Entrevista a Forxa! realizada por Galiza Livre

1. Como nasce a ideia de criar o coletivo Forxa?

Nace principalmente da necesidade de reorganización do Movemento Comunista, da necesidade de acumularmos forzas no camiño da construción do Partido Comunista da clase obreira galega, mais nace tamén para se converter nun destacamento máis do proletariado, para participar nas súas loitas, para elevar o seu grao de consciencia e espírito revolucionario.



2. A situaçom social atual, no contexto da crise económica, deveria ter contribuido ao incremento da mobilizaçom e a organizaçom. Foi isto assim? E se nom o foi, que motivos atopades para que nom repercutisse positivamente neste ámbito?

Enfrontámonos a un inimigo hábil e poderoso, experimentado e con resortes suficientes para continuar mantendo a súa dominación. Malia todo isto, a situación actual é extremadamente volátil, as políticas do capital están a elevar o nivel das contradicións de clase, a xente esta descontenta e busca alternativas a súa situación, percibe, aínda que for instintivamente, que as formulas que promoven os capitalistas non son boas nin positivas, perde a confianza no que o sistema lle ten que ofrecer e non atopa saída aos seus problemas no marco do actual sistema. A crise capitalista está a incidir no medre da loita de clases, aínda que esta sexa cativa e estea conducida principalmente polas forzas reformistas. As dúas folgas xerais e o crecente aumento dos conflitos laborais son unha mostra deste feito.

Cómpre examinarmos primeiramente a nosa situación, a correlación de forzas, a historia do propio movemento de clase para comprendermos que é o que falla.

O reformismo, que é un resorte ideolóxico da burguesía para someter á clase obreira, leva décadas amansando e domesticando á clase traballadora coas súas ideas asentadas na aceptación do sistema, na súa humanización, rescatando unha e outra vez a idea de que as demandas do proletariado non poden superar os marcos do estreito economicismo burgués. Estas políticas dos reformistas no seo do movemento obreiro remataron por transformaren os organismos da loita de clase en órganos de colaboración coas políticas capitalistas. No plano político, o reformismo, e fundamentalmente o revisionismo nas súas diversas variantes, foi o responsábel da aniquilación das forzas comunistas desarmando a clase obreira e privándoa da súa organización de vangarda dirixida e inspirada nos principios do marxismo-leninismo.

Así que partimos dun escenario de derrota e de desorganización do movemento obreiro e revolucionario que impediu que as condicións subxectivas avanzaran á par das condicións obxectivas, atrasando e atenuando as consecuencias destas ultimas.

Por exemplo en Grecia, onde a loita esta dirixida polo KKE e a PAME, a loita de clase adquiriu un desenvolvemento maior mais non porque a xente se mobilice mais ou menos, senón polo aumento da consciencia política das masas, pola súa implicación na loita, polo grao avanzado das súas reivindicacións e consignas, porque a diferenza do que acontece aquí os factores subxectivos avanzaron incluso mais que os obxectivos, anticipando así as respostas face as políticas do capital.

Con todo isto non queremos dicir nin chegar á conclusión de que a loita estea perdida nin moito menos, senón que a ofensiva do capital contra as clases traballadoras e os propios efectos da crise fan que os comunistas e o conxunto da esquerda revolucionaria se enfronten a tarefas concretas e inmediatas consistentes precisamente no aumento das condicións subxectivas da loita de clase, no aumento da organización e da combatividade da clase obreira, na oposición ás políticas regresivas impostas polos capitalistas.

Nós partimos dunha idea clara: o sistema non se pode reformar, a crise do capital é estrutural, non é unha mera crise cíclica e non ten saída de ningún tipo dentro do marco do capitalismo. Quen afirma o contrario engana ao pobo e a si propio. A dominación da burguesía e a continuación do réxime de explotación só son posíbeis mediante o sacrificio das clases populares, mediante o seu sometemento absoluto a unhas condicións de miseria. Este camiño xa foi iniciado polos capitalistas e non se deterá, pois as contradicións que provocaron esta crise continúan e teñen difícil solución. Sen ningunha dúbida e diante do agravamento das condicións de vida da clase obreira, a cuestión a respecto da propiedade dos medios de produción ten de recobrar o centro do noso discurso, pois hoxe máis que nunca a nacionalización dos monopolios capitalistas e a planificación da economía resultan imprescindíbeis para garantirmos as necesidades sociais e económicas da clase obreira e do conxunto do pobo.

