
Hai que
combater a política criminal e bárbara do capital.
Convócanse as eleccións
do 21-O nun escenario de destrución masiva dos dereitos básicos e condicións de
vida do Pobo Galego Traballador. Condicións que aínda se verán agravadas pola
máis que posíbel intervención da troika a través dun novo rescate que traerá
aparellado novos e brutais recortes e que empobrecerán aínda máis ao pobo e
privarán de dereitos á Clase Obreira e ás clases traballadoras.
Con preto de 300 mil
parados e paradas en Galiza, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e
laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas por parte da banca
e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao borde da indixencia
a milleiros de galegos e galegas que aínda onte se chamaban a si mesmos “clase
media”, privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos
nosos maiores e dependentes a unha situación de desprotección absoluta e
dramática que se “resolve” recruando a dobre explotación da muller traballadora
nos ámbitos laboral e doméstico.
Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de reducir a
Clase Obreira a unhas condicións propias
do século pasado e avanzar cara á escravitude pura e dura con xornadas laborais
de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un
empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e
pobreza. Ese é o futuro que promete o capitalismo.
Fronte a esta orde de
cousas e ante a grave situación que estamos a padecer, as e os comunistas
reafirmamos una vez máis que só mediante a loita e a organización será quen a
Clase Obreira de responder á ofensiva desatada polas forzas do capital. Non
existen alternativas de tipo electoral capaces de dar solucións inmediatas aos
problemas que sofre o pobo traballador. Só a acción organizada, resolta e
unitaria da propia Clase Obreira será quen de enfrontar as políticas bárbaras e
criminais do capital e cuestionar a propia orde capitalista. O pobo coa Clase Obreira
á fronte debe organizar a resistencia a
cumprir os ditados da oligarquía nas fábricas, nos centros de traballo e nas
rúas; promover folgas parciais en cada empresa e sector;
unificar todas as loitas baixo un programa transformador e revolucionario nunha
Fronte única, preparar a Folga Xeral e organizar a presión e a mobilización
xeral, continuada e sostida, para derrocar á oligarquía, o seu goberno e o seu
poder. Este é o camiño polo que apostamos os comunistas
e no cal, a loita electoral, é unha importante batalla pero non é a batalla
única, nin a decisiva.
O pobo, e
particularmente a Clase Obreira, deben castigar as opcións da oligarquía tamén
no plano electoral pero non deben albergar falsas esperanzas con respecto á
natureza política das forzas burguesas e reformistas que concorren a estas
eleccións, pois ningunha pode dar resposta ás necesidades inmediatas nin
futuras do pobo. Tampouco pode albergar esperanzas con respecto á capacidade do
seu voto, de promover por si só cambios profundos “revolucionarios” tal e como
sostén a esquerda reformista.
Para a Clase Obreira é de vital importancia comprender a natureza política e de clase das distintas forzas do abano
parlamentario, comprender se estas se sitúan do lado da Clase Obreira e
do pobo ou do lado da Unión Europea e do seu proxecto político, militar e
económico. Ou están coa loita da Clase Obreira ou están ligadas aos intereses
das clases dominantes, da oligarquía financeira, dos grandes bancos e dos
monopolios.
As políticas regresivas foron e son aplicadas tanto por
gobernos liberais como por gobernos socialdemócratas, alén de contar co apoio e
a colaboración de forzas políticas periféricas de toda cor política. As súas
políticas son as mesmas, submisión aos mercados e ao capital.
Todas estas forzas deben ser castigadas sen excepción por
ser favorábeis á integración na imperialista Unión Europea, por seren axentes
activos e cómplices na elaboración dos distintos tratados que fan hoxe posíbel
unha ofensiva contra a Clase Obreira sen precedentes.
