Vencer a traizón coa unidade de clase



“Todo combate entraña a posibilidade abstracta da derrota e non hai outro medio
de diminuír esta posibilidade que preparando organizadamente o combate.”

Lenin. Que facer?

Desde a Transición, e concretamente desde o asinamento dos chamados Pactos da Moncloa, o sindicalismo representado por CCOO e UGT iniciou un camiño de colaboración de clase que dura até hoxe. A relación entre os distintos gobernos, os sindicatos e a patronal foi unha mostra desa colaboración. Na práctica, o capital usou e usa esta colaboración para implantar unha serie de medidas e políticas económicas que na grande maioría dos casos so serven para empeorar as condicións de vida do proletariado.



Consúmase agora, tantos anos despois, outra vez a traizón, cun novo pacto que permite o maior recorte de dereitos contra a clase obreira en décadas, medidas que non son outra cousa que a aplicación do programa máximo da oligarquía financeira española defendido durante moito tempo pola patronal e que agora será levado a cabo por un partido que ten a pouca vergoña de se definir como obreiro e socialista, que conta, ademais, coa colaboración duns sindicatos domesticados entregados a unha dinámica de pactismo e sometemento. Este pacto non chega en calquera momento, chega nun momento de profunda crise capitalista  e de ofensiva contra a clase obreira, polo que a responsabilidade histórica dos dirixentes reformistas é, se cabe, aínda maior e máis significativa, pois negan a posibilidade de loita para amplos sectores da clase obreira que están dispostos a pelexar e que na actualidade corren o risco de se desmoralizaren.

Os dirixentes traidores teñen a ousadía de venderen como un éxito o que na practica supón a claudicación absoluta. Teñen a pouca dignidade e vergonza de afirmaren que os obxectivos polos que a clase obreira tiña pelexado na pasada folga do 29 de setembro quedan satisfeitos co actual pacto. E en torno a isto, pechan filas a patronal, o PSOE, o PP e as restantes forzas da oligarquía. Sabemos que moitos militantes de CCOO e UGT, que loitaron coherentemente durante a folga do 29 de setembro, non están de acordo nin con este pacto nin coa política claudicante dos seus dirixentes. Estes compañeiros deben agora facer pública a súa repulsa  e desconformidade con este pacto pois, en primeiro lugar, é alleo ao sentir maioritario da clase obreira e, en segundo lugar, este acordo só beneficia a oligarquía e ao capital financeiro, que só buscan facer negocio coa reforma das pensións. Deben denunciar as súas direccións por traidoras e claudicantes organizárense e rescataren a política sindical de clase e combativa que precisa agora máis que nunca o conxunto do movemento obreiro organizado.

Sabemos que, en termos de combatividade e organización da militancia, na folga nacional do 27 de xaneiro houbo avances necesarios e importantes, mais non nos podemos abstraer da realidade pensando que esta foi un éxito rotundo. As políticas do capital seguen en marcha sen que estas atoparan unha ampla resposta social e, até o de agora, as masas non se teñen sumado á loita. A loita ten de continuar e tamén intensificarse até acadar os obxectivos definidos polo movemento, é dicir, a derrogación de todas as medidas antiobreiras. E inclusive debe ir máis ala, pois, na actual etapa da loita de clases, o proletariado debe e pode avanzar cara á ofensiva revolucionaria

As causas desta traizón non son novas e non colleron a ninguén por sorpresa, pois son unha consecuencia directa da dexeneración á que o reformismo e o abandono do marxismo ten conducido aos dirixentes obreiros. Son unha consecuencia do total afastamento desta capa dirixente, esta “aristocracia” obreira, dos intereses xerais para defender os seus intereses particulares. “Cando a burguesía liberal concede reformas cunha, sempre as retira coa outra, redúceas á nada ou utilízaas para subxugar os obreiros, para dividilos en grupos, para eternizar a escravitude asalariada dos traballadores. Por iso, o reformismo, inclusive cando e totalmente sincero, transformase de feito nun instrumento da burguesía para corromper os obreiros e reducilos á impotencia. A  experiencia de todos os países amosa que os obreiros foron  burlados sempre que confiaron nos reformistas.” [1]


