A actual crise sistémica do capitalismo, coincide
co desenvolvemento de procesos progresistas e revolucionarios, fundamentalmente
de carácter antiimperialistas e antioligárquicos, particularmente en América
Latina, cuxas múltiples contradicións intrínsecas xeran expectativas en
diversas direccións.
Un dos trazos comúns en tales procesos políticos,
ademais do seu carácter cuestionador da dominación imperialista estadounidense
na rexión, a reivindicación da soberanía nacional e unha mellor distribución da
riqueza, atributos que de por si os fan merecedores do respaldo das forzas
consecuentemente revolucionarias, é que a súa vangarda social foi asumida por
sectores radicalizados da pequena burguesía e de capas medias profesionais,
mesmo con importante protagonismo da chamada burguesía nacional emerxente, non
monopolista, interesada en tomar as rendas da dinámica económica, en
contraposición coa estratexia de control hexemónico global dos monopolios
transnacionais.
Confrontación interburguesa que ten particular
definición en Venezuela, coa súa economía petroleira rendista, onde
practicamente toda a dinámica económica e social xira arredor dos recursos que
xera a exportación de cru, actividade baixo monopolio estatal, polo que as
diversas fraccións burguesas intentan tomar control directa ou indirectamente
do aparato estatal e a administración da renda petroleira.
En tal contexto, xurdiu a formulación
diversionista do "socialismo do século XXI", con maior forza erguido
polo liderado da Revolución Bolivariana en Venezuela, seguido polos gobernos
progresistas de Ecuador, Bolivia e Nicaragua, asumido ademais por correntes
políticas oportunistas noutros países de América Latina e o Caribe.
Esta circunstancia histórica foi berce do renacer
de diversas vellas "teorías" e concepcións, presentadas con aparencia
de orixinais e autóctonas, etiquetadas de endóxenas, pero que en definitiva
envolven a negación da loita de clases e do papel revolucionario da clase
obreira, da desestimación da teoría científica do proletariado e da necesidade
do seu instrumento orgánico, o partido político fundamentado nos principios do
marxismo-leninismo.
De tal xeito, desde a dirección do proceso
venezolano hai sectores que difunden conceptos introducidos por teóricos
socialreformistas, "posmodernistas" e revisores do marxismo, elevando
á categoría de suxeitos históricos da revolución "ás multitudes"
(Antonio Negri e Paolo Virno), "ao Pobo" -desprovisto dun sentido de
clase- e ás comunidades territoriais. O problema con estas categorías é que son
xenéricas e abstractas, non historicamente concretas, e carecen polo tanto de
contido clasista específico. Falar de "as multitudes", por exemplo, é
escamotear ou polo menos deformar a loita de clases, que acontece non entre os
moitos e os poucos, senón entre os explotados e os explotadores,
independentemente das súas respectivas forzas numéricas. Ademais, ao resaltar
de xeito superlativo, dende a dirección do proceso revolucionario e do goberno,
o papel protagónico das comunidades territoriais, óbviase ou aínda máis se
intenta frear o desenvolvemento organizativo e sociopolítico, que necesita
alcanzar a clase obreira e demais traballadores e traballadoras, dende os seus
centros de traballo e por ramas de actividade laboral, na dinámica da loita de
clases, pola supresión das relacións capitalistas de produción.
Á par, dende instancias dirixentes do proceso
difúndese a negación do materialismo dialéctico e a descualificación da
actuación das leis do desenvolvemento social (Kohan), tratando de darlle
sustento teórico ao voluntarismo e ao subxectivismo, en desmedro da concepción
materialista da historia. Nesa explosión de diversionismo ideolóxico, ábrese
paso con facilidade o anticomunismo no discurso e na práctica política, a nome
do socialismo do século XXI, facendo concesións á ideoloxía burguesa e á
chantaxe anticomunista da guerra sicolóxica do imperialismo, debilitando a
forza política e moral da revolución bolivariana fronte aos plans da
contrarrevolución.
