Sobre os perigos do oportunismo.

“O oportunismo maniféstase, non o esquezamos, de xeitos diferentes, xurdindo ás veces con máscara socialista”.
Publicamos, traducidos a galego, dous artigos sobre a cuestión do “oportunismo”. O primeiro é de Miguel Urbano ("O oportunismo na senda do comunismo"), que fai referencia a artigos que conforman o número 4 da Revista Comunista Internacional. Un deses artigos ("Algúns trazos do oportunismo en América") é o redactado polos nosos camaradas Pável Blanco e Héctor Colío, do Partido Comunista de México, que tamén publicamos nesta mesma entrada.
 Dispoñemos de exemplares da RCI nº 4, que nos poden solicitar.


O OPORTUNISMO NA SENDA DO COMUNISMO
Por Miguel Urbano Rodrigues
O cuarto número da Revista Comunista Internacional -editada por órganos teóricos de once partidos revolucionarios- é unha valiosa contribución para a comprensión das ameazas e problemas que afectan hoxe a nivel mundial á loita dos partidos comunistas.
O tema central da maioría dos artigos desta edición é a análise do oportunismo e do seu significado político-ideolóxico. Nas últimas décadas o seu papel na socialdemocratización de partidos comunistas que abandonaron o marxismo-leninismo foi decisivo.
No ensaio de abertura da revista, Herwig Lerouge, do Partido do Traballo de Bélxica, destaca as nefastas consecuencias da acción do Partido da Esquerda Europea (PEE) na anestesia, máis exactamente na neutralización, da combatividade de amplos sectores da clase obreira en países da Unión Europea. O Partido Comunista Francés (PCF) e a Rifondazione Comunista Italiana (PRC) -creada trala transformación do PCI nun partido socialdemócrata- sustentan que é posíbel acadar o socialismo pola vía parlamentaria. Fausto Bertinotti, que foi presidente do PEE, retomou vellas teses de Edward Bernstein ao afirmar que «o movemento dos movementos» poderá ser o motor do camiño ao socialismo.
Die Linke, o Partido da Esquerda Alemá- que resultou da fusión do PDS da ex-RDA co WASG dos disidentes do SPD da Alemaña Occidental -adepto desta tese, fixo grandes promesas aos traballadores, pero, tras algúns éxitos iniciais, non as cumpriu e entrou nun rápido declive. Na década en que foi cogoberno da cidade de Berlín co SPD converteuse en cómplice na privatización de máis de 100.000 apartamentos sociais, pechou garderías, recortou indemnizacións, privatizou transportes públicos.
Os feitos demostran que a participación de partidos comunistas (ou ex-comunistas) en gobernos «socialistas» non frea as privatizacións. O goberno da gauche plurielle, en Francia privatizou, ademais co apoio do PCF, máis empresas que as privatizadas durante os gobernos de Baladur e Juppé, ambos primeiros-ministros da dereita.
Actualmente, o «socialista» François Hollande non dubida en asumir, máis abertamente que o propio Obama, a defensa de agresións militares imperialistas. No ataque a Libia e no caso de Siria, por exemplo.
En Grecia, Syriza -amalgama de ex-trotskistas, de ex-maoístas e de tránsfugas do KKE- abandonou todas as referencias ao marxismo e abstense de responsabilizar ao capitalismo pola actual crise mundial, que define como consecuencia de erros do neoliberalismo. No seu ambiguo programa promete revogar as medidas máis duras impostas pola troika, pero as súas propostas se insiren nun proxecto de compromisos coa burguesía e o imperialismo. Nada que acade aos banqueiros e á estrutura represiva das forzas armadas. Non se opón tampouco á permanencia de Grecia na OTAN.
Na súa lúcida intervención no XV Encontro de Partidos Comunistas e Obreiros en Lisboa, Giorgos Marinos, do KKE, retirou a máscara ao partido de Alexis Tsipras.
