Ramón López, membro da Área Ideolóxica do CC do PCPE
O revisionismo, fenómeno histórico hostil ao
marxismo.
Dende o nacemento do movemento obreiro ata os nosos días librouse no seu
seo unha intensa loita entre dúas tendencias: a revolucionaria e a oportunista.
O oportunismo adoptou ao longo da historia distintas e numerosas
manifestacións, tanto baixo formas de "esquerda" como de dereita.
Neste artigo abórdase o oportunismo de dereita ou revisionismo, fonte inicial
da corrente política que hoxe coñecemos como socialdemocracia, cuxa natureza
mudou, ao longo do século XX, transformándose de corrente do movemento obreiro
en movemento político defensor con decisión e piar esencial do capitalismo
monopolista.
O revisionismo xurdiu a finais do século XIX cando, tras a morte de
Federico Engels, se desatou unha loita aberta no seo do movemento socialista
encabezada polo alemán Eduard Bernstein cuxa máxima <<O obxectivo final,
non importa cal sexa, non é nada; o movemento o é todo>>1 converteuse
en bandeira dos seguidores da teoría revisionista e da súa práctica política, o
reformismo. Lenin afirmaría ao respecto:
<<Esta frase proverbial de Bernstein expresa a esencia do
revisionismo mellor que moitas e longas disertacións. Determinar de vez en
cando a conduta que se debe seguir, adaptarse aos acontecementos do día, ás
viraxes das minucias políticas, esquecer os intereses cardinais do proletariado
e os trazos fundamentais de todo o réxime capitalista, de toda a evolución do
capitalismo, e sacrificar estes intereses cardinais en prol das vantaxes reais
ou supostas do momento: esa é a política revisionista. E da súa esencia mesma
se desprende con toda certeza que esta política pode adoptar formas
infinitamente diversas e que cada problema un tanto "novo", cada
viraxe un tanto inesperado e imprevisto dos acontecementos -aínda que esta
viraxe só altere a liña fundamental do desenvolvemento en proporcións mínimas e
polo prazo máis curto-, dará lugar sempre, inelutabelmente, a tal ou cal
variedade de revisionismo>>.2
O revisionismo, alegando que as condicións socio-económicas cambiaran
radicalmente, manifestouse como corrente abertamente hostil ao marxismo,
rexeitando os postulados básicos da ciencia marxista:
* No plano
filosófico, negou o seu carácter partidista e clasista, indo a remolque da
"ciencia" burguesa e arrastrándose tras os neokantianos.3
* No plano
económico, negou a teoría do valor, a lei da acumulación capitalista e a lei da
depauperización absoluta e relativa do proletariado nas novas condicións do
capitalismo. Quixo demostrar que no sector agrícola non se producía un proceso
de concentración da propiedade e a substitución dos pequenos propietarios polos
grandes. Defendeu a idea de que o proceso de concentración da propiedade
transcorrería de forma sumamente lenta no sector industrial e comercial.
Formulou a tese de que as grandes empresas capitalistas poñerían termo á anarquía
da produción e, por conseguinte, diminuiría automaticamente a contradición
entre o proletariado e a burguesía.4
* No campo da
política, o revisionismo intentou revisar o que realmente constitúe a base do
marxismo: a teoría da loita de clases. A liberdade política, a democracia, o
sufraxio universal destrúen a base para a loita de clases -dicían os
revisionistas-. Posto que na democracia impera a <<vontade da maioría>>,
non debemos ver no Estado, segundo eles, o órgano da dominación de clase, nin
negarnos a facer alianzas coa burguesía progresista contra os reaccionarios.5
Para Lenin o revisionismo, ou <<revisión>> do marxismo, é unha
das principais manifestacións, se non a principal, da influencia burguesa sobre
o proletariado e da corrupción burguesa dos proletarios6, achegando
na súa obra A bancarrota da II
Internacional, a seguinte definición do oportunismo:
<<O oportunismo é o sacrificio dos intereses vitais das masas en prol
dos intereses momentáneos dunha minoría insignificante de obreiros, ou dito
noutros termos, a alianza entre unha parte dos obreiros e a burguesía contra a
masa proletaria>>.7
E é que a ideoloxía é o reflexo, na conciencia dos seres humanos, das
condicións sociais obxectivamente existentes e, principalmente, un reflexo das
relacións de produción imperantes. Así, dende o punto de vista leninista
destácanse as raíces históricas do fenómeno revisionista e a súa natureza de
clase:
<<En todos os países capitalistas existen sempre, ao lado do
proletariado, extensas capas de pequena burguesía, de pequenos propietarios. O
capitalismo naceu e segue nacendo, constantemente, da pequena produción. O
capitalismo crea de novo, infatigabelmente, toda unha serie de "capas
medias"… Estes novos pequenos produtores vense novamente botados, tamén,
de modo non menos inevitábel, ás filas do proletariado. É perfectamente natural
que a mentalidade pequeno-burguesa irrompa de novo, unha e outra vez, nas filas
dos grandes partidos obreiros. É perfectamente natural que suceda así, e así
sucederá sempre ata chegar ás pericias da revolución proletaria>>.8
En resumo, o marxismo-leninismo destaca tres particularidades esenciais do
oportunismo de dereita ou revisionismo:
* O revisionismo
é un fenómeno internacional, ao ser produto social dunha época histórica concreta.