Tal situación ten a súa explicación, en boa
medida, na aínda insuficiente forza cuantitativa e cualitativa da clase obreira
venezolana, que lle impediu ata agora xogar un papel determinante ou relevante
no curso do proceso de cambios polos que transita a República Bolivariana de
Venezuela, aínda que hai manifestacións crecentes e indubidábeis dunha cada vez
maior conciencia política da clase obreira e do pobo traballador venezolano, o
que favorece o desenvolvemento dunha liña política para a defensa,
consolidación e afondamento dos cambios revolucionarios. Algunhas destas
manifestacións positivas, son as accións de masas pola aprobación dunha nova e
revolucionaria Lei Orgánica do Traballo e a loita por avanzar no establecemento
dun novo modelo de xestión das empresas, particularmente as de propiedade
estatal, baixo o principio de control obreiro, coa constitución dos Consellos
Socialistas de Traballadores e Traballadoras, como instrumentos para o
exercicio da dirección colectiva das e dos traballadores nos procesos
produtivos, en combate por desmantelar as opresivas relacións capitalistas de
produción e por destruír o Estado burgués, propiciando a formación dunha
conciencia revolucionaria na clase obreira.
Os consellos socialistas de traballadores e
traballadoras, tal e como os concibe o PCV, cumprirán cabalmente o seu papel
revolucionario de clase, na medida en que as e os traballadores que asumen a
súa construción e desenvolvemento, elevan a súa conciencia, de clase en si a
clase para si; a diferenza dos "consellos obreiros" xurdidos por
iniciativa do socialreformismo nalgúns países europeos.
De acordo á análise que fai o Partido Comunista
de Venezuela (PCV), os cambios acontecidos nestes anos no marco da denominada
Revolución Bolivariana son, ata o presente momento, o resultado dunha práctica
social-reformista de tendencia patriótica e progresista, cun determinante
protagonismo de sectores da pequena burguesía. Tal realidade será transcendida
só mediante unha nova correlación de forzas populares e revolucionarias
liderada pola clase obreira, que permitirá garantir a consolidación da
liberación nacional e crear condicións para avanzar efectivamente cara ao
obxectivo estratéxico da toma do poder pola clase obreira e avanzar na
construción do socialismo.
Aproxímase entón a Revolución Bolivariana a unha
encrucillada e disxuntiva histórica, cuxo desenlace estará determinado pola
correlación de forzas de clases que opere no seu interior: ou consolida un
proceso de reformas progresistas que preserve os alicerces do sistema
capitalista ou avanza cara a unha transición de desmontaxe do aparato estatal
burgués e substitución do actual carácter dominante das relacións capitalistas
de produción.
Causas
do insuficiente protagonismo da clase obreira no actual proceso venezolano.
A clase obreira venezolana non tivo,
historicamente e en termos xerais, unha alta composición numérica, debido
fundamentalmente ao tradicional modelo monoproductor e monoexportador da nosa
economía nacional e ás características de atraso industrial do noso país,
resultado da condición dependente e ao papel asignado ao noso país, no marco da
división internacional do traballo baixo dirección imperialista, como produtor
e exportador case exclusivo de materia prima, especificamente de petróleo cru.
Se ben entre os anos 60 e 70 do século XX,
xurdiron conglomerados industriais de certa importancia, fundamentalmente de
propiedade estatal, como as empresas da Corporación Venezolana de Güiana (CVG),
non obstante na década dos 80, como efecto da aplicación das políticas
neoliberais, iniciouse unha acelerada desindustrialización do país. Esta
tendencia foi detida a partir do ano 1999 cando o goberno do Presidente Chávez
rompeu coa política neoliberal, pero diversos factores internos e externos
impediron que se active un proceso de sostida reindustrialización do país.
Se ben é certo que a debilidade do tecido
produtivo provocou un decrecemento numérico relativo do proletariado industrial
(por exemplo, o número de traballadoras e traballadores ocupados na industria
manufactureira reduciuse máis de 20% dende 1990), isto non significa un
decrecemento absoluto da clase traballadora, posto que houbo un aumento da
forza de traballo ocupada noutros sectores, particularmente na construción, o
comercio e os servizos públicos, incluíndo as telecomunicacións e a enerxía
eléctrica.

Efectivamente, experimentouse un proceso de
diminución do parque industrial, produto do peche unilateral de empresas por
parte dos seus propietarios, ben sexa por motivos políticos ou por razóns
económicas ligadas aos efectos residuais das políticas neoliberais que
favoreceron as tendencias cara á concentración e centralización do capital.
Así, entre 1996 e 2007, o número total de empresas industriais manufactureiras
reduciuse en case un 40 por cento, redución que afectou especialmente á pequena
e mediana empresa.