«A verdade -afirmou– é que Syriza como formación oportunista que se desenvolveu nun dos alicerces da socialdemocracia é apoiado por sectores da clase burguesa, é unha defensora do capitalismo e da Unión Europea. É un partido que eloxiou a liña política de Obama como progresista e promoveu o mito de que un novo vento sopraba en Europa para os traballadores coa elección de Hollande».
Xulgo útil lembrar que o Bloco de Esquerda (BE) é en Portugal (co Partido Socialista) un defensor entusiasta da estratexia de Syriza. Francisco Louçã, o seu ex-coordinador, inclusive participou en Atenas nun mitin do partido de Alexis Tsipras. Tal como o seu aliado, o BE, nacido da fusión da UDP, maoísta, co PSR, trotskista, tamén se abstén hoxe de referencias ao marxismo.
A metamorfose do partido comunista de España.
Importante é tamén o artigo na Revista Comunista de Raúl Martinez e Astor García, dirixentes do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
Lembran que o Partido da Esquerda Europea (PEE) foi concibido para funcionar como «polo oportunista de dimensión continental e forza para a colaboración de clases no ámbito da Unión Europea».
Cumpriu ben ese papel. En l976, en Berlín Occidental, os Partidos Comunistas de España, Francia e Italia adheríronse a unha plataforma eurocomunista «na cal –subliñan- tiña un papel determinante o apoio ao proceso de formación dunha unión interimperialista europea».
E no seu IX Congreso, en l978, o PCE decidiu romper co marxismo-leninismo e adoptar o eurocomunismo como a súa ideoloxía.
En l988, no XII Congreso, Xulio Anguita, naquel momento secretario xeral, definiu con transparencia o rumbo do PCE: «É, xa que logo, necesaria unha transformación da Comunidade Europea. Para realizala apostamos na construción de amplas alianzas, a partir do movemento obreiro e outras forzas sociais de progreso, sustentadas no terreo político pola converxencia de partidos comunistas, socialistas, socialdemócratas, laboristas e verdes».
É transparente a apoloxía dunha estratexia incompatíbel co marxismo.
Hoxe, nun contexto histórico diferente, cabe ao Partido da Esquerda Europea, herdeiro do revisionismo, ser o executor desa estratexia que privilexia a función dos parlamentos, e renuncia á loita de clases.
Na práctica, as «amplas frontes de esquerda» preconizadas polo PEE conducen a alianzas coa burguesía que subordinan os partidos comunistas e convértenos en instrumentos dunha política reformista que nega a súa función revolucionaria.
A Unión Europea ideada polo PEE sería –cito novamente a Raúl Martínez e Astor García- “a negación de todo o que se relaciona coa construción do socialismo, rexeitando de plano as tradicións revolucionarias, en oposición aberta ao socialismo científico, a loita de clases e a revolución socialista».
Robert Hue, ex-secretario do PCF, descendeu á baixeza de afirmar que todo na Unión Soviética foi negativo.
A obra devastadora do oportunismo nos partidos comunistas de América.
Baixo o título «Algúns trazos do oportunismo en América», Pável Blanco Cabrera, primeiro secretario do Partido Comunista de México, e Héctor Colío Galindo, tamén dirixente do PCM, presentan, no último número da Revista Comunista Internacional, unha reflexión integral sobre as consecuencias devastadoras da acción do oportunismo, do reformismo e do revisionismo nos partidos comunistas de América.
Afirmando que a ausencia dunha fronte ideolóxica contra o oportunismo configura unha ameaza para os partidos comunistas, evocan a destrutora herdanza do browderismo en América Latina.
As teses de Earl Browder, un precursor do eurocomunismo, contribuíron nos anos 40 do século pasado á neutralización de moitos partidos comunistas de América Latina.
Ademais deixaron sementes. Hoxe, Sam Web, presidente do PC dos Estados Unidos, defende a súa transformación nunha organización inofensiva, case unha forza auxiliar do Partido Demócrata, unha especie de «club ideolóxico».
A denominada latinoamericanización do marxismo -cito a Pável e Héctor- «ten moito en común con operacións corrosivas como as de Santiago Carrillo, os eurocomunistas, e o marxismo occidental».
