As tentativas
do capital por ter unha influencia ideolóxica sobre o pobo traballador e as
súas organizacións forman parte integral da historia do capitalismo. Estas
tentativas teñen o obxectivo de afastar aos traballadores da loita de clases,
evitar que se produza un cambio básico nas relacións de poder existentes e na
situación da propiedade e impedir a abolición da explotación do home polo home.
Esta
estratexia do capital foi levada a cabo con éxito no que se refire a amplos
sectores do movemento sindical, cuxos obxectivos inicialmente se limitaron ás
melloras sociais no seo do sistema capitalista e, máis tarde, á defensa do
logrado.
Do mesmo
xeito que cambian os obxectivos, os métodos tamén cambian. En caso de conflito
de intereses, os sindicatos comezaron a deixar de mobilizar á clase obreira por
medio de accións de masas e folgas, o que tería axudado a reforzar as
esixencias dos traballadores e a fortalecer a súa conciencia de clase. En lugar
diso, os dirixentes sindicais uníronse aos representantes do capital como
“axentes sociais con iguais dereitos”, co obxectivo de alcanzar compromisos con
eles “mediante o consenso entre as organizacións de empregadores e de
empregados”. Nos países xermano parlantes ata introduciron un novo vocabulario.
En lugar de “traballadores” e “capitalistas”, falan de “tomadores de emprego” (jobtakers) e “oferentes de emprego” (jobgivers).
En
Luxemburgo, o “pacto social” nunca se limitou aos “axentes sociais”. Ademais, o
Estado burgués estableceu as condicións básicas para a institucionalización da
vía do “diálogo social”. Esta foi a condición necesaria e a razón do exitoso
establecemento do “pacto social”. As condicións legais desenvolvéronse de tal
xeito que o sindicato comunista, que actuou sobre a base da loita de clases
entre 1945 e 1965, foi permanentemente discriminado, deixado de lado e excluído
das negociacións salariais. Ao mesmo tempo, o capital e o goberno fixeron canto
fixo falta para apoiar e fortalecer aos movementos sindicais socialdemócrata e
cristián, que seguían a liña do “pacto social”, e para incrementar a súa
influencia entre a clase obreira do noso país. Pero, dada a existencia de
países socialistas e da competencia internacional entre os dous sistemas
sociais, o capital viuse forzado a chegar a acordos e a realizar concesións de
tipo social, que tamén foron posíbeis debido ao feito de que, durante os 30
anos de crecemento económico tras a II Guerra Mundial, existía a base
financeira para levar a cabo tal política.
O “pacto
social” acadou un novo nivel de desenvolvemento cando, en 1975, a crise capitalista da industria siderúrxica alcanzou
Luxemburgo. Creouse un novo órgano de “pacto social”, denominado “Tripartito”,
que incluía ao goberno, ás asociacións de empresarios e, finalmente, aos
representantes dos tres sindicatos maioritarios. O Parlamento ata aprobou unha
“Lei do Tripartito”, que establecía que este órgano tiña que decidir sobre
todas as medidas necesarias para lograr “estimular o crecemento económico e
preservar o pleno emprego”.
O comité
coordinador do “Tripartito” discutiu e decidiu a porta pechada medidas para
solucionar as consecuencias da crise, mentres unha gran maioría dos
sindicalistas e os órganos electos dos sindicatos eran excluídos da toma de
decisións. Ao mesmo tempo, o Parlamento foi privado do seu dereito de control e
foi degradado á tarefa de simple executor das decisións dunha institución que
non estaba prevista na Constitución do país.
Foi tarefa do
“Tripartito” xestionar as consecuencias da crise estrutural da industria
siderúrxica e garantir a expansión mundial e as ganancias do complexo siderúrxico
“ARBED” (hoxe ArcelorMittal), que dominaba toda a economía de Luxemburgo. O
“Tripartito” tivo que paralizar a gran resistencia obreira e garantir a
estabilidade do sistema existente.