A tradición é unha grande forza de freo e a forza da inercia da historia, como diría Engels. Lamentábelmente a tradición imperante nos nosos días é aquela que herdamos do pensamento burgués, do cal o reformismo forma parte, mais, como tamén sinalaba moi acertadamente Engels, a tradición e unha forza simplemente pasiva e por iso necesariamente está condenada a sucumbir. Esperemos polo ben de todos que sucumba o antes posíbel. Os comunistas e revolucionarios consecuentes contribuiremos na medida das nosas forzas e posibilidades, principalmente mediante a nosa propaganda e o noso labor revolucionario entre as masas, para racharmos e superarmos esas tradicións

Agora mesmo o máis importante e urxente é organizarmos a loita da clase obreira, poñermos no primeiro plano as súas reivindicacións e demandas concretas e inmediatas, continuar acumulando forzas na direción da unidade popular, da fronte única anticapitalista das clases traballadoras, pois a loita e inevitábel e  temos que nos preparar para librarmos as batallas que están por vir. É non só hai que estar en condicións de librarmos esas batallas senón que tamén temos de ser capaces de inflixirmos severas derrotas ao inimigo de clase. Non abonda con resistirmos, hai que pasar á ofensiva para que as consecuencias desta crise as paguen os monopolios e os capitalistas e non o pobo traballador.

3. Como valorizades movimentos como o do 15 M, com um marcado componhente interclassista?

Primeiramente, temos que ver o contexto en que se desenvolve un movemento que parte das condicións obxectivas da sociedade, das consecuencias económicas, políticas e socias que está a provocar a crise do capital. Existía unha indignación xeralizada en contra da clase política, ou mais ben contra dos xestores e tecnócratas ao servizo dos intereses da oligarquía imperialista, contra das reformas antiobreiras e antipopulares e, en definitiva, pola falta dun futuro claro, especialmente para a mocidade, na actual situación económica. Isto foi o que posibilitou a participación masiva nas protestas iniciadas por Democracia Real Xa.

Evidentemente a mobilización e as expresións de descontento social son sempre para os revolucionarios algo positivo, pois contribúen en certa medida para ir xerando esta dinámica en todos os sectores sociais, contribúe tamén para a politización de amplos sectores, principalmente da mocidade, mais isto non quere dicir que non vexamos elementos negativos neste movemento, que non sexamos conscientes dos perigos de instrumentalización deste movemento por parte do sistema e que non nos fagamos preguntas sobre a súa natureza, os seus fins e obxectivos, os seus métodos de loita e o seu carácter de clase.

A plataforma reivindicativa do movemento manifestada nas propostas de Democracia Real Xa son a expresión do movemento político da pequena-burguesía, insuficiente e incapaz de elevar o nivel revolucionario das masas. Parte de ideas erradas primeiramente porque non sitúa aos verdadeiros responsábeis da crise e tampouco achega solucións e demandas encamiñadas a solucionar ou mellorar as condicións de vida das clases traballadoras. Este movemento funcionou como un resorte do reformismo vendendo a idea de que os problemas formulados pola situación económica tiñan solución no marco dunha reforma política raquítica que non cuestiona a natureza do réxime de dominación nin enfronta realmente as políticas criminais dos monopolios capitalistas e da oligarquía imperialista. Por iso desde a esquerda reformista e domesticada (que actualmente se atopa en crise) e inclusive desde algúns sectores da oligarquía (entre os que se atopan determinados medios de comunicación) gábase este movemento e recóllense as súas propostas para ir abrindo o camiño do recambio, para levar adiante, de as circunstancias o requiriren, reformas políticas estruturais tuteladas e supeditadas aos intereses do  gran capital. Xa dixemos antes que nos  enfrontamos a un inimigo hábil que é consciente da polarización dos intereses de clase e tamén advirte o perigo revolucionario. Por iso moitas demandas da plataforma Democracia Real Xa, como a reforma da lei electoral, tamén benefician os intereses de determinados segmentos do bloque oligárquico como ferramenta para frear o desenvolvemento real do proletariado e do seu movemento revolucionario.

Desde un primeiro momento esta plataforma marcou os seus sinais pequeno-burgueses profundamente divisionistas encubertos non discurso hipócrita e pretensamente apartidista (nin de esquerdas nin de dereitas) e antisindical. Reclaman democracia real ou de base mais o que fan e trazar unha liña clara de demarcación entre o movemento espontáneo e o movemento político e sindical de clase organizado. A quen beneficia esta división? O lóxico non sería acumular forzas na dirección da derrogación de todas as políticas antipopulares? Os únicos beneficiarios destas políticas son os monopolios capitalistas que seguen a aumentar os seus beneficios económicos mentres condenan a maioría do pobo á miseria e a explotación absoluta.

Con acampadas nas prazas, pedindo abrazos pola democracia ou facendo caceroladas non serán retiradas as medidas antiobreiras e antipopulares, só mediante a loita política organizada das clases traballadoras, coa loita nas fábricas e nos centros de produción capitalista seremos quen de lle facermos fronte ao inimigo de clase e as súas políticas criminais.

4. Como nasce a ideia de criar um Foro de Unidade Comunista Galega, no que estades integrados junto com o PCPG e o Ateneu Proletário Galego?

Nós, como colectivo comunista, non defendemos puntos de vista particulares ou exclusivos que nos imposibiliten traballar con outras forzas comunistas, e moito menos no período de crise aguda do sistema en que estamos. Coidamos que as diferenzas que poden existir entre comunistas poden ser resoltas sobre a base do marxismo-leninismo, o internacionalismo proletario e a defensa dos intereses xerais da clase obreira que todos sen excepción temos que compartir.