Académicos aventureiros e oportunistas como o alemán-mexicano H. Dieterich e o irlandês-mexicano John Holloway teñen sementado a confusión; invocan o marxismo, pero realmente o combaten.
En universidades prestixiosas de América Latina converteuse case nunha moda facer apoloxía do chamado «socialismo do século XXI» para atacar o marxismo-leninismo definido como unha «ideoloxía estatal soviética» que cualifican de obsoleta. Subestimar os efectos desas campañas é un erro. Establecen confusión en medios progresistas. Sobre todo en Venezuela; pero ata en Cuba provoca estragos.
As políticas que subordinan a loita polo socialismo -encarándoa como tarefa posterior e remota -como fixeran Bernstein e Kautsky- atribúen na práctica prioridade ás reformas no marco institucional, admitindo que se pode chegar ao goberno pola vía electoral. Son políticas entreguistas. Marinos non esaxera ao afirmar que esa actitude «degrada o propio obxectivo estratéxico, o obxectivo que determina as tácticas, a postura dos partidos comunistas como un todo, o seu traballo no movemento obreiro e popular, a súa política de alianzas».
O oportunismo maniféstase, non esquezamos, de xeitos diferentes, xurdindo ás veces con máscara socialista.
Conscientes desa realidade, Pável Branco Cabrera e Héctor Colío, na súa demoledora crítica ao oportunismo e ao revisionismo, alertan sobre a confusión que provoca o concepto do chamado «socialismo de mercado chinés».
A tese foi formulada por Deng Xiao Ping, pero, moito antes, Mao Tse Tung, nun marco diferente, defendeu a viabilidade de alianzas de partidos comunistas cun sector da burguesía nacional supostamente patriótico cuxos intereses non coinciden cos do imperialismo. O resultado desas alianzas foi desastroso, pero a tese continúa sendo unha fonte de ilusións. Algúns pobos pagaron xa un alto prezo por ese tipo de alianzas.
Identifícome con Pável Branco e Héctor Colío cando escriben:
«En tal política de alianzas, o rol da clase obreira e os partidos comunistas que nela participan é subordinado; é un problema arriscado, pois a independencia de clase e a autonomía do partido deixan de ser as tarefas prioritarias, o deber inclaudicábel; deixan de ser organizacións militantes e transfórmanse en agrupacións de afiliados para as que o socialismo se volve unha opción distante, e que ao fixar unha etapa intermedia de longa duración as coloca na colaboración de clases, os pactos sociais e nun parlamentarismo funcional ao progresismo, que é unha forma de xestión do capitalismo».
Enuncian unha evidencia ao sinalar que a denuncia firme do oportunismo, inseparábel do revisionismo, é unha esixencia apremiante na loita dos partidos comunistas revolucionarios.
Xa Lenin dicía que «a loita contra o imperialismo é unha frase baleira e falsa se non está indisolubelmente ligada á loita contra o oportunismo».
Pero se o reformismo, tolerado ou erixido en opción estratéxica, debe ser condenado, calquera que sexa a súa modalidade, porque non representa unha ameaza para o capitalismo, e lle garante, pola contra, por ser inofensivo, a sobrevivencia.
Que facer, entón? Como investir a actual correlación de forzas favorábel ao imperialismo? Cal é a alternativa ao sistema de poder imposto á Humanidade?
Esbozar polo menos unha tentativa de resposta a esas preguntas non é o obxectivo deste nada pretencioso comentario ao número da Revista Comunista Internacional dedicado á denuncia do fenómeno do oportunismo que ameaza a nivel mundial os partidos comunistas.
Como comunista sei que o capitalismo, condenado, non está en vésperas de ser erradicado. Non vivirei ese día. Pero é inalterábel a miña convicción que a alternativa ao monstruoso sistema de explotación do home polo home será o socialismo. Non está inminente ese gran acontecemento. Nin definidas as súas contornas, asimiladas ás leccións de moitos e graves erros (e desvíos) cometidos no marco das experiencias socialistas ensaiadas pola humanidade.
