medidas antipopulares, esixindo submisión e renuncia das formas de loita que o movemento elixe. Formúlannos, cada vez máis abertamente, o dilema: “respecta ou non respecta a Constitución?”, esixindo que deixemos de loitar polo socialismo. Que saiban que a nosa resposta é unha; están a petar na porta equivocada. O sistema non pode subxugar o KKE. Para nós, a lei é a razón do pobo e non precisamos ningún permiso para loitarmos xunto co pobo contra a política antipopular, polo derrocamento da plutocracia e polo socialismo.


A RESPOSTA DOS COMUNISTAS

- Que saída propón o KKE?

-  Fronte aos dilemas que formulan os nosos adversarios ao pobo en relación coa crise, a nosa resposta é que van caer en bancarrota ou o pobo ou a plutocracia. Non existe solución intermedia. Non existe saída da crise a prol do pobo, sen que se toquen drasticamente as ganancias, a forza e, en consecuencia, o poder dos monopolios. Por iso, a única vía que aínda ten o pobo para obstaculizar as medidas duras é un contraataque de clase político, decisivo. A nosa proposta de saída á crise resúmese na consigna: “alianza popular, de traballadores, antimonopolista, para o poder popular”, que é necesaria para lograr cambios radicais en xeral no ámbito do poder, e primeiro a nivel da economía.

O camiño para satisfacer os dereitos populares contemporáneos, para que o noso país confronte as intervencións e os antagonismos dos organismos imperialistas internacionais é que o pobo estea no poder, tendo nas súas mans o control da economía e da produción. Por isto, a proposta de alianzas e poder par ao pobo ten os seguintes eixes básicos: Que todas as grandes fábricas e empresas de enerxía, de materia prima, os transportes, as telecomunicacións, as industrias, o comercio e os bancos, sexan propiedade social. Que se socialicen os monopolios, de maneira que coa planificación centralizada do poder popular se utilicen todas as capacidades produtivas do país, tendo como único criterio as necesidades do pobo. Ao seu carón funcionarán, incluídas na planificación nacional, as cooperativas de produción dos pobre e medianos campesiños, dos pequenos comerciantes. Que a terra deixe de ser unha mercadoría. Que non exista actividade empresarial nos sectores da educación, da sanidade e o benestar social.

A base do poder popular serán as unidades de produción do sector socializado e das cooperativas cuxos representantes serán revogados e, ao mesmo tempo, existirá o control obreiro popular de abaixo cara arriba.

Esa Grecia do poder popular e da economía popular non colle en ningún tipo de organismo imperialistas como son a UE, a OTAN, etc. Revisará a débeda pública e tentará lograr acordos internacionais, cooperacións nunha base completamente diferente e utilizará as contradicións imperialistas na medida que poida. Para nós, o poder popular non pode ser outro que o socialismo.


O FRACASO DE MAASTRICHT

- Esta situación, en relación coas especificidades en Portugal e España, demostra o fracaso da UE e do Tratado de Maastricht?

- O Tratado de Maastricht e a política dos monopolios europeos baseada nel e co fin de que sexan máis competitivos e rendíbeis que os seus antagonistas, trouxo resultados para o capital europeo. É evidente que isto só se podería facer a costa dos traballadores e dos pobos dos países da UE, así como dos países onde opera o capital europeo.

O fracaso da UE reside no feito de que a crise demostrou a bancarrota completa dos argumentos de todos os seus defensores, tanto liberais como socialdemócratas e “esquerdas”. A UE non está nin pode estar a favor dos pobos. É unha construción dos monopolios europeos e como tal é reaccionaria e perigosa para os pobos. No interior da UE non foi combatida a desigualdade entre os países; ás avesas, intensificouse. Non se converteu nin se converterá no contrapeso dos EUA, ou doutros centros imperialistas. Son aliados e atacan unidos aos pobos. Asemade, loitan ferozmente entre eles para gañaren no antagonismo, teren a maior parte dos mercados e ampliaren a súa influencia no mundo. O camiño a prol do pobo é só o socialismo e xulgarase primeiro a nivel nacional. En Europa, cada pobo que escolla esta vía de desenvolvemento e de organización da sociedade contra a explotación do capital e dos monopolios estará obrigatoriamente contra a UE.