Entendemos que a unidade entre comunistas e posíbel, necesaria e imprescindíbel para ir abrindo o camiño dunha organización única para todo o proletariado. Partindo deste concepto entendemos como algo lóxico e natural o feito de mantermos relacións e conversas con outras organizacións e destacamentos marxista-leninistas fundadas no respecto mutuo, no intercambio de opinións e de puntos de vista e inclusive no traballo conxunto entre as masas, nos sindicatos e nas loitas concretas e cotiás en que os comunistas temos de unir forzas para elevarmos o grao das loitas e o nivel de consciencia e combatividade da clase obreira.

5. Na vossa opiniom, o Partido revolucionário marxista-leninista tem a mesma funçom que nos começos do passado século? Dito doutro jeito, pode-se chegar à revoluçom socialista sem partidos?

En esencia as funcións do partido son as mesmas, mais as funcións concretas estas sempre suxeitas  ao desenvolvemento económico e político do propio capitalismo. Así, a misión, o papel e a forma da organización de vangarda do proletariado teñen mudado no curso da historia, adaptándose ás condicións concretas impostas polo capitalismo, adecuando e perfeccionando a súa organización, modificando os seus métodos de loita e a súa táctica.

Mais para entendermos se o partido ten ou non ten a mesma función agora que no pasado temos que nos facer a seguinte pregunta: producíronse cambios o suficientemente significativos como para variaren o enfoque xeral da loita de clases de maneira tan importante como para prescindir da organización de vangarda? Nós dicimos que non, que tales cambios non se teñen producido. Os adversarios do marxismo aseguran que si, cuestionan o papel hexemónico do proletariado e do seu partido, cualifícano de obsoleto e dogmático, falan de novos suxeitos sociais, de novos camiños ao socialismo, terxiversan todo aquilo que teña a ver cos principios do marxismo revolucionario para o reconduciren, dunha maneira ou outra, cara ao reformismo e ao oportunismo da peor clase, convertendo este en charlatanería de salón.

Lenin expuxo na súa obra O imperialismo fase superior do capitalismo que a concentración da produción e do capital na época do imperialismo chega a un nivel de produción tan elevado que conduce á creación de monopolios,  que a oligarquía financeira nace da base da fusión do capital bancario e do capital industrial monopolista e que a exportación de capitais adquire unha importancia e un grao tal que conduce á formación de poderosos monopolios internacionais entre os cales se realiza o reparto económico do mundo. Lenin tamén sinala que o imperialismo e a última forma posíbel de organización económica capitalista, forma parasitaria e en descomposición, antesala da revolución proletaria e do socialismo.

Por tanto, a época do imperialismo é a época da revolución proletaria, da revolución socialista, a cal comezou coa Revolución de Outubro, revolución que triunfou alí onde estaba o elo máis feble do imperialismo, vitoria que foi posíbel grazas á organización de vangarda do proletariado ruso e ao grande xenio revolucionario de Lenin.

Desta grande vitoria do proletariado internacional  que foi a Revolución de Outubro xorde un partido de novo tipo, o partido marxista-leninista, o partido da revolución, partido que nos nosos días continúa a se enriquecer das diversas experiencias históricas que acompañan a loita de clases mais que segue mantendo intacta a súa definición como Estado Maior do proletariado, como forma superior de organización e unión da clase obreira, como instrumento do proletariado para a conquista do poder político, para a implantación da súa ditadura  e a súa posterior consolidación e extensión.

Os que predican que se pode chegar á revolución sen unha organización de vangarda non lle fan ningún favor ás ideas do socialismo. Ás avesas, o que fan é facerlle o xogo á burguesía e ao imperialismo, favorecendo a nosa desorganización fronte ao poder do capital e dos monopolios, e desarmarnos ideoloxicamente mediante a fragmentación en pequenos grupos cada cal coa súa ideoloxía, co seu "plan", cos seus métodos de loita particulares e afastados das masas. Haberá quen vexa esta pluralidade de tendencias no movemento socialista como algo positivo, mais se a nosa tarefa é a revolución e a vitoria sobre as forzas do capital non precisamos dunha multitude de oradores vacuos e dos seus discursos sobre a liberdade e a democracia. O discurso do tránsito pacifico ao socialismo non é máis que charlatanería que só encobre as súas posicións burguesas. Precisamos unidade ideolóxica, política e organizativa, que sexa real e efectiva. Erran aqueles que subestiman o papel do partido de vangarda da clase obreira pois para gañar a guerra contra as clases dominantes non só fan falla soldados, tamén fan falla xenerais. Esa é a avaliación histórica de todas as revolucións até os nosos días. Para chegarmos ao socialismo cómpre conquistarmos primeiramente o poder político, cómpre vencermos a resistencia da burguesía. Diante de tales tarefas son imprescindíbeis tanto o partido como a ditadura do proletariado.