O inimigo principal non é nin Rajoy, nin Feijoo,
nin o PP, senón a clase á que serven e os organismos imperialistas dos que
emanan as reformas que estes aplican, é dicir, a UE, o BCE e o FMI. Estes son os inimigos aos que
combater e derrotar e isto non se poderá facer con declaracións vanas con
respecto á Europa dos pobos e da democracia, senón cunha posición clara de
ruptura coa Unión Europea, cun non rotundo á chantaxe da débeda e do seu
pagamento, para unha saída das estruturas imperialistas.
Que solucións barallan uns e outros desde os
liberais, os socialdemócratas os reformistas, ou os nacionalistas para saír da
crise? Son realistas as súas propostas e é realmente posíbel saír da crise sen
rachar coas estruturas imperialistas e superar o sistema capitalista?
As propostas liberais van unicamente dirixidas
ao reforzamento do capitalismo como sistema explotador, arrasando con todo o
que entorpeza e ameace a súa continuidade. Os
estrategas do capitalismo plantexan as súas reformas, non para resolver
os problemas inmediatos de paro e empobrecemento masivo, senón para, abaratando
a man de obra, destruíndo forzas produtivas e recruando a taxa de explotación,
tentar remontar a súa taxa de ganancia e reiniciar o ciclo de acumulación
nunhas condicións moito máis vantaxosas para os capitalistas.
A socialdemocracia segue a ser un dos principais
instrumentos do poder da oligarquía. Un dos seus principais resortes para perpetuar o seu poder
sobre a Clase Obreira a través das súas políticas oportunistas. Estas forzas
enganan a amplas masas da poboación cun discurso aparentemente favorábel aos febles,
ás capas da sociedade máis desfavorecidas. Un discurso que culpabiliza ás
forzas liberais dunha “mala xestión” económica que se limita a situar o debate
político entre control do déficit e inversión económica, tan repetido por
Holland en Francia, que agora se encamiña cara as mesmas políticas cas dos seus
predecesores.
O
nacionalismo amosase, hoxe, incapaz de aportar alternativas que satisfagan as
necesidades das clases traballadoras. Lastrado política e ideoloxicamente por unha falla de análise
científica das condicións obxectivas, e dunha caracterización correcta da crise
estrutural do capitalismo, sitúa a mala xestión a incompetencia e a ineficacia
do actual goberno do PP como un elemento relevante -esquecendo que o goberno do
PP está a executar cun altísimo grao de eficacia as políticas destinadas a
reducirnos á miseria e á escravitude e liquidar todo o público para garantir o
máximo beneficio aos monopolios. En virtude da súa propia natureza de proxecto
interclasista, relega a un segundo plano
a loita de clases e a contradición principal entre capital e traballo,
instálase no reformismo e no oportunismo
institucional e aposta pola soberanía nacional como mera fórmula -ou nalgún caso, como etapa intermedia- para saír da crise
estrutural do capitalismo convertendo esta na opción da pequena e mediana
burguesía, que ao igual que a burguesía nacional vasca e catalá instrumentalizan
a cuestión nacional única e exclusivamente para a defensa dos seus intereses de
clase, subordinando os intereses xerais obreiros e populares a una estratexia e
a unha táctica alleas ao proxecto
emancipador da clase obreira. Nun hipotético estado galego burgués
integrado nas estruturas imperialistas da UE a clase obreira non ten nada que
gañar.
Pola contra, a alternativa comunista e proletaria para loitar contra a
opresión nacional, pasa por entender que esta forma parte da loita xeral pola
emancipación social e o socialismo, na que o dereito democrático de
autodeterminación, hoxe, nesta fase histórica do capitalismo terminal na Europa
imperialista, ten como suxeito deste dereito ao proletariado, e está
determinado pola primacía da Revolución socialista e a cuestión da conquista do
poder político pola Clase Obreira. Só o Poder Obreiro pode garantir
consecuentemente o exercicio deste dereito, entendido como exercicio de
soberanía por parte dos pobos traballadores das nacións oprimidas, e como parte
do proceso de construción socialista, sobre a base da efectiva liberación
nacional, nun novo marco de igualdade e solidariedade entre os pobos,
erguéndose sobre as ruínas do actual estado burgués.
