1º de Maio: Día do Internacionalismo Proletario.


Chegamos a este 1 de Maio na Galiza con case 100 mil fogares con todos os seus membros no paro. En 30 mil deles tampouco entra ningunha prestación nin subsidio.

As políticas dos gobernos da oligarquía, tanto español como autonómico, tanto da “dereitona” como da socialdemocracia liberal, (coa complicidade do reformismo político naqueles ámbitos nos que co-goberna da man dos partidos da oligarquía), apostaron e apostan por facer fronte á crise estrutural do acabado modo de produción capitalista pondo a flote os beneficios dos monopolios a costa de destruír capital sobreacumulado e forzas produtivas, abaratando a forza de traballo, estendendo o desemprego, a precariedade, o paro xuvenil, a desnutrición infantil, o roubo de vivendas pola banca, o empobrecemento xeralizado da clase obreira, a sobreexplotación, atacando o salario directo e indirecto, as pensións, privatizando e desmantelando os servizos públicos, a sanidade, a educación, a xustiza.

A dimensión e a unidade do ataque requiren dunha resposta contundente e unificada.

CÓMPRE RESPOSTAR CON FORZA, UNIDADE E DIRECCIÓN POLÍTICA CLASISTA Á OFENSIVA DESATADA POLA OLIGARQUÍA CONTRA A CLASE OBREIRA E O POBO TRABALLADOR.

Este é o contexto onde cobran forza e potencialidade clasista, onde teñen futuro as loitas concretas das traballadores e traballadores do Naval, das traballadoras da conserva, da fábrica de armas, de Telemarketing, da limpeza hospitalaria, dos estudantes e dos ensinantes, de defensa da Sanidade pública, das vítimas do roubo bancario das súas vivendas e dos seus aforros, da muller obreira e da mocidade popular, dos pequenos comerciantes e produtores do rural arruinados polas superficies monopolistas e fagocitados pola integración nas estruturas imperialistas da UE.

Os brutais ataques que en cada empresa e sector soportamos por parte da patronal van acompañadas do incremento da represión do Estado contra o movemento obreiro e popular que coloca no punto de mira o dereito de folga e de manifestación e garante a total impunidade dos corpos e forzas represivas criminalizando e perseguindo ás organizacións da clase obreira.

A clase obreira necesita agruparse e prepararse para duras confrontacións. Desenmascarar o discurso oportunista anti-partido e anti-sindicato, que tenta desarmala, así como a ficción dun capitalismo humano, dunha loita de clases de veludo e dunha converxencia cívica e cidadá entre as clases en loita para unha rexeneración democrática e participativa do sistema explotador, ou para un Pacto Nacional polo Emprego entre o lobo e a ovella como reclaman as dirixencias sindicais capituladoras.

Os comunistas de FORXA! e do PCPE apostamos pola unidade combativa da clase, en Comités de Unidade Obreira desde os centros de traballo e os barrios, e pola unidade do pobo traballador nunha Fronte Obreira e Popular baixo un programa de ruptura coas estruturas e alianzas imperialistas, a UE, o Euro e a OTAN, de nacionalización da banca e dos sectores estratéxicos da economía baixo control obreiro, preparando a concentración e o agrupamento das forzas da clase obreira para crebar o espiñazo do sistema de explotación, rematar coa ditadura do capital e avanzar cara ao noso propio Poder, cara ao Socialismo e o Comunismo.

NIN PACTO NIN TRAIZÓN: UNIDADE OBREIRA E MOBILIZACIÓN.

VIVA O 1 DE MAIO!

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!


Galiza, 1 de Maio de 2013

FORXA! - Comunistas de Galiza - PCPE