Sobre a Unidade de Clase

As e os comunistas de Galiza temos unha teima permanente na nosa acción política, e é a cuestión da UNIDADE. Non é a unidade coma a entenden os dirixentes pactistas, só interesados en fornecerse dun decorado de mobilizacións conxunturais que lles permita xustificar a súa inacción inocua, cómplice e venal fronte ao poder, e traizoeira e desleal contra a Clase Obreira. Non é tampouco a que conciben outros, confiados en que só coa iniciativa unilateral e diferenciada, por moi loábel que sexa, resulte un reforzo por deserción da competencia política ou sindical.

O proletariado precisa da UNIDADE DE CLASE, desde as fábricas e centros de traballo, vinculando as loitas concretas e particulares de cada empresa ou sector, laborais e económicas, coa loita xeral política de toda a Clase e de todo o pobo traballador. Neste momento histórico cada loita de resistencia que xorde, sector naval, minería, sector público, empresas con EREs, etc., só poderá obter unha vitoria, mesmo parcial, se a LOITA POLÍTICA XERAL do conxunto dos traballadores e traballadoras é quen de pararlle os pés ao capital e os seus gobernos. Isto é hoxe unha verdade máis inapelábel que nunca. E para avanzar e gañar nesta loita, que son tódalas loitas, a arma fundamental é a unidade de clase e popular.

A unidade forxase primeiramente rexeitando a vía do pacto social, por ser esta a que nos conduciu xunto á crise sistémica do capitalismo á situación de precariedade, pauperismo e quebra de dereitos xeral que estamos a sufrir. A unidade constrúese fuxindo do sectarismo e das miras postas en rendibilidades electoralistas, pois as reivindicacións e demandas inmediatas obreiras e populares non agardan por este tipo de cálculos políticos. E artéllase desde abaixo, desde as asembleas aos comités, pulando pola coordinación, ampliación e xeralización, que como no caso dos traballadores das auxiliares do naval, con millóns de horas de traballo nos estaleiros, teñen gañado sobradamente o seu posto de combate  sen subordinarse a tácticas sindicais incapaces de conducir a loita de clase máis aló dos marcos e canles instituídos.

Este é o modelo de unidade que os e as comunistas procuramos, e para iso queremos desenvolver os Comités de Unidade Obreira (C.U.O.), como núcleos de intervención militante unitaria e antipactista con traballadores e traballadoras de toda procedencia sindical de clase, e co obxectivo de contribuír á unidade de acción do movemento sindical e con isto á unidade de clase do movemento obreiro.

A unidade de clase é unha ferramenta imprescindíbel da nosa loita. Mais é tamén unha condición para a vitoria sobre a oligarquía capitalista. A unidade e o medre e desenvolvemento da conciencia revolucionaria de clase son os factores obxectivos fundamentais para transformar a presente loita económica e social do proletariado na decisiva loita polo poder político para a clase obreira e o socialismo.

FORXA! colectivo Marxista-Leninista

Conclusións Xerais do 21° Seminario Comunista Internacional

A relación entre as tarefas inmediatas dos comunistas e a súa loita polo Socialismo
21° Seminario Comunista Internacional Bruxelas, 18-20 de maio  de 2012
Conclusións Xerais (20 de maio  de 2012)

 



A crise xeneralizada do capitalismo abre a vía ao Socialismo.

1. A principal tarefa dos comunistas en todo o mundo é aclarar a natureza da crise que golpea ao conxunto do sistema capitalista mundial desde hai catro anos. Promover a análise marxista da crise é unha tarefa ideolóxica primordial. Significa axudar aos traballadores e aos pobos a entender as causas do cataclismo económico mundial. Trátase de vincular os diversos ataques a que se ven sometidos e a bárbara natureza do propio sistema. Supón chegar á raíz de problemas parciais como a crise alimentaria ou medioambiental, as guerras imperialistas, a polarización da riqueza e da pobreza e a crise do sistema parlamentario e da ideoloxía burguesa.