* O
revisionismo aparece regularmente nos partidos obreiros, dado o carácter
cíclico do desenvolvemento do capitalismo, e ademais pode adoptar formas
diversas.
* O oportunismo
de dereita, ao revisar os postulados básicos do marxismo, desnaturaliza o
carácter revolucionario do partido obreiro, desviándoo do seu obxectivo
principal: a destrución do poder económico e político da burguesía.9
Fronte á práctica política reformista, que emana das formulacións teóricas
revisionistas, Lenin argumentou que a burguesía, concedendo cunha man as
reformas, as retira coa outra, as reduce á nada ou as utiliza para subxugar aos
obreiros, para dividilos en grupos, para eternizar a escravitude asalariada dos
traballadores e traballadoras. Por iso, o reformismo, mesmo cando é totalmente
sincero, transfórmase de feito nun instrumento da burguesía para corromper os
obreiros e reducilos á impotencia. A experiencia de todos os países demostra
que o movemento obreiro foi burlado sempre que confiou nos reformistas.10
A bancarrota da II Internacional, a
socialdemocracia e a guerra imperialista.
A maioría de partidos da II Internacional consumou a súa bancarrota
traizoando as resolucións do Congreso de Basilea (1.912), nas que os partidos
socialdemócratas fixaran posición opoñéndose á guerra imperialista en xestación
e chamando ao proletariado mundial a combater activamente o seu
desencadeamento. Non obstante, o 4 de agosto de 1.914, os socialdemócratas
alemáns e franceses votaron nos seus respectivos parlamentos os créditos de guerra,
votaron en pro da guerra imperialista e entraron a formar parte dos gobernos
dos seus países, como posteriormente fixeron os socialdemócratas ingleses e
belgas, confiando neles a burguesía a xestión do capitalismo e transformándose
polo tanto de partidos obreiros oportunistas en partidos burgueses.

Lenin, en plena guerra mundial, afondou a súa caracterización do
oportunismo. Definiu como base económica do chauvinismo e do oportunismo a
alianza dunhas poucas capas superiores do proletariado e da pequena burguesía
-que aproveitan as fragullas dos privilexios do "seu" capital
nacional- contra as masas proletarias, contra as masas traballadoras. Puxo ao
descuberto que a vella división dos socialistas en corrente oportunista e
corrente revolucionaria, propia da época da II Internacional (1889 - 1914), se
correspondía en resumo coa nova división en chauvinistas e internacionalistas.
A defensa da colaboración de clases, o abandono da idea da revolución
socialista e dos métodos revolucionarios de loita, a adaptación ao nacionalismo
burgués, o fetichismo da legalidade burguesa, a renuncia ao punto de vista de
clase e á loita de clases por temor a que se aparten <<as amplas masas da
poboación>> (léase a pequena burguesía): tales son para Lenin os
fundamentos ideolóxicos do oportunismo.11 Partindo de que o oportunismo
non é froito do azar, nin un pecado, un descoido ou unha traizón dun grupo de
individuos illados, Lenin afirmou que se trataba do produto social de toda unha
época histórica, poñendo tamén de manifesto o seu carácter de clase:
<<O oportunismo foise incubando durante decenios pola especificidade
dunha época de desenvolvemento do capitalismo en que as condicións de
existencia relativamente civilizadas e pacíficas dunha capa de obreiros
privilexiados os "aburguesaba", proporcionáballes unhas fragullas dos
beneficios conseguidos polos seus capitais nacionais e mantíñaos afastados das
privacións, dos sufrimentos e do estado de ánimo revolucionario das masas que
eran lanzadas á ruína e que vivían na miseria>>.13
Así, poñiase en claro o papel concreto da aristocracia e da burocracia
obreira no marco xeral da loita de clases propio da época imperialista, análise
que conserva plena actualidade nos nosos días.
Para Lenin, a primeira guerra mundial supuxo unha viraxe tan importante na
historia que fixo imposíbel continuar tendo a mesma actitude ante o oportunismo
que caracterizara o período anterior. Era imposíbel negar o feito de que no
momento das crises os oportunistas desertaran dos partidos obreiros e se
pasaran ao campo da burguesía:
<<Madurou toda unha capa social de parlamentarios, de xornalistas, de
funcionarios do movemento obreiro, de empregados privilexiados e de certos estratos
do proletariado, capa social que se fundiu coa súa burguesía nacional e á que
esta soubo apreciar no seu xusto valor e "adaptala">>.14
Polo tanto, tocaba pasar á acción:
<<Non é posíbel facer xirar cara a atrás ou deter a roda da historia;
pero o que si se pode e se debe facer é avanzar sen medo e pasar das
organizacións preparatorias e legais da clase obreira, prisioneiras do
oportunismo, a unhas organizacións revolucionarias do proletariado que saiban
non se limitar á legalidade, que saiban poñerse a cuberto da traizón
oportunista, ás organizacións revolucionarias do proletariado que emprendan a
"loita polo Poder", polo derrocamento da burguesía>>.15
Quedara demostrado que na época do
imperialismo debía descartarse a vella teoría de que o oportunismo é un
"matiz lexítimo" dentro dun partido obreiro único, pois se convertera
no maior obstáculo para o desenvolvemento revolucionario do movemento obreiro.