Pero é falso, perverso e desmobilizador o discurso da burguesía sobre a inexistencia de alternativas ao capitalismo. A socialdemocracia, farisaica, pretende que o capitalismo é humanizábel e conta coa complicidade do oportunismo de múltiples matices.
Menten. Pola súa esencia e obxectivos, o capitalismo é incompatíbel coas aspiracións do ser humano - Terá que ser destruído.
Creo que será a converxencia de múltiples loitas de moitos pobos baixo o liderado dos partidos comunistas como vangardas revolucionarias, que contribuirá decisivamente para o final do capitalismo, abrindo as alamedas dun futuro socialista, na fidelidade aos ensinos do marxismo-leninismo.
A senda que conduce ao comunismo é longa e dificilísima de percorrer, batallando. A meta a alcanzar, en canto existiu a Unión Soviética, parecía próxima. Ilusión. Hoxe sabemos que é longo o camiño a percorrer, sementado de obstáculos de difícil superación. O discurso retórico non axuda.
Vila Nova de Gaia, 23 de novembro de 2013.
[Fonte: PCM]

______________________________


Algúns trazos do oportunismo na América.
Pável Branco Cabrera / Héctor Colío Galindo*
O oportunismo, reformismo e revisionismo buscan actualmente, nun discurso renovado, os vellos obxectivos de separar á clase obreira e aos seus partidos comunistas dos fundamentos do marxismo, da loita revolucionaria contra o capitalismo, do principio da ditadura do proletariado, do papel revolucionario da clase obreira e o seu partido de vangarda na revolución socialista e na construción do socialismo-comunismo.
Constitúe unha gran lección contra o oportunismo e a dexeneración da II Internacional a iniciativa liderada polos bolxeviques e outros marxistas que se agruparon na esquerda de Zimmerwald os espartaquistas na Alemaña e moitos partidos, tendencias e grupos que estarían na base da III Internacional, a Internacional Comunista.
Historicamente, o oportunismo buscou deformar, calumniar, suavizar, domesticar o marxismo, someténdoo ao ataque directo, terxiversando sobre os clásicos, chegando ata á mutilación brutal dos textos (1) para presentar versións útiles á política do gradualismo, do parlamentarismo, á coexistencia co capitalismo e abandono da loita polo poder. O oportunismo levou aos partidos da II Internacional a unha posición claudicante e asumiu complicidade criminal co imperialismo durante o I Guerra Mundial; serviu directamente como aparello de represión do capital contra a revolución alemá e foi responsábel polo asasinato de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht.
Todas as forzas do oportunismo volvéronse contra a gran Revolución Socialista de Outubro e apoiaron a contra-revolución que buscou derrubar o poder soviético dos obreiros e campesiños, xustificando a intervención imperialista, o cerco sanitario.
A experiencia veu demostrar que a loita contra o oportunismo, reformismo e revisionismo é de gran importancia ideolóxica, visto ser un problema de vida ou morte para a existencia do partido da clase obreira, para a revolución proletaria e para a construción do poder obreiro. Vladimir Illich Lenin insistiu en varias obras que a loita polo socialismo é incompleta sen a loita contra o oportunismo, e iso foi o trazo de identidade dos novos partidos construídos pola Internacional Comunista, como se reflicte en varios dos seus documentos, que falan da loita constante e implacábel contra “os auxiliares da burguesía”, en recoñecer a necesidade dunha ruptura total e absoluta co reformismo «xa que sen iso é imposíbel unha política comunista consecuente» (2), senón a III Internacional acabaría —alertab — por asemellarse moito á II Internacional.
E esta fronte ideolóxica non se pode considerar temporal, concluída ou reducida a unha etapa que quedou no pasado da historia do movemento comunista.
