
O KKE foi
representado por Elisseos Vagenas,
membro do CC e responsábel da Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE,
en cuxa intervención destacou o seguinte:
Discurso do Partido Comunista de Grecia no seminario do Partido Comunista da Federación Rusa:
“O Movemento
Comunista Internacional hoxe e mañá”
Moscova, 15-16 de decembro de 2012.
Estimados
camaradas.
Agradecemos
ao Partido Comunista da Federación Rusa pola invitación a este encontro
informal dos partidos comunistas sobre os problemas e a perspectiva do
movemento comunista internacional.
O encontro de
hoxe lévase a cabo en condicións de profundación da crise capitalista mundial
que evidencia as calexas sen saída e os límites do modo de produción
capitalista. Con todo, este non será derrocado por si mesmo, non vai caer como
unha “froita madura”, se o factor subxectivo e, sobre todo, o partido
comunista, o movemento comunista, non conseguen elaborar unha estratexia
revolucionaria.
Desgraciadamente,
o movemento comunista hoxe está experimentando unha profunda crise ideolóxica,
política e organizativa.
O KKE a
partir de 1998 levou a cabo unha serie de iniciativas para que os comunistas
poidan reunirse, intercambiar opinións, experiencias da súa actividade,
coordinarse con respecto a asuntos nos que se poñen de acordo.
Neste sentido en
1998 comezaron os Encontros Internacionais en Atenas, abrazados por decenas de
partidos comunistas e hoxe en día establecéronse como un evento anual
importante para o movemento comunista internacional. O noso partido insiste en
que estes encontros deben seguir sendo os encontros dos partidos comunistas
porque van perder a súa esencia e serán levados á disolución se se debilitan
coa participación doutras forzas de “esquerda” ou forzas que afirman ser
antiimperialistas.
Ao mesmo
tempo, como partido, levamos a cabo unha serie de encontros comunistas
rexionais e temáticos a nivel de Europa, nos Balcáns, no Mediterráneo Oriental.
Participamos activamente nas iniciativas e as invitacións doutros partidos
comunistas. Con todo, estimados camaradas, sabemos, estamos convencidos de que
o movemento comunista non será capaz de superar a crise en que se atopa só a
través destas actividades.
O asunto
crucial é a adquisición dunha estratexia revolucionaria e dunha táctica que a
sirva, para que se reforcen as posicións revolucionarias no movemento comunista
e se retiren, se debiliten as posicións reformistas e oportunistas no conflito
duro que se está librando.
A liña da
“resistencia e ruptura” co sistema capitalista debe gañar terreo fronte á liña
de “adaptación e asimilación” niso.
É obvio que
non podemos mencionar aquí en detalle, por limitacións de tempo, todos os
asuntos que teñen que ver coa situación no movemento comunista e as
perspectivas. Con todo, quixera centrarme brevemente nalgunhas posicións
básicas do KKE.
O KKE
considera como asunto importante a postura en relación co socialismo que
coñecemos así como as avaliacións sobre as causas do seu derrocamento.
O noso
partido defendeu o socialismo, ata nas condicións máis difíciles, ante o ataque
frenético anticomunista. Defendeu a contribución da URSS á loita dos pobos.
Pero non queda niso. Desde o inicio da década dos 90 deuse prioridade á
investigación científica das causas da vitoria da contrarrevolución na URSS así
como nos demais países socialistas.
Logo de 18 anos de estudo chegamos á
resolución do 18º Congreso, sobre as causas do derrocamento do socialismo, os
erros que se cometeron no plano económico e político, na estratexia do
movemento comunista internacional e conduciron á vitoria da contrarrevolución.
O noso enfoque céntrase no abandono dos principios da construción socialista
onde, por dicilo de xeito sucinto, no ámbito da economía coas reformas da
década de 1950 e 1960 reforzáronse as relacións mercantís e a continuación
creáronse as forzas sociais que estaban interesadas en derrocar o socialismo.