As solucións
antineoliberais, as pretendidas vías para saír da crise, o xiro económico, a
mudanza de rumbo na política europea, a democratización do capital financeiro
así como o resto das formulas defendidas pola esquerda reformista encadrada no
Partido da Esquerda Europea e defendidas tamén por
outras forzas, non son máis que fume, fantasías que, ademáis de non dar
solucións inmediatas aos problemas inmediatos, non fan máis que desorientar ao
movemento popular. O apoio dalgún socio do que se deu en definir como a Syriza
galega ás políticas de recorte duro do goberno autónomo andaluz son boa
proba do carácter destas forzas e do seu compromiso coa estratexia antiobreira
da oligarquía.
É ilusorio, e un engano,
na actual situación de agudización da loita de clases, diluír en chamamentos
vagamente cidadanistas, patrióticos e interclasistas o papel protagónico e
dirixente que corresponde á Clase Obreira na necesaria confrontación que se
aveciña.
A Clase Obreira non
poderá soa facer fronte á guerra de clases desatada contra ela, pero tampouco o
fará baixo a dirección da burguesía nin da pequena burguesía. Senón en estreita
alianza co resto dos sectores populares e baixo un programa estratéxico de
superación dun sistema capitalista, que xa esgotou o seu papel histórico e non
reserva máis que violencia e miseria aos traballadores e traballadoras.
Non é posíbel, hoxe,
outro capitalismo que o da sobreexplotación sen límites, a violencia contra a
Clase Obreira e a guerra imperialista.
A defensa dun programa revolucionario
é incompatíbel coa colaboración de clase e coa defensa da Unión Europea e das
estruturas imperialistas. A loita precisa obxectivos concretos que só poden ser
conquistados pola forza da Clase Obreira en alianza co resto das clases
populares nunha fronte de loita común contra a burguesía e o poder dos
monopolios.
O único
voto útil é o voto comunista.
A democracia burguesa é unha forma
concreta de organizarse a Ditadura do Capital da cal a Clase Obreira non pode
agardar nada. Non goberna o pobo, senón o capital e a oligarquía. Ese sempre
ten sido e é o seu carácter. Non hai ningunha volta atrás, como tampouco existe
esa democracia pura e neutral a igual distancia, e por riba do antagonismo
entre os explotadores e os explotados. Non hai volta atrás á concorrencia
"libre", "pacífica", "honrada" do capitalismo. O neoliberalismo e a subordinación da
economía produtiva á especulación financeira parasitaria son as únicas formas
posíbeis de existencia do capitalismo nesta actual etapa do seu
desenvolvemento, ou da súa descomposición. Non son unha opción senón unha
necesidade do capitalismo para sobrevivir aínda algún tempo como modo de
produción e como sistema de explotación.
A cada paso que dá a Clase Obreira comproba por
si mesma o falsas e hipócritas que son as promesas que
os partidos da oligarquía realizan en cada campaña electoral ou en que se
traduce en termos reais. O seu apoio ás chamadas forzas da “esquerda” que non
dubidan en participar en gobernos da socialdemocracia liberal compartindo así a
súa cota de responsabilidade nunha xestión económica que en nada beneficia aos
traballadores e traballadoras.
A
alternancia no poder dun grupo limitado de partidos que oscilan entre o centro
esquerda e o centro dereita así como partidos bisagra situados no campo da
esquerda reformista garanten a gobernabilidade e o consenso social. Crean o
clima propicio para administrar e desenvolver os negocios da burguesía.
Baixo a
democracia burguesa cambian os gobernos pero non cambia a esencia e a natureza
de clase do propio estado. Poden cambiar os gobernantes e os partidos, pero as
estruturas e o marco político e económico permanecen, por iso non son válidas
as saídas reformistas. Porque hoxe o que precisa a Clase Obreira é rachar ese
marco e non reformalo. Precisa rachar o poder da oligarquía, quebralo,
debilitalo, facelo anacos. Só así poderá avanzar a Clase Obreira e os sectores
populares; e isto non se logrará nos parlamentos mediante frontes electorais
amplas senón mediante a loita organizada da Clase Obreira; mediante a disputa
do poder coas clases dominantes; mediante a formación dun verdadeiro exército
de homes e mulleres correntes dispostos a plantar batalla e baterse pola
vitoria.