O oportunismo é unha forza auxiliar da burguesía para atrasar os procesos de incremento na loita de clases, conter a vacante revolucionaria e fomentar a contra-revolución, pero non debemos subestimar que a súa actuación é constante e en todos os períodos, pero cunha perigosidade crecente cando é posíbel que, polo ciclo do capital, entre a clase traballadora haxa condicións para a radicalización da conciencia. Hoxe mesmo, na Europa e na América, é un soporte fundamental do imperialismo, recibindo inclusive financiamento dos monopolios para a acción política, desde ONG’s, actividades ideolóxicas e, sobre todo, promoción de formas alternativas da xestión capitalista de «rostro humano». Este é o papel do Partido da Esquerda Europea, a que perigosamente se conecta cada vez máis ao Foro de São Paulo (3), malia unha retórica que critica a xestión neoliberal e que promove políticas públicas asistencialistas (4).
As manifestacións do oportunismo existen hoxe en nivel dobre. O primeiro, solapando internamente os partidos comunistas e obreiros para perder os seus trazos de identidade, as súas características revolucionarias e acaben transformados en partidos formalmente comunistas, pero na verdade socialdemócratas, transformándose en organizacións oportunistas. O segundo é a promoción de agrupacións directamente con ese carácter, integradas por ex-comunistas, maoístas, trotskistas, socialdemócratas, como o Bloco de Esquerda en Portugal e o Syriza na Grecia.
A fronte ideolóxica contra o oportunismo é unha necesidade: non estar atento a el, desdeñalo, omitilo, leva á liquidación dos partidos comunistas. Por exemplo, o PCM abrazou a tendencia browderista, como outros partidos da América Latina (como sabemos, o PC dos Estados Unidos estivo a un paso da disolución coa intentona de transformalo nunha asociación, unha especie de club ideolóxico). En México, ese modelo era a Liga Socialista, onde debería disolverse o PCM. Os partidos colombiano, cubano e dominicano cambiaron de nome inscritos naquela corrente. O PCM disolveu as súas células na industria e sindicatos e renunciou provisoriamente ao centralismo democrático, e cambiou de nome de Partido Comunista de México para Partido Comunista Mexicano; ademais das graves lesións á estrutura leninista, adoptáronse políticas de coexistencia con seccións da burguesía á que se chamou «nacional» e «progresista» e renunciouse á vía revolucionaria para a conquista do poder. A Carta de J. Duclos, así como as críticas doutros partidos, xeraron reaccións de reagrupamento militante dos comunistas para evitar a liquidación e reconstruír os partidos.
A fronte ideolóxica contra o oportunismo é unha necesidade; descoidala, desdeñala, omitila, leva á liquidación dos partidos comunistas.
En documentos posteriores, (5) o PCM recoñecía que a condena ao browderismo foi só formal e iso repercutiu os anos seguintes, pois non se conectou a correctas políticas de orientación oportunista promovidas a partir do XX Congreso do PCUS, como o caso das chamadas «vías nacionais» para o socialismo, a posibilidade do camiño pacífico, adoptándoa non como unha excepción, pero si como unha xeneralidade para o movemento comunista, apoiado nas políticas dos partidos francés e italiano.
O PCM deixouse permear e comezou a corroerse ata a súa disolución en 1981, para transformarse, primeiro, nun partido socialista e, logo despois, no Partido da Revolución Democrática (afiliado na Internacional Socialista, fiscal da xestión keynesiana e represor do movemento obreiro e popular), un partido da clase dominante presentado pola propaganda como o partido da esquerda en México. As condicións difíciles de reconstrución do PCM e o nivel de desenvolvemento político da clase obreira na loita mostran que o obxectivo de liquidar os anos 80 o PCM era o de asestar un golpe demoledor na loita proletaria, atrasala en décadas.
É tan actual este asunto que hoxe mesmo, nos Estados Unidos, o Partido Comunista enfronta un problema semellante ao que tivo con Earl Browder, cando a corrente oportunista dirixida por Sam Webb, o Presidente do Partido, propuxo unha plataforma para o desposuír das súas características, liquidalo e transformalo nunha forza auxiliar do Partido Demócrata. Esa plataforma contén moitos elementos promovidos polo eurocomunismo, polo proceso que levou á liquidación do PCM, e que hoxe corroen a varios partidos comunistas, incluíndo algúns de América.