No ámbito da política tiñamos percepcións erróneas sobre o “Estado de todo o
pobo” e no plano das relacións internacionais a percepción errónea sobre a
“rivalidade pacífica” entre os dous sistemas sociopolíticos. O socialismo foi
derrocado desde dentro e de arriba, debido á erosión oportunista gradual dos
partidos comunistas.
O KKE nesta e
outras elaboracións segue baseándose na cosmovisión do marxismo-leninismo, que
considera que segue sendo vixente, poñendo como prioridade o conflito coas
teorías burguesas e oportunistas, e as súas organizacións, como foi por exemplo
no pasado a corrente do chamado “eurocomunismo” e hoxe o chamado “Partido da
Esquerda Europea”.
O noso
partido defende o carácter do Partido Comunista, como partido da clase obreira
que non loita meramente para que a forza de traballo se venda en mellor prezo
senón ademais polo derrocamento do sistema capitalista de explotación, loita
diariamente polo socialismo que actualmente é a única solución alternativa para
os traballadores.
Consideramos
que a necesidade e a vixencia do socialismo non se debilitou polos cambios
contrarrevolucionarios na URSS e en Europa no seu conxunto, porque a necesidade
non xorde da correlación de forzas, que é adversa, senón da existencia de
condicións obxectivas para a construción do socialismo, das calexas sen saída
do capitalismo como é a actual crise capitalista mundial.
Unha crise que non se
debe simplemente a unha forma de xestión, por exemplo ao neoliberalismo, como
sosteñen varios apoloxistas do sistema capitalista, senón á contradición básica
entre capital e traballo.
En base ao
noso obxectivo estratéxico, que é o socialismo-comunismo, trazamos tamén a nosa
política de alianzas. Rexeitamos como perigosa e daniña a formación de
coalicións de “esquerda”, de “frontes antifascistas”, a cooperación coa
socialdemocracia, que consideramos que é un erro separala en “esquerda” e
“dereita”. Ao contrario, nós pretendemos reunir e concentrar ás forzas sociais,
a clase obreira e as capas populares pequenoburguesas urbanas e rurais nunha
dirección antimonopolista, anticapitalista, loitando por todos os problemas
populares, en conflito e ruptura coas unións imperialistas.
Tal alianza popular
no período da situación revolucionaria converterase nunha fronte obreira
revolucionaria, dará a luz aos novos órganos populares de poder.
Seguimos
crendo que é vixente a frase do Manifesto do Partido Comunista que “é lóxico que o proletariado de cada país axuste ante todo as
contas coa súa propia burguesía”1, é dicir consideramos que a loita a nivel nacional segue sendo a fronte
principal. Con todo, esta loita debe ser coordinada a nivel rexional e
internacional porque é unha loita internacional en que é vixente a consigna
“Proletarios de todos os países unídevos!”. O noso partido segue sendo fiel ao
internacionalismo proletario.
Tratamos o
imperialismo en base ás características destacadas por Lenin. Non identificamos
o imperialismo cos EE.UU, porque hai tamén outras potencias e unións
imperialistas fortes, como é a Unión Europea. Consideramos que cada país en que
predominan as relacións de produción capitalistas, os monopolios, ocupa unha
posición no sistema imperialista segundo a súa forza económica, política e
militar. As posicións que tratan erroneamente o imperialismo como unha política
da clase dominante, como política exterior e non como unha fase de
desenvolvemento do capitalismo ligado ao dominio do monopolio na produción
capitalista, a fusión do capital industrial e bancario, a exportación de capitais
e o carácter económico das guerras imperialistas (distribución e redistribución
dos mercados) provocan moito dano. Sería un erro grave se o movemento popular
basease as súas esperanzas ás chamadas potencias emerxentes ou ata se as
elixise como “campo”.
