membro do Partido Socialista de Letonia.
O nacionalismo na súa calidade de determinada
ideoloxía estruturada naceu no século XIX. Xunto coas teorías liberais daquel
período estábase a desenvolver como un dos factores da loita contra os
atavismos de relacións feudais.
A medida que maduraba o marxismo, inevitabelmente
tívose que formar unha opinión ao respecto daquela ideoloxía, que era
suficientemente popular debido a unhas razóns históricas e ideolóxicas.
Moitas obras de Marx, Engels e Lenin están
dedicadas ao tema nacional.
O lema “Proletarios de todos os países,
Unídevos!” representa o resultado concentrado da súa postura.
Por outro lado, a Gran Revolución de Outubro e a
loita postrevolucionaria demostraron que os revolucionarios menosprezaran a
influencia da ideoloxía nacionalista sobre as mentes e almas das amplas masas
populares. Esa foi a razón, xunto coa resistencia armada do capital nacional e
internacional, da derrota da clase obreira en tales países como Letonia,
Finlandia ou Polonia. Máis tarde, tendo como fondo a crise mundial do
capitalismo, a mesma ideoloxía favoreceu a chegada ao poder dos partidos
fascistas e nacionalsocialistas en Italia e Alemaña, así como ao establecemento
das ditaduras fascistas nalgúns outros países de Europa.
Foi a explosión do nacionalismo unha das
principais causas da desintegración da URSS -o primeiro e o máis poderoso
estado socialista.
É o nacionalismo o que hoxe constitúe o obstáculo
principal para a unión e solidariedade entre os traballadores dos países da ex
Unión Soviética e Europa do Leste.
Hai unhas firmes razóns para supoñer que será o
nacionalismo a arma de loita universal
contra o movemento revolucionario ao que recorrerán os gobernos burgueses
de moitos países, estes gobernos que presumen hoxe da súa corrección política,
multiculturalismo e outros valores liberais.
A base
histórica do internacionalismo do Partido Socialista de Letonia
(1904 -
1906)
En xuño de 1904 en Riga tivo lugar o primeiro
congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata de Letonia (LSDRP), cuxo herdeiro é
o PSL (LSP).1
Os acontecementos sanguentos do 9 de xaneiro de
1905 deron o comezo á primeira manifestación masiva dos obreiros letóns,
revelaron a solidariedade internacional e deron paso á revolución
democrático-burguesa. O Comité Central dirixiuse aos traballadores: "Agora, cando a neve do chan de
Petersburgo está salpicada polo sangue dos nosos camaradas, aguantaremos máis a
vergoña de traballar para os nosos explotadores deixando ata a última gota de
suor?. Neste momento histórico a nosa obriga e a de todos os traballadores é
abandonar o traballo e unirnos aos camaradas de San Petersburgo. Anunciamos
unha folga xeral!".2
A experiencia da loita internacional conxunta no
transcurso da revolución foi un dos factores decisivos no golpe demoledor á
posición dos federalistas que prevalecía no partido ata entón -"o
oportunismo na forma federalista".3 No marzo de 1906 na
súa obra "Plataforma táctica para o
Congreso de Unificación do POSDR" V. Lenin sinalou: "é imprescindíbel tomar as medidas
enérxicas para unir todos os partidos socialdemócratas en Rusia nun partido
obreiro socialdemócrata unificado".4
Sobre o fundamento dos principios de Lenin e en
acordo co "Proxecto das condicións para a unión do Partido Obreiro
Socialdemócrata de Letonia co POSDR " adaptado no 4° congreso do POSDR
celebrouse a unión do POSDL e do POSDR. O asunto da unificación final foi
decidido no 3er congreso do POSDL e en xullo de 1906 o POSDL pasou a formar unha
sección territorial do POSDR baixo o nome de Socialdemocracia da rexión de
Letonia (SDL).
Experiencia
da Revolución: vitorias e derrotas
(1914 -
1920)
Cara ao comezo da Primeira Guerra mundial a SDL
seguía firmemente as directivas de Lenin e actuaba baixo o lema da conversión
da guerra imperialista na civil.
A burguesía letona local intentaba defender os
intereses da súa clase e expulsar a burguesía e aristocracia alemás das súas
posicións económicas e sociais en Letonia. En 1915 para ese fin en acordo á súa
iniciativa foron creadas as formacións armadas nacionais -as unidades de
Tiradores Letóns.