Insistimos na importancia de combater as tendencias oportunistas; enunciar os trazos que se manifestan na América vai mostrarnos que, máis aló dalgunhas especificidades, é xeral o oportunismo internacional.
O xeneral e o específico, e o desvío que implica acentuar as particularidades.
O marxismo-leninismo, base ideolóxica dos partidos comunistas, teoría revolucionaria da clase obreira, apóiase no materialismo dialéctico, o materialismo histórico e a economía política. Busca extraer o que é máis xeral da realidade ao estudar o desenvolvemento da historia, os modos de produción, o conflito socio-clasista, as regularidades na sociedade, as leis que rexen os cambios e revolucións.
As particularidades, o específico, deben levarse en conta, pois o marxismo-leninismo enriquécese creativamente, pero non poden ser o determinante nos puntos esenciais, na análise.
Co argumento de se demarcar do dogmatismo e da análise allea á realidade, prodúcese un chamamento á adulteración do marxismo, reproducindo a crítica academicista que asume como obxectivo disociar Engels de Marx e Lenin de Marx. Algúns partidos latino-americanos, demárcanse do leninismo –hoxe mesmo, o PC dos Estados Unidos ten esa posición– que, afirman, corresponde á particularidades da Rusia e a outra etapa histórica. No fondo, trátase da renuncia á posicións revolucionarias do marxismo o que, do punto de vista teórico, é insustentábel. É tamén unha fonte de desvíos políticos que levan ao movementismo, desvirtuan o papel do partido e o papel da clase obreira.
A chamada latino-americanización do marxismo ten moito en común con operacións corrosivas anteriores, como as de Santiago Carrillo e dos eurocomunistas e o «marxismo occidental», xa que rexeita abertamente o materialismo dialéctico, a ditadura do proletariado e dirixe un ataque á historia dos partidos comunistas.
É notábel como algúns partidos comunistas se deixan asimilar acríticamente por esas posicións e as promoven, por exemplo ao asumir a distribución da editora Ocean Sur de orixe trotskista, en cuxo catálogo de publicacións predomina o ataque ao socialismo construído o século XX, e difúndense críticas ao marxismo-leninismo chamándolle «ideoloxía estatal soviética»; todo iso, apoiado na promoción editorial de materiais relativos á Revolución Cubana.
Aspectos esenciais do materialismo dialéctico e o ateísmo filosófico, son postos de lado pola presión de correntes como a teoloxía da liberación.
É da mesma fonte o argumento de que o marxismo é eurocéntrico; pero a unha mestura eclética de verniz místico é alcandorada ao latino-americano como o alfa e o ómega.
Non hai preocupación coa reedición dos clásicos, pero si coa divulgación destes deformadores modernos que, por estar delimitados ao claustro universitario, colocámolos no folclore, pero que exercen gran influencia nalgúns partidos comunistas. A debilidade na fronte ideolóxica, o desenvolvemento limitado de investigacións e traballos teórico-científicos a partir das nosas posicións de clase leva algúns partidos a ser sorprendidos polo contrabando ideolóxico dos que atacan o marxismo presentándose como «marxistas». Como exemplo, lembramos o caso ocorrido non hai moitos anos de H. Dieterich, un dos ideólogos do «socialismo do século XXI», a quen a prensa dalgúns partidos comunistas daba algún espazo.
O desvío ideolóxico, o ecletismo, o acento pola especificidade, están na base de novas revisións do marxismo.
Outro trazo negativo é o que deixa de lado as leis xerais da revolución, apelando á «orixinalidade» de procesos sociais anteriores e en curso. Unha premisa do movemento comunista internacional sostida desde o triunfo da gran Revolución Socialista de Outubro é o carácter da época, que situamos como a do imperialismo e das revolucións proletarias, a da transición do capitalismo ao socialismo; nós consideramos que o triunfo intemporal da contra-revolución non altera a premisa.