En case 10
anos, no período entre 1975 e 1985, destruíronse 15.000 dos 27.000 postos de
traballo da industria siderúrxica. Os traballadores foron obrigados a aceptar a
pre-xubilación ou pensións de invalidez, e moitos deles organizáronse nunha
“división anti-crise”, que foi subvencionada polo estado con fondos públicos e
despregábase para tarefas de urxencia pública. Ao mesmo tempo, os traballadores
da siderurxia foron obrigados a aceptar reducións salariais e, moi
“oportunamente”, suspendeuse a vinculación dos salarios ás subidas dos prezos.
O éxito desta
estratexia foi, en gran medida, un dos “méritos” das direccións sindicais.
Seguiron a táctica de presentar todo peche de factorías, toda nova etapa de
recortes de emprego, como unha “vitoria” e de declarar publicamente que, no
“Tripartito”, eles tiñan evitado medidas mesmo peores, que “salvaran” miles de
postos de traballo e evitaran despedimentos masivos.

O Partido
Comunista de Luxemburgo (KPL) levou a cabo intentos de mobilizar aos traballadores
da industria siderúrxica contra a destrución de postos de traballo, pero non
tivo éxito. A razón principal do fracaso foi a negativa do sindicato OGBL,
dirixido polos socialdemócratas, ás propostas dos comunistas. Entre xuño e
setembro de 1981, militantes comunistas recolleron 12.000 firmas de
traballadores siderúrxicos pedindo a nacionalización da industria siderúrxica e
obtiveron a aceptación do Sindicato Siderúrxico da OGBL, a maior central
sindical do país. Pero a dirección da OGBL opúxose categoricamente a toda
nacionalización, non tomou en conta a decisión do Sindicato Siderúrxico e
continuou a súa política de “pacto social” coa patronal siderúrxica.
A actividade
do sindicato no sector siderúrxico conduciu a consecuencias contraditorias. En
particular porque, a partir da iniciativa dos representantes comunistas nos
comités de empresa, puidéronse lograr garantías salariais para os traballadores
que tiñan que traballar por menores salarios noutros centros de traballo ou na
“división anti-crise”. Isto foi, por suposto, un bo resultado, pero por outra
banda conduciu a que a maioría dos traballadores non se resistise á destrución
de postos de traballo no sector. Moitos traballadores mantiveron a opinión de
que o problema se solucionaba en canto se solucionase a súa situación persoal.
Nese mesmo
momento, ao contrario do que ocorreu na industria siderúrxica do sur de
Luxemburgo, destruíronse case todos os postos de traballo do sector na veciña
rexión francesa de Lorena, malia a loita sindical e obreira. Isto axudou á
política dos defensores do “pacto social” en Luxemburgo, dado que foron capaces
de fabricar a “proba” de que “as conversacións do Tripartito” cos capitalistas
e o goberno serían máis proveitosas para os traballadores que a loita de clases
e a confrontación co capital.
Desde os
sindicatos e os medios de comunicación presentábaselles todos os días aos
traballadores a ideoloxía do “pacto social”, o que finalmente conduciu á rápida
destrución da conciencia de clase, que fora forxada entre sectores do
proletariado siderúrxico nos anos sesenta. Consecuentemente, desvaneceuse a
disposición dos traballadores para loitar activa e conxuntamente contra o desmantelamento
da industria siderúrxica.

Despois de
que a Unión Soviética, con Gorbachov á cabeza, declarase unilateralmente a fin
da “guerra fría” e se rendese ante o capitalismo, en Luxemburgo inicialmente
non houbo cambios nas relacións entre o capital e a clase obreira. Os
dirixentes sindicais socialdemócratas, quen en parte se atopaban baixo forte
influencia anticomunista, consideráronse parte dos “triunfadores da historia”.