Por iso, V.Lenin advertía que isto nos levaría erroneamente
á avaliación que “resulta que os monopolios na economía son compatíbeis co modo
de obrar non monopólico, non violento, non anexionista en política»2. O chamado “mundo multipolar”, da chamada “nova arquitectura das relacións
internacionais” non é o mundo da paz e da seguridade para os pobos, senón o
mundo das contradicións interimperialistas intensificadas.
Como partido
excluímos a posibilidade de participar en gobernos burgueses mesmo se se chaman
“de esquerda” ou “patrióticos” porque tras estudar a historia do noso partido e
do movemento comunista internacional chegamos á conclusión de que non hai
etapas intermedias entre o capitalismo e o socialismo. Non hai poder
transicional. O poder estará en mans da clase obreira ou en mans do capital. A
participación dun Partido Comunista nun goberno de “esquerda” no marco do
capitalismo será daniña para o movemento popular. En esencia, a través de consignas
de esquerda” perpetúase a explotación da clase obreira, apóiase a rendibilidade
do capital.
Centrámonos
na organización da loita da clase obreira nos sindicatos, no movemento obreiro
e sindical, que recoñecerá a loita de clases, entrará en conflito coa chamada
“paz social” e o “diálogo social” o cal pretende o poder burgués e apoian os
oportunistas.
Non buscamos
novos suxeitos revolucionarios porque consideramos que non cambiou o papel
histórico da clase obreira que é o sepultureiro do capitalismo.
Defendemos as
leis da revolución e a construción socialista e rexeitamos a lóxica dos
“modelos nacionais” que en esencia refutan estas leis.
Estimados
camaradas:
Como partido
non nos limitamos soamente a sinalar que existen avaliacións diametralmente
opostas entre os nosos partidos, ata entre os que estamos hoxe aquí, sobre os
asuntos principais anteriormente mencionados. Buscamos o debate, o intercambio
de opinións entre os partidos comunistas.
Pretendemos elaborar conxuntamente
asuntos teóricos contemporáneos, sobre todo entre os partidos comunistas cos
que hai unha converxencia significativa de opinións. Pero tamén estamos
preparados para desenvolver acción común con outros partidos comunistas sobre
asuntos da actividade antiimperialista, nos que podemos acordar a nivel
bilateral, rexional e multilateral.
Consideramos necesario a fronte ideolóxica
contra as teorías burguesas e oportunistas, contra o anticomunismo e o
antisovietismo. Ademais, consideramos importante o desenvolvemento de accións
contra as potencias imperialistas, como as que decidiu recentemente o 14º
Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros en Beirut. E sobre
todo hoxe contra a intervención imperialista en Siria e a guerra imperialista
contra Irán. Nós, como partido, estamos listos a contribuír nesta dirección.
Segunda Intervención do KKE no Seminario Internacional organizado polo
Partido Comunista da Federación Rusa (PCFR) sobre o tema: “O Movemento
Comunista Internacional hoxe e mañá”.
Durante o debate suscitáronse
cuestións básicas nas que existe un conflito ideolóxico e político nas filas do
movemento comunista internacional como son as cuestións que teñen que ver coas
causas da crise capitalista, a importancia da loita a nivel nacional e o seu
desenvolvemento a nivel rexional e internacional, a postura dos comunistas cara
ao chamado mundo multipolar e o dereito internacional actual que se pon máis
reaccionario. A postura cara o grupo dos países BRICS e en xeral daqueles
gobernos burgueses, que por agora non se involucraron na crise capitalista
mundial. As percepcións que en nome das particularidades nacionais negan ou se
opoñen ás leis da revolución e a construción socialista. As causas das
relacións interestatais desiguais que se desenvolven entre os estados
capitalistas. A cuestión de alianzas dos partidos comunistas, de confrontación
das organizacións neofascistas, da proposta política dos comunistas, das
chamadas “etapas intermedias” cara ao socialismo etc.