Esta traizón contra as clases traballadoras debe vencerse mediante a unidade. Nesa dirección, cómpre superarmos absurdas divisións que nos debilitan e entorpecen a efectividade da loita e só benefician a un inimigo xa de por si poderoso. A realidade e a propia practica espontánea demostran que, en momentos decisivos da loita, a clase obreira e o movemento popular son quen de superaren as súas diferenzas e aparcalas en prol dos intereses xerais de todo o proletariado e das masas populares. Demostran que podemos loitar xuntos contra a ofensiva do capital. Demostran que nas loitas de carácter unitario a clase colle forza, e este é un obxectivo ao que todos sen excepción debemos supeditarnos.

Temos de aprender das derrotas para superarmos os atrancos que o inimigo nos impón. E para isto precisamos audacia, coraxe e determinación. Non podemos ficar parados mentres o capital executa os seus plans. É unha responsabilidade histórica e un deber prepararmos,  desenvolvermos e organizarmos a loita das masas traballadoras, sexa como for e custe o que custar. É preciso comprendermos que a loita e o seu desenvolvemento son hoxe posíbeis e imprescindíbeis, que o movemento pode medrar e desenvolverse, non por estarmos inzados de optimismo senón porque se dan as circunstancias obxectivas que así o determinan. Ignorar esta situación seria desaproveitar unha das poucas oportunidades que o propio capitalismo nos ofrece a través do seu desenvolvemento histórico.

De o proletariado non atravesar polas fases de desenvolvemento da loita contra a ofensiva do capital, de non despregar totalmente a súa capacidade de organización, de non fortalecer a súa unidade e ampliar a súa experiencia, non se atopará obxectivamente preparado para pasar da resistencia fronte as políticas do capital á ofensiva revolucionaria da clase  obreira.

As constantes traizóns e a dinámica de sometemento social iniciada coa chamada Transición non fixeron máis que desmoralizaren un proletariado cada vez mais despolitizado e indefenso que concibe as organizacións sindicais como organizacións alleas aos seus intereses. Unha clase que pensa que todo esta perdido e que a loita esta condenada ao fracaso, unha clase que perdeu a esperanza resignándose a asumir as condicións de explotación ás que nos quere someter o capital. Esa e a herdanza da política do reformismo que hoxe temos que combater con todas as nosas forzas.

A clase obreira precisa organizarse agora máis que nunca, precisa organizacións que sinta como propias, organizacións dabondo amplas, combativas e resoltas, autenticamente obreiras, que sexan quen de facer fronte ás políticas do capital, organizacións impregnadas do espírito da loita de clases, educadas nunha  verdadeira concepción marxista do mundo e que saiban dirixilas no combate polos seus dereitos.

A realidade está en permanente cambio, non permanece inamovíbel nin suxeita aos nosos desexos. Os cambios operados na nosa realidade nacional, na nosa estrutura económica, deben terse en conta á hora de reformular calquera tipo de alternativa política, debemos asumir un marco de loita totalmente diferente, con novas características e novas circunstancias que requiren novas formulacións estratéxicas para o conxunto do movemento revolucionario e popular. Temos de avanzar cara a un movemento de novo tipo que responda ás necesidades reais da propia loita, un movemento que permita a unidade ampla da clase obreira, pois nas actuais circunstancias cómpre que a clase obreira pelexe xunta e que, a súa vez, esta unidade serva para a constitución dun grande bloque obreiro e popular e así acumular as forzas suficientes como para plantar cara a esta ofensiva, ser capaces de librar novas batallas e acadar maiores vitorias.