Pero tras os
cambios do sistema en 1989-1990, o capital non viu necesidade algunha de
respectar un sistema social alternativo e comezou, sistematicamente, a
cuestionar e retirar as anteriores concesións sociais.
Non só os
salarios e as conquistas sociais se viron atacados polo capital, senón tamén as
melloras legais polas que a clase obreira estivera loitando nas décadas
anteriores. A Lei sobre Xornada de Traballo empeorouse en detrimento dos
traballadores, as condicións de traballo flexibilizáronse en favor do capital,
principalmente por medio da introdución do traballo subcontratado e o emprego
temporal, e os salarios mínimos, tal como estaban definidos pola lei,
reducíronse. En paralelo a isto, os impostos sobre o capital e os custos non salariais
do traballo reducíronse máis e a redistribución dos medios públicos a favor do
capital creceu. Con todo, os sindicatos seguiron mantendo firme a política do
“pacto social”.

Coa crise
financeira e económica do capitalismo, as contradicións intensificáronse. O
goberno rescatou a dous dos grandes bancos de Luxemburgo antes da creba e así
continuou a redistribución en favor do capital. Isto conduciu ao crecemento do
descontento entre os asalariados.
Este
descontento expresouse amplamente na manifestación sindical do 16 de maio de
2009 baixo o lema “Non queremos pagar pola vosa crise!”. No entanto, isto non
impediu que as direccións dos grandes sindicatos seguisen xunto ao goberno e o
capital no marco do “Tripartito”, en lugar de mobilizar aos traballadores do
sector privado e dos servizos públicos e orientalos cara a unha folga xeral que
evitase máis austeridade e recortes sociais.
Pero esta
vez, a diferenza de anteriores negociacións do “Tripartito”, non foi posíbel
acadar un acordo. Baixo o pretexto de mellorar a competitividade das empresas, o
déficit orzamentario e o aumento da débeda pública, o goberno anunciou para o 1
de xaneiro de 2011 masivas subidas de impostos e recortes sociais, entre eles o
incremento dos custos que o pobo ten que pagar por tratamentos médicos e
medicinas. Tamén se tomou en consideración unha redución dos salarios iniciais
no sector público.

Aínda así, o goberno
e as direccións sindicais chegaron a un “compromiso” e o 29 de setembro de 2010
asinaron un acordo de manipulación do Index. Abandonouse o recorte do 50% na
axuda por quilometraxe que estaba previsto no programa de austeridade do
goberno pero, “a cambio”, acordouse frear o axuste dos salarios á inflación.
Independentemente da data do seu vencemento, a subida salarial vinculada á
inflación pagaríase o 1 de outubro de 2011, é dicir, unha semana antes da
celebración das eleccións municipais en Luxemburgo.
Debido ao
crecemento real da inflación, o axuste debía terse pagado o 1 de maio anterior.
Isto significa que todo asalariado perdeu cada mes entre maio e outubro de 2011
o 2,5% do seu salario, reducíndose así o seu salario no período nun 12,5%. Isto
unido ás subidas de impostos deu como resultado un recorte no poder adquisitivo
do pobo.
A isto hai
que sumarlle que o goberno volveu sucumbir ante a presión do capital e a UE e
anunciou unha “reforma” do sistema público de pensións, a realizarse en 2013, a cal dará lugar, indirectamente, a unha prolongación da
vida laboral. Quen no futuro queira ou poida traballar 40 anos, terá que
aceptar un recorte do 15% da súa pensión en comparación co sistema de pensións
actual. Se alguén quixese recibir a mesma pensión que o sistema de pensións
garante hoxe, terá que traballar catro anos máis. Os sindicatos anunciaron a
súa oposición a un empeoramento do sistema público de pensións existente e o
goberno acordou discutir cos “axentes sociais” tras as eleccións municipais do
9 de outubro de 2011.