Durante o 5° congreso a Socialdemocracia de
Letonia (o nome adquirido pola SDL en xullo de 1917) deu unha resposta
contundente ao separatismo. O congreso destacou: "mentres a palabra decisiva na vida do estado e certas unidades
non a pronuncie o proletariado, ata entón toda a separación política e
económica frea... o desenvolvemento, dá vantaxe á burguesía, obstaculiza a
unión internacional do proletariado na súa loita polo socialismo".6 O
16 de outubro a conferencia extraordinaria da SDL pronunciouse: "o proletariado de Letonia debe manter
a máis estreita unión cos traballadores das cidades revolucionarias de San
Petersburgo e Moscova, tendo como obxectivo apoiar con todas as súas forzas e
medios posíbeis a loita do proletariado ruso polo poder no Estado".7
En canto os traballadores de Letonia se decataron
do triunfo da sublevación armada en San Petersburgo, os Soviets empezaron a
tomar o poder nas súas mans nas rexións letonas libres do exército alemán. Nas eleccións á Asemblea Constituínte Rusa
en Liflandia a favor dos candidatos
bolxeviques votou o 72% do electorado. Nas tropas de tiradores a favor
dos candidatos do partido bolxevique que tiñan a V.Lenin como número un votou o
96,5% dos votantes.8
Hai que mencionar que cara mediados de febreiro
de 1918 aproximadamente 5,5 mil dos Tiradores Vermellos Letóns cumprían co seu
deber internacional no territorio da Rusia Soviética. Entre eles encontrábase o
6° rexemento de Tukums, que estaba a disposición do Goberno Soviético e cuxas
unidades vixiaban a sede do Goberno no Smolny (e no Kremlin, máis tarde). No
territorio libre de Letonia naquel momento encontrábanse 9,5 mil dos Tiradores
Vermellos Letóns. Non obstante, cara finais de febreiro todo o territorio
resultou ocupado polas tropas alemás. De novo, respondendo ao chamamento do
Comité Central da SDL os tiradores revolucionarios deciden: "Os Tiradores Letóns non deben baixar
as armas e capitular ante a Alemaña militarista, ao aliarse ao exército do
proletariado ruso".9 Todas as unidades dos
Tiradores Letóns retiráronse a Rusia. Para o mes de abril estaba formada a
División Letona Soviética de Tiradores -unha das primeiras formacións da nova
República Soviética.
En novembro de 1918, rematada a revolución en
Alemaña, o Goberno Soviético anulou o Tratado de Brest. Entre os traballadores
de Letonia apuntou a esperanza de gañar o poder Soviético e constituír o
primeiro estado de obreiros e campesiños.
Diso tamén se decataban os imperialistas de Gran
Bretaña e os Estados Unidos. Coa súa directa participación ("o factor decisivo resultou ser o odio de Inglaterra cara ao
bolxevismo")10 no territorio letón, ocupado
polas tropas alemás, o 18 de novembro foi proclamada a constitución do goberno
provisional, así chamado o Consello Popular, que incluíu todos os partidos
burgueses e pequenoburgueses en activo naquel momento.
A ilegal 17ª conferencia do SDL, que tivo lugar
en Riga o 18 e 19 de novembro, tomou a decisión de preparar un motín armado,
expulsar as tropas alemás do territorio letón e derrocar o goberno burgués. A
resolución do congreso referente ao asunto nacional establecía: "O proletariado de Letonia non ten
nada en común co nacionalismo burgués... o nacionalismo burgués e a aspiración
á independencia burguesa representan un medio para loitar contra o proletariado
letón".11
A achega da Rusia Soviética ao triunfo da
revolución en Letonia non se pode menosprezar. Os exércitos Occidental e o 7°
axudaron á División letona de tiradores a derrubar os nacionalistas burgueses.
O 3 de xaneiro de 1919 os traballadores de Riga organizaron unha insurrección
armada e tomaron o poder na cidade nas súas mans.
No primeiro congreso dos Soviets de Letonia o 13
de xaneiro de 1919 en Riga foi aprobada a primeira Constitución da Letonia
Soviética, o feito que celebrou o triunfo da revolución no territorio letón. O
6° congreso do SDL cambiou o seu nome a Partido Comunista de Letonia.