A II Internacional morrera, vencida polo oportunismo, a III Internacional
tiña ante si a tarefa de organizar as forzas do proletariado para a ofensiva
revolucionaria contra os gobernos capitalistas, para a guerra civil contra a
burguesía de todos os países polo poder político e a vitoria do socialismo.
A definitiva mutación da socialdemocracia tras a II
Guerra Mundial.
Tras o triunfo da Gran Revolución Socialista de Outubro de 1917 a división
en tres ás consolídase: a dereita, representada polos revisionistas e
convertida en partido burgués; a esquerda, representada polos comunistas, cos
bolxeviques á fronte; e a á centrista, formalmente marxista e que se adapta na
práctica ao oportunismo, afirmando buscar a unidade e a paz no partido. O
sector centrista é encabezado por Kaustky, quen dedicará os seus esforzos
teóricos a atacar á Revolución de Outubro, acusando os bolxeviques de saltarse
os límites impostos polas forzas produtivas de Rusia e, en definitiva,
cualificando a revolución como unha aberración.
No período que media entre a primeira e a segunda guerra mundial, o sector
centrista dominará a II Internacional, decretando resolucións formalmente
<<revolucionarias>> e <<marxistas>> pero, na práctica,
pregándose ás esixencias da á dereitista, que vai, deste modo, fortalecéndose
ata o punto de forzar en numerosos casos a participación da socialdemocracia en
gabinetes burgueses.
Da devandita participación ministerial en diversos países -Reino Unido,
Francia, Alemaña, etc. - xurdirán elementos que xa non fan dubidar do salto
operado pola socialdemocracia dende unha posición reformista, pero de clase, cara
a unha posición burguesa, situada entre os liberais e o comunismo. Dende o
asasinato de Rosa Luxemburgo e Karl Liebneckht, ata as medidas económicas
antiobreiras aplicadas con motivo da crise capitalista de 1929, todo revela o
auténtico carácter da socialdemocracia como partido burgués encargado de
realizar a conciliación de clases para tratar de evitar e conter o estalido
revolucionario opoñéndose ao desenvolvemento do movemento comunista.
O papel vergonzoso da socialdemocracia durante o ascenso do fascismo, a súa
negativa a chegar a acordos coa III Internacional e a súa vacilación pequenoburguesa
en momentos decisivos da loita de clases, foron claves para entender como o
fascismo chegou a apoderarse con relativa facilidade do aparato político do
Estado en distintos países. A súa confianza nos métodos legais, o seu
liberalismo podre, demostrou que a socialdemocracia se convertera en defensora
do capitalismo, dificultando o desenvolvemento da política de fronte única da
Internacional Comunista.16
Pero é despois da II Guerra Mundial cando ten lugar a máis evidente e
definitiva mutación da socialdemocracia. O triunfo sobre o nazi-fascismo; os
éxitos na construción do socialismo na URSS; a extensión do bloque socialista
mundial a toda unha serie de países; o desenvolvemento das contradicións nos
países capitalistas de Europa occidental, como consecuencia da destrución de
forzas produtivas operada na guerra; a redución da base material do
capitalismo; e o enorme prestixio do movemento comunista internacional entre as
masas obreiras de occidente, son factores que van colocando ao imperialismo
ante unha quella sen saída. A socialdemocracia, da man dos seus amos burgueses,
encontra de novo o seu lugar no intento de neutralizar a loita de clases.
Moitos dirixentes socialdemócratas no exilio trabaron estreito contacto cos
imperialistas anglo-norteamericanos configurando o que sería a orde subseguinte
á derrota do nazi-fascismo para países como Italia, Alemaña, Francia, Suecia,
Noruega, etc.17
En 1951 ten lugar o Congreso de Francfurt, no que se crea a Internacional
Socialista, e en 1959 no denominado Programa de Bad Godesberg fíxanse por
escrito as posicións políticas da socialdemocracia no partido máis grande e
máis influente desta tendencia, o SPD, que determinará os programas do resto de
partidos e da súa reconstituída Internacional.