Para poder avanzar na boa dirección debemos fixar a nosa atención, primeiramente no desenvolvemento practico do movemento, resolvermos os asuntos prácticos e candentes para o movemento obreiro galego, forxarmos a súa unidade política e tamén a súa unidade sindical.  En definitiva, debemos proseguir coa loita acumulando forzas na liña de confrontación co sistema, enfrontando a claudicación e a submisión dos dirixentes e dos elementos traidores á clase obreira

O movemento debe prestar especial atención aos métodos e aos medios de loita, xa que estes son determinantes á hora de obter novas vitorias e de lograr avances significativos. O marxismo sempre lle prestou especial importancia a esta cuestión, pois “non liga o movemento a unha soa forma determinada de loita. Admite as formas máis diversas de loita; ademais, non as ‘inventa’, senón que xeneraliza, organiza e fai conscientes as formas de loita das clases revolucionarias que aparecen por si mesmas no  curso do movemento. Non se limita, en ningún caso, ás formas de loita  posíbeis e existentes só nun  momento dado, admitindo a aparición inevitábel de novas formas de loita, descoñecidas polos militantes dun período dado. Ao cambiar a conxuntura social nos diversos momentos da evolución económica, segundo as diferentes condicións na política, na cultura nacional, nos costumes, etc., aparecen en primeiro plano distintas formas de loita que se converten nas formas de loita principais  e, en relación con isto,  modifícanse a súa  vez as formas de loita secundarias, accesorias.”[2]

As recentes loitas no mundo árabe puxeron sobre a mesa novos métodos de loita, xurdidos estes da espontaneidade e do papel das redes sociais, facendo avanzar o movemento na destrución dos réximes corruptos  e rachando coa estabilidade a nivel mundial nos países dependentes.

Xa é hora de camiñar todos e todas nunha mesma dirección e encomezar a traballar nunha nova folga xeral que supere a división e o fraccioenalismo. Unha folga unitaria e combativa capaz de ir un paso mais alá, mais tamén unha folga que serva ao conxunto do movemento popular para sentar as bases cara á unidade e a coordinación dunha ampla unidade popular. Esa é a mellor e a única forma que temos para contestar o capitalismo e as súas políticas criminais. Contestemos coa nosa unidade e coa determinación de sabermos que a nosa causa e xusta e necesaria .

O capital esta a entrar na súa fase terminal. Un proceso que durará décadas e que abranguera vastos períodos de loita, de aprendizaxe e maduración para un futuro movemento revolucionario mundial chamado a derrotar a orde capitalista e encetar a construción dunha nova sociedade sustentada no socialismo.

Sen ningunha dúbida, o marxismo, particularmente o  leninismo e a  experiencia bolxevique, apórtannos unha rica experiencia que contribuirá a profundar nas experiencias revolucionarias do presente século.

O rexurdir do proletariado e o desencadeamento de futuras loitas revolucionarias constitúen xa un feito inevitábel  no actual período. As contradicións no seo da sociedade burguesa, máis tarde ou máis cedo, remataran por estourar, dando paso así a unha serie de loitas e etapas  en que o proletariado debera encarar a loita pola conquista do poder político. O desencadeamento dunha revolución nun pais capitalista occidental non é en absoluto unha ilusión. Hoxe, os profundos cambios económicos producido pola crise do sistema, están a espertar a consciencia das masas e dos pobos. En todo o planeta sucédense as loitas, folgas xerais, revoltas e insurreccións que hoxe tomban gobernos, como en Tunisia ou Exipto, e que maña erguerán as bandeiras vermellas do proletariado revolucionario e da súa vitoriosa revolución socialista.
Evidentemente, para a revolución socialista triunfar, deben darse unha serie de circunstancias e condicións previas, e entre estas destaca sobre todas o propio papel das masas e o seu ascenso revolucionario. A propia historia demostrou que, para o proletariado tomar o poder, debe primeiro acadar un grao determinado de desenvolvemento político, debe atravesar por unha serie de loitas, debe madurar e comprender por el mesmo que para se liberar das súas cadeas e acabar coa explotación ten de rachar coa dominación política da burguesía, suprimindo a propiedade privada sobre os medios de produción. 
Como comunistas galegas e galegos, loitamos pola liberación nacional do noso pobo, polos seus dereitos nacionais e democráticos, mais facémolo prestando especial atención “á situación histórica concreta  e, ante todo, á situación económica, destacando os intereses das clases oprimidas, dos traballadores, dos explotados, distinguíndoos con total claridade do concepto xeral de interese da nación no seu conxunto que equivale ao interese da clase dominante”.[3] Este punto de vista diferenza claramente as posicións marxista-leninistas das posicións estritamente nacionalistas