Non obstante, o poder dos Soviets no territorio
de Letonia durou menos dun ano xa que foi abatido polo ataque das forzas
conxuntas da garda branca letona, baróns alemáns e imperialistas ingleses e
americanos. Ao mesmo tempo, a burguesía letona conseguiu seducir a gran parte
da poboación, os artesáns obreiros e campesiños na súa maioría, coas ideas da
soberanía nacional e do estado que lles pertencería a eles. As tropas do
goberno ruso empezaron a sufrir derrotas e ceder territorios. No principio de
1920 viuse obrigado a anunciar a súa autodisolución. O PCL pasou á
clandestinidade e anunciou o seu ingreso na Internacional Comunista como
sección independente.
Dende a
ditadura da burguesía ata a ditadura do proletariado
(1920 -
1940)
Durante o período da ditadura burguesa o PCL
mantiña unha loita activa para organizar os traballadores a defender os seus
dereitos lexítimos. O acento principal púñao na organización e execución das
folgas, motíns e manifestacións. Os comunistas aproveitaban a oportunidade de
realizar o traballo legal a través das comisións obreiras e sindicatos
esquerdistas. Nas eleccións ao terceiro Saiema (Parlamento) en 1928 os
comunistas conseguiron formar o bloque de "obreiros e campesiños
obreiros", recibir 6 mandados dos 100 en total e formar a Fracción dos
Obreiros e Campesiños. Iso foi un logro considerábel. Os deputados comunistas
utilizaban a tribuna do parlamento para difundir as súas ideas. Eles poñían
moita atención en aclarar os perigos da consolidación das tendencias fascistas
e nacionalistas burguesas, e poñían en exemplo a vida do pobo traballador na
URSS para acentuar o contraste. Coa crise do sistema capitalista universal como
fondo, a posición do PCL fortaleceu. Nas eleccións ao 4° Saiema (1931) os
comunistas recibiron 7 mandatos. Ao mesmo tempo en 1931-1933 o país sufriu unha
ondada de folgas e manifestacións dos traballadores e desempregados lideradas
polo PCL. Era evidente que o constante auxe da loita de clases dos últimos 10
anos chegaba ao seu apoxeo. Neste momento os círculos reaccionarios decidíronse
a organizar o golpe de estado para establecer a ditadura fascista con K.
Ulmanis na cabeza. O Saiema foi disolto, a fracción obreiro - campesiña foi
arrestada. Todas as organizacións obreiras e sindicatos suspenderon as súas
actividades. Aquela ditadura xunto coa ideoloxía tradicional da dereita
conservadora, característica para moitos rexímenes en Europa de entón, tiña un
compoñente nacionalista destacado. Xusto naquel período cae a maior parte das
accións nacionalistas e anticomunistas do poder burgués. Non é unha casualidade
que ata os nosos días o período da ditadura burguesa de 1933 -1940 segue sendo
un modelo exemplar para os nacionalistas radicais e os neonazis en Letonia.
O 5 de outubro de 1939 Letonia e a URSS asinaron
o Acordo de colaboración, no territorio letón foron acuartelados 25.000
militares soviéticos. Non obstante, K. Ulmanis infrinxía o Acordo
reiteradamente, o que provocou unha nota do goberno Soviético ao Cónsul letón,
que chamaba a súa atención ás devanditas infraccións e esixía formar un goberno
capaz de garantir o cumprimento dos requisitos establecidos e aloxar no
territorio letón forzas complementarias do Exército Vermello.
O 17 de xuño as divisións do Exército Vermello
entraron en Letonia. O acontecemento que influíu dun xeito considerábel nos sucesos
revolucionarios posteriores, pero aquela influencia non foi determinante, como
o intentan demostrar os historiógrafos burgueses. Non hai ningunha constancia
de infracción da soberanía de Letonia durante os días seguintes á revolución.
Os traballadores de Letonia, que sufriran nas súas propias carnes a explotación
de "o seu propio" estado da burguesía nacional e se decataran de que
non era diferente a calquera outro estado baseado na explotación, convertéronse
no motor dos cambios revolucionarios.
A cantidade dos membros do PCL diminuíu como
consecuencia das represións do réxime ditatorial de Ulmanis, a pesar disto, o
PCL organizou o 17-21 de xuño unhas manifestacións masivas de traballadores
esixindo a dimisión do goberno en vigor, a constitución dun goberno novo
democrático, a legalización do partido comunista e a liberación dos presos
políticos.