Nese programa abandónase formalmente a referencia ao marxismo e sitúase,
sen nomealo sequera, ao lado da <<ética cristiá>> e o
<<humanismo>>. Xa pasaran os tempos nos que a socialdemocracia
necesitaba colocarse a etiqueta marxista para combater ao movemento comunista,
a partir dese momento trátase dunha aberta loita contra o marxismo. No terreo
da loita de clases englóbase a loita obreira dentro da loita por <<máis
democracia>> como obxectivo último do <<socialismo
democrático>>, cuxos horizontes son difusos e fan referencia a elementos
económicos que non superan o nivel do reformismo liberal, aceptando nos seus
termos principais as teorías económicas burguesas, a disciplina orzamentaria, o
keynesianismo como freo para a loita de clases, etc.; por dicilo con conceptos
que usa o mesmo programa: <<tanta planificación como sexa necesaria e tanta
competencia como sexa posíbel>>.18
Por se aínda quedasen dúbidas, aparecen referencias en contra do <<control
totalitario da economía>> afirmando a necesidade da existencia da
propiedade privada. Como horizonte máximo -nunca aplicado consecuentemente- a
referencia á <<democracia económica>> na que a clase obreira
debería poder intervir na xestión das empresas privadas e públicas. Agás
nalgúns sectores produtivos en Alemaña e outros países europeos, e coa salvidade
de que a devandita participación estaba circunscrita a determinados problemas
de xestión -tal e como sucede na actualidade coa participación de membros dos
comités de empresa (emblema desta política socialdemócrata) en consellos de
administración- e exercida pola burocracia sindical reformista, nunca se chegou
a aplicar tal cousa en país ningún, malia contar con maiorías parlamentarias
suficientes para facelo. En realidade, o Programa de Godesberg, aceptado
internacionalmente pola socialdemocracia, unicamente encontrou campo de
aplicación para a educación pública e a sanidade, e sempre restrinxido a
determinados países de Europa occidental.
As contradicións económicas inherentes ao denominado <<Estado do Benestar>>,
-que non foi máis que Estado de explotación para as maiorías obreiras
sacrificadas no altar do desenvolvemento capitalista e imperialista- levaron ao
desencadeamento da crise capitalista dos anos setenta e a un cambio na
percepción da maioría da burguesía, abandonando os principios keynesianos e
adoptando un enfoque netamente liberal, retomando as súas vellas concepcións do
<<deixar facer>>, separando ao Estado da intervención económica
directa e levándoo a exercer a súa influencia unicamente a través do orzamento
e da política monetaria, emprendendo a privatización do sector público creado
no período precedente.
É necesario, malia todo, engadir que o mesmo Programa de Godesberg renunciaba
xa a eses mecanismos <<directos>> e privilexiaba os indirectos,
agás naqueles sectores onde fose necesaria a intervención estatal para evitar a
conformación de monopolios privados. En realidade, a versión liberal formula
exactamente o mesmo, e mesmo fala de <<economía mixta>> para
incluír eses métodos de intervención estatal; o que acontece nestes anos,
década dos oitenta e dos noventa do século XX, é que se abandona a teoría dos
<<monopolios naturais en mans do Estado>> -enerxía, transporte,
telecomunicacións e outros sectores considerados estratéxicos- e abrázanse as
ideas dun Banco Central cuxa política monetaria ten como obxectivo único o
control da inflación sobre outras consideracións, como poida ser permitir certo
nivel de inflación para animar o investimento burgués.
A burguesía prioriza nesta época -ata o inicio da crise capitalista actual-
a privatización, a mercantilización de sectores produtivos situados nas marxes
da acción da lei do valor -cuxa esfera de acción fora modificada pola intervención
de poderes estatais-, a internacionalización da man de grandes empresas
monopolísticas que acumularan grandes cantidades de capital no período
precedente; ao mesmo tempo que empeoran as condicións políticas nas que o
movemento obreiro debe realizar o labor de defensa das súas condicións de vida
e traballo e incrementa a represión do movemento revolucionario, a militarización
da economía e a extensión da guerra imperialista.
Hoxe en día, a socialdemocracia mantén certa ligazón co movemento obreiro a
través das centrais sindicais reformistas, onde aínda mantén un discurso de
<<defensa dos traballadores>> de tipo puramente económico e que
tende, sempre, cara á conciliación coa burguesía. A súa misión é asegurar a paz
social, a imposibilidade do desenvolvemento dunha contestación obreira que
poida transformarse, como consecuencia do aumento da súa combatividade e da súa
organización, en desenvolvemento da conciencia de clase, do paso de conciencia
de clase en si a conciencia de clase para si, en
alternativa revolucionaria ao capitalismo agonizante.
Na crise capitalista na que estamos somerxidos, a socialdemocracia ten unha
misión ben clara: aplicar as medidas máis contrarias aos intereses obreiros
mantendo, dentro dos límites fixados pola oligarquía, o conflito de clases.
Así, mentres aproban medidas legais que son contrarias aos máis elementais
dereitos adquiridos durante décadas de loita do movemento obreiro (a
negociación colectiva, o dereito a indemnización por despedimento, unha contía
digna do salario mínimo e da pensión de xubilación, etc.), manteñen o control
sobre unha burocracia sindical profundamente enlazada á socialdemocracia e ao
aparato do Estado burgués.