Hoxe en día o
“pacto social” enfróntase a un serio desafío. O gran capital industrial e
financeiro está tratando de facerse cunha parte maior dos beneficios da produtividade,
e esixe unha redistribución acelerada das finanzas públicas ao seu favor. O
resultado será un maior endebedamento do Estado burgués e unha maior carga
sobre os asalariados, polo que, cando estes cheguen ao límite, unha gran parte
deles darase conta de que non hai outra opción máis que a loita de clases.
Doutra banda, os traballadores perderon as experiencias de loita de clases
durante as décadas de “pacto social”, así que será indispensábel un difícil
proceso de aprendizaxe.
Como
resultado do ocorrido durante a crise, a ideoloxía do “pacto social” e da
“solidariedade nacional” gretouse, pero aínda está profundamente asentada nas
conciencias non só dos dirixentes sindicais, senón tamén da gran maioría de
sindicalistas e traballadores. Isto ten que ver co feito de que non ven unha
alternativa ao capitalismo actual, senón que máis ben desexan volver á
denominada “economía social de mercado”, onde pensan que o “pacto social”
estivo funcionando case sen problemas e tróuxolles melloras sociais. Non se dan
conta de que esa porta xa se pechou, xa que non hai outro sistema alternativo
ao sistema social do capitalismo. En realidade, foi a existencia do sistema
socialista o que forzou ao capital a chegar a acordos coa clase obreira.
Baixo estas
condicións, a actividade sindical dos comunistas en Luxemburgo é bastante
difícil, dado que están organizados principalmente no sindicato socialdemócrata
que está orientado cara ao “pacto social”.
Pero, ante a
actual destrución da industria siderúrxica, vense os primeiros signos de
resistencia. Xunto cos seus compañeiros de Bélxica, Alemaña e Francia, os
obreiros siderúrxicos organizaron unha folga de 24 horas o 7 de decembro de
2011, a que foi a primeira folga en Luxemburgo desde 1982.

Necesítase
unha gran paciencia revolucionaria para incrementar a conciencia dos
sindicalistas e tamén dos traballadores que non teñen afiliación sindical. A
clase obreira de Luxemburgo está formada cada vez máis por traballadores de
diversas nacionalidades, traballadores transfronteirizos e inmigrantes, que
falan diversas linguas e teñen diferentes herdanzas culturais. Os traballadores
de orixe luxemburgués son minoría.
Máis
importante aínda é a educación marxista dos militantes comunistas, de modo que
sexan capaces de explicar aos seus compañeiros nas empresas e nos sindicatos,
con apoio de exemplos concretos das súas empresas, como funciona a explotación,
cales son os petos que se benefician das melloras de produtividade, por que
motivos seguen pensando e actuando no “pacto social” e renuncian á loita de
clases para evitar os ataques que veñen desde arriba, que é posíbel obter
conquistas sindicais concretas e por que o capitalismo non é capaz de
solucionar os problemas que afrontan os traballadores.
Este traballo
ideolóxico é a condición previa para o desenvolvemento da conciencia de clase,
dado que só por medio da loita de clases será posíbel evitar que todos os
logros anteriores sexan destruídos un por un e que os asalariados, que están
empuxados a unha posición defensiva polo pensamento do “pacto social”, volvan
ser os perdedores no conflito co capital.
O principal
inimigo dos asalariados segue sendo o gran capital industrial e financeiro. O
seu poder económico e político só pode romperse cando gran parte da clase obreira
e do movemento sindical se de conta de que o “pacto social” debilita aos
traballadores e os subordina aos intereses económicos do capital e os
mecanismos sociais de explotación. Os traballadores deben aprender que o “pacto
social” está limitando a posibilidade de facer, no seu propio interese, cambios
fundamentais na actual situación da propiedade e crear así as condicións
necesarias para os cambios económicos, sociais e políticos en beneficio dos
traballadores.
[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional -setembro
2012- pp. 89-97 da versión en papel]
-Traducido por FORXA!-