En canto ao proletariado petroleiro venezolano,
este non rexistrou historicamente un gran número de efectivos, aínda que nas
primeiras cinco décadas do século XX, período de establecemento e consolidación
da economía petroleira, era o compoñente máis numeroso, organizado e combativo
do conxunto da nosa clase obreira. Experimentou logo unha diminución e
debilitamento, resultado da irrupción do uso de novas tecnoloxías e da
profusión dos mecanismos de tercerización e subcontratación nas relacións de
traballo, ademais da influencia perniciosa e divisionista das correntes
corrompidas da socialdemocracia pro-imperialista, que dominaron ao sindicalismo
petroleiro por moitos anos.
Actualmente, coa intensificación de actividades
na Faixa do Orinoco e a recente estatización dos servizos vinculados ás
actividades primarias como transporte, perforación, servizos xerais, entre
outras, a estatal Petróleos de Venezuela S.A. (PDVSA), incrementou o seu
persoal cen mil traballadores e traballadoras, incluíndo a avultada nómina
administrativa e de servizos sociais que tamén lle asignou o goberno
bolivariano á corporación petroleira nacional.
En canto aos aspectos subxectivos que definen o
ata agora insuficiente protagonismo revolucionario da nosa clase obreira, están
a tradicional división orgánica do movemento sindical venezolano, a súa débil
organización e o predominio na súa dirección de tendencias reformistas e
burocráticas, aínda que sempre estiveron moi activas e combativas as tendencias
que reivindican o clasismo no seo do noso movemento sindical, con destacada
participación das e os militantes comunistas.
A loita
contra o reformismo e o oportunismo no movemento obreiro venezolano.
A confrontación en Venezuela entre o sindicalismo
clasista e o sindicalismo reformista e os seus agrupamentos orgánicos non están
á marxe da loita histórica universal por gañar ás masas traballadoras, ou ben
para batallar por romper as cadeas da explotación capitalista e conquistar a
plena liberación social, ou para aceptar submisamente a moderna escravitude
asalariada e condenar toda a humanidade á opresión que exerce o capital.
Como é sabido, a división orgánica e política do
sindicalismo ten as súas orixes na historia mesma do movemento obreiro
internacional, dende o momento en que o inimigo de clase logra que as
tendencias reformistas e oportunistas se desenvolvan e actúen con forza no seu
seo. De tal xeito que, coa división da Segunda Internacional en 1914, naceu a
socialdemocracia burguesa contemporánea, portadora do colaboracionismo de
clase.
A Federación Sindical Mundial (FSM), fundada en
1945, como a central internacional que expresa os xenuínos intereses e
obxectivos das e os traballadores do mundo, foi dividida aos poucos anos,
resultado dunha conspiración orquestrada polo imperialismo norteamericano. Nos
últimos anos, a dereita sindical mundial, respondendo á estratexia global de
dominación dos capitais transnacionais, decidiu unificarse nunha soa central,
fundando en novembro de 2006 a Confederación Sindical
Internacional (CSI), produto da fusión da socialdemócrata CIOLS e da
socialcristiana CMT. En América, unificaron á Organización Rexional
Interamericana do Traballo (ORIT), filial continental de CIOLS e á Central
Latinoamericana de Traballadores (CLAT), filial continental de CMT, na
Confederación Sindical de Traballadores e Traballadoras da América (CSA). En
Venezuela, as centrais sindicais dereitistas CTV, CGT e CODESA -as dúas últimas
case extintas-, afiliáronse á CSA e á CSI.
A FSM, pola súa banda, contou dende os anos 60
coa afiliación da Central Unitaria de Traballadores de Venezuela (CUTV), que
aínda con relativa debilidade orgánica, foi por décadas un referente clasista
nas loitas das e os traballadores venezolanos, particularmente ao momento de denunciar
e combater, nos anos 80 e 90, contra as políticas neoliberais de
flexibilización laboral, desmontaxe da seguridade social e privatización de
empresas, sendo a contraparte da patronal e pro-imperialista CTV, que dende os
anos 60 se converteu en instrumento sindical ao servizo da oligarquía
venezolana e os seus gobernos.
O inicio do proceso revolucionario bolivariano,
coa elección do Presidente Chávez e a aprobación da Constitución da República
Bolivariana de Venezuela, agudizou a loita de clases pero tamén creou
condicións para o desprazamento da hexemonía sindical exercida pola CTV e a
busca da unidade sindical, a partir do reagrupamento dos moi diversos factores
laborais afectos ao proceso revolucionario. Nesa dinámica xorde a Unión
Nacional de Traballadores e Traballadoras (UNETE), afecta á FSM, que avala ao
proceso revolucionario dende posicións de independencia de clase.