O representante do KKE, Elisseos
Vagenas, membro do CC e responsábel da Sección de Relacións Internacionais do
CC do KKE, tomou a palabra e sinalou na súa segunda intervención:
“En primeiro lugar, quixera
agradecer ao Partido Comunista da Federación Rusa pola invitación a este
encontro informal, que nos deu a posibilidade de intercambiar opinións sobre
asuntos do movemento comunista e a súa perspectiva.
Estimados camaradas:
Estamos discutindo temas moi
complexos que cada partido trata desde o punto de vista da súa experiencia, da
experiencia do desenvolvemento da loita de clases no seu país contra a ofensiva
do capital e das forzas políticas que serven aos seus intereses.
Si! Entre os nosos partidos hai
diferentes aproximacións en temas moi serios, en cuestións de importancia
estratéxica. O movemento comunista enfróntase a grandes dificultades, pero
insistimos. A conquista dunha estratexia revolucionaria e de tácticas que
correspondan a esta é un asunto difícil e á vez a única vía. É a ferramenta
insubstituíbel que creará unha base sólida para a loita ideolóxica, política e
de masas e contribuirá á concentración e preparación das forzas obreiras e
populares no conflito co capital, os seus partidos e as unións imperialistas
para derrocar a barbarie capitalista.
Esta é a causa dos comunistas. É a
causa dos partidos comunistas que se opoñen á erosión oportunista e defenden a
loita de clases ata o final, que loitan pola perspectiva socialista.
A experiencia que presentou o noso
partido, así como outros partidos, leva á conclusión de que a ofensiva do
capital é severa e unificada. O obxectivo é reducir aínda máis o prezo da forza
de traballo, aumentar a rendibilidade dos monopolios e descargar o peso da
crise sobre o pobo. O réxime de explotación do home polo home xera e agudiza os
problemas sociais. As necesidades populares non se poden satisfacer no terreo
do capitalismo.
Este obxectivo sérvese de xeito
consecuente polas forzas que xestionan o capitalismo e a súa crise, calquera
que sexa a forma de xestión que se segue. Independentemente de se se aplica
unha política restritiva, como ocorre nos países da UE que profunda a recesión
da economía capitalista ou unha política expansiva, como ocorre nos EE.UU., que
infla o déficit e a débeda.
En ambos casos, os pobos son os
que pagan polas consecuencias a través da redución dos soldos e das pensións,
as altas taxas de desemprego, a abolición dos dereitos laborais e de seguridade
social, a comercialización dos servizos sociais, as privatizacións, as duras
medidas fiscais.
A miúdo escoitamos que o deterioro
da situación da clase obreira, do campesiñado, das capas medias urbanas e o
socavamento do futuro da mocidade débense ao capitalismo “desenfreado”, ao
neoliberalismo, ao capitalismo de casino.
Isto require atención. Trátase dun
esforzo organizado e deseñado para enganar aos pobos. Estas caracterizacións
tratan de ocultar a esencia, é dicir que o desemprego e a pobreza, os problemas
populares en xeral, as crises e as guerras imperialistas débense ao modo de
produción capitalista e non meramente a unha forma de xestión. O responsábel é
o sistema que respira e vive da explotación da clase obreira, a extracción da
plusvalía, a procura da ganancia, o antagonismo pola expansión α novos
mercados. O responsábel é o sistema que se basea no poder dos monopolios e na
propiedade capitalista dos medios de produción.
A vida demostrou que é imposíbel
seguir unha liña política a favor dos traballadores, mentres o poder, as
ferramentas económicas e a riqueza permanezan en mans do capital. Trátase dunha
trampa ben montada que temos a obriga de revelar, combater e suscitar de modo
aberto e decisivo a verdade ante os pobos.
