Sen ningunha dúbida o conflito polo que está atravesando o sector naval de Ferrol vai mais alá das simples reivindicacións laborais, trátase de algo máis, pois o simbolismo e a significación dos estaleiros ocupan un lugar destacado na loita de clases neste país, e están ligadas á historia do propio movemento obreiro e sindical, ademais de gardar unha estreita relación coa historia e co propio desenvolvemento do movemento comunista.
Corresponde, pois, facer hoxe un repaso da extensa historia dos estaleiros ferroláns para situarnos no presente inmediato da loita dos traballadores de Navantia.
Nos estaleiros de Ferrol tivo lugar a primeira folga durante a ditadura de Franco, a coñecida como folga do aceite, organizada clandestinamente pola célula do PCE en 1946. Nesta ocasión a negativa da maioría dos traballadores a facer uso da cantina en sinal de protesta polas terríbeis condicións laborais, supuxo detencións e catorce sentencias de morte. Esta folga foi sen dúbida o precedente que deu inicio a todo un movemento que cristalizaría coa eclosión das folgas políticas do 72, nas que ocuparon un lugar relevante as primeiras Comisións Obreiras cunha forte implantación nos estaleiros.