2. Esta tarefa  implica a loita contra calquera tese que negue o carácter da crise como unha crise do sistema capitalista. Enfrontámonos a unha crise de sobreprodución e sobreacumulación relativas. As chamadas "burbullas financeiras" son o reflexo desta crise na esfera da circulación. Tras o seu estoupido, a contradición entre o poder adquisitivo real das masas empobrecidas e as capacidades de produción  superdesenvolvidas fíxose máis evidente. Isto contradí a tese de que a crise non é máis que un funcionamento financeiro defectuoso ou unha "crise da débeda". Como demostrou Marx, a causa fundamental de cada crise atópase na contradición entre o carácter social da produción e a apropiación privada das ganancias.

3. Temos que loitar contra calquera ilusión sobre a existencia de "saídas á crise" no marco do sistema. As medidas aplicadas pola burguesía teñen como obxectivo restablecer a súa taxa de ganancias e salvarse a expensas dos seus competidores e dos traballadores. A socialdemocracia demostrou ser, unha vez máis, unha leal administradora do capitalismo en crise e unha protagonista dos ataques contra o pobo. A creba destas políticas crea un caldo de cultivo para o nacionalismo, a xenofobia e o fundamentalismo relixioso e para as ideas e forzas neofascistas. A burguesía promove e utiliza estas tendencias reaccionarias, así como os conflitos étnicos e relixiosos, para agochar os antagonismos de clase, mentres que o imperialismo os utiliza para ampliar o seu ámbito de control. A década de 1930 xa nos mostrou cara a onde nos pode levar este camiño. Os Partidos Comunistas e Obreiros únense en torno a unha convicción común: co fin de liberar aos traballadores e os pobos da explotación e a miseria. Hai que instaurar o Socialismo, tendo en conta todas as leccións das experiencias anteriores. A tendencia reformista de esquerdas que defende que unha política keynesiana pode abrir o camiño cara unha economía de mercado sen crise e explotación, engana ás masas.

4. A economía planificada baseada na propiedade colectiva dos medios de produción é a única saída para crear unha economía ao servizo das necesidades do ser humano e unha xestión sostíbel da natureza e da produción. A derrota do imperialismo e a vitoria do Socialismo é unha condición imprescindíbel para unha paz duradeira entre os pobos e para construír relacións internacionais de axuda mutua, sen dominación nin explotación. Que esta crise do capitalismo abra novas perspectivas para o Socialismo dependerá do papel de vangarda nas loitas dos Partidos Comunistas e Obreiros, da súa capacidade de persuasión e do seu traballo organizativo.

OS COMUNISTAS COS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO NAVAL EN LOITA

 
Pálpase indignación, pero indignación de clase, indignación obreira. Ese é o estado de ánimo do proletariado da bisbarra, nomeadamente dos operarios do sector naval, manifestada na crítica, denuncia e rexeitamento da pasividade das direccións sindicais pactistas, fronte á xestión comercial inoperante da SEPI e a negativa do goberno e da maioría parlamentaria do PP á infraestrutura do dique flotante e da súa indiferenza indolente e paternalista ante a sorte dos traballadores das empresas auxiliares, que veñen padecendo a lacra da subcontratación, da precariedade e da temporalidade, froito da política de pacto social e de entreguismo sindical levado a cabo durante as últimas décadas.

Unha indignación que se fai extensiva aos intentos de concertación sindical e de repetición das estratexias de pacto social, pola súa inutilidade e o seu papel desmobilizador fronte aos ataques antiobreiros, liquidadores e privatizadores deste goberno da oligarquía.
Hoxe as traballadoras e traballadores das auxiliares son as primeiras vítimas da falta de carga de traballo, situación que tarde ou cedo acabará por afectar tamén aos traballadores da principal. Por iso cómpre respostar con unidade de clase e non con division e pasividade. Hai que respostar ás politicas antiobreiras do mesmo xeito que o están a facer os mineiros e os traballadores do trasporte en folga indefinida polos seus dereitos. A resposta ten que ser a FOLGA XERAL, a RESISTENCIA CONTINUADA e o CONTRAATAQUE.
A inocente ou máis ben necia intención do reformismo político e tamén sindical de tratar de endereitar a crise do sistema, dentro do corrompido marco político e institucional que padecemos, xa non se sostén. Para o caduco sistema capitalista non hai outra saída que non pase pola superexplotación xeneralizada, pola negación dos dereitos políticos e sociais para as masas traballadoras, incluíndo tamén a represión, a guerra ou o fascismo, chegado o caso.