As e os comunistas temos claro onde
se sitúa o combate e en que terreo debe a Clase Obreira librar a batalla
principal, pero iso non nos fai sacar a conclusión política de que non se debe
participar nos parlamentos da burguesía. Todo o contrario, é agora, cando se comeza a manifestar a crise política
do réxime e a crise estrutural do sistema, cando os que gobernan teñen cada vez
máis difícil gobernar, cando as forzas da Clase Obreira, as forzas comunistas,
deben acentuar a súa participación nos parlamentos da burguesía para denunciar
precisamente a súa dexeneración e o seu servilismo ás forzas do capital.
A existencia dunha representación
comunista no parlamento da burguesía sería sen dúbida sumamente útil para a
Clase Obreira e as clases populares, para ser
usada dun xeito revolucionario, enfocada de acordo as necesidades da
loita de clases.
Para as e os comunistas non existe democracia máis válida
que aquela que emana directamente do propio pobo, a democracia que se constrúe
dende as fábricas e centros de traballo, nos hospitais, nas escolas, nas
propias rúas, nas asembleas de traballadores, nas manifestacións de oposición
ás políticas capitalistas… O berro é unánime, “nós producimos, nós decidimos”.
Só
as e os comunistas poden representar hoxe os intereses da Clase Obreira.
O
voto para Comunistas da Galiza é:
Un voto por e para a Clase Obreira, pola defensa dos seus
intereses tanto inmediatos como futuros.
Un voto pola unidade de clase e contra a explotación e o
capitalismo.
Un voto de castigo contra os partidos do sistema tanto da
dereita como da chamada esquerda que levan a cabo duros recortes dirixidos
contra os dereitos e as conquistas dos traballadores e traballadoras; partidos
que no seu servilismo aos ditados da oligarquía e a defensa do seu proxecto estratéxico arrasan contra una serie de
avances e de conquistas que custaron décadas de loita.
Un voto pola saída da Unión Europea, do euro e da OTAN.
Un voto contra todo tipo de pago por parte do pobo da
débeda contraída polos gobernos do capital comprometidos no camiño da
construción da Europa do capital.
Un voto pola fraternal unión da loita de todos
os traballadores e traballadoras do Estado, que é a superestrutura xurídica coa que se dota a
oligarquía para oprimir ao conxunto de pobos nel integrados; e coa que exerce o monopolio da violencia organizada para garantir a máxima
taxa de explotación do conxunto da clase
obreira.
Un voto polo Internacionalismo Proletario e
pola fraternal unidade da loita de todos os traballadores e traballadoras do
mundo, especialmente no marco da Unión Europea, pois como os feitos testemuñan
por si mesmos, hoxe, é o inimigo dos traballadores, traballadoras e dos pobos.
Un voto contra o imperialismo e contra as súas
guerras de conquista e rapina.
Un voto pola paz, a liberdade e a soberanía
dos pobos.
Un voto contra o multimillonario gasto militar
a onde se destinan aqueles mesmos cartos que se lle negan á satisfacción das
necesidades básicas do pobo.
Un voto contra o réxime monárquico da
oligarquía, pola república socialista e pola autodeterminación dos pobos.
O voto para Comunistas da Galiza é o único voto
de futuro.
Saída da Unión Europea, do euro e da OTAN.
A imperialista e
reaccionaria Unión Europea é una estrutura política e económica creada e
deseñada para servir aos intereses dos grupos económicos de capital
monopolista, mediante os distintos acordos para a formación dun mercado común e
dunha moeda, o euro, que lles permitía acadar
vantaxes económicas. A súa natureza non é democrática senón reaccionaria. Non é
unha unión de pobos senón unha unión de monopolios para desangrar aos pobos.