O recén formado goberno popular (que non contaba
con comunistas entre os seus membros) anunciou eleccións á nova Saiema Popular.
Nas eleccións de xullo de 1940 o 97,8% do electorado votaron a favor do Bloque
do Pobo Traballador de Letonia formado polos comunistas e deputados
independentes. O 21 de xullo 100.000 persoas manifestáronse esixindo resolver o
asunto da incorporación de Letonia á URSS. O 5 de agosto o Consello Supremo
tomou a decisión da incorporación de Letonia á URSS.
O pobo traballador empezou o seu labor creativo e
pacífico que foi interrompido pola Gran Guerra Patria.
A proba
de fogo
(1941 -
1945)
Os anos da Gran Guerra Patria foron o tempo de
proba da resistencia non só para a economía socialista, senón tamén para a
forza do internacionalismo de todo o pobo soviético. As esperanzas fascistas de
que, ao comezar a guerra, as repúblicas soviéticas se verán inmersas nas
protestas nacionalistas separatistas contra o poder soviético, e a URSS se
derrubará baixo este golpe dende dentro unido á agresión fascista dende fóra,
esas esperanzas fracasaron.
Letonia pode servir de exemplo de que a política
realizada naquel período era correcta. O seu obxectivo era liquidar a burguesía
como clase polo seu interese primordial na restauración do capitalismo e
descabezar a "quinta columna" nacionalista. Á Gran Guerra Patria
correspondeu o período da loita de clases encarnizada. Unha parte dos simpatizantes
interiores foi detida e trasladada fóra do territorio de Letonia unha semana
antes de que estalara a guerra. Pero no país, onde o poder soviético se
instaurara hai un ano, os capitalistas da agricultura non estaban aínda
neutralizados e a burguesía nas cidades soñaba con recuperar os seus bens
nacionalizados. Para abducir a conciencia do pobo volveuse utilizar o
nacionalismo burgués, en igual medida vantaxoso para a burguesía local e os
ocupantes fascistas. Os lacaios fascistas e traidores do seu pobo cultivaban a
idea da "posíbel independencia
económica e cultural"12 e difundían a mentira
propagandística sobre o primeiro ano do poder soviético que pintaban como "un ano terríbel" e sobre "o xenocidio premeditado do pobo
letón".13 Seguindo aquela propaganda unha parte da poboación
organizouse nas unidades das Waffen SS. É necesario admitir que unha gran parte
dos agricultores (en primeiro lugar, os ricos, aos que pertencían as parcelas
mais grandes e os medios de produción) apoiaban dunha forma activa tamén ás unidades
bandidas nacionalistas nos tempos de posguerra.
O carácter clasista da loita confírmase tamén
polo feito de que xunto coas tropas do Exército Vermello se retiraban ao
territorio Soviético os obreiros (que representaban a maioría dos retirados), a
administración soviética e do partido, así como os campesiños sen terra ou
pequenos terratenentes. No 1941 foi fundada a División Letona de Tiradores
Voluntarios. A súa composición reflicte explicitamente, cales eran as forzas
que se uniron baixo a bandeira do internacionalismo do proletariado para
defender a revolución do segmento máis reaccionario da burguesía mundial - o
fascismo alemán, - "son 62% obreiros, 29% funcionarios soviéticos, 9%
campesiños".14
Probar
as forzas: "nacional comunistas"
(1956 -
1959)

Non obstante, naquela etapa o partido era aínda
capaz de parar as actuacións separatistas. A asemblea do Comité Central do PCL
derrotou aos líderes nacional comunistas e ás súas ideas.
Nacionalismo,
a arma da contrarrevolución
(1988 -
1991)
Os procesos oportunistas nocivos que empezaran co
20° congreso do PCUS e as reformas económicas a mediados dos 60 desbocaron na
aberta restauración capitalista contrarrevolucionaria no territorio da URSS e
levaron á derrota temporal do sistema socialista.
O nacionalismo pequenoburgués foi
indubidabelmente un dos métodos utilizados polas forzas contrarrevolucionarias
para desintegrar o estado unitario, para apremar as ideas separatistas en
moitas das repúblicas da URSS. Eses procesos manifestáronse con máxima
claridade nas repúblicas Bálticas, Letonia entre elas.