Malia o avance que significa o proceso
antineoliberal e antiimperialista en desenvolvemento en Venezuela e malia a
existencia da UNETE, o movemento obreiro e sindical venezolano segue
enfrontando a histórica tendencia da burguesía e do Estado a sometelo á súa
tutela e subordinación. Ademais das correntes sindicais abertamente
contrarrevolucionarias, existen correntes que, aínda que pregoando unha
posición a favor do proceso revolucionario, teñen unha concepción e unha
práctica reformista e oportunista, optando por un sindicalismo patronal e
oficialista, que propugnan a división da UNETE e a conformación doutra central
sindical, construída burocraticamente dende escenarios do poder estatal. Esta
situación complica a loita das e os traballadores fronte á patronal pública e
privada, aínda máis cando dende diversas instancias do poder político se tende
a asumir unha posición abertamente antisindical ou, en todo caso, contraria á
existencia independente das organizacións das e os traballadores.

Esta necesidade ponse de relevo ante o feito
certo de que está en desenvolvemento unha xeralizada tendencia a colocar baixo
a subordinación do goberno nacional e doutras instancias do poder estatal, a
todas as organizacións sociais. Pero o caso é particularmente grave no caso das
organizacións da clase traballadora, posto que ao exercer a pequena burguesía a
hexemonía da dirección do proceso e do goberno nacional, preténdese que as e os
traballadores declinen a súa independencia de clase, indispensábel para
demandar os seus dereitos particulares e para reivindicar os seus intereses
colectivos, económicos, sociais e políticos que, basicamente, son os mesmos
intereses das maiorías populares da cidade e o campo, pero que á vez son
intereses contrarios aos sectores que, no fundamental, exercen boa parte do
poder político. Tal situación está a xerar continuos e crecentes conflitos.
Así as cousas, a loita por avanzar cara á unidade
orgánica e programática do movemento das e os traballadores, inscríbese na
loita por transformar ao sindicalismo venezolano, rearmándoo dos principios que
deben guiar a acción liberadora da nosa clase, esencialmente para derrotar ao
reformismo no seu seo e para que este, nas súas diversas loitas e realizacións,
sirva á formación da conciencia de clase e ao ascenso do proletariado, en
alianza estratéxica con outras clases e capas sociais tamén explotadas e
oprimidas, á condición de clase dirixente.
Tal e como o afirmou o XIII Congreso
Extraordinario do PCV (marzo, 2007): "...entre
as tarefas de maior transcendencia do partido da revolución, encóntrase o
deseño dunha política capaz de conquistar o movemento sindical para axeitalo,
para erradicar os enormes vicios incubados como consecuencia das tremendas
perversións do reformismo, das practicas desenvolvidas polos sindicatos
patronais, e dos efectos do clientelismo, para romper definitivamente coa súa
atomización, para convertelo nunha forza de primeira liña na construción dunha
nova sociedade. "
É
necesaria a existencia e o fortalecemento do partido da clase obreira no marco
do proceso político venezolano.
Os que desde o proceso bolivariano consideran que
a clase obreira non é o suxeito histórico da revolución social, xa por
descoñecemento da teoría do socialismo científico, xa por considerar ameazados
os seus intereses de clase, chegan á conclusión de que a clase obreira non debe
organizarse de xeito independente, como clase. Polo tanto, desdeñan e
cuestionan a vixencia do partido revolucionario da clase obreira, tratando de
descualificar o Partido Comunista de Venezuela, xogando á súa invisibilidade,
premendo pola súa liquidación.
A este respecto a Tese sobre o Partido da
Revolución, emanada do XIII Congreso Extraordinario do PCV, efectuado en marzo
do 2007, en momentos en que se lle propoñía ao noso partido a súa integración
no nacente Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), de carácter
policlasista, o que levaría consigo á súa liquidación, expresa o seguinte:
"Ao
referirnos á participación e protagonismo das masas, temos que facer unha
énfase especial no esforzo orgánico que nos corresponde cumprir coa clase
obreira e demais sectores de traballadores e traballadoras. Se nos formulamos
erradicar o capitalismo, debemos converternos na organización política, no
interprete xenuíno dos intereses da clase social que, pola súa posición na
estrutura socioeconómica, non só resulta a máis directamente afectada pola
explotación capitalista e, polo tanto, obxectivamente a máis interesada na
supresión da escravitude asalariada, senón ademais a que, coa consecución desta
última meta, libera ao resto da sociedade do réxime de explotación, pois,
desprovista como está dos medios de produción, non aspira a conquistalos para a
explotación doutras clases sociais. "
Agrega de seguidas este documento: "... o partido da revolución deberá ser polo seu contido, pola súa
política, pola súa composición, pola súa ideoloxía, polos intereses que
encarna, o partido da clase obreira e de
todo o pobo traballador. Por suposto, a este partido tamén entrarán membros
doutras clases e capas da sociedade, pero a condición de que ao facelo asuman
como propios os intereses que encarnará o partido, que deberán ser os da clase
obreira, se queremos ser consistentes co obxectivo programático de natureza
estratéxica que perseguimos: o socialismo.