Programaticamente, o oportunismo introduce un debate e unha estratexia sobre a transición, que deixan para atrás as tarefas da clase obreira e do seu partido comunista. Cal é o argumento? Sobre todo a partir do triunfo da Revolución Chinesa, nova recepción das ideas de Mao Tse Tung sobre as contradicións no seo da burguesía e a existencia dun «sector nacional» desta en antagonismo co imperialismo. Esta burguesía nacional transfórmase, segundo aquela perspectiva, nunha aliada estratéxica da clase obreira na loita anti-imperialista e para acadar a meta programática de romper os grillóns da dependencia co imperialismo norteamericano. Existen matices en torno ás causas da dependencia; algúns defenden a concepción errada de que o colonialismo é idéntico ás relacións feudais ou semifeudais; outros defenden a caracterización dun capitalismo deformado e incompleto, o que coloca unha serie de cuestións a unha política de clase marxismo-leninista e ás tarefas dos partidos comunistas.
En primeiro lugar, as do propio desenvolvemento das relacións capitalistas mostran que o posicionamento sobre dependencia non é dialéctico. Os procesos de acumulación, concentración e centralización levan á aparición dos monopolios, que acaban por predominar na economía e na política, independentemente de fronteiras ou nacionalidades. O que existe é unha relación de interdependencia que coloca dun lado os monopolios e do outro a clase obreira; ou sexa, a contradición capital-traballo. Vexamos:
Aqueles que en México afirman que a principal tarefa é conquistar a independencia en relación aos Estados Unidos e traballan para unha alianza pluriclasista con sectores da burguesía interesados, esquecen que o que chaman burguesía nacional subentende hoxe monopolios que fan xa parte do imperialismo, que exportan capitais e exploran traballadores en varios países (6). Algúns deses monopolios mexicanos son dominantes a nivel continental e, inclusive no interior dos Estados Unidos (como o caso das telecomunicacións e algunhas mineiras).
A loita pola independencia así concibida non é nada máis do que a busca dunha nova forma de xestión do capitalismo con aliados demasiado fictícios.
De resto, é incompleta a apreciación de que o imperialismo só existe nos Estados Unidos. O imperialismo é o capitalismo dos monopolios e ten un dos seus centros nos Estados Unidos, pero tamén os hai na Unión Europea e en toda a acción dos monopolios e relacións inter-estatais. Damos como exemplo o sur do continente, onde a expansión dos monopolios brasileiros é unha realidade; o Mercosur, é unha alianza inter-estatal de carácter capitalista e ten relacións de interdependencia cada día máis estreitas coa Unión Europea (7).
Esta concepción de alianzas con sectores da burguesía foi rebautizada contemporaneamente como «progresismo», e varios partidos comunistas colaboran con eles na formación de gobernos que non ocultan a súa natureza de clase e practican políticas de superlucros dos monopolios, do que o Brasil é exemplo evidente.
Nunha tal política de alianzas, o papel da clase obreira e dos partidos comunistas é secundario; é un problema perigoso, pois a independencia de clase e a autonomía do partido deixan de ser as tarefas prioritarias, o deber absoluto; deixan de ser organizacións de militantes e transfórmanse en agrupacións de afiliados, para quen o socialismo se fai unha opción distante, e ao fixaren unha etapa intermedia de longa duración colócaas na colaboración de clases, nos pactos sociais e nun parlamentarismo funcional ao progresismo, que é unha forma de xestión do capitalismo.
O imperialismo é o capitalismo dos monopolios e ten como un dos seus centros os Estados Unidos pero tamén a Unión Europea.
Os procesos de Venezuela, Ecuador e Bolivia presentan unha problemática diferente debido á posición dalgúns partidos que renuncian á teoría marxista do Estado. O proceso social venezolano é moi importante, pero aínda non é unha revolución. Como chamar revolución a un proceso de onde non xurdiu un novo Estado, onde o anterior non foi destruído e constitúe a estrutura con que se continúa a gobernar? Onde non se socializaron os medios de produción nin se impulsou o sector primario e secundario da economía? Recoñecemos que é unha disxuntiva con tensións e conflitos, onde aínda está por resolver o rumbo definitivo, onde hoxe predominan as posicións das capas medias, e suxeito a ataques financiados polos monopolios. Non temos unha posición neutra, colocámonos solidarios coas forzas máis avanzadas, a comezar polo PCV. Pero é inexacto e erróneo promovela como camiño, chamando revolución ao que aínda non o é.
