
Hai que
combater a política criminal e bárbara do capital.
Convócanse as eleccións
do 21-O nun escenario de destrución masiva dos dereitos básicos e condicións de
vida do Pobo Galego Traballador. Condicións que aínda se verán agravadas pola
máis que posíbel intervención da troika a través dun novo rescate que traerá
aparellado novos e brutais recortes e que empobrecerán aínda máis ao pobo e
privarán de dereitos á Clase Obreira e ás clases traballadoras.
Con preto de 300 mil
parados e paradas en Galiza, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e
laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas por parte da banca
e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao borde da indixencia
a milleiros de galegos e galegas que aínda onte se chamaban a si mesmos “clase
media”, privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos
nosos maiores e dependentes a unha situación de desprotección absoluta e
dramática que se “resolve” recruando a dobre explotación da muller traballadora
nos ámbitos laboral e doméstico.
Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de reducir a
Clase Obreira a unhas condicións propias
do século pasado e avanzar cara á escravitude pura e dura con xornadas laborais
de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un
empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e
pobreza. Ese é o futuro que promete o capitalismo.
Fronte a esta orde de
cousas e ante a grave situación que estamos a padecer, as e os comunistas
reafirmamos una vez máis que só mediante a loita e a organización será quen a
Clase Obreira de responder á ofensiva desatada polas forzas do capital. Non
existen alternativas de tipo electoral capaces de dar solucións inmediatas aos
problemas que sofre o pobo traballador. Só a acción organizada, resolta e
unitaria da propia Clase Obreira será quen de enfrontar as políticas bárbaras e
criminais do capital e cuestionar a propia orde capitalista. O pobo coa Clase Obreira
á fronte debe organizar a resistencia a
cumprir os ditados da oligarquía nas fábricas, nos centros de traballo e nas
rúas; promover folgas parciais en cada empresa e sector;
unificar todas as loitas baixo un programa transformador e revolucionario nunha
Fronte única, preparar a Folga Xeral e organizar a presión e a mobilización
xeral, continuada e sostida, para derrocar á oligarquía, o seu goberno e o seu
poder. Este é o camiño polo que apostamos os comunistas
e no cal, a loita electoral, é unha importante batalla pero non é a batalla
única, nin a decisiva.
O capitalismo non se pode humanizar.