É certo que hoxe a crise non se
manifestou nalgúns países capitalistas e segue o crecemento capitalista. Isto é
consecuencia da lei de desenvolvemento desigual do capitalismo. Grecia antes da
crise tiña taxas de desenvolvemento capitalista relativamente altas por un
período de 20 anos aproximadamente. Naquel período manifestouse a crise dos
“tigres asiáticos”, a crise en Rusia e Turquía e en varios outros países. En
Grecia agora está en curso unha crise mentres que as estatísticas burguesas
mostran que en Rusia e Turquía hai crecemento. Con todo, cando a máquina
capitalista se reinicie, o desenvolvemento estará marcado pola explotación máis
salvaxe, que se levará a cabo nas ruínas dos dereitos laborais e populares.
Estimados camaradas:
O antagonismo capitalista
agudizarase, o sistema volverase máis agresivo, as posibilidades de concesión
de parte do capital redúcense e reduciranse aínda máis a continuación. Non
debemos esquecer que ata nas condicións do desenvolvemento capitalista, onde queira
que exista, se preparan as condicións previas para unha nova crise.
Polo tanto é de gran e decisiva
importancia a loita dos comunistas que teñen a tarefa histórica de fortalecer a
loita polo derrocamento do sistema podrecido, para que a clase obreira e o pobo
tomen nas súas mans o poder pola construción da nova sociedade, o socialismo,
que é máis vixente e necesario que antes. Este poder obreiro e popular expresa
os intereses da maioría.
Na nosa opinión isto significa que
os medios de produción, a riqueza, converteranse en propiedade de quen os
producen, de quen os crean, a economía organizarase de acordo á satisfacción
das necesidades populares, desenvolverase nunha forma deseñada e será capaz de
asegurar o dereito a traballo para todos, así como servizos sociais gratuítos.
Este camiño de desenvolvemento cancelará as causas das crises capitalistas. O
poder obreiro e popular procederá á retirada das unións imperialistas, da OTAN
e da UE.
Por suposto na nosa loita é
necesario tomar en conta as particularidades nacionais por exemplo o nivel de
desenvolvemento das forzas produtivas do país, a súa posición xeográfica, a
tradición cultural, etc. Con todo, isto non significa que podemos invocar ás
particularidades nacionais para abandonar as leis da revolución socialista.
Esta é unha discusión moi grande que se iniciou logo da Gran Revolución
Socialista de Outubro cando algúns partidos, en nome das particularidades
nacionais de Rusia, propuxeron o abandono da experiencia desta gran revolución.
A continuación, isto levou a unha serie de partidos comunistas en Europa
Occidental, baixo a invocación das particularidades nacionais, ao predominio da
corrente do “eurocomunismo” que en esencia abandonou as leis da revolución
socialista, a ditadura do proletariado e en xeral a loita revolucionaria. Estes
partidos consideraban que mediante “cambios estruturais” e a “democracia
política” pódese transformar o sistema capitalista en socialista. Consideramos
que a vida ten refutado estas formulacións.
Unhas palabras sobre a UE
Na UE hai 30 millóns de desempregados
e 127 millóns que viven por baixo do limiar da pobreza; nesta UE que foi
construída para servir aos intereses do capital e das multinacionais contra os
pobos e que se volve máis reaccionaria.
A Unión Europea non é unha
organización supranacional senón unha unión imperialista interestatal, é dicir
unha unión de Estados capitalistas en que a burguesía e os seus partidos unen
as súas forzas contra os pobos.
A base dos monopolios segue sendo
o Estado burgués. O Estado burgués como aparello de opresión da clase obreira
pola burguesía non desaparece dentro da unión imperialista senón que axusta as
súas funcións. Isto vémolo todos os días. Mantense o conflito de intereses, o
antagonismo sobre os novos mercados, por maiores ganancias, agudízanse as
contradicións interimperialistas.
Na unión interestatal e no sistema
imperialista en xeral, maniféstanse relacións desiguais entre os estados
capitalistas debido ás diferenzas que existen nos seus puntos de partida
históricos, no seu potencial de desenvolvemento, nas vantaxes xeográficas, na
forza económica, militar e política.