As posicións de <<pacto social>> van encamiñadas a encadear ao
movemento obreiro a políticas que son manifestamente contrarias aos seus
intereses, favorecen aos monopolios e descargan as contradicións que estalaron
coa crise capitalista sobre as costas da clase obreira e das capas populares.
Trátase de refrotar a tendencia á baixa da taxa de ganancia, de favorecer o
ciclo de reprodución ampliada do capital e, para iso, de recruar a taxa de
explotación. Nesta misión, a socialdemocracia xoga un papel esencial: o papel
do bombeiro que trata de apagar o incendio, mesmo antes de que se produza.
Pequena burguesía e aristocracia obreira.
A socialdemocracia, como organización principal do reformismo pequenoburgués,
para preservar o apoio da súa base social pequenoburguesa e tamén das capas
medias que comparten co pequenoburgués a autonomía no traballo, a dirección
concreta de grupos de traballadores e traballadoras e certo afastamento da
máquina, mantén unha política tendente a illar a estes grupos do movemento
obreiro e impedir a conformación dunha fronte obreira e popular, hexemonizada
polo proletariado a través da súa vangarda política, que poida constituírse en
alternativa revolucionaria ao capitalismo.
Dentro deste campo, as políticas socialdemócratas van no sentido de soster
a pequena burguesía con fondos públicos como as exencións de pagamento á
seguridade social, tratando de aliviar, sen conseguilo, a situación da pequena
produción fronte á grande. No terreo sindical favorecen ás capas medias fronte
á maioría obreira, promovendo mellores condicións laborais, económicas e
sociais para eses grupos. Estes sectores foron a vella base da política
reformista burguesa dos anos do <<Estado do Benestar>>, ao verse
favorecido fronte a unha masa obreira condenada a condicións de explotación
extrema e desprovista de calquera apoio sindical. Todo iso ten como efecto o
empeoramento das condicións de vida e de traballo da maioría proletaria, o
agravamento da súa explotación e, tamén, o seu illamento cada vez maior do
resto de clases e sectores populares.
Aínda así, a crise capitalista golpeou duramente ás capas medias e á
pequena burguesía, que ven empeorar as súas condicións de vida e de traballo
como consecuencia do desenvolvemento das contradicións capitalistas,
demostrándose tamén para estes grupos o fracaso do reformismo. Ao mesmo tempo, a socialdemocracia estende a ideoloxía
pequenoburguesa da <<cidadanía>>, todos e todas iguais en dereitos
ante a lei, obviando as diferenzas de clase, a posición de cada cal ante a
propiedade dos medios de produción e ante o traballo, influíndo nos medios
obreiros para desactivar a loita de clases, precisamente, entre os que máis
sofren a explotación e máis necesitados están de asumir o seu papel histórico
como clase revolucionaria.19
No mesmo sentido, resulta esencial o papel xogado pola aristocracia obreira
no sostemento da socialdemocracia e no fortalecemento e difusión do
revisionismo no seo do movemento obreiro. A camarada Eleni Mpellou20 ofrece a
seguinte análise sobre este fenómeno:
<<Por suposto, o que acontece a nivel de conciencia, neste caso o
revisionismo, é un reflexo dos acontecementos socioeconómicos -as seccións da
clase obreira nos países capitalistas avanzados gozaron de salarios máis altos
e mellores condicións de vida debido á plusvalía extra que o capital obtiña nos
seus países, tomando por exemplo o monopolio do comercio exterior (Gran Bretaña
ata finais do século XIX) e a capacidade para explotar materias primas e
traballo barato en sociedades menos desenvolvidas-. Os fillos destas seccións
da clase obreira e da aristocracia obreira no movemento sindical e político
absorberon a propaganda burguesa por medio do sistema educativo e foron
incorporados aos mecanismos ampliados do Estado -ben nos "servizos"
do Estado burgués (educación, saúde, sanidade) ou puramente administrativos
(oficinas tributarias, administracións locais, mantemento da propiedade
estatal, etc.) ou en empresas públicas ou semipúblicas (bancos, servizos
públicos, enerxía, auga, industria de telecomunicacións, turismo, etc.).
A compra de seccións da clase obreira e a súa incorporación a sectores
dinámicos da industria capitalista logrouse en combinación co suborno amplo de
científicos que tiñan raíces obreiras; así podemos ver que a ampliación da base
social do oportunismo e o fortalecemento do revisionismo son fenómenos
interconectados. A capacidade das forzas políticas burguesas para comprar a
amplos sectores da clase obreira serviu ao obxectivo político de corromper ao
movemento obreiro, de distraelo do seu obxectivo estratéxico da revolución
socialista en Europa e, máis en xeral, no mundo capitalista desenvolvido e
mesmo en condicións nas que a correlación de forzas do socialismo mellorara tras o fin da II Guerra
Mundial>>.
A "esquerda socialdemócrata", os
revisionistas e o movemento comunista.