O ataque ao socialismo construído o século XX, argumento do oportunismo.
Un dos trazos distintivos do oportunismo é o ataque á experiencia da construción socialista na URSS e outros países, a quen inxuria, retomando argumentos do trotskismo e do anticomunismo.
Os oportunistas resumen as súas posicións na ausencia de condicións obxectivas para o socialismo, como o fixo Kautsky na súa época, en supostas tendencias antidemocráticas e burocráticas, atacando a planificación da economía e propoñendo a coexistencia de diversos tipos de propiedade, así como das relacións mercantís.
Toda a artillería acumulada polo capital é presentada en novas versións. Algúns partidos comunistas confrontan esta situación, outros omiten o tema e outros mesmo se xuntan a tales posicións. Por iso, varios partidos comunistas incorporan, non só a nivel de propaganda, mais como concepción programática, a proposta do «socialismo do século XXI» que, como xa alertaron os marxistas-leninistas é unha manifestación contra a revolución socialista e o traballo dos comunistas.
Estes indicios do oportunismo no continente non son desconexos, e aínda que non se expresen con coherencia, nitidez e en certas ocasións busquen mesturarse co marxismo-leninismo, colocan o movemento comunista ante serios problemas.
Inclusive, correctos indicios de belixerancia cunha preocupante tendencia oportunista foron expresados polo PC de B durante o último Encontro dos Partidos Comunistas e Obreiros efectuado en Atenas, en decembro de 2011, cando eufemisticamente afirmou que a participación dos comunistas en gobernos progresistas é unha demostración de madurez, e que a crítica a iso é unha posición sectaria e afastada das masas; a colaboración de clases será así o correcto, mentres a independencia de clase e autonomía do Partido Comunista serían o incorrecto. É evidente que as posicións oportunistas minan o PC de B.
Nunha apreciación moi xeral, na América –excepción feita a Cuba– predominan as relacións capitalistas, independentemente de que nalgúns países se afirmen aínda relacións pre-capitalistas no campo. Está definido o antagonismo entre capital e traballo, e a tendencia para a proletarización, aumenta entre as capas medias. Como en todo o mundo, os límites históricos do capitalismo sitúan o impostergábel obxectivo para a clase obreira de loitar polo derrubamento da burguesía e a construción do socialismo-comunismo. O oportunismo, como forza de choque do capital, busca evitalo. É necesario que os partidos comunistas estean en garda e o combatan permanentemente.

(1) Por exemplo, a Introdución á loita de clases en Francia de 1895, de F.Engels.
(2) Por exemplo, Condicións de Ingreso na Internacional Comunista, redactado por Lenin para o Congreso Mundial da Comintern.
(3) Base obxectiva diso é a maior interdependencia do Mercosur coa Unión Europea, o aumento das relacións económicas.
(4) O anti-neoliberalismo cuestiona unha forma de xestión do capitalismo, pero a alternativa non é necesariamente anticapitalista, socialista-comunista, pero en moitos casos opta por outras xestións, como o keynesianismo, tal como o demostran os procesos «progresistas» na Arxentina, Uruguai e Brasil.
(5) A loita interna no Partido durante os anos de 1939 a 1948. Características principais, Comité Central do Partido Comunista Mexicano.
(6) Por exemplo, América Móbil, Industrial Mineira México, Cemex, Grupo Bimbo.
(7) Non hai que ignorar que o chamado «progresismo», predominante no Forum de São Paulo e noutros gobernantes no Brasil, Arxentina e Uruguai, é o que impulsa a internacionalización do Forum de São Paulo, sobre todo baseado en fortes conexións ao Partido da Esquerda Europea.
* Pável Branco Cabrera é primeiro-Secretario do Partido Comunista de México; Héctor Colío Galindo é membro do Bureau Político do PCM.
Este texto foi publicado na Revista Comunista Internacional nº 4
[Fonte: PCB]

-Traducións: FORXA!-