Este é un elemento básico que
reflicte a realidade e responde ás análises equivocadas con respecto á
“ocupación”, as “colonias”, “centro”-“periferia” ou “Norte”-“Sur”.
A burguesía é hostil cara aos
pobos, independentemente da posición xeográfica, independentemente da posición
do Estado capitalista no sistema imperialista. Por exemplo, en Alemaña e en
Irlanda, en Francia e en Grecia.
A concesión dos dereitos soberanos
feita pola burguesía dentro dunha organización imperialista como é a Unión
Europea ou a OTAN faise conscientemente e o seu criterio é o interese clasista
unificado contra os pobos, para a perpetuación do sistema capitalista, para o
funcionamento máis eficaz das unións imperialistas.
É certo que no marco do sistema de
explotación se desenvolven relacións de dependencia ou, máis exactamente,
relacións desiguais de interdependencia.
Con todo, este problema, que está
conectado coa integración do país na “pirámide” imperialista, se pode eliminar
se se eliminan as causas que a provocan, é dicir se se derroca a organización
capitalista da economía e da sociedade, se se resolven os problemas do poder e
da propiedade sobre os medios de produción.
Pola contra, a loita pola
independencia e a soberanía, segundo a frase de V.I.Lenin, levarase a cabo
“baixo unha bandeira allea”.
Algunhas cousas sobre a política
de alianzas dos partidos comunistas
O noso partido ten a experiencia
histórica da formación de unións “de esquerda” e “patrióticas” con outras
forzas. Dúas veces, en 1968 e en 1991 cando se converteron en “o cabalo de Troia”
da burguesía co fin de disolver o partido comunista.
Logo de estudar esta experiencia,
así como a experiencia xeral de alianzas, chegamos á conclusión de que a
política de alianzas dos comunistas está determinada polo fin de derrocar o
sistema de explotación e non de mantelo.
As forzas políticas non se xulgan por consignas
que levan. Mesmo que se chamen de “esquerda” ou “radicais”. Para nós, o
criterio é a súa postura en relación coa explotación de traballo polo capital,
a súa posición ante as unións imperialistas.
Por isto centramos a nosa atención
na alianza social da clase obreira, dos sectores populares e das súas
organizacións de masas e sindicais. Neste campo temos resultados concretos,
sobre todo coa formación da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME)
que reúne por centos de sindicatos, federacións industriais, centros sindicais
rexionais e comités de loita.
É certo que debemos loitar tamén
contra as organizacións fascistas. En Grecia, o noso partido xa está loitando
contra a organización neofascista do “Amencer Dourado” que ten representación
parlamentaria. É obvio que o fortalecemento deste partido é o resultado do seu
fortalecemento polo capital doméstico das forzas políticas que constitúen a
“punta de lanza” contra o KKE e o movemento obreiro clasista. O fortalecemento
do movemento neofascista está estreitamente ligado co chamado “movemento das
prazas” e o “movemento dos indignados”. Moitas veces escribimos nos nosos
boletíns informativos sobre estes “movementos” e as responsabilidades que teñen
os oportunistas no crecemento do partido neofascista.
Consideramos que o movemento
obreiro clasista pode confrontar con éxito ao partido neofascista e que non hai
ningunha razón para a creación dunha “fronte antifascista” xunto coa
socialdemocracia e todos aqueles que son responsables polo fortalecemento deste
partido e agora choran “bágoas de cocodrilo”. Na nosa opinión a loita contra o
fascismo será eficaz se volve contra as causas que o procrean e pretende
eliminalas.