A socialdemocracia converteuse, ademais, nun activo participante na loita
de clases internacional contra o campo socialista. O papel que debían xogar os partidos socialdemócratas era debilitar os
partidos comunistas, organizar e fortalecer un movemento obreiro e
sindical non comunista. Ao lado doutros partidos furibundamente
anticomunistas -os trotskistas-, a misión asignada polo imperialismo era ben
clara: fragmentar o movemento obreiro, consolidar unha tendencia reformista
anticomunista e evitar o desenvolvemento da loita de clases nos países
capitalistas, así como prestar axuda política, económica e de calquera outro
tipo aos movementos contrarrevolucionarios que se ían desenvolvendo nos países
que construían activamente o socialismo. A CIA posuía unha rúbrica para os
devanditos partidos: <<esquerda non comunista>> que recibía tanto
apoio político, coma loxístico e económico.
Ao lado do papel abertamente hostil e contrarrevolucionario respecto aos
países socialistas, a socialdemocracia tamén xogou historicamente un papel de
penetración política dos partidos comunistas. Xa antes da II Guerra Mundial, a
socialdemocracia buscou apoios dentro do movemento comunista para chegar a
acordos que ligasen a estes partidos a políticas burguesas. Pero será despois,
na inmediata posguerra, cando xorden potentes tendencias reformistas no seo dos
partidos comunistas que cristalizaron no denominado <<eurocomunismo>>.
Este proceso foi posíbel na medida que o movemento comunista internacional,
atrapado na ficción da existencia dunha etapa intermedia, democrática e
antimonopolista, situada entre o capitalismo monopolista e o socialismo,
supeditou a súa estratexia a unha alianza parlamentaria coa socialdemocracia
que, co tempo, traería graves consecuencias para a clase obreira e para o
propio movemento comunista internacional, que encontraba inmensas dificultades
para definir unha estratexia revolucionaria nas novas condicións xurdidas da
postguerra.
As devanditas tendencias revisionistas, plenamente triunfantes na maioría
dos partidos de Europa occidental, tiñan a mesma base social que a
socialdemocracia de antano e seguiron o mesmo camiño que antes percorreran os
partidos socialdemócratas. Representaban, como reflexo, os intereses da pequena
burguesía e das capas medias, da aristocracia obreira e de sectores da burocracia
sindical. Chegaron á conclusión, descaradamente reformista, de que o socialismo
podería construírse, en Europa, a través dun acordo coa socialdemocracia de
tipo parlamentario, usando exclusivamente vías legais, constitucionais, reforma
a reforma, ata chegar a un punto no que se tivese construído o socialismo. A
devandita visión, utópica no sentido de reaccionaria, era unha quella sen saída
que encontrou os seus propios límites co cambio de política da burguesía como
consecuencia da crise económica do <<Estado do Benestar>>.
A bancarrota do revisionismo eurocomunista sófrena na actualidade numerosos
destacamentos obreiros de todo o mundo capitalista, especialmente dos países de
Europa, onde as organizacións herdeiras do eurocomunismo, mantendo nuns casos
as siglas e a simboloxía comunista ou despois de abandonala noutros,
conscientes da mutación dunha
socialdemocracia convertida décadas atrás en partido burgués, aspiran
a ocupar o flanco esquerdo dos parlamentos burgueses, iso si, sempre nunha
alianza supeditada dun ou outro xeito aos partidos socialdemócratas e sempre
baixo as bandeiras do reformismo que ondean dentro das marxes do sistema.
Ademais coincidían e coinciden, e non por casualidade, nunha visión
xenericamente favorábel á Unión Europea, proxecto imperialista da oligarquía
dos países que a conforman. Desexan converterse no partido da
<<esquerda>> homologábel para as devanditas institucións, aceptando
o fundamental da construción europea, as regras antidemocráticas e antiobreiras
do seu funcionamento e as súas políticas monetarias e económicas de sentido único, a chantaxe á que
someten os pobos de Europa na crise capitalista, e, en definitiva, ás políticas
impostas en cada momento pola burguesía.
Hoxe os devanditos partidos
oportunistas, organizados no Partido da Esquerda Europea, son
un obstáculo ao desenvolvemento da loita de clases, interpóñense como freo ao desenvolvemento das
posicións clasistas, da conciencia de clase; son, en definitiva, aliados
naturais da socialdemocracia, son a súa actual á esquerda, cumprindo a tarefa
de introducir a ideoloxía reformista e pequenoburguesa dentro do campo obreiro,
de soster unha falsa paz social que asegure un marco político ás medidas
antiobreiras que o capital ten que aplicar para manter a súa taxa de ganancia e
salvar a situación.
Algunhas consideracións finais.
Parte da base social da socialdemocracia, e tamén do revisionismo,
constitúena os sectores obreiros de baixa consciencia de clase que se suman á
loita pola defensa dos seus intereses inmediatos ante as crecentes agresións do
capital. Cando estes sectores, con escasa preparación política e nula
conciencia de clase, súmanse ás loitas que debe desencadear a clase para
defender os seus intereses fano, necesariamente, dende algún punto de vista
ideolóxico.