Os círculos aspirantes á restauración burguesa
decatábanse de que as ideas do capitalismo aberto non tiñan futuro como
locomotora das masas, a xente non cedería os logros do poder soviético tales
como a medicina e educación gratuítas, a vivenda practicamente gratuíta tamén,
o dereito ao traballo e vacacións garantidos e por iso trasladaron o peso
propagandístico aos sentimentos nacionais da poboación. Apareceron as propostas
de "reducir a influencia do Centro soviético nas rexións", diminuír o
crecemento mecánico da poboación, etc. Pouco a pouco esas ideas ían cambiando
polas esixencias cada vez mais radicais: "separación do conxunto económico
da URSS", "autonomía", etc., para finalizar en
"restauración do estado de antes de 1940". Por suposto, ningún
documento mencionaba que esa restauración ía ser a restauración do capitalismo.
As forzas organizativas da contrarrevolución
formaron en outubro de 1988 A Fronte Popular de
Letonia (FPL). Para esas datas apareceron as fendas ideolóxicas tamén nas filas
do PCL. Unha parte do partido opúñase á creación do FPL, pero outra non só non
se opoñía, senón o alentaba, considerándoo o primeiro paso á restauración do
capitalismo.
Un ano despois, no 2° congreso do FPL os temas da
"democratización " e "soberanía dentro da URSS" cambiaron
por "a necesidade da independencia
total da Republica de Letonia e a súa separación da URSS".17 Naqueles
tempos estábanse a trazar os primeiros pasos para a desindustrialización do
país, aniquilación da clase obreira, desintegración dos unidos colectivos
laborais que contaban con varias miles de persoas. Iso tamén se levaba a cabo
baixo os lemas nacionalistas e frases soadas sobre a necesidade de manter o
número de habitantes da nación autóctona a través da redución da migración da
man de obra. O FPL anota no seu programa: "O
FPL móstrase a favor de que o desenvolvemento industrial de Letonia só se basee
exclusivamente nos recursos humanos locais. Consecutivamente é necesario
reducir e limitar o número esaxerado dos postos laborais na República".18 O
FPL reforzaba as súas posicións a través da propaganda que contrapoñía a idea
da agricultura nacional (prometendo adicionalmente a disolución das
cooperativas agrícolas (kolhoz) e seguida pola privatización das terras) á da
industria sostida polos emigrantes. Esa política encontraba simpatizantes no
medio rural, onde predominaba a poboación de nacionalidade autóctona. O
primeiro programa do FPL inclúe a tese: "FPL
considera a agricultura a súa prioridade e móstrase por realizar esa política
consecutivamente".19
En abril de 1990 o PCL dividiuse, 242 deputados
de 700 abandonaron a sala do congreso e formaron o Partido Comunista
Independente que apoiaba as ideas do FPL.
Os traballadores de Letonia non cederon baixo a
retórica nacionalista, eles decatáronse do prexudicial do novo rumbo e
esforzáronse para salvar o poder soviético. A principios de 1989 constituíuse a
Fronte Internacional dos Traballadores (Interfront), no maio de 1991, xunto co
PCL, o Comité de Salvamento Letón. Non obstante, non conseguiron salvagardar o
socialismo.
Despois da restauración do capitalismo a
burguesía continuou, e ségueo facendo, a
utilizar o nacionalismo para poñer fendas no movemento obreiro.
A burguesía chegou ao poder e emprendeu o
primeiro paso para consolidar a súa influencia: prohibiu a organización que
levaba realizando constante e continuamente a política do internacionalismo do
proletariado. O 24 de agosto de 1991 a actividade do PCL foi
interrompida sen investigación nin xuízo. A propaganda comunista resultou
prohibida e o Primeiro Secretario do Comité Central Alfred Rubiks foi
encarcerado.
Ademais da aniquilación dos grandes colectivos
laborais os capitalistas quitaron os dereitos políticos (a cidadanía) a todos
os habitantes do país que chegaron no transcurso dos anos soviéticos, a xente
que formaba o proletariado industrial.
Ao mesmo tempo intensificouse o ataque dos medios
de comunicación difundindo as ideas de nacionalismo e rusofobia. A comisión de
historiógrafos designada polo Presidente da República de Letonia dedicouse a
"reescribir" a historia: os lexionarios das Waffen SS e organizacións
criminais dos nacionalistas burgueses que seguían opoñendo resistencia ao poder
soviético despois da guerra pasaron a ser considerados uns heroes. A
"ocupación" de Letonia preséntase como un dato indiscutíbel, ao
contrario, non se di nin unha palabra sobre a loita heroica do pobo letón
contra os seus capitalistas.