Dentro da
Unión Europea, tanto en
Galiza coma no conxunto do Estado Español, reforzouse o carácter dominante do
capital monopolístico e do seu proxecto económico e militar. A Clase Obreira
non atopará máis que explotación e miseria. O propio marco capitalista está
esgotado e é incapaz de atopar saída á súa crise mais que mediante o
sometemento e a explotación sen limites das clases traballadoras.
Xa hai décadas que as
políticas imperialistas da Unión Europea aplicadas polos gobernos capitalistas
(da dereita e da socialdemocracia) veñen conducindo á destrución do tecido
produtivo galego, tanto o industrial como o agro-gandeiro, pesqueiro, ao
empobrecemento das clases traballadoras e á ruína de milleiros de pequenos e
medianos produtores e comerciantes en proveito dos intereses dos grandes grupos
monopolistas que medraron e se fortaleceron ao abeiro do mercado común e da
integración política e económica no bloque imperialista europeo.
Hoxe esas forzas son as que afogan o sector naval galego en aras de
elevar a taxa de ganancia do capital monopolista que mediante as estruturas
unitarias europeas impón taxas e vetos aos distintos estados, e as cales en
última estancia son as que delimitan o uso duns medios produtivos que poden ser
postos ao servizo das necesidades populares.
Non hai futuro dentro da
Unión Europea do capital e dos monopolios. A única saída favorábel ao pobo é a
ruptura coas unións imperialistas e a loita polo Poder Obreiro e o Socialismo,
pola felicidade e o benestar do pobo, pola garantía das súas necesidades
básicas. O camiño da integración e da moeda única conducen á ditadura do
capital -nomeadamente a súa fracción
financeira- e á miseria para o pobo.
As e os comunistas, afirmamos que só mediante a loita e a
organización da Clase Obreira e as clases populares será posíbel facer reverter
as consecuencias da crise, sobre as costas dos capitalistas e non do pobo. Esta
loita debería situar como eixos prioritarios da súa acción inmediata:
Facer que a crise a paguen eles.
•
Exencións tributarias e de taxas públicas para traballadores e
traballadoras desempregadas. Medidas fiscais de gravación sobre os
grandes beneficios, rendas, patrimonios e fortunas, con aplicación de
tipos máximos en todos os impostos directos, aplicábeis sobre as SIVs e
transaccións e investimentos financeiros. Establecemento dun tipo único
reducido do IVE sobre os produtos e servizos esenciais en alimentación,
saúde e farmacia, educación, cultura, transporte, etc. Aplicación de
tipos máximos de IVE sobre artigos e servizos de luxo. Medidas para o
combate da economía somerxida e a fraude fiscal, prohibición de
transferencias a paraísos fiscais e investimentos dirixidos a
actividades especulativas.
• Eliminación de todas as peaxes nas autopistas.
• Supresión de axudas públicas ás grandes empresas e multinacionais de capital privado (subvencións, rebaixas fiscais, etc).
• Restitución dos depósitos investidos por pequenos aforradores afectados pola fraude na subscrición de accións preferentes.
•
Eliminación das externalizacións por parte das administracións e
empresas públicas, supresión de calquera tipo de subcontratación, e
contratación laboral directa para calquera tipo de obra ou servizo.
• Supresión dos soldos e vitalicios aos políticos e ex-altos cargos.
•
Tarifa progresiva por rendas dos servizos de subministro de
electricidade e auga sen regularizacións e recargas impositivas.
Política de aplicación de prezos especiais para estes abastecementos ás
empresas produtivas estratéxicas a nacionalizar.
Socialización dos medios de produción.
•
Nacionalización de todas as empresas pertencentes a sectores
estratéxicos da economía (banca, bens de equipo, transportes,
comunicacións, enerxía, minería, etc.) e xestión baixo dominio público
dos recursos naturais.
• Nacionalización e retorno ao sector público das empresas privatizadas no pasado.