Efectivamente, o feito de que tales sectores obreiros non posúan
consciencia de clase para si non anula o feito de que posúen,
como toda persoa, unha visión do mundo, ideolóxica, que lles serve para
inserirse a si mesmos dentro da sociedade. A devandita visión do mundo, que non
procede por enteiro de posicionamentos clasistas, ten necesariamente que vir do
seu antagonista, se estamos de acordo con Marx en que nas sociedades divididas
en clases a ideoloxía dominante é a ideoloxía da clase dominante.
A súa visión do mundo, a súa ideoloxía, polo tanto, se non é proletaria
terá que ser necesariamente burguesa ou pequenoburguesa. Tratarase de
determinadas adaptacións ás condicións de vida da clase obreira das ideoloxías
propias da burguesía ou a pequena burguesía, e a máis adecuada historicamente a
estas funcións é, precisamente, os a
ideoloxía <<economicista>>, reformista, que pregoan os
sindicatos e os partidos socialdemócratas e tamén partidos
oportunistas do PEE ou similares. A devandita ideoloxía adáptase ás condicións
obreiras, pero faino dende a óptica burguesa, ao defender pequenos cambios
dentro do capitalismo que poidan mellorar ou aliviar as condicións actuais ás
que se ve sometido o proletariado.
Do mesmo modo, e de sentido aparentemente inverso, poderiamos considerar a
ideoloxía utópico-revolucionaria que, a pesar do seu pretendido
revolucionarismo, se mostra impotente para dirixir a loita revolucionaria e
remata por preconizar medidas que, de ser posíbeis, supoñerían unicamente
pequenos cambios mantendo o fundamental da explotación capitalista.
A misión da socialdemocracia, e das súas centrais sindicais dentro do campo
obreiro, consiste en impedir que a devandita posición, que é unha etapa
obxectiva no desenvolvemento da consciencia deses sectores, evolucione cara á
asunción dunha posición ideolóxica netamente proletaria, baixo o prisma do
marxismo-leninismo, e que tenda á confrontación co capitalismo, cara á súa
superación revolucionaria.
Polo tanto, ademais da existencia dos sectores sociais antes aludidos
-pequena burguesía e capas medias- dentro do movemento obreiro os sectores
pouco conscientes, os máis demorados, tamén poden ser unha base de apoio ao
revisionismo en xeral e á socialdemocracia en particular.
Os partidos comunistas vémonos obrigados a lidar con estas posicións e
estarémolo, baixo moi diversas condicións políticas, sociais ou económicas, ata
a superación mesma do conflito de clases, ata a etapa superior e última do
socialismo-comunismo. Nesas diversas
condicións, o reformismo tomará distintas posicións políticas pero, en esencia,
intentará adaptar o movemento obreiro ás posicións do seu inimigo de clase,
facendo que acepte o campo de batalla e as formas de loita que considera
válidas o seu inimigo e negando a necesidade de superar o sistema capitalista
xerador das contradicións que o manteñen na súa posición subordinada.21
A misión principal dos partidos comunistas neste campo, en xeral na acción
sindical, é elevar esa conciencia económica, que non supera o capitalismo, cara
a conciencia política revolucionaria, de modo que eses sectores abandonen as
teses ideolóxicas da pequena burguesía (ademais das anteriores poderiamos
mencionar a idea de que o Estado é neutral na loita de clases, de que a
legalidade é sagrada e que todo o estipulado nas leis se cumpre, a idea da
independencia do poder xudicial, da separación de poderes e outras inxenuidades
pequenoburguesas que frean obxectivamente
a loita de clases) e abracen as teses ideolóxicas propias da súa clase. Isto é
posíbel, precisamente, porque a ideoloxía proletaria marxista-leninista non é
máis que o reflexo, no terreo do subxectivo, das condicións económicas que
sofren os explotados, ou dito doutro modo, toda tentativa, a nivel social, de
intentar o mesmo con sectores non proletarios está condenada de antemán ao
fracaso -á marxe de que individualmente moitos membros da pequena burguesía e
das capas intermedias achéguense á clase obreira e mesmo adopten a súa visión
do mundo ante o desenvolvemento das contradicións capitalistas-.
O movemento comunista está obrigado a aprender dos seus erros, as
condicións en que a crise capitalista sitúa a loita de clases esixe un combate
frontal contra as posicións de integración que propugna a socialdemocracia e o
revisionismo nas filas obreiras. A independencia ideolóxica, política e
organizativa da clase obreira debe ser defendida con firmeza, sen concesións:
<<Agora o pobo, os empregados e obreiros, os pequenos comerciantes
e autónomos deben escribir as súas propias páxinas na historia do país e
escribilas literalmente en maiúsculas e grosa. A súa ira debe converterse en
forza de contraataque ata o final. Non hai outro camiño... a barbarie non se
humaniza.>>22
1 "As
premisas do socialismo e as tarefas da socialdemocracia", recompilación de
artigos Revista Neue Zeit, 1897-1898.