Como consecuencia dese traballo do aparato
propagandístico burgués a gran parte da poboación autóctona, en especial os
mozos, recibiu unha imaxe errónea do período soviético na historia de Letonia,
a idea do internacionalismo do proletariado quedou falsificada, o nacionalismo
pequenoburgués instalouse nas mentes. Unha proba obvia son os desfiles dos
lexionarios que se desenvolven co acordo silencioso dos poderes e que cada ano
reúnen máis xente nova. O nivel do nacionalismo no país tamén se pode valorar polo feito de que nas últimas
eleccións parlamentarias foron elixidos 6 deputados do partido neofascista Todo
para Letonia, un deles é un lexionario das SS elixido por segunda vez.
Temos que mencionar que os problemas da minoría
rusa en Letonia se converteron no punto de referencia para os intereses da
Rusia contemporánea. Despois da desintegración da URSS o apoio de Rusia viuse
reducido e concentrado nos partidos autoproclamados "valedores do pobo
ruso" da república, os que se basean nas ideas da confrontación étnica e
rexeitan o internacionalismo e a importancia do concepto de clase nos procesos
sociais. Con frecuencia usan a consigna "Os rusos, veñen!".
O Partido Socialista de Letonia (PSL) nas
condicións contemporáneas con firmeza leva á práctica as ideas do
internacionalismo proletario, fraternidade e amizade entre os pobos. O PSL non
argumenta co nacionalismo para explicar os procesos históricos, senón dende o
punto de vista dos intereses de clase, ensina á xente traballadora que a
experiencia histórica do distanciamento dos principios do internacionalismo
proletario remata no establecemento do poder da burguesía e explotación, quebra
a fronte unida da loita obreira pola liberación das cadeas do capitalismo.
O último
asilo do capitalismo.
A historia moitas veces demostrou que nas
condicións críticas, cando a situación revolucionaria toca á porta, o
capitalismo non despreza os métodos máis viles para reter o seu poder: utiliza
contra o pobo a violencia descarada, desata os convictos militares e guerras
mundiais. Pero as armas da destrución masiva inventadas o século XX volveron a
guerra perigosa para o mesmo capitalismo universal. No caso do conflito nuclear
na Terra non quedaría sitio garantido para que eles puideron levar unha vida
segura. Ademais, a aparición dos países socialistas e como resultado da loita
dos obreiros dos países capitalistas polos seus dereitos, o capitalismo viuse
obrigado a humanizar en certa medida as relacións socio-económicas. Ao
derrubarse o sistema socialista a devandita humanización xa non é necesaria.
Non obstante, quitarlles aos traballadores todos os seus logros dunha vez
podería levar a unha explosión social, o que é totalmente indesexábel. Por esa
razón durante o último decenio o sistema desmóntase paulatinamente baixo o
pretexto de tomar "medidas para superar a crise", "estabilizar
os sistemas financeiros" ou " mellorar a cualificación de crédito do
país". Esas medidas tamén provocan protestas por parte dos traballadores.
Con frecuencia desembocan en accións masivas baixo a dirección dos partidos de
esquerda e sindicatos. Para neutralizar as reclamacións sen recorrer
abertamente á violencia, os gobernos burgueses teñen que reconducir o
descontento das masas a outros obxectos ou esferas. Podemos supoñer, que as
relacións nacionais, nacionalismo e racismo volverán ser base ideolóxica para
estes obxectivos.

En efecto, a política de multiculturalidade e
corrección política implementada ata hoxe na Unión Europea é ineficaz e ás
veces parece unha mera caricatura. A mesma política provoca unha situación que
pode rematar na confrontación nacional en varios países.
Supoñemos, a frecuencia e as proporcións do uso
da ideoloxía nacionalista por parte da burguesía na súa loita polo poder van
aumentar debido ás seguintes razóns:
1. É doado de usar. Os acontecementos nos países
ex-soviéticos, Letonia entre eles, demostran que para o seu uso non son
necesarias serias argumentacións nin moita preparación. Todo se pode explicar
en forma concentrada: “non somos como eles, por iso eles son estraños. Os
estraños son inimigos”. Con iso os colegas de onte, camaradas do partido,
veciños convértense en rivais irreconciliabeis, dispostos para retirarlles aos
estraños os seus dereitos civís, se non para un “pogrom” étnico.