A
definición precisa do contido clasista do partido da revolución é unha
necesidade histórica, e non está disputada co carácter antiimperialista da
revolución bolivariana na actualidade. Esta fase da nosa revolución esixe,
efectivamente, unha ampla alianza de clases... en torno aos obxectivos da liberación
nacional. Aproveitar todas as contradicións e diverxencias que poidan existir
entre sectores da burguesía grande e pequena, por un lado, e o imperialismo,
polo outro, é unha das tarefas primordiais da alianza antiimperialista; pero
esta alianza non debe producirse no seo do partido da revolución, especialmente
cando recoñecemos que o rumbo desta revolución apunta ao socialismo.
O
partido da revolución socialista non poderá cumprir o seu obxectivo histórico
se se conforma baixo unha concepción policlasista que, en definitiva, subordina
ao conxunto das clases, capas e sectores sociais de carácter popular, aos
intereses do bloque económico dominante no seo da respectiva organización. As
limitacións deste tipo de partido son amplamente coñecidas na nosa historia:
dilúese o carácter revolucionario do partido, subordínanse os intereses
anticapitalistas do pobo traballador aos intereses do capital sobre a base de
reacomodos, concesións e dádivas; suplántase a loita de clases como mecanismo
de transformación pola conciliación de clases coa finalidade de estabilizar o
sistema; substitúese a revolución pola reforma; esvaécese o horizonte histórico
socialista e comunista, co cal só a clase obreira está organicamente vinculada."
De tal xeito, o noso partido fixaba posición e
facía achegas para o debate, entón aberto, en torno ao carácter do partido que
necesita a revolución venezolana. Neste XIII Congreso Extraordinario, o PCV
reafirmou a súa condición de partido revolucionario da clase obreira,
sustentado na teoría científica do marxismo-leninismo, tal e como o asumiu
dende a súa fundación en 1931 e que, utilizando tal ferramenta teórica e
metodolóxica, deseña unha liña política baseada na necesidade de resolver a
contradición principal do momento histórico, a que existe entre os intereses
hexemónicos do imperialismo e os da nación venezolana, e a contradición
fundamental e irreconciliábel presente na sociedade capitalista: entre o
capital e o traballo. De alí a necesidade de que a clase obreira, co seu partido
e a súa ideoloxía revolucionaria, asuma a vangarda na loita pola liberación
nacional e o socialismo, na perspectiva comunista.
Unha
liña política dialéctica: alianza antiimperialista e necesidade dunha
correlación de forzas baixo dirección da clase obreira.

As e os comunistas loitamos para que o Bloque
Popular Revolucionario sexa liderado pola clase obreira, para que no contexto
da agudización da loita de clases, este poida asumir consecuentemente a batalla
social e política contra o dominio do capital, e pola instauración dun Estado
democrático-popular revolucionario en que inicie a edificación do verdadeiro
socialismo, coa clase obreira en condición de vangarda. Construír un Bloque
Popular Revolucionario é de crucial importancia para a clase obreira na súa
loita polo poder, como o afirmaba o camarada Antonio Gramsci en 1926,
consecuente co pensamento leninista, de non obxectábel actualidade para as e os
comunistas venezolanos: "O
proletariado pode converterse en clase dirixente e dominante na medida que consiga
crear un sistema de alianzas de clase que lle permita mobilizar contra o
capitalismo e o Estado burgués a maioría da poboación traballadora".
Pedro Eusse
Membro do Buró Político do Partido Comunista de Venezuela.
Corrente Clasista de Traballadores "Cruz Villegas"
[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional, Setembro 2012, pax. 151-161]
-Traducido por FORXA!-
[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional, Setembro 2012, pax. 151-161]
-Traducido por FORXA!-