O capital aliméntase das guerras imperialistas.

Siria é hoxe o punto de mira para unha nova intervención imperialista. Despois de meses intoxicando coa existencia de armas nucleares, despois de adestrar e armar a mercenarios, os gobernos que defenden a intervención militar, encabezados por EEUU, utilizan agora a escusa das armas de destrución masiva, igual que fixeron en Iraq, para xustificar unha intervención que viñan buscando dende hai tempo.

Non é críbel que o goberno sirio permita unha inspección da ONU sobre a existencia de armas nucleares e aproveite para bombardear con armas químicas á beira de onde se atopaban os inspectores. É máis doado crer que os mercenarios ao servizo do imperialismo aproveitaron a ocasión para lanzar bombas químicas preto de onde estaban os inspectores da ONU de modo que toda a maquinaria propagandística  se poña en marcha para tentar xustificar a intervención.

O pobo sirio leva meses sufrindo unha cruel guerra, os mortos cóntanse por miles, pero se a intervención imperialista se realiza abertamente será un masacre que destruirá todas as infraestruturas civís e provocará centos de miles de novas mortes.

O imperialismo non procura outro obxectivo que apropiarse do país, dos seus recursos e a súa posición estratéxica. Onte foi o afundimento do Maine, hoxe a falacia das armas químicas.

O capitalismo na súa fase de crise agónica aliméntase das guerras imperialistas, gobernos como o de España recortan os orzamentos para sanidade, educación, investigación, pero o orzamento para armamento é sempre o máis crecente, mercan e venden tanques e fáltanos material básico en hospitais, mercan e venden alta tecnoloxía en guerra e non dedican orzamento para a investigación educativa, médica ou ambiental.

Mentres o gasto militar anual por habitante en España é de 368 euros, o gasto farmacéutico por habitante é de 259 euros. Este goberno será cómplice da estratexia imperialista xeral e tamén apoiará esta nova guerra de agresión.

Os orzamentos xerais do estado son clarificadores, amosan como o estado está ao servizo dos monopolios armamentísticos e submiso ás estratexias e plans belicistas da OTAN. Un goberno que comparte e se implica nas políticas de espolio e saqueo que realiza o imperialismo en todo o planeta, que saquea as pesqueiras do Índico participando na operación Atalanta, que mantén a complicidade con Marrocos na persecución, asasinato e tortura do pobo saharauí, que ofrece a base de Rota para novos asentamentos de tropas ianquis, etc. Un goberno de saqueadores e criminais á medida dos intereses da oligarquía española.

Por todo o anterior, os Comunistas da Galiza, organizados en FORXA! e no PCPE, e os CMC realizamos o seguinte chamamento á clase obreira e os sectores populares do noso país:

- A loitar activamente contra o desencadeamento dunha nova guerra imperialista en Siria, así como contra calquera tipo de implicación do estado español nesta agresión e contra a utilización do territorio do noso país como apoio loxístico a esta guerra.

- A que toda a clase obreira do noso país, e dos países agresores, se neguen a formar parte das forzas de agresión imperialistas, desertando e organizando a loita contra os seus inimigos de clase.

-A continuar impulsando un forte movemento anti-imperialista centrado na defensa da soberanía e a autodeterminación dos pobos, orientado na loita pola conquista do poder obreiro e popular como única posibilidade real de pór fin ás guerras imperialistas.

-A denunciar o gasto militar, e a militarización crecente da nosa sociedade, nunha estratexia parasitaria e suicida das clases dominantes desesperadas ante a entrada no período histórico que marcará a fin da súa dominación.

Todos e todas unidos contra as guerras imperialistas.

Contra os crimes do imperialismo, loitemos polo poder obreiro e o socialismo-comunismo.

Nin unha man obreira para a guerra imperialista, a nosa guerra é contra os explotadores.

COMUNISTAS DA GALIZA
Colectivo Marxista-Leninista FORXA!
Partido Comunista dos Pobos de España
Colectivos da Mocidade Comunista