• Nacionalización de todas as empresas de interese público e social en transo de desaparición.
• Creación e potenciación dun sector mixto público-cooperativista, en empresas de menos de 100 traballadores e traballadoras.
• Nacionalización de todas as empresas de interese público e social en transo de desaparición.
• Creación e potenciación dun sector mixto público-cooperativista, en empresas de menos de 100 traballadores e traballadoras.
•
Dirección e intervención pública na economía. Planificación da
actividade e o desenvolvemento económico e ampliación do sector público,
priorizando a actividade produtiva e industrial, a creación de emprego
estábel e a satisfacción real das necesidades do pobo traballador.
• Plans públicos de investimentos en industrialización, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.Saúde e benestar do pobo.
• Por unha sanidade pública, universal, integral, avanzada e garantida.
• Prohibición da actividade privada no sector sanitario. Fornecemento de recursos e ampliación dos servizos da atención primaria e especializada da sanidade pública.
• Servizos sociais de plena gratuidade, destinados ao benestar das persoas da terceira idade, doentes con enfermidades crónicas e raras, dependentes e incapacitadas e incapacitados físicos e psíquicos.
• Gratuidade do sistema sanitario en todos os ámbitos e niveis da atención asistencial.
• Plano de atención médica sexual-reprodutiva. Aborto libre e gratuíto.
• Recoñecemento dos dereitos do paciente con relación a unha morte digna, recoñecemento do dereito á eutanasia.
• Investimento en investigación e desenvolvemento científico-técnico nas áreas médico-sanitaria e farmacéutica. Creación dunha industria farmacéutica pública.
• Prohibición da actividade privada no sector sanitario. Fornecemento de recursos e ampliación dos servizos da atención primaria e especializada da sanidade pública.
• Servizos sociais de plena gratuidade, destinados ao benestar das persoas da terceira idade, doentes con enfermidades crónicas e raras, dependentes e incapacitadas e incapacitados físicos e psíquicos.
• Gratuidade do sistema sanitario en todos os ámbitos e niveis da atención asistencial.
• Plano de atención médica sexual-reprodutiva. Aborto libre e gratuíto.
• Recoñecemento dos dereitos do paciente con relación a unha morte digna, recoñecemento do dereito á eutanasia.
• Investimento en investigación e desenvolvemento científico-técnico nas áreas médico-sanitaria e farmacéutica. Creación dunha industria farmacéutica pública.
A Educación e a Cultura non son un negocio.
•
Unha educación pública, universal, laica, democrática, científica,
popular, gratuíta e de alta calidade para os fillos e fillas dos
traballadores e traballadoras.
• Reforma completa do sistema educativo, sobre a base dun tronco único integral do ensino.
• Prohibición da actividade privada e relixiosa no sector educativo, nacionalizando e transferindo ao sector público os centros, infraestruturas e recursos económicos e materiais.
• Pola defensa e plena institucionalización da lingua nacional e da cultura obreira e popular. Impulso polo Poder Obreiro de todas as expresións culturais e artísticas emanadas da iniciativa do pobo traballador.
• Reforma completa do sistema educativo, sobre a base dun tronco único integral do ensino.
• Prohibición da actividade privada e relixiosa no sector educativo, nacionalizando e transferindo ao sector público os centros, infraestruturas e recursos económicos e materiais.
• Pola defensa e plena institucionalización da lingua nacional e da cultura obreira e popular. Impulso polo Poder Obreiro de todas as expresións culturais e artísticas emanadas da iniciativa do pobo traballador.
Por unha vivenda digna.
•
Suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos xudiciais. Condonación dos
cretos e débedas hipotecarias das familias traballadoras en situación de
desemprego e insolvencia.
• Creación dun Parque Público de Vivenda cos inmobles baleiros intervidos ao sector bancario e inmobiliario, en réxime de aluguer ou usufruto.
• Creación dun Parque Público de Vivenda cos inmobles baleiros intervidos ao sector bancario e inmobiliario, en réxime de aluguer ou usufruto.