2 V.I. Lenin,
Marxismo e Revisionismo. Obras Completas, Tomo 17, páxina 24. Ed. Progreso,
Moscú, 1.983.
3 Idem.,
páxinas 19 e 20.
4 Idem.,
páxinas 20 e 21.
5 Idem., páxina
22.
6 V.I. Lenin,
"Quen se bole, provoca risa". Obras Completas, Tomo 25, páxina 187.
Ed. Progreso, Moscú, 1.984.
7 V.I. Lenin.
"A bancarrota da II Internacional". Contra o revisionismo, Ed.
Progreso, Moscú, 1.980, páxina 259 -260.
8 V.I. Lenin.
"Marx, Engels e o marxismo". Edición en Linguas Estranxeiras, Moscú,
1.947, páxinas 237 -238.
9 Enrique
Líster López. "Leninismo e oportunismo". Edicións PCOE, Madrid, 1976,
páxinas 21 -22.
10 V.I. Lenin.
"Marxismo e reformismo". Obras Completas, Tomo 24, páxina 1. Ed.
Progreso, Moscú, 1.984.
11 V.I. Lenin.
"A situación e as tarefas da Internacional Socialista". Contra o
revisionismo, Ed. Progreso, Moscú, 1.980, páxina 209.
12 V.I.
Lenin. "A bancarrota da II Internacional". Contra o revisionismo, Ed.
Progreso, Moscú, 1.980, páxina 238.
13 Idem.,
páxina 260.
14 Idem.,
páxina 268.
15 Idem.,
páxina 268.
16 Hoxe en
día, contando coa necesaria perspectiva e cando xa non existe dúbida ningunha
do carácter burgués e imperialista de moitas seccións da socialdemocracia
durante o desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, o movemento comunista debe
analizar con rigor a política de fronte única do proletariado cos partidos
socialdemócratas adoptada polo VII Congreso da I.C., toda vez que levou consigo
toda unha serie de consecuencias posteriores de indubidábel importancia para o
movemento comunista internacional.
17 Os lazos de
destacados cadros socialdemócratas coa oligarquía afondaron dende entón. A
xeito de exemplo, abonde sinalar a participación do ex presidente do goberno
español, Felipe González -Ex Secretario Xeral do PSOE-, no coñecido
como "Encontro Pais e Fillos", unha iniciativa privada que
congrega empresarios de toda América Latina e os seus herdeiros para
compartir "as receitas do éxito nos negocios" e falar
de "os temas sociais que preocupan ao mundo". Entre os
oligarcas participantes encóntranse, entre outros, Carlos Slim, o segundo home
máis rico do mundo; o magnate colombiano Julio Mario Santo Domingo; o
empresario venezolano Gustavo Cisneros; os arxentinos Paolo Rocca, Federico
Braun e Alfredo Román; os chilenos Andrónico Lucksia e Álvaro Saieh ou os
brasileiros Joao Roberto Marinho, David Feffer e Antonio Moreiras. (Diario
Público, Madrid, 08/03/2009, noticia da Axencia EFE).
18 Programa
Básico do SPD. Bonn, 1959, páxinas 5-17.
19 Respecto a
algúns movementos que como o coñecido 15 -M ou movemento dos
indignados en ningún caso transcenden o formulacións
socialdemócratas, remitimos á Declaración do Comité Executivo do PCPE sobre as
mobilizacións iniciadas o 15 M, de 19 de maio de 2011, e que pode consultarse en http://www.pcpe.es/comunicados/item/268-sobre-las-movilizaciones-iniciadas-el-15-m.html.
20 Membro
do Buró Político do Partido Comunista de Grecia. Cita do seu artigo "Ideas sobre unha nova Internacional. O internacionalismo na teoría marxista",
escrito a petición do Partido Comunista de Turquía para unha actividade
organizada polo Centro de Investigación Marxista. Publicado na revista teórica
do KKE (Komunistitiki Epitheorisi, segundo número de 2.010).
21 O
Presidente do Congreso español e dirixente do PSOE, José Bono, declarou
publicamente que a "loita de clases" no século XXI "é unha milonga"
que non coa xa nin en China", que o emprego teñen que crealo na
actualidade "basicamente" empresarios con "axuda" das
administracións polo que, recalcou, o PSOE non fará campaña "en contra dos
que crean riqueza e emprego". Declaracións reflectidas nos medios de
comunicación españois o 9 de maio de 2.011, EUROPAPRESS.
22 Discurso da
camarada Aleka Papariga, Secretaria Xeral do KKE, ante miles de traballadores e
traballadoras, o 11 de maio de 2011. Tradución do inglés realizada pola Área de
Internacional do CC do PCPE.
[Fonte: Revista Comunista Internacional, nº3, edición en papel de Setembo do 2012, pp. 27-41]
-Traducido por FORXA!-