En relación coa cuestión de
participar en gobernos
O noso partido ten unha
experiencia respectiva, e non só unha vez, nin só na administración local. Nas
eleccións recentes suscitouse moi fortemente a posibilidade de formar un
goberno de “esquerda” no que chamaban persistentemente ao KKE a participar. O
noso partido, desde o principio ata o fin, rexeitou participar en tal goberno
porque é moi consciente de que ningún goberno que xestiona o capitalismo, o
poder dos monopolios e a propiedade privada sobre os medios de produción,
ningún goberno que leva a cabo un programa que se basea nas ganancias dos
capitalistas, a competitividade, a produtividade e a rendibilidade dos grandes
grupos económicos, non pode seguir unha liña política a favor da clase obreira
e dos sectores populares.
Ningún goberno que opera no marco
da UE e da OTAN, da propiedade capitalista e do poder burgués, pode controlar
as leis do sistema, as súas contradicións e previr o estalido da crise
capitalista.
Tarde ou cedo, as promesas de
“aliviar” ao pobo desinflaranse, demostrarase que son palabras baleiras, e as
esperanzas e as expectativas para algo mellor serán reemprazadas pola desilusión
do pobo, o retroceso do movemento obreiro. Hai un exemplo recente sobre o que
estou dicindo, é Chipre.
Polo tanto, é de gran importancia
a posición de principios do KKE e o rexeitamento da lóxica de participación nun
goberno de xestión burguesa nin sequera se este goberno se chama de “esquerda”.
O noso partido decidiu continuar a loita clasista, enfrontando as dificultades,
sabendo que isto podería levar á perda de votos nas eleccións. Pero o resultado
nas eleccións non é máis que un indicador e de feito non é o máis importante.
Isto está demostrado moi claramente pola historia dos nosos veciños, dos
camaradas italianos.
En canto ás cuestións
internacionais cabe sinalar que non se pode suscitar o asunto da
democratización do dereito internacional e das organizacións internacionais,
segundo di a “Internacional Socialista” e o “Partido da Esquerda Europea”
fomentando ilusións de que se poden deter as guerras imperialistas sen tocar o
capitalismo e o poder do capital. Nós condenamos as guerras inxustas, imperialistas
e loitamos pola retirada do noso país destas.
Con todo, sabemos que as guerras,
que son a continuación da política por outros medios violentos, son inevitábeis
mentres a sociedade estea dividida en clases, mentres exista a explotación do
home polo home, mentres predomine o imperialismo. A substitución da guerra pola
paz a favor dos pobos non se pode lograr sen a substitución do capitalismo polo
socialismo.
Esta verdade fai que a nosa loita hoxe sexa aínda máis vixente,
aínda máis necesaria.
E, para rematar, preguntouse polas
razóns de fundación da “Revista Comunista Internacional”. A resposta é simple:
a publicación da “Revista Comunista Internacional” expresa a necesidade de
cooperación entre as revistas teóricas e políticas de Partidos Comunistas que
teñen posicións comúns nunha serie de asuntos fundamentais teóricos e
ideolóxicos. Estes asuntos inclúense na Declaración de Estambul; non é
necesario lelos aquí xa que están dispoñíbeis na páxina web da Revista
Comunista Internacional.
O KKE desde hai oito anos, no seu
17 Congreso, estivo falando da necesidade dun polo comunista entre os Partidos
Comunistas que teñen puntos de vista ideolóxicos e políticos próximos, que
defenden o marxismo-leninismo e a contribución do socialismo que coñecemos, así
como a necesidade da loita polo socialismo. A mellora de cooperación en temas
de desenvolvemento da teoría, en asuntos que están no centro de atención do
conflito actual, de estudo internacional das causas da vitoria da
contrarrevolución, de elaboracións de estratexia común fronte ao imperialismo.
Non compartimos os medos de que un
esforzo colectivo como este podería dificultar o esforzo xeral para a
coordinación encol de obxectivos antiimperialistas de partidos comunistas e
obreiros que teñen diferenzas entre eles".
[Fonte: KKE]
-Traducido por FORXA!-