Na defensa da Terra e do Mar.
•
Coa saída da UE, cesarán as limitacións e cotas impostas que hoxe pesan
sobre os sectores produtivos e extractivos do agro e da pesca.
• Constitución de Cooperativas de produtores participadas polo Poder Obreiro, adscritas ao réxime xeral, que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, que xunto a un plan sectorial de industrialización, garanta o peche dos ciclos de produción e distribución. Creación dun grupo público lácteo galego e nacionalización das grandes empresas monopolistas pesqueiras, conserveiras e agrogandeiras.
• Recuperación dos caladoiros litorais. Potenciación da acuicultura e da silvicultura desde os recursos autóctonos.
• Constitución de Cooperativas de produtores participadas polo Poder Obreiro, adscritas ao réxime xeral, que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, que xunto a un plan sectorial de industrialización, garanta o peche dos ciclos de produción e distribución. Creación dun grupo público lácteo galego e nacionalización das grandes empresas monopolistas pesqueiras, conserveiras e agrogandeiras.
• Recuperación dos caladoiros litorais. Potenciación da acuicultura e da silvicultura desde os recursos autóctonos.
•
Plan xeral integral de redución do impacto medioambiental da produción e
o consumo. Ampliación dos territorios protexidos e das figuras de
protección. Potenciación das fontes de enerxía renovábeis na perspectiva
da autosuficiencia e substitución do consumo de combustibles fósiles.
Todo para a Clase Obreira.
•
Derrogación de todas as reformas lexislativas actuais e precedentes en
materia laboral e de seguridade social (emprego, contratación,
cotizacións, pensións, prestacións, etc) regresivas das conquistas
sociais e contrarias aos intereses e dereitos das clases traballadoras.
•
Xornada laboral de 35 horas semanais. Prohibición de realización de
horas extraordinarias de carácter habitual ou estrutural.
Obrigatoriedade de contratación para a plena cobertura de quendas e
cadros de persoal en todas as empresas, administracións e servizos
públicos e privados.
•
Salario Mínimo Interprofesional equivalente á media UE9 (os nove
estados con maior contía, dentro dos que o teñen regulado,
aproximadamente 1.100 euros), como referencial retributivo xeral e
intersectorial, e sobre a base comparativa do peso do PIB do Estado
Español no contexto europeo e a desproporción entre as rendas do capital
e as do conxunto dos traballadores e traballadoras.
• Igualdade salarial real e garantida por lei entre home e muller.
• Subsidio por desemprego, universal para todas as persoas desempregadas
non perceptoras de prestacións, de duración indefinida, e en contía do
SMI, con complementos por cargas familiares.
• Plans públicos de formación interprofesional permanente para todas as traballadoras e traballadores desempregados.
•
Servizo público de emprego, con capacidade efectiva de colocación,
inserción, formación e reciclaxe laboral. Desaparición das ETTs e dos
servizos privados de contratación, emprego e formación ocupacional.
•
Control sindical da contratación, revalidación legal no rexistro dos
contratos de traballo, ampliación dos medios e competencias dos servizos
públicos de inspección laboral e dos representantes legais dos
traballadores e traballadoras.
• Modelo único de contrato laboral indefinido ordinario, con 45 días de indemnización por ano.
•
Supresión de calquera exención, bonificación ou redución das
cotizacións sociais e de financiamento dos custes do despedimento con
diñeiro público, ás empresas privadas.
• Xubilación aos 60 anos.
Polo poder obreiro e o socialismo.
Os
intereses dos obreiros e obreiras, dos traballadores e traballadoras en
xeral, autónomos, campesiños e pequenos comerciantes. só poderán ser
satisfeitos desde puntos de partida diametralmente opostos á lóxica
capitalista. A anarquía na produción debe ser substituída pola
planificación económica enfocada cara á satisfacción das necesidades
populares e polo desenvolvemento e o progreso do conxunto da sociedade
abolindo a propiedade privada capitalista sobre os medios de produción.