Só a revolución proletaria pode garantir a independencia nacional dos pobos debilitados e dependentes, pois é a única que libera as forzas produtivas de todos os países das tenaces dos estados imperialistas. O capitalismo é incapaz de solucionar o problema nacional, só pode aletargalo, pospoñelo, mais o problema, a curto ou longo andar, retoma o seu protagonismo. Durante o devir histórico, numerosas nacións debilitadas pasaron dunhas mans a outras, mudando en numerosas ocasións o seu status dependendo dos intereses das grandes nacións e dos monopolios, amosando que realmente baixo o imperialismo os pobos nunca foron donos dos seus destinos. O socialismo é o único sistema que garante todas as necesidades humanas, o único que asegura o progreso, a paz e a democracia verdadeiras para a clase obreira e a soberanía e independencia para os pobos porque, precisamente, forxa unha unidade económica libre entre os distintos pobos e nacións.

O internacionalismo proletario non se limita nin se reduce á fraternidade con outros pobos en loita. “O dominio do capital é internacional, por iso a loita dos obreiros de todos os países pola súa emancipación ten éxito unicamente cando é unha loita conxunta contra o capital internacional [4], e por iso mesmo todas as obreiras e obreiros do mundo comparten uns intereses comúns, por iso as e os comunistas somos internacionalistas e por iso, en ultima instancia, “subordinamos os intereses da loita proletaria nun pais aos intereses da loita a escala mundial”.[5]

A reorganización do movemento comunista é apremante e urxente pois, en primeira instancia, é o único capaz de garantir o desenvolvemento revolucionario do proletariado e da súa loita. Non só é necesaria a súa reorganización, tamén é preciso a restauración político-ideolóxica do marxismo-leninismo como ideoloxía do proletariado, guía e ferramenta  fronte ás tendencias oportunistas, revisionistas, reformistas e ultraesquerdistas, que só conseguiron conducir o conxunto do movemento comunista cara á fragmentación, a debilitación ou o afastamento das propias masas e da propia clase.

Concordamos con Politzer cando afirma que “para o proletariado, o estudo da filosofía marxista non é un luxo, senón un deber de clase. Non cumprir este deber é deixar o campo libre as concepcións anticientíficas e reaccionarias que serven a opresión burguesa e privar o movemento obreiro do compás que indica o camiño”.[6]

Están claras as nosas responsabilidades como comunistas: intentar desenvolver, na medida das nosas forzas e das nosas posibilidades, a loita das masas obreiras, iniciar a súa preparación e instrucción revolucionaria e traballar infatigablemente pola unidade do proletariado, pola súa unidade sindical.

Os comunistas, dentro das organización obreiras e dos sindicatos, pulamos pola súa democracia interna e independencia na defensa dos intereses xerais da clase obreira. Traballamos por converter os sindicatos en organismos da ofensiva revolucionaria da clase obreira, por arrastrarmos a súa vangarda, aos seus mellores elementos, cara ás filas comunistas.

Os comunistas tampouco daremos un paso atrás na defensa dos nosos principios revolucionarios,  seguiremos a pelexar, reorganizándonos e uníndonos baixo a bandeira do proletariado, seguiremos facendo fronte ao revisionismo e ao reformismo, auténticos cabalos de troia da burguesía dentro do movemento obreiro. Que ninguén dubide que hoxe a loita ideolóxica é máis precisa que nunca. É que ninguén dubide tampouco, que desta loita o marxismo leninismo sairá sempre vitorioso.


POLA UNIDADE DA CLASE OBREIRA!
POLO BLOQUE OBREIRO E POPULAR!
POLO PARTIDO COMUNISTA MARXISTA-LENINISTA!

Forxa!!
www.aforxa.blogspot.com
forxagz@gmail.com



[1] Lenin. Marxismo e reformismo.
[2] Lenin. Guerra de guerrillas.
[3] Lenin. Esbozo inicial da tese sobre a cuestión nacional e colonial.
[4] Lenin. Proxecto e explicación do programa do partido socialdemócrata.
[5] Lenin. Esbozo inicial da tese sobre a cuestión nacional e colonial.
[6] Politzer. Principios elementais de filosofía.


Descargar folla "Vencer a traizón coa unidade de clase"