2. É universal. Non hai países onde esa ideoloxía
non funcione. A poboación de moitos países está, ou na súa historia recente
estaba, composta por varias etnias. Moitos convertéronse en países multiétnicos
debido á inmigración da man de obra dende o estranxeiro ou nuns acontecementos
históricos. Os países relativamente monoétnicos teñen as súas diásporas no
estranxeiro, aquí o lema sería "defender os compatriotas no
estranxeiro".
3. Ten un efecto acumulativo. Se os factores
étnicos non son o suficientemente fortes, pódese reavivar as pretensións
históricas territoriais, datos ou mitos sobre a ocupación, desprazamentos dos
pobos, migración, etc.
O exemplo de Letonia é tamén notábel por que o
nacionalismo non só foi utilizado en período de derrubamento da URSS, senón
todos os anos posteriores, ata os nosos días. Os poderes letóns utilizan na súa
política étnica as formas e métodos impensables nos países de Europa ou EUA. Os
gobernos e políticos da Unión Europea, incluídos os representantes de
socialdemócratas e outras forzas que se autodenominan esquerdistas, que
critican despiadadamente outros estados pola prohibición das manifestacións gay
ou violación dos dereitos dos animais, non obstante, miran condescendentes como
a centenas de millóns de persoas lles privan dos seus dereitos sociais, como
aos nazis da segunda Guerra Mundial lles outorgan as honras de heroes, non se
pronuncian acerca do proteccionismo étnico aberto.
A situación actual en Letonia revela que é
imposíbel parar o nacionalismo (ou, así chamado, "nacionalismo
contrario") coas ideas liberal-cosmopolitas ou a través da defensa dos
dereitos humanos. As forzas políticas que o intentaran fracasaron, ou
renegaron, cambiando a favor dunha ideoloxía claramente burguesa.
Só hai un método de opoñerse tanto ao
nacionalismo, como ao cosmopolitismo, ás diferentes consecuencias da
globalización capitalista: é a política e ideoloxía do consciente
internacionalismo da clase obreira dirixida a cambios revolucionarios radicais
da sociedade.
1. Programa do PSL, p.4 (en
ruso).
2. Panfletos das organizacións
socialdemócratas de Letonia no período da primeira revolución rusa. Riga, 1956,
p.26.
3. I. Stalin. Como entende a
socialdemocracia a cuestión nacional? Obras completas, t.1, p.55.
4. Lenin V.I. Obras completas,
t.10. p.132 (en letón).
5. Historia dos Tiradores
Letóns, 1972, Riga, p.136.
6. V.O. Miller. Primeiro estado
soberano do pobo letón. Riga, 1988, pp. 40 -41.
7. O Partido Comunista de
Letonia na Revolución de Outubro de 1917. Riga, pp. 466 -467.
8. Historia da República
Socialista Soviética de Letonia, t.2, p.32 (en letón).
9. Historia da República
Socialista Soviética de Letonia, t.2, p.42 (en letón).
10. Historia de Letonia, século
XX, 2005, Riga, p.106 (en letón).
11. Partido Comunista de
Letonia nos anos 1918 e 1919. Documentos e materiais. 1958, Riga, pp. 160 -161
(en letón).
12. Historia de Letonia, século
XX, 2005, Riga, p.247 (en letón).
13. Historia de Letonia, século
XX, 2005, Riga, p.225 (en letón).
14. A loita do pobo
letón na Grande Guerra Patria, 1966, Riga, p.108 (en letón).
15. Enciclopedia da Letonia
Soviética, 1984, Riga, p.117 (en letón).
16. Historia de Letonia, século
XX, 2005, Riga, p.364 (en letón).
17. Enciclopedia de Letonia,
2007, Riga, p.28 (en letón).
18. A nosa
historia, 1985 -2005, Riga, 2007, p.126.
19. A nosa
historia, 1985 -2005, Riga, 2007, p.128.
[Fonte: Revista Comunista Internacional, nº3, versión en papel de setembro 2012, pp. 75-87]
-Traducido por FORXA!-
-Traducido por FORXA!-