Só hai dous camiños, ou a miseria, a pobreza e a explotación á que nos conduce a barbarie capitalista, ou o camiño do Poder Obreiro e Popular.
Só hai dous camiños, ou a miseria, a pobreza e a explotación á que nos conduce a barbarie capitalista, ou o camiño do Poder Obreiro e Popular.
O camiño do Poder Obreiro e Popular é o único capaz de garantir:
*
O pleno emprego, o dereito a vivenda, unha educación e unha sanidade
públicas, así como unha vida digna para o conxunto da sociedade.
* As plenas liberdades sociais e políticas para a Clase Obreira e as clases populares.
* O dereito inalienábel á autodeterminación.
*
A creación de novas institucións de participación popular
verdadeiramente democráticas e representativas dos intereses obreiros e
populares.
Loita contra o anticomunismo.
Aínda
hoxe, cando a existencia dun bloque socialista xa non é unha realidade,
segue presente o odio e a persecución contra as ideas e os logros da
construción socialista.
Inmensos
recursos son postos en mans dos axentes do capitalismo para fabricar e
difundir mentiras, enganos e calumnias, que a froito de ser repetidas en
innumerábeis ocasións, e en todas partes, remataron por ser
consideradas certas por boa parte da poboación.
Esta
loita continúa nos nosos días coa persecución aos militantes
comunistas, coa ilegalización de partidos comunistas e a prohibición da
defensa dos logros do socialismo. No conxunto de Europa, con leis que
vulgarmente pretenden equiparar ao socialismo co fascismo. Todos estes
ataques son froito da estratexia das clases dominantes por borrar a
Historia vitoriosa da Clase Obreira e as grandiosas conquistas da súa
Revolución.
En
ningún país socialista estaba a Clase Obreira na situación de miseria e
desprotección como a que hoxe afecta a milleiros de familias
traballadoras no conxunto da Unión Europea.
A
Clase Obreira non pode caer nos seus enganos. A Historia demostra que
ningún sistema como o capitalismo ten resultado tan nefasto para a
humanidade ao longo do seu devir. A súa defensa ten provocado millóns e
millóns de mortos ao longo da súa existencia sen que existan condenas de
ningún tipo.
“Eles” non
fan máis que mentir, fano todos os días afirmando e xustificando as súas
políticas en nome de sacrificios que nunca nos sacarán da presente
situación.
Menten cando afirman que vivíamos por riba das nosas posibilidades. Eran eles quen vivían por riba das nosas posibilidades.
Menten cando aseguran que os recortes son necesarios.
Menten porque a súa política fundaméntase no engano e na manipulación.
Menten
cando privatizan servizos públicos alegando a súa modernización e
optimización ou a súa falla de rendibilidade: deterioran e destrúen os
servizos públicos e os privatizan para convertelos en novos espazos de
acumulación de capital.
O
socialismo configúrase hoxe como a única alternativa posíbel fronte ao
sistema de explotación en declive e descomposición, a única alternativa
para o futuro da Clase Obreira e dos pobos do mundo. A planificación
económica centralizada e baixo control obreiro e a propiedade social dos
medios de produción son a única saída viábel da crise.
As
forzas comunistas, non só en Galiza a través do P.C.P.E. e FORXA!,
senón a nivel Internacional, foron as primeiras que alertaron das
consecuencias da crise; definiron acertadamente o carácter desta crise
como de sobreprodución e sobreacumulación, e alertaron sobre o carácter e
a natureza da ofensiva contra a Clase Obreira que sería desatada polas
clases dominantes. Os feitos viñeron dar a razón ás e aos comunistas.
Hoxe,
as alternativas son as mesmas que entón foron enunciadas: Unidade
Obreira, Unidade Comunista e Unidade Popular. Nese camiño, as e os
Comunistas da Galiza xuntamos esforzos e arrincamos enerxías, facemos
nosas, hoxe máis ca nunca, as palabras de José Díaz “A bandeira da
unidade é